V: un prometedor retorno

Á hora do xantar púxenme a ver o primeiro episodio da serie de V que comezou onte nos EE.UU., e a cousa non podería pintar mellor. A nova serie, que poderemos ver en España a finais de decembro a través da canle de pago TNT, é un remake da mítica serie de televisión dos anos 80, que segue os mesmos pasos de Galáctica, ou sexa, que conservan detalles, pero ten identidade propia.
Por exemplo, din adeus aos visitantes nazis vestidos de vermello, e presentan aos alieníxenas dun xeito máis amable, aínda que dá a impresión que van reproducir situacións coma o de a procreación entre un humano e unha extraterrestre (de xeito que invertirían os papeis de Robin Maxwell e Brian da serie orixinal) e conservarían ao visitante amigo dos humanos, aínda que cun cambio de aspecto notable:

Incluso o personaxe de Diana (agora chamada Anna) é bastante diferente, pois parte coma líder dos alieníxenas, cando na vella serie era unha trepa que buscaba tal posición. A selección da actriz parece bastante atinada, pois xa está afeita ao frikerío (tiña un papel fixo en Firefly e tamén saíu en varios episodios de Stargate SG-1) e é o suficientemente atractiva como para invadir as revistas masculinas durante os vindeiros meses (Galáctica tamén utilizaba a un par de actrices coma reclamo).
Supoño que nos vindeiros episodios iremos vendo os detalles que definirán a serie coma un novo éxito como Galáctica (de xeito que teriamos historia para varios anos) ou queda nos 13 episodios iniciais (o que só pasaría se as audiencias caen en picado despois do boísimo resultado que conseguiron onte). Crucemos os dedos.
Por outra banda, non podo evitar comentar a curiosidade de que no primeiro episodio de V aparece un ordenador portátil bastante curioso:

Para comezar, o equipo ten toda a pinta de ser un Macbook Pro, pero curiosamente ten unha etiqueta negra que impide ver a súa marca. Executa un sistema operativo que ben podería ser Linux, aínda que supoño que será un Mac OS X cun tema exclusivo. Tamén é rechamante que reproduzan un vídeo de VIDShoot.com, dominio propiedade da Warner, que non está a ser utilizado coma márketing viral da serie. Raro, ¿non?




3 comentarios realizados
1. Carlos Callón escrito o 4 de Novembro de 2009 ás 21:42
Eu son superfán da V orixinal: a da miniserie dedicada “a todas as resistencias do mundo” que termina co coñecido episodio dos pos vermellos.
Agardaremos a que chegue o remake, mais a min a verdade é que non me ten moi boas trazas.
Grazas pola información!
2. Nemigo escrito o 4 de Novembro de 2009 ás 23:11
non penso que as adaptacións sexan boas. E máis, resulta un pouco raro que de un guión tan cutre como o de V se poida facer nada potable. Está claro que pra mellorar iso non hai que se esforzar moito. Pero os cartos non o son todo. Así quedou miami vice que onte mesmo tosar a calificaba de “hortera”
Maxin, e de iso non teñen os guionistas e se algún ten algo xa se ocupan os directivos de chimpalo
O do mac pasa o mesmo en cazadores de mitos que se ve empregan mac e lle poñen cinta aislante pra tapar a mazá, ata lle poñen cinta ao logo de porsche
3. Marcus escrito o 4 de Novembro de 2009 ás 23:52
Carlos, é que co po vermello remataban as 2 miniseries co guionista orixinal. Logo a serie pasou a outras mans, e decaeu de xeito alarmante, quedando as tramas argumentais iniciais totalmente esquecidas. Se agora teñen tino, e aprenden de Galáctica (que partindo dunha serie orixinal sen pretensións conseguiu converterse nunha obra de culto) poderemos ter un produto de calidade, pero ata que avance o conto será difícil sacar conclusións.
Nemigo, repito o anterior: o argumento de Galáctica era moi sinxelo,e conseguiron adaptalo nunha serie moi profunda, cun final redondo. Sería magnífico que fixesen algo semellante con V pero tampouco confío en que vaia ser así, pois parece ser que a canle responsable xa meteu man nos episodios gravados (coma pasou na tempada pasada con Dollhouse) e iso normalmente non leva a bo porto.