Sábado, 21 de Novembro de 2009

¿Internet a 1 Mbps coma servizo universal?

Miguel López da Unión de Consumidores de Galicia falou este venres no Bos Días da TVG do que suporá a aprobación da banda larga a 1 Mbps coma servizo universal en España en 2011:

Teño que coincidir en que 1 Mbps é unha conexión insuficiente para a Internet actual (chega para ler o correo electrónico e as novas escritas, pero non serve para o vídeo) así coma no feito de que teñamos os accesos máis lentos e caros da OCDE, pero tampouco podo omitir o feito de que Miguel esaxera nos largos de banda que hai noutros países e, aínda que en Corea do Sur e Xapón teñan uns accesos rapidísimos, iso non é así en EE.UU. (onde por termo medio están aínda peor que en España, pero a cousa cambia moito dun estado a outro) e en moitos países europeos. A velocidade media dos accesos á Rede na OCDE está nos 9 Mbps de baixada (moi lonxe dos 3,7 Mbps españois) pero onde si estamos a un abismo é na velocidade de subida, pois aquí temos unha media de 326 Kbps, mentres que a media da OCDE é de 1,6 Mbps, ou sexa, que temos a quinta parte da velocidade de envío de datos á Rede da que deberiamos, o que dificulta que publiquemos contidos na Internet, o que supón un auténtico atranco para a Sociedade da Información.

De todos os xeitos, coido que actualmente a Internet a 1 Mbps xa é un servizo universal dentro de certos límites, pois entre satélite (que agás a cota de alta, xa ten prezos competitivos) e comunicacións 3G cubren os lugares aos que non chega o par de cobre. Sempre haberá lugares aos que será complicado achegar o acceso á Rede, pero a eses sitios tampouco chega en moitos casos a auga corrente ou o saneamento, polo que tamén temos que procurar ser realistas. Penso que así, a declaración do acceso á Internet a 1 Mbps coma servizo universal non vai arranxar nada, pero será benvida aínda que sexa só coma mellora dos dereitos dos consumidores.

6 comentarios realizados

a gravatar

1. Nemigo escrito o 21 de Novembro de 2009 ás 12:50

o que debera ser universal é a conexión a internet non o ancho de banda
En USA teñen o mesmo ancho de banda que vai máis de 30 anos. Pero claro é que eles teñen cable dende sempre, non é que as súas conexións sexan lentas hoxe

A día de hoxe as telecos na españa están empeñados en cobrar a todos e ben caara a conexión e iso non pode ser. A conexión a internet debera ser un complemento ao servizo que ofrecen. Se tes teléfono móbil que che dean un acceso a internet incluido xa no contrato. O mesmo para os usuarios de teléfono fixo. Entón si sería universal o acceso a internet

a gravatar

2. Marcus escrito o 21 de Novembro de 2009 ás 12:54

Nemigo, en EE.UU. o do cable é para a televisión. Para a Internet teñen conexións lentas porque a xente non daba o salto á banda larga, xa que as conexións telefónicas eran moi económicas. Agora a cousa está mudando.
Que dean o acceso á Rede de balde coa telefonía non parece razoable, pois así farías que pagasen uns por outros. Non esquezamos que ao final pagamos por todo dun xeito ou outro.

a gravatar

3. chimpin escrito o 21 de Novembro de 2009 ás 14:59

Parte dacordo, parte nom. Eu estuvem a aguardar tres anos por umha conexom a internet num lugar no que os meus vizinhos de enfronte tinham teléfono, e por suposto na minha casa há luz eléctrica e água corrente, ademais de sumidoiros, cousa nom mui habitual no rural galego. Estuvem pagando umha conexom de módem via telemóvel que rara vez colhia 3G, e, isso sim, sempre com as persianas abertas, senóm GPRS super-lento. E esse tipo de conexons nom permetem, por contrato, o uso de programas P2P de qualquer tipo. Por isso considero que nom som comparáveis em absoluto. Fóra de que quando o ministro conta a cousa nom fala da velocidade de subida, parece-me umha medida mui importante, sobre tudo na Galiza. Eu há tres anos desejava umha conexóm de 1 Mbps.

a gravatar

4. Marcus escrito o 21 de Novembro de 2009 ás 16:29

Chimpín, eu estaba a falar da situación actual e de cara a dentro de 2 anos, pois polo momento non hai absolutamente nada aprobado. Miguel Sebastián só fixo unhas declaracións no FICOD, para saír na prensa.
Nos últimos tempos as coberturas de 3G están a mellorar moito, e a nova tarifa plana sen límites de transferencia de Vodafone xa permite o uso de aplicacións P2P.
Meter unha velocidade concreta no servizo universal é un erro de bulto, pois hoxe a moitos 1 Mbps pareceralle moito, pero dentro de 2 anos vai ser unha conexión bastante cutre. Se miras un pouco o que pasou nos últimos anos, as páxinas web pasaron de ocupar menos de 100 Kbytes (con imaxes e todo) a que entrar nun webmail poida consumir preto de 1 Mbyte, pois agora as webs fan un uso intensivo de AJAX, polo que están cargado información a saco. Se a xente non ten conexións boas só poderá ler, pero non podería tirar de Google Wave, aplicacións web de diversa índole e do Google Chrome OS xa nin falar.

De todos os xeitos, ata que vexamos o que vai aprobar realmente o Goberno é falar por falar. Eu o que quería dicir é que a universalidade é relativa, e ten limitacións, de xeito que igual consideran universal chegar ao 99% da poboación, de xeito que a xente que hoxe ten problemas de acceso seguirá téndoos. A min non me parece xusto que porque unha persoa viva no medio do monte o Estado teña que pagarlle os máis de 500 euros dunha alta dunha conexión de satélite, polo mesmo que non chega ata a súa casa a corrente eléctrica nin a auga. Vaia, que o de universal é un xeito de falar.

a gravatar

5. Nemigo escrito o 21 de Novembro de 2009 ás 21:13

en USA houbo dende case sempre tarifa plana nas chamadas locais por teléfono. Iso fixo a internet accesible dende sempre. Contratabas a conexión cun operador local ao cal chamabas. Onde non había iso había ata teléfono por cable coaxial. Iso o ofrecían os primeiros operadores de cable na españa. Teléfono por coaxial. Ata que lles deron unha concesión de telefonía fixa. En USA vai máis de 20 anos revistas de informática vendían antenas parabólicas pra conectarse a internet. Xa vemos a novidade que vivimos hoxe aquí

Ofertar conexión a internet por ter teléfono fixo ou móbil non supon custe algún pra os clientes ou os operadores. Sería unha promoción. Unha conexión básica. O que queira más velocidade pagará máis. Que os clientes de combo 1 teñan tv en aberto non supon máis custe pra R

Está claro que a internet por conexión pra toda a sociedade é necesario e máis cada día. O que non pode ser é que R teña un ancho de banda a ofertar moi limitado. E o mesmo pra outros operadores, están no límite da súa tecnoloxía e se lles nota moito

O da limitación na cobertura é así. Podes ter un cable de fibra óptica pasando por diante da porta da túa casa e non ter conexión. Ben que rin algúns vendo muiños de vento e os pobos que están preto están con cortes de luz

a gravatar

6. marcus.es » Tertulia sobre a Internet coma servizo universal en RadioVoz escrito o 24 de Novembro de 2009 ás 20:08

[...] un par de entrevistas e unha interesante tertulia na que participaron Miguel López (retomando os argumentos que defendeu no Bos Días), Javier Wicho Pedreira e Patricia [...]

Esta web apoia á iniciativa de petición
da volta do Xabarín Club á TVG

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero