Venres, 20 de Novembro de 2009

Bos Días aos robots e aos subtítulos automáticos en YouTube

A miña colaboración de hoxe no programa Bos Días da TVG (que hoxe chegaba á súa 50ª entrega) foi un chisco diferente, pois nun primeiro momento falamos de robots con varios expertos:

Eu continúo a pensar que a palabra robot tende a levar a equívocos, e a xente pensa en androides que substitúen a humanos en todo, o que sería ridículo. O lóxico é que fabriquen máquinas que fagan as cousas mellor que os humanos, e así a Roomba pode aspirar o po na casa meténdose incluso por debaixo dos mobles (algo que non podería facer unha ciberchacha) e un sistema de aire acondicionado intelixente pode axudarnos a descansar pola noite. Todos estes avances xuntos poderán facernos máis doada a vida sen ter que substituír necesariamente a outras persoas.
Outro tema é o dos robots sexuais, que polo que teño entendido é algo no están a gastar moitos cartos actualmente, e interesa especialmente en mercados coma o xaponés, onde tamén venden toda unha serie de trebellos sexuais motorizados que dubido moito que tivesen saída en Europa. Somos mundos distintos, e aquí por cibersexo entendemos dicir cochinadas nun chat, e non fornicar coa consola de videoxogos.

A maiores tamén falamos das novas desta semana relativas a Google:

A incorporación a YouTube de subtítulos automatizados paréceme unha auténtica revolución, que facilita a universalización dos contidos (un vídeo en inglés poderá entenderse por quen non coñeza tal idioma grazas á tradución automática) e o Google Chrome OS está a ser un dos produtos con máis bombo dos últimos tempos, aínda que polo momento non parece ser nada revolucionario.
login no chromium ostemas de ChromeWi-Fi no Chromium OSmenú no Chromium OS

Probei a súa beta, o Chromium OS, e resulta realmente decepcionante, pois simplemente trátase dun navegador Google Chrome a pantalla completa, no que tamén existe un botón nunha esquina para configurar a nosa rede Wi-Fi. Calquera ultraportátil con Linux pode superar iso, polo que, ata que se demostre o contrario, o Chrome OS é puro fume, e tardará moito en poder considerarse unha ameaza para Microsoft.

ACTUALIZACIÓN: Cambiando un pouco de terzo, non podo evitar recomendar que vexades o enfrontamento dialéctico entre Josemi Rodríguez Sieiro e Xesús Peleteiro co gallo das gravatas que tivo lugar a poucos minutos da miña intervención no Bos Días:

Mércores, 18 de Novembro de 2009

Tertulia sobre o libro electrónico en RadioVoz

distintos soportes para o libro
Onte en Voces de Galicia participaron nunha interesante tertulia sobre o libro electrónico Tati Mancebo e representantes da industria editorial para falar dos e-books e a revolución que supoñen de cara ao futuro:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

O tema ten moitos puntos de vista, pero sorpréndeme que os axentes do sector sexan tan conservadores, e non entren con máis decisión no asunto, pois está claro que o precedente da música de trasladarse aos libros sería nefasto, e non nos enganemos, que o vinilo está de moda é unha mentira. Eu non vexo discos de vinilo á vista en ningunha tenda que frecuento, pois é un produto de coleccionismo. De feito, ao CD agárdalle o mesmo futuro que ao vinilo, pois ao igual que agora a xente non ten xiradiscos na casa, os mozos escoitan música no seu reprodutor multimedia portátil e non teñen Discman nin nada semellante.
Por suposto, o libro impreso non vai desaparecer, pero os formatos dixitais chegaron para quedar, e tarde ou cedo van imporse especialmente en sectores como a educación (os libros de texto teñen os días contados).
Supoño que en futuras tertulias volverán a incidir neste tema, que está a xerar moito debate, posto que ninguén é quen de ver o futuro, e prepararse cun horizonte de incertidume tan vasto é unha tarefa complexa de xeito que moitos van quedar no camiño por non saber moverse na dirección axeitada. De feito, o libro é só un dos sectores da edición afectados, pois os xornais e as revistas tamén están a vivir unha revolución semellante que ninguén nega, e que parecen estar a aceptar de mellor grao.

Martes, 17 de Novembro de 2009

¿Caen as audiencias dos medios de comunicación dixitais?

Tras ver os datos que comentan en 233grados.com sobre a caída dos medios dixitais no último ano, déuseme por mirar se algo semellante pasaba en Galicia:
Os medios dixitais galegos segundo Google Trends
Polo que podemos ver segundo Google Trends, os medios dixitais poderían estar a perder a metade da súa audiencia nun par de anos, o que coido que non podemos interpretar á lixeira. Sospeito que o que está a pasar é que medrou o uso de plataformas coma Facebook, nas que non hai que esquecer que os medios tamén publican información, que non aparecería auditada. A medición de audiencias coa evolución da Internet parece que cada día vai ser máis complexa.

De caer a audiencia das edicións dixitais a cousa sería moi grave (non esquezamos que o papel está en caída libre), pero sorprende que OJD dea uns datos totalmente opostos aos de Google Trends, como podemos ver, por exemplo, no caso de La Voz:
lavozdegalicia.es segundo OJD
Convídovos a facer a mesma comparación con 20minutos.es: Segundo OJD dobrou os usuarios mentres que Google Trends reflicte unha redución drástica dos usuarios únicos diarios.

Coido que os datos de OJD son moito máis fiables que os de Google Trends, e parece lóxico pensar que ao aumentar os usuarios da Internet tamén aumentan as audiencias nos medios dixitais. ¿Alguén pode crer que La Voz perdeu audiencia na Internet cando é o medio máis consultado en Galicia con moita diferenza?
Antes de tomar por certos datos simplemente porque veñen dunha fonte que ten a palabra Google no seu nome deberiamos reflexionar seriamente sobre a fiabilidade das fontes de información e os perigos das estimacións estatísticas.

Domingo, 15 de Novembro de 2009

Novos comics para a Biblioteca de Melide

Hoxe en La Voz podiamos ler a seguinte nova:

La biblioteca melidense adquiere una colección de 500 cómics
La biblioteca municipal de Melide, Xosé Vázquez Pintor, dispone de un nuevo reclamo para sus usuarios. Se trata de una colección de cómic y banda diseñada que el Concello adquirió recientemente para crear una sección dedicada a este tipo de literatura, que, cada vez, tiene más aceptación tanto en el público infantil y juvenil como entre los lectores adultos. La colección está formada por quinientos títulos, principalmente juveniles, aunque también pueden encontrarse referentes de la banda diseñada como Animal man o El último hombre.
La literatura manga ocupa, asimismo, un espacio destacado en la colección con títulos como Evangelium, y también las historias clásicas como la de Mafalda, o las de aventuras de superhéroes como Superman.

Quedei un tanto sorprendido ao ler que falaban de crear una sección dedicada a este tipo de literatura, posto que eu lembro que na Biblioteca de Melide houbo comics toda a vida (precisamente alí foi onde lin as coleccións de Astérix, Tintín e Lucky Luke, e incluso algúns números da revista Cimoc e máis material sumamente interesante, entre os que non faltaba algún Don Miki) e do que non hai ningunha dúbida é de que os comics non son literatura (a novena arte ten unha identidade de seu).
Tamén pareceume algo raro que escribiran mal o nome da serie de Evangelion, pero o certo é que a deturpación de títulos era moito máis esaxerada na nova que publican na web do Concello:

Melide adquire unha colección de 500 comics para a súa biblioteca
Os títulos van dende os dirixidos a público infantil, a grandes heroes, clásicos e manga. A biblioteca Xosé Vázquez Pintor está a traballar na súa catalogación para que poidan ser incluídos no servizo de préstamo a domicilio.

colección de comics da Biblioteca de MelideA biblioteca municipal de Melide, Xosé Vázquez Pintor, ten estes días un novo reclamo para todos os seus usuarios. Trátase dunha nova colección de cómic e banda deseñada que o Concello vén de adquirir para crear unha sección dedicada a este tipo de literatura que cada vez ten máis arraigo, tanto entre o público infantil e xuvenil como entre os lectores adultos.
A colección, que xa pode consultarse na biblioteca municipal, está formada por cincocentos títulos, principalmente xuvenís, pero tamén se atopan títulos de referencia da banda deseñada, como Animal man ou El último hombre. A literatura manga ten o seu espazo nesta colección a través de títulos como La espada del inmortal ou Evangelium, que constitúen volumes de referencia deste tipo de literatura. Ademais, tamén podemos divertirnos coas historias máis clásicas e entrañables de Mafalda ou Homer Simpsom, ou coas aventuras dos grandes heroes de todos os tempos, nas versións máis cobizadas, como é o caso de Superman Rojo, Batman Año I ou Blake y Mortimar.
A concelleira de Cultura, Conchi Castro, destacou que “a adquisición desta colección de cómic e banda deseñada diversifica a oferta cultural da biblioteca, e abre novas posibilidades para os amantes deste tipo de literatura, que cada vez atopan máis títulos na biblioteca. O persoal técnico da biblioteca está a traballar na catalogación destes cincocentos volumes para que nos vindeiros días poidan formar parte das coleccións que é posible consultar a través de préstamo domiciliario.

Si, aquí repiten o de Evangelium pero tamén escriben mal o apelido Simpson, de Y, el último hombre omiten xusto o nome da serie (Y) e tamén mudan unha letra de Blake y Mortimer.
Pero iso é o de menos. O caso é que agora os melidenses que non merquen comics habitualmente van ter un xeito de achegarse a este tipo de obras, e igual así anímanse a introducirse nese tipo de lectura, con peculiaridades propias do seu medio, e que son unha importante influencia na nosa cultura (aínda que sexa por contaxio norteamericano a través do cine e a televisión).
Confío en que os volumes adquiridos pechen as súas liñas argumentais (ou sexa, que series coma Y ou Akira estean completas) porque senón, algunha xente vai pasalo moi mal, xa que atopar números soltos de series de cómic non é unha tarefa doada (especialmente canto máis vella é unha colección).
A min esta nova fíxome lembrar os tempos da I Semana do Cómic de Melide, na que a Biblioteca (aínda no edificio do Concello) montara unha exposición moi interesante, que aproveitaran para a adquisición de comics realmente representativos naquel momento, que ían, segundo creo lembrar, dende algún tomo coas mellores historias de Batman ata a novela gráfica de Epicuro El Sabio. Alédame moito ver que é posible seguir avanzando nesa liña.

ACTUALIZACIÓN: Algúns comics xa aparecen no catálogo en liña da Biblioteca.

Sábado, 14 de Novembro de 2009

Últimas horas da campaña de reparto de lectores de DNI electrónico

lector de DNIe de TractisDende Tractis lembráronme que o domingo remata a súa campaña de reparto de lectores de DNI electrónico, de xeito que os usuarios que queiran facerse cun destes interesantes trebellos USB por só 2 euros (en concepto de gastos de envío) deben solicitalo xa.
Eu xa teño o meu, e segundo parece houbo 33 lectores deste blogue que fixeron tal (e 228 lectores de Código Cero). Amais, dende Tractis veñen de anunciar un engadido de WordPress para poder publicar comentarios nos blogs autentificados mediante DNIe, o que pode ser moi interesante de cara ao futuro, pois a xente que queira montar un blog que limite os comentarios a españois e que queira evitar que a xente publique burradas, ten agora unha interesante opción, que sospeito que podería empregarse en múltiples foros web de organismos públicos (que evitarían en boa medida a labor de moderación). Unha mágoa que o DNIe non sexa internacional, pois poder utilizalo para identificarse en certas páxinas web de comercio electrónico, poxas ou servizos semellantes sería moi práctico.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios