Xoves, 26 de Novembro de 2009

Outra promoción de El País á que dicir non

Non acabo de entender a teima que teñen ultimamente os xornais de vendernos produtos innecesarios, de pouca calidade ou a prezos de mercado coma se fosen grandes ofertas, e a última é a que incluirá El País o vindeiro domingo:
promoción de TDT de El País
Para comezar, o receptor en cuestión é do peor que podemos atopar no mercado, e iso de que ten porto USB para a reprodución multimedia leva a engano, pois serve só para cargar actualizacións do software, ver fotografías e escoitar música (nada de DivX, que é no que pensa a xente). Pero se ignoramos a calidade do dispositivo, o prezo non é ningunha ganga porque en APP véndeno a 20,50 euros. Ou sexa, que se pillas o xornal do domingo (cariño coma é) e 5 cupóns terás ¡un desconto de 60 céntimos! Pero resulta que para acollerse á promoción hai que chamar a un número de teléfono (cun prezo de chamada de ata 1,16 euros/minuto dende un fixo e 1,51 euros/minuto dende un móbil) ou mandar unha mensaxe de texto (1,39 euros). Vaia, que sae máis cara a promoción que achegarse ata unha tenda de APP. ¡Toma, moreno!

Mércores, 25 de Novembro de 2009

Os Teleñecos interpretan Bohemian Rhapsody ao seu xeito

A versión do Bohemian Rhapsody de Queen que fixeron os Teleñecos é unha obra de arte, que aínda que no momento de escribir estas liñas ten só 320 reproducións en YouTube, coido que en poucas horas vai conseguir milleiros de reproducións, pois paga a pena:

Non son moi obxectivo ao valorar esta peza, pois de cativo adoraba a Jim Henson e ás súas obras, e Queen é un dos meus grupos musicais favoritos, polo que esta mestura para min é salsa de carne, e supoño que para outros será unha mera versión. De todos os xeitos, admito que a mellor homenaxe a Bohemian Rhapsody e o comezo de Wayne’s World:

ACTUALIZACIÓN: O vídeo chegou ás 485.847 reproducións nunhas 10 horas. Ou gusta moito, ou a xente quere probar de primeira man cómo van os vídeos de YouTube a 1.080p (e si, vese de vicio en alta definición).

Martes, 24 de Novembro de 2009

Tertulia sobre a Internet coma servizo universal en RadioVoz

Esta mañá RadioVoz foi a emisora de radio máis tecnolóxica de España, pois de casualidade sucedéronse moitos contidos relativos á Internet e as TIC, como a miña sección de costume, un par de entrevistas e unha interesante tertulia na que participaron Miguel López (retomando os argumentos que defendeu no Bos Días), Javier Wicho Pedreira e Patricia Ferrol:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Eu reitero o meu parecer de que iso do servizo universal son palabras baleiras, e haberá que ver en qué substancian a futura lei que o regule, pois polo momento todo foi un falar. Gustei de comprobar que impera o consenso entre todos os consultados, e parece que calquera que entenda un pouco do tema xa está curtido de promesas incumpridas.

Luns, 23 de Novembro de 2009

Xa teño DNI electrónico

Hoxe fun á Comisaría de Lonzas a por o meu flamante DNIe, e sorprendeume ver que a pantalla na que amosaban os números para ser atendidos presentaba un erro bastante familiar:
pantalla da Comisaría con erro
Os ordenadores poden fallar, pero cando pasa nun equipo dun establecemento público e/ou nunha pantalla de grande tamaño, o cantazo é total. Non sei cómo o farán, pero ese tipo de imaxes son as que minan a credibilidade de Microsoft (aínda que é moi posible que o fallo en cuestión fose do disco duro do equipo e poida arranxarse en segundos… pero ninguén molestouse en miralo, o que sería un problema doutra índole).
Aproveito a ocasión para dicir que a expedición do DNIe xa está totalmente normalizada, e non é preciso madrugar para facer cola nin nada polo estilo. Sen ir máis lonxe, na Comisaría á que fun, atenden ata as 17:00 horas de luns a xoves, de xeito que ao serán o local está deserto e tramitar algo é chegar e encher (co ridículo de ter que pillar número pese a ser a única persoa á que atender).

Ao saír da Comisaría pasei por unha rúa da que nunca caera no seu nome:
Calle/Rúa Blanco White
¡Redios! ¡¿Coruña trilingüe?! Grazas á Santa Wikipedia puiden ver que Blanco White é o seudónimo do escritor José María Blanco Crespo que, ignorante de min, non coñecía de nada :(

Curiosidades a un lado, cando cheguei a casa fun directo a probar o meu novo lector de DNIe de Tractis, e quedei bastante decepcionado polo feito de que a súa instalación e funcionamento foi moito menos automática do que pensaba. Aínda que no Internet Explorer a cousa foi bastante ben, no Firefox non podo dicir o mesmo, e ter que instalar algo manualmente non creo que sexa algo ao alcance de calquera usuario.
Coido que estaría moi ben que no futuro os fabricantes procuren que os equipos veñan con lector de DNIe preinstalado (hainos integrados en teclados ou nunha das fendas infrautilizadas para disqueteiras de 3,5″), pois iso sería máis efectivo para normalizar o uso do DNI electrónico que repartir 500.000 lectores por USB que poden rematar nun caixón.
Como xa tiña un certificado dixital da FNMT instalado no meu ordenador, o DNIe apenas ten utilidades adicionais para min (polo momento) e incluso dáme certos problemas (por ter dous certificados idénticos, o que pode xerar erros), pero estou contento de poder gozar desta tecnoloxía no meu equipo, aínda que penso que debería ser máis doada de utilizar para un usuario medio.

Sábado, 21 de Novembro de 2009

¿Internet a 1 Mbps coma servizo universal?

Miguel López da Unión de Consumidores de Galicia falou este venres no Bos Días da TVG do que suporá a aprobación da banda larga a 1 Mbps coma servizo universal en España en 2011:

Teño que coincidir en que 1 Mbps é unha conexión insuficiente para a Internet actual (chega para ler o correo electrónico e as novas escritas, pero non serve para o vídeo) así coma no feito de que teñamos os accesos máis lentos e caros da OCDE, pero tampouco podo omitir o feito de que Miguel esaxera nos largos de banda que hai noutros países e, aínda que en Corea do Sur e Xapón teñan uns accesos rapidísimos, iso non é así en EE.UU. (onde por termo medio están aínda peor que en España, pero a cousa cambia moito dun estado a outro) e en moitos países europeos. A velocidade media dos accesos á Rede na OCDE está nos 9 Mbps de baixada (moi lonxe dos 3,7 Mbps españois) pero onde si estamos a un abismo é na velocidade de subida, pois aquí temos unha media de 326 Kbps, mentres que a media da OCDE é de 1,6 Mbps, ou sexa, que temos a quinta parte da velocidade de envío de datos á Rede da que deberiamos, o que dificulta que publiquemos contidos na Internet, o que supón un auténtico atranco para a Sociedade da Información.

De todos os xeitos, coido que actualmente a Internet a 1 Mbps xa é un servizo universal dentro de certos límites, pois entre satélite (que agás a cota de alta, xa ten prezos competitivos) e comunicacións 3G cubren os lugares aos que non chega o par de cobre. Sempre haberá lugares aos que será complicado achegar o acceso á Rede, pero a eses sitios tampouco chega en moitos casos a auga corrente ou o saneamento, polo que tamén temos que procurar ser realistas. Penso que así, a declaración do acceso á Internet a 1 Mbps coma servizo universal non vai arranxar nada, pero será benvida aínda que sexa só coma mellora dos dereitos dos consumidores.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios