¡Canto cambiou a informática en pouco tempo!
Estou un pouco decepcionado porque ninguén comentou na entrada sobre a miña última intervención no Bos Días da TVG unha curiosidade brutal, relativa aos recursos gráficos que empregaron para acompañar ás miñas palabras:
Si, aparece unha persoa consultando a páxina web de Mancomún, no que claramente son uns recursos gráficos actuais pero, ¿non resultan moi rechamantes o resto de gráficos?
Pretendían ser imaxes xenéricas, elixidas a boa fe, pero o paso do tempo fíxoas envellecer moi mal, e certas secuencias pasan a obsolescencia por amosar cousas coma diskettes, o Netscape Navigator ou un flamante Acorn Archimedes A3000, equipo que saíu ao mercado en 1992. Aínda que non podo evitar a dúbida de se hai algún frikazo tecnolóxico na TVG que meteu esas imaxes por nostalxia. De ser así, a ver se hai sorte, e algún día pon algún ZX Spectrum +2, para facerme botar unha lagrimiña
Os cambios na informática de consumo nos últimos anos van ser difíciles de disimular, e así, cando un ve unha película ambientada entre finais dos anos 80 e comezos dos 90, non percibe claramente a evolución tecnolóxica nas oficinas, pero agora temos detalles que van ser sumamente cantosos, coma o feito de que os monitores CRT están desaparecendo, e os TFT están a imporse de xeito rotundo, polo que cando nunha película ou serie de televisión vexamos un equipo algo vello será doado notar o cambio, o que tamén fará doado ambientar secuencias no pasado: pos a un tipo con gafas de pasta diante dun ordenador con pantalla de tubo e xa tes unha secuencia vella. Se logo atinas coa versión de Windows da época, levas premio.






6 comentarios realizados
1. Nemigo escrito o 29 de Novembro de 2009 ás 21:36
e os prezos… eu teño algunha revista cun anuncio dun PC (tal cual) que custaba 800 000 pelas. A comparativa dun portatil de un millón de pelas (un pentiun I)
Os primeiros lectores de CD ROM custaban 125 000 pelas. Hoxe en día a informática está cada vez máis preto a bos prezos… e máis que debera baixar
2. Marcus escrito o 29 de Novembro de 2009 ás 22:02
Eu merquei o meu primeiro lector de CD por 20.000 pesetas, o que permitiume reciclar os diskettes que viñan na PC Manía (eses contidos estaban recompilados nun par de CD-ROM), de xeito que case recuperei o investimento de vez.
Agora non só o CD-ROM é un soporte case desaparecido, senón que incluso o Blu-ray está a baixar de prezo a toda velocidade, aínda que tardará en poder competir con DVD, que está moi consolidado (por sorte).
3. Nemigo escrito o 30 de Novembro de 2009 ás 1:47
o primeiro cd rom que sacou ao mercado investrónica custaba 125 000 pelas e unha disqueteira 40 000 pelas (prezo de catálogo) os disquetes chegaron a custar, unha caixa de dez de marca sony 6 mil pelas
4. marcus.es » A evolución no almacenamento de datos escrito o 30 de Novembro de 2009 ás 10:43
[...] do nostálxico tema de onte, atopei en Boingboing un gráfico que publican en Geekologie no que ilustran rapidamente a [...]
5. Galeguzo escrito o 30 de Novembro de 2009 ás 17:13
Que há fríkis tecnológicos na CRTVG é certo. Agora, se foi um deles quem meteu mão na escolha das imagens ou bem meteram o primeiro que se lhes passou por diante… já che é outra cousa
E sobre o rápido que passa o tempo na informática justamente falava eu o sábado (um dia antes deste post, pois) com um amigo da morte lenta dos disquetes… até que chegaram as memórias USB. Como também falamos do preço daquela primeira memória que caíu nas minhas mãos, 32 MB (teóricos) de capacidade e ’só’ 50 e pico euros… lembremos que uma caixa de dez disquetes davam uma capacidade teórica de 14,4 MB e valia aproximadamente cinco euros, mas com todo o trabalho de ter de ‘partir’ os ficheiros grandes, andar a meter um disquete, e outro, e outro… os longuíssimos tempos de lecto-escrita ou a facilidade com que se podiam estropear.
6. Marcus escrito o 30 de Novembro de 2009 ás 17:41
Si, Galeguzo. De feito, cousas coma o RAR fixéronse populares por gardar os datos por volumes en con certa seguridade, sendo aínda hoxe moi utilizados para a transferencia de grandes ficheiros a través da Internet (só que antes empregábase para ficheiros de máisd e 1,44 Mb e agora faise incluso con descargas de 8 Gb). É que as velocidades de transferencia tamén cambiaron bastante (aínda que menos do que debería).