Martes, 20 de Outubro de 2009

Xa temos Popular TV Galicia a través da TDT

Dende o pasado día 9 de outubro, a través da mesma canle pola que entra en dixital a TVG aos nosos fogares, chega a Popular TV Galicia, cunha emisión en pruebas, pois polo momento non conta con programación autonómica, senón que é unha simple redifusión dos contidos de Popular TV.
Velaquí unha proba das emisións:

Non é que Popular TV Galicia ofreza uns contidos moi atractivos, pero para algúns frikis coma min vai compensarlles a súa sintonización, posto que esta noite (a partires das 23:00 horas) botan o clásico El Señor de las Bestias, que é un sucedáneo de Conan con Marc Singer (o Mike Donovan de V).
Marc Singer é El Señor de las Bestias
Supoño que non verei a película (pois a teño en DVD… ¡mercada no desaparecido Día de Melide!), aínda que estou tentado a comprobar se censuran o momento no que aparece Tanya Roberts bañándose nun lago coas tetas ao aire ;)

Luns, 19 de Outubro de 2009

Novidades nos centros comerciais de A Coruña

Media Markt no Dolce Vita
Estamos en crise, pero iso non impide que os centros comerciais abran en A Coruña (eles saberán o que fan), e así estes días podemos escoitar na radio anuncios de que o Media Markt, xa presente en Vigo, vai abrir un espazo de seu no Dolce Vita de A Coruña (comentan por aí que hai que estar pendente das ofertas de apertura, que habitualmente son moi boas).
Pero non é a única novidade destes días, pois mañá mesmo vai abrir preto do Carrefour e o Coliseo unha nova área comercial, Espacio Coruña, que acollerá a moitas das marcas presentes no Dolce Vita, á vez que contará cun cine de Yelmo con sala 3D e todo.
Na caixa do correo deixáronme hoxe un vale de desconto de 2 euros para o cine, polo que igual algún día pico, e o que teño claro é que ao quedar preto da casa agora xa podo elixir entre El Puerto e Espacio Coruña (pois por proximidade antes sempre desbotaba a Los Rosales para ver as estreas). Vaia, que cando boten Avatar en 3D xa sei onde vou ir vela ;)

Sábado, 17 de Outubro de 2009

Adeus, Andrés

Xurxo disfrazado de Andrés Montes
O meu irmán disfrazouse varios anos de Andrés Montes no Antroido, pero despois da mala nova do seu pasamento coido que non o vai repetir.
Unha mágoa deixar de escoitar as orixinais narracións de Montes, pois moitos agardabamos que tras deixar La Sexta fose a parar a algunha outra canle para retransmitir partidos de baloncesto ou o que lle botasen en riba.
Como lembranza queda que incluso deixou o seu último traballo repetindo o seu lema de la vida puede ser maravillosa:

Venres, 16 de Outubro de 2009

Bos Días ao intercambio de ficheiros pola Internet

O tema do que falei hoxe con Carlos Amado e Xesús Peleteiro no Bos Días da TVG non foi outro que o P2P, e aínda que dá para moito, agardo que cando menos quedase claro que para o usuario é totalmente legal a descarga de contidos audiovisuais a través da Internet:

Digo para o usuario porque no caso de administradores de páxinas web que promoven estas actividades a cousa está claro que non é delito, pero pode ser falta, polo que aínda non se coñece o tipo de sancións que poderían imporse no futuro pola vía civil.
Esquecín destacar no programa que o que dicimos vale para música e vídeo, pero habería que subliñar que non todos os contidos son iguais e, por exemplo, os programas informáticos e os videoxogos non están suxeitos a compensación por dereitos de autor (canon) polo que a súa descarga sería outro cantar.

O que digo da posible ilegalización de páxinas tipo Rojadirecta.com coméntoo porque hai rumores de que os prexudicados (Sogecable e Mediapro) están a presionar ao Goberno para que modifiquen a lei, e teñan así un xeito de protexerse das retransmisións en directo vía P2P, que non só afectarían ao deporte, senón tamén ao seguimento de eventos como a cerimonia de entrega dos Oscars, que son doadas de seguir a través da Rede sen subscribirse á televisión de pago.

Vaia, que aínda que hoxe non se tocasen estes temas na Lei Xeral do Audiovisual, nos vindeiros meses poderiamos ter sorpresas que agardemos que non vaian na liña da lexislación francesa.

¿Non á experimentación con animais para facer produtos cosméticos?

Anuncio de ENPA Spray
A sociedade de protección dos animais E.N.P.A. lanzou unha campaña contra a experimentación con animais para o desenvolvemento de produtos cosméticos, pero eu teño que admitir que ver o anuncio causou en min o efecto contrario: ¡quero un pulverizador de colonia con forma de cadelo!
Ou o anuncio é pouco atinado ou teño algo mal na cabeza (aposto por esto último).

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios