Martes, 27 de Outubro de 2009

A caída da prensa (¿só nos EE.UU.?)

Os datos de circulación da prensa nos EE.UU. nas últimas 2 décadas son realmente arrepiantes:
circulación diaria dos xornais norteamericanos nas últimas 2 décadas

A cousa contrasta moito se vemos que en España a prensa parece impasible segundo os datos de OJD:
OJD de setembro de 2009

Si, é moi sospeitoso, principalmente porque non paramos de ver como a prensa descende en vendas. Algo constatable nos quioscos que frecuentamos, tanto falando co quiosqueiro coma comprobando cómo a xente xa non merca o xornal coma antes.
Dá a impresión de que os medios impresos están a camuflar a súa perda de lectores en papel mediante a venda en bloque, subscrición colectiva, difusión gratuíta e outras prácticas que non encaixan moito no que a xente da rúa entende por vender periódicos. Podemos ilustrar un pouco a situación mirando o caso da cabeceira líder en Galicia, La Voz, que pechou 2008 cunha difusión media de 102.859 exemplares, mentres que o Faro de Vigo ten que conformarse con 40.276 exemplares e El Progreso con 15.859 exemplares (El Correo Gallego non entra nestas conta porque OJD o considera unha publicación gratuíta que vén de regalo con El Mundo).
Pero o curioso é que os competidores de La Voz, como La Opinión, aseguran que a caída na venda de exemplares nos quioscos de La Voz nos últimos 8 anos foi de nada menos que o 18.901 exemplares (o 25,35%), pois dos 102.859 exemplares que vendidos por La Voz só 64.088 despáchanse nos quioscos, de xeito que na rúa temos unha visión do percal moi diferente da que venden os medios.
Comento o caso de La Voz porque é do que atopei datos case ao momento, pero iso mesmo está a pasar en todas as cabeceiras de prensa galegas (nalgún caso é insignificante a venda nos quioscos), polo que non entendo por qué algúns dos xornais galegos continúa ancorado no pasado. ¿Non ven que hai que moverse para poder sobrevivir?
Convídovos a visitar a páxina web de El Ideal Gallego, e logo a comentar se parécevos un medio do século XXI. ¿Cómo pretenden así competir con La Voz, La Opinión ou mesmo os xornais gratuítos?

Digo todo isto nun momento no que, tras criticar o último paso retrógrado de Xornal de Galicia, teño que ver con pesar a caída de Soitu.es, medio dixital no que tiña bastantes esperanzas e que é xa o segundo medio dixital que desaparece no que vai de ano (ADN.es pasou a depender da súa edición impresa).
Agardemos que no ámbito galego dixitais coma Vieiros, GZnación ou o diario de A Nosa Terra poidan manterse no tempo, pois cumpren unha función moi necesaria.

Luns, 26 de Outubro de 2009

Jornal de Galicia

Xornal.com e as exclusivas demoradas
Se miramos no dicionario a palabra xornal atopamos o seguinte:

1 s m Diñeiro que gaña un traballador por día traballado.
2 s m Conxunto de follas impresas informativas que se publican diariamente.
3 s m Lugar da administración e redacción dun periódico.

E o acontecido nos últimos días dáme a entender que a palabra xornal da cabeceira Xornal de Galicia corresponde á primeira acepción da palabra (que en español diríase jornal), xa que ante a maior decisión retrógrada na prensa dixital española dos últimos anos (só comparable ao erro estratéxico de El País de facer os seus contidos na web de pago), o propio director de Xornal solta o seguinte:

Los lectores de Internet también tendrán estas noticias por la tarde, pero por la mañana pretendemos ofrecer un plus a los lectores que compran cada día el periódico, ya sea en el quiosco o mediante suscripción. Sin ellos no serían posibles esas exclusivas, ya que no habría manera de pagar a los periodistas que escriben reportajes así.

Paréceme moi triste que se dea un paso atrás tan radical á vez que utilizan coma argumento os salarios dos xornalistas. ¿Qué ten que ver unha cousa coa outra? A min iso paréceme dunha demagoxia insultante (¿Están a dicir que unha única nova pode levar á xente a mercar un xornal? ¿E que un incremento de vendas de cen ou dous centos exemplares chegan para pagar o soldo dun xornalista que produce informacións exclusivas?), que Tati Mancebo analiza axeitadamente ao asegurar que:

Equivócanse por completo. Non están a ofrecer un plus aos lectores que mercan o xornal en papel, senón penalizando os que o len na rede. Nin sequera ofrecen a opción de micropagamentos -seguramente porque comporta un gasto inasumíbel para as expectativas de vendas- como fan outros medios que andan a experimentar actualmente co sistema de subscricións “por pezas”.
Como se pode apostar pola versión en papel para aumentar vendas, cando todos os medios van costa abaixo neste camiño, e menos aínda sendo un medio novo e minoritario?

Innovación periodísticaParéceme realmente insultante que vendan este medida absurda coma unha innovación periodística. ¿Dende cando innovar é involucionar?
Polo que vin, a nova embargada apareceu na web ás sete e media da tarde, o que provocou que os lectores da edición dixital de Xornal accedesen a unha información obsoleta, xa que durante a mañá o resto de medios xa publicaban a reacción ao artigo de Xornal de Galicia na edición impresa, ou sexa, que deixaban claro que na prensa diaria non existen as exclusivas.
Algún xornalista da vella escola aínda non entendeu que o que un medio pode ter hoxe é unha primicia informativa, pero non unha exclusiva, pois levantada a lebre, todos os demais medios poden falar do tema. Así, demorar a publicación de novas na web só prexudica á propia web.

Non acabo de entender a estratexia comercial de Xornal de Galicia, pois a prensa en España está a perder vendas en papel de xeito constante durante os últimos anos, polo que intentar medrar nun sector en contracción é nadar contra corrente. Deberían centrar os seus esforzos en gañar influencia a través da web, e non en vender exemplares en papel, especialmente se as súas vendas actuais son tan insignificantes coma comentan os ruxerruxes.
Incluso se miramos á prensa estatal podemos ver como a Rede comeza a gañar peso, e coma exemplo rotundo temos a El Mundo:
El Mundo en papel tamén é puntoes
¿Vedes? A edición impresa da cabeceira de Pedrojota Ramírez incorporou o .es á súa imaxe, dando a entender que é un medio dixital con redaccións integradas.
O curioso é que El Mundo é un xornal con 20 anos de historia, que naceu nun momento no que a web non existía, mentres que Xornal de Galicia veu a luz hai menos dun ano, ou sexa, que a súa organización debería estar orientada aos novos tempos, e non ten sentido que unha nova publicación procure medrar de costas á Rede.

ACTUALIZACIÓN (28-10-2009): Aínda que sen confirmación oficial, parece ser que Xornal de Galicia pecha a súa delegación de Vigo, polo que entendo que os pasos que está a dar a publicación son medidas desesperadas. Sospeito que en non moitos meses Xornal volverá a ser o medio dixital que era antes.

Venres, 23 de Outubro de 2009

Bos Días ao Windows 7 (aínda que sexa caro)

Esta mañá no Bos Días da TVG falei con Carlos Amado e Xesús Peleteiro do lanzamento de Windows 7:

Tamén apliquei o principio de prudencia para a xente que actuamente están con Windows XP:

O certo é que o que debería dicir sintéticamente sería:
- se mercas un PC novo, que veña con Windows 7 Home Premium de 64 bits (para poder aproveitar que teña máis de 3 Gb de RAM)
- se tes un ordenador vello (máis de 4 ou 5 anos) queda con Windows XP, e aforrarás complicacións
- se tes un ordenador comprado hai pouco revisa se podes obter unha licenza de Windows 7 de balde e, de ser así, actualiza
- se tes un ordenador mercado nos últimos anos, pensa en actualizar sempre que non vaias pagar 199 euros polo sistema operativo (ou 119 euros por unha actualización) xa que Windows Vista continúa a ser un sistema operativo solvente (lembra que cousas como as pantallas multi-táctiles non son elementos do S.O., senón de hardware)

Vaia, que o que compensa é actualizar a Windows 7 se pirateas o sistema operativo, e en caso contrario, compensa agardar á compra dun novo ordenador, pois equipos coma un Compaq Presario CQ5210ES con 4 Gb de RAM e 500 Gb de disco duro co Windows 7 Home Premium de 64 bits está á venda por uns 300 euros (aínda que eu compraría outro ordenador, pero serve para ilustrar que pagar máis de 100 euros por un S.O. é unha animalada). Tamén hai que ter en conta que o Windows Vista está dispoñible en galego na actualidade, e aínda non hai data para a tradución do Windows 7 (supoño que agardarán ao lanzamento do MS Office 2010, para presentar así a tradución dos dous produtos).
A verdade é que non entendo por qué non venden actualizacións de Vista a Windows 7 por 29 euros (prezo ao que Apple comercializa o seu Snow Leopard). Se o fixesen así a xente non piratearía o sistema.

Ah, e para os que non gusten de Microsoft, coido que a semana que vén imos falar un pouco de Linux e o Software Libre.

Xoves, 22 de Outubro de 2009

Curioso parecido razoable televisivo

Kelli Williams e Erin Gray
Ao ver a serie de televisión Miénteme non paraba de pensar, ¿de que outra serie coñezo a esa tía? E si, era Kelli Williams, de El Abogado, pero resulta que na miña cabeza faise outra asociación, e curiosamente penso que estou a ver un episodio de Buck Rogers no século XXV, pois non deixo de ver a Wilma Deering (interpretada por Erin Gray) cando miro para a compañeira de reparto de Tim Roth.
Fixándome non atopo tantas semellanzas (ata a estrutura do cráneo é diferente), pero non deixo de realizar a asociación entre as dúas actrices ata o feito de pensar que son nai e filla. Resúltame rechamante o detalle porque entre as dúas series de televisión que asocio hai unha separación de case 30 anos, e iso podería indicar que os cánones das últimas décadas non cambiaron tanto como podiamos pensar. ¿Acaso hai moita diferenza entre un episodio de o Buck de primeiros dos 80 cun do moderno Dr. Who?
O que si cambiaron máis son os papeis masculinos, pois aínda que case calquera das mozas que saían nas series de hai 30 anos encaixen ben nunha serie actual, coido que os heroes desa época hoxe darían o cante. Vaia, que un David Hasselhoff ou un Tom Selleck non serían protagonistas de series de acción actuais nin de coña.

Mércores, 21 de Outubro de 2009

Os informativos desprezan as proporcións dos vídeos

Nos últimos anos hai un tema que moléstame bastante, e é a falta de respecto que teñen as canles de televisión e, máis concretamente, os seus servizos informativos, a manter a relación de aspecto dos contidos, ou sexa, que cando reciben un vídeo en formato panorámico (16:9) dedícanse a estiralo verticalmente para encher a pantalla en formato estándar (4:3) cando as únicas opcións aceptables serían dúas:
- Manter a imaxe, completando o espazo en pantalla con bandas negras coma vén sendo tradicional na retransmisión de películas.
- Aumentar o tamaño da imaxe ata que non quede espazo en negro, de xeito que perderiamos a información nos laterais dos vídeos.
O peor de todo é que non están a dárlle importancia a este asunto, que é coma emitir en branco e negro unha gravación en cor (ou sexa, non respectar o formato orixinal) e queda rematadamente mal á vista (¡que altos son todos!).
Dentro deste tipo de pifias, onte mesmo puidemos ver cómo a presentación do Xacobeo emitida pola TVG estaba en 16:9, pero nos informativos colleron os vídeos do acto e os deformaron horrendamente na súa emisión en 4:3, pegando un cantazo tremendo:

Pero iso mesmo tamén o fan nos informativos de TVE, Telecinco, Antena 3 ou Popular TV:

Mentres, unha canle autonómica modesta (por non dicir cutre) coma Aragón TV molestouse en migrar a súa produción propia a formato panorámico, o que agradecerán todos os usuarios de televisores modernos:

E dende varias canles xa emiten as retransmisións deportivas en formato anamórfico, e esta mesma semana ata La Sexta atreveuse a modernizar o seu programa Sé lo que hicisteis, polo que agora podemos velo nun glorioso formato panorámico:

A ver se cunde o exemplo, e de cara ao apagamento analóxico máis canles optan definitivamente polo formato panorámico, que serve de anticipo do que achegará a alta definición.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios