A caída da prensa (¿só nos EE.UU.?)
Os datos de circulación da prensa nos EE.UU. nas últimas 2 décadas son realmente arrepiantes:

A cousa contrasta moito se vemos que en España a prensa parece impasible segundo os datos de OJD:

Si, é moi sospeitoso, principalmente porque non paramos de ver como a prensa descende en vendas. Algo constatable nos quioscos que frecuentamos, tanto falando co quiosqueiro coma comprobando cómo a xente xa non merca o xornal coma antes.
Dá a impresión de que os medios impresos están a camuflar a súa perda de lectores en papel mediante a venda en bloque, subscrición colectiva, difusión gratuíta e outras prácticas que non encaixan moito no que a xente da rúa entende por vender periódicos. Podemos ilustrar un pouco a situación mirando o caso da cabeceira líder en Galicia, La Voz, que pechou 2008 cunha difusión media de 102.859 exemplares, mentres que o Faro de Vigo ten que conformarse con 40.276 exemplares e El Progreso con 15.859 exemplares (El Correo Gallego non entra nestas conta porque OJD o considera unha publicación gratuíta que vén de regalo con El Mundo).
Pero o curioso é que os competidores de La Voz, como La Opinión, aseguran que a caída na venda de exemplares nos quioscos de La Voz nos últimos 8 anos foi de nada menos que o 18.901 exemplares (o 25,35%), pois dos 102.859 exemplares que vendidos por La Voz só 64.088 despáchanse nos quioscos, de xeito que na rúa temos unha visión do percal moi diferente da que venden os medios.
Comento o caso de La Voz porque é do que atopei datos case ao momento, pero iso mesmo está a pasar en todas as cabeceiras de prensa galegas (nalgún caso é insignificante a venda nos quioscos), polo que non entendo por qué algúns dos xornais galegos continúa ancorado no pasado. ¿Non ven que hai que moverse para poder sobrevivir?
Convídovos a visitar a páxina web de El Ideal Gallego, e logo a comentar se parécevos un medio do século XXI. ¿Cómo pretenden así competir con La Voz, La Opinión ou mesmo os xornais gratuítos?
Digo todo isto nun momento no que, tras criticar o último paso retrógrado de Xornal de Galicia, teño que ver con pesar a caída de Soitu.es, medio dixital no que tiña bastantes esperanzas e que é xa o segundo medio dixital que desaparece no que vai de ano (ADN.es pasou a depender da súa edición impresa).
Agardemos que no ámbito galego dixitais coma Vieiros, GZnación ou o diario de A Nosa Terra poidan manterse no tempo, pois cumpren unha función moi necesaria.




6 comentarios realizados
1. Nemigo escrito o 27 de Outubro de 2009 ás 22:28
o que está a acontecer ca prensa de papel nos quioscos é case inexplicable. Non pode ser que as cifras que din se correspondan co que vemos
Regalan os xornais
Outro dato moi significativo é que nos bares (en todos) tiñan subscripción a un ou varios xornais. Ademáis estaban subscritos por toda galiza a la voz. Hoxe os bares ou non teñen xornais ou o que teñen é o da propia cidade. Acabouse iso de ler la voz en ourense, lugo, pontevedra…
2. Iago soto escrito o 28 de Outubro de 2009 ás 0:31
Sempre me interesou coñecer o dato de número de xornais vendidos en kioscos. Hai tempo que escoitei que en Galicia había 4/5 por debaixo de 1000 exemplares, pero nunca puiden atopalo. ¿alguén o ten a man?
3. Sak escrito o 28 de Outubro de 2009 ás 0:53
O exemplo de soitu é un exemplo de como facendo todo moi ben hai que seguir tendo un grande inversor que o sosteña, basicamente por que o modelo de negocio non está claro. De ahí que siga pensando que o de xornal non é tanta aberración.
4. Marcus escrito o 28 de Outubro de 2009 ás 2:59
#2 Iago, o dato que pides non o podes atopar porque os xornais que venden pouco non están auditados por OJD. Precisamente os rumores que hai por aí sitúan a medios coma Xornal no rango que comentas, pero non hai xeito de verificar tal información, pois a cabeceira de ningún xeito ía confirmar unhas vendas tan ridículas (sería pegarse un tiro nun pé) e para poder desmetilas debería contar cunha auditoría externa que tamén os deixaría quedar en mala situación.
#3 O detallle do investidor en Soitu.es é tamén o motivo do seu peche. Verás, Soitu.es naceu coma un medio modesto, pero cunha infraestrutura bastante grande (xera un tráfico considerable). O que pasa é que perdeu o apoio do BBVA, entidade que ten o 49% das súas accións, e conseguir de súpeto un socio que ocupe ese lugar é complicadísimo. Se non fose porque agardaban manter o respaldo da entidade durante máis tempo tampouco terían adoptado a súa estrutura actual, que non é o suficientemente flexible como para permitir manter o servizo baixo mínimos durante uns meses, agardando a que mellore a conxuntura económica.
Para ter vivo Soitu.es precisan de bastantes profesionais cun nivel técnico considerable, e iso non poden mantelo con catro perras.
Coido que en Galicia puidemos ver varias publicacións en liña con períodos de pausa nos que quedaran practicamente sen cadro de persoal, e hoxe están operativas, pero iso non é posible para infraestruturas grandes, de aí que o caso de Soitu.es posiblemente non sirva de exemplo para a meirande parte dos medios dixitais.
5. Nemigo escrito o 28 de Outubro de 2009 ás 12:06
parece obvio que os xornais NON viven dos subscriptores e dos que os mercan nos quioscos. A publicidade paga a maior parte dos gastos
Iso debería ser posible facelo na rede: renunciar aos cartos dos lectores e quedar ca publicidade. Pero resulta que o mercado na internet é raro, raro, raro…
Non pode ser que as empresas que venden por internet (din que venden) pidan que chames por teléfono para facer un pedido e á hora de pagar che digan que fagas o ingreso nunha conta
Pregúntome se o clon laranxa (menéame) poderá aguantar
6. paulorf escrito o 28 de Outubro de 2009 ás 12:46
Obviamente non podo máis que estar de acordo con Sak no do que o de publicar dúas novas exclusivas antes no papel que na web non sexa tanta aberración, pero claro, eu non son imparcial :-).
De todolos xeitos comentovos o que eu vexo que é o problema na impresa e web: os marxes de publicidade. Na impresa os marxes de publicidade son enormes. So tedes que botarlle unha ollada ás tarifas de prezos de calquera xornal (están online) para unha páxina completa. So con dous deses anuncios superas os ingresos da web nun mes.
Os xornais non son ONGs (aínda que para ben ser deberían) polo tanto hai que mantelos e, como en calquera empresa, tes que buscar a maior rendibilidade.
Ademáis temos o problema de que a publicidade en Internet en España, e en Galicia xa non vos conto non está suficientemente avanzada.
Obviamente as tornas empezarán a cambiar dandolle máis peso á publicidade en Internet pero eso aínda non sucedeu aínda así que toca aguantar co papel e prepararse cada mez millor para o futuro.
De momento a Twitter funcionoulle e a Facebook parece que tamén, pero a Soitu, unha vez perdido o que pon a pasta, non puido aguantar.