Sábado, 12 de Setembro de 2009

O iPod nano evoluciona e o iPod Touch medra

Pepe Carreira
A pasada noite comezou o Expreso de medianoite na Radio Galega e estiven a comentar con Pepe Carreira as novidades que Apple presentou esta semana no tocante aos seus reprodutores multimedia portátiles:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

iPod nano con radio FMO certo é que o cambio do iPod nano foi toda unha sorpresa, pois o feito de que integre cámara de vídeo, micrófono e sintonizador de radio FM é todo un salto evolutivo que supoño que nos vindeiros meses copiarán o resto de trebellos de Apple.
O iPod Touch pola súa banda chega ata un modelo de 64 Gb, o que é toda unha animalada se temos en conta que segue a pesar e medir o mesmo, aínda que admito que con esas capacidades xa dá un pouco de medo, polo feito de que se o perdes deixas no camiño moito material multimedia (aínda que ao aceptar vídeo hai que admitir que é moi práctico, pois así pode acoller tempadas completas de series de televisión para poder repasar os seus episodios durante unha viaxe).

Tamén constatan que o iPod Touch e o iPhone están a competir directamente coa PSP e a Nintendo DS, o que non se nota moito en España (onde o iPhone non ten tanto éxito coma nos EE.UU.) pero os estudos de videoxogos están encantados co novo panorama, pois poden conseguir un retorno do seu investimento case inmediato, de xeito que se fan un xogo rechamante, nun par de semanas acumulan milleiros de vendas conseguen xa beneficios sen ter que esperar unha chea de meses como nas plataformas de distribución tradicionais. Amais, desenvolver para o iPhone é traballar para 1 trebello, e non para corenta formatos distintos coma cando fan xogos xenéricos para o móbil, de aí que non debería pillarnos por sorpresa que Sony vaia lanzar o día 1 de outubro a PSP Go, consola portátil que tirará das descargas dixitais, e da que xa anuncian que é doado portar os xogos de iPhone a esta plataforma (o que supoño que estará feito a posta).

O panorama dos trebellos portátiles non para de evolucionar, aínda que é moi descarado que Apple pisa o freo para dosificar as novidades (supoño que detalles como a radio FM irán pasando pouco a pouco por todos os seus reprodutores). Se a xente segue a picar supoño que fan ben ;)

Venres, 11 de Setembro de 2009

Windows 7: The Final Unicorn

Non sei cal será a intención co anuncio de Windows 7, pero eu ao ver unha presentación con imaxes de animaliños e unicornios ao máis puro estilo do pequeno pony con música de Europe de fondo só podo botar unhas risas:

¿Poderase elixir The Final Countdown coma sintonía de inicio en Windows 7?

Luns, 7 de Setembro de 2009

A radio de Federico, un exemplo a seguir

esRadio.fm
Esta mañá, ou como din eles «el 7 a las 7», botou a andar esRadio, unha emisora de radio que emite na Comunidade de Madrid cunha licenza de seu (quedando a Cope fóra das adxudicacións no concurso público pertinente) e que pode escoitarse no resto de España de diversos motivos, o que fai que a considere unha iniciativa exemplar.
Se deixamos a súa temática e ideoloxía política a un lado temos no día do seu nacemento esRadio xa ten moitas das prestacións que quixeran para si radios con décadas de vida. Así, mentres completan a súa cobertura a través das emisións en FM, pode sintonizarse tanto a través da TDT (si, a TDT ten radio e, de feito, é o mellor xeito de recepción na actualidade de bastantes canles como a Radio Galega, Cadena SER, Onda Cero ou Radio Nacional) como da Internet, sendo especialmente importante a súa plataforma virtual, que combina emisións en directo con streaming baseado en tecnoloxía de Microsoft (Windows Media Audio 9.1 a 40 Kbps, 32 kHz e estéreo) con descargas en MP3 (incluíndo podcasts de cada programa) e incluso teñen unha aplicación para poder escoitar a emisora dende o iPhone (están pendentes da súa aprobación para aparecer na App Store de Apple).
A nova emisora tamén pon doada a participación do público, o que resultará crucial para consolidar audiencia. En definitiva, que están a construír unha plataforma radiofónica que apenas ten igual en España, o que debería facer que os responsables das distintas emisoras botasen un ollo ao que teñen na casa, e decidisen evolucionar dunha vez, pois unha cousa é ter menos funcionalidades na Internet que a SER, e outra quedar moi por detrás da radio de Federico Jiménez Losantos, ¿verdade?

Venres, 4 de Setembro de 2009

Máis parodias pornográficas de series de televisión

parodias porno
Estou bastante mosca, porque tras facer unha parodia porno de Friends, a mesma xente atrévese con The Office XXX e tamén con Rockefeller Plaza (30 Rock na súa versión orixinal), cun título tan orixinal coma 30 Rock A XXX Parody:

Pero a cousa non remata aí, e incluso están a converter este tipo de películas X nun xénero que definen coma sitcums, e que deturpa clásicos como La Hora de Bill Cosby, Apartamento para tres, Embrujada e La Tribu de los Brady. A cousa non sería moi chunga se non fose porque atrevéronse a mancillar a miña prezada Matrimonio con hijos (aproveitade que aínda está en aberto SETenVEO para lembrar a serie) co seu Not Married With Children XXX:

A mesma xente xa está a preparar Not Monday Night Football XXX e confirman non ter cancelas, pois nestes días tamén estarían a producir unha versión pornográfica de Radio Cincinnati, aquela mítica serie que emitían na TVG nos tempos de Magnum e A Muller Biónica, e que destacaba pola súa excelente sintonía:

Segundo parece, a serie estaría maldita, xa que ao contar con tanta música nos seus episodios, lanzala en DVD sería carísimo (hai que pagar os dereitos de reprodución dos temas). Deberían revisar a regulación do copyright para que non pasasen ese tipo de cousas, pois resulta bastante molesto que cando mercamos unha serie en DVD a música non coincida coa que botaban en televisión… e aínda é peor que non poidan comercializar a serie por culpa da música (que nun caso coma o de Radio Cincinnati non pode substituírse por outra alegremente).

« Entradas máis novas

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios