Luns, 21 de Setembro de 2009

Os discos duros multimedia digievolucionan

Kaiboer NMT-K200
O outro día pedíronme consello sobre mercar un disco duro multimedia, e diven que facer algo sen precedentes: detallar que hai unha grande diversidade de trebellos que xa non son tan básicos como hai un ano, senón que agora tamén inclúen alta definición de verdade e gravación de televisión, o que levoume a comentarlle a pasada fin de semana o tema a Pepe Carreira no seu Expreso de Medianoite na Radio Galega:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Lieime bastante coas explicacións, por querer comentar moitas cousas xuntas, pero o que quixera destacar aquí é que agora os discos duros multimedia son auténticas bestias pardas, superiores a moitos ordenadores persoais á hora de reproducir vídeo de alta definición,e cunha alta conectividade, coma podemos comprobar na parte traseira do Kaiboer NMT-K200:
Conexións traseiras do Kaiboer NMT-K200
Poño a esta versión do Popcorn Hour coma exemplo porque na súa versión con 1 Tb de capacidade e Wi-Fi N custa 309 euros, o que é toda unha ganga para un trebello que soporta vídeos en MKV, o resto de estándares de vídeo en alta definición, conectividade de rede e incluso un cliente integrado de BitTorrent (de xeito que podes descargar as túas series favoritas co PC apagado). Pero o mellor de todo é que un monstro coma este custaba hai uns meses case o dobre, polo que sería de agardar que a medio prazo todas estas prestacións normalizaranse para chegar aos discos duros multimedia de 100-200 euros.

Conceptronic CMT2DW
Por outra banda tamén resultan interesantes dispositivos coma o Conceptronic CMT2DW, que pode mercarse con 500 Gb de disco por 335,08 euros, Wi-Fi N e dobre sintonizador de TDT (incluíndo TDT de alta definición) de xeito que pode converterse nun atractivo e cómodo gravador que permite ver unha canle mentres gravamos outra. Tamén soporta os formatos máis habituais de alta definición.

Todos estes produtos o que están a debuxar é un escuro futuro para o Blu-ray, xa que abren a porta á reprodución de MKV, formato que é ao Blu-ray o que no seu día foi o DivX para o DVD, permitindo dar unha calidade caralluda en ficheiros de 8 Gb (que tamén podemos almacenar en discos DVD de dobre capa). Nestes discos duros de alta capacidade (normalmente van de 500 Gb a 2 Tb) podemos meter máis dun cento de películas en alta definición, de xeito que poden afectar á demanda dos soportes físicos (o tempo o dirá).
O soporte de MKV está presente normalmente nos discos duros multimedia de a partires de 200 euros, pero pouco a pouco vai espallándose cara abaixo, polo que supoño que na campaña de Nadal haberá modelos aínda máis atractivos que permitan tirar proveito dos novos televisores de alta definición que ata o momento están mortos de risa ante a falta de contidos con calidade de imaxe.

Venres, 18 de Setembro de 2009

Bos Días á TDT de pago

Esta mañá participei en directo no programa Bos Días da TVG, colaboración que nun principio ten vocación de semanal, e que comezou co asunto ese da TDT de pago:

A ver cómo vai quedando a sección. Espero non aburrir moito á audiencia habitual do programa.
Polo momento o único que podo comentar é que o equipo do programa acolleume moi ben, o que é de agradecer, aínda que continúo a flipar co feito de que sexan quen de facer un programa diario de 6 horas.

Xoves, 17 de Setembro de 2009

Libro de ilustracións para nostálxicos do Spectrum

ZX Spectrum +2En febreiro de 1987, tras unha operación de vesícula biliar, regaláronme un ordenador ZX Spectrum +2, e ese acontecemento marcou o meu futuro levándome finalmente ao sector da Informática, pero nalqueles primeiros anos os ordenadores eran máis inocentes, e a súa principal actividade era a de servir de dispositivos orientados aos xogos. Como curiosidade, ás poucas semanas de ter o Spectrum os xogos pasaron de custar 2.500 pesetas a venderse ¡a 875 pesetas! (se fixeran algo semellante na actualidade o panorama cambiaría bastante).
Portada de SpectrumComo os equipos eran moi básicos, era posible que cun equipo de 2 ou 3 persoas puidese facerse un xogo completo (cando na actualidade hai xogos con centos de persoas involucradas no seu desenvolvemento) o que permitiu que en España florecese unha industria que tivo unha forza incrible entre 1984 e 1991. Pero este fenómeno de producións Made In Spain tiña tres ilustradores case oficiais: José María Ponce (autor de moitas das portadas da revista MicroHobby), Luis Royo (autor das carátulas de xogos coma Game Over ou Hundra) e Alfonso Azpiri (que fixo o propio con títulos coma Army Moves, Lorna, Nonamed ou Viaje al Centro de la Tierra).
Agora temos a fortuna de que Planeta de Agostini vai editar o libro Spectrum, El Arte para videojuegos de Azpiri, que en 128 páxinas recolle todo un repaso polas portadas de videoxogos elaboradas por Alfonso Azpiri. ¿É preciso dicir que xa pedín que me gardaran un en Tanxencias? Só pola súas cubertas xa paga a pena:
cuberta do libro
Para quen non o colla, a imaxe imita o formato que tiñan a portadas das casetes nas que viñan os xogos, que en moitos casos contaban con fases distintas por cada cara (aínda que había que rematar a cara A para obter o código de acceso para a cara B).
A ver se tras este volume atrévense a lanzar unha recompilación semellante de Luis Royo, pois a recuperación de material de Ponce si que parece demasiado complicada (perdinlle totalmente a pista a tal ilustrador).

Mércores, 16 de Setembro de 2009

Leave Michael Jackson alone!!

This Is It
Comezo a estar fartiño do que están a facer con Michael Jackson, pois están a vendelo dun xeito abusivo. ¿Non poderían agardar ao seu cabodano ou ao aniversario de Thriller para volver a pasar por caixa?
Agora andan a voltas coa película This Is It:

De todos os xeitos, estrear no cine unha película-documental sobre Michael Jackson paréceme case suicida. ¿De verdade agardan que a xente pague por ver iso? De botalo na televisión terían audiencia asegurada, pero pagar coma se fose un concerto… dubido que cole.
Supostamente o 28 de outubro tamén vai estrearse a película en España, pero apostaría a que chegar con pouquiñas copias, aínda que igual sorpréndenme e funciona, xa que comentan que Jackson está a ter un grande éxito entre o público infantil que comezou a coñecelo a partires do seu pasamento :o

Domingo, 13 de Setembro de 2009

Chega o San Caralampio a Melide

Tras ver a promoción de True Blood en Cuatro ocorréuseme o seguinte cartel para o San Caralampio (a festa etílica melidense):
San Caralampio 2009
¿Demasiado friki?

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios