Luns, 21 de Setembro de 2009

Os discos duros multimedia digievolucionan

Kaiboer NMT-K200
O outro día pedíronme consello sobre mercar un disco duro multimedia, e diven que facer algo sen precedentes: detallar que hai unha grande diversidade de trebellos que xa non son tan básicos como hai un ano, senón que agora tamén inclúen alta definición de verdade e gravación de televisión, o que levoume a comentarlle a pasada fin de semana o tema a Pepe Carreira no seu Expreso de Medianoite na Radio Galega:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Lieime bastante coas explicacións, por querer comentar moitas cousas xuntas, pero o que quixera destacar aquí é que agora os discos duros multimedia son auténticas bestias pardas, superiores a moitos ordenadores persoais á hora de reproducir vídeo de alta definición,e cunha alta conectividade, coma podemos comprobar na parte traseira do Kaiboer NMT-K200:
Conexións traseiras do Kaiboer NMT-K200
Poño a esta versión do Popcorn Hour coma exemplo porque na súa versión con 1 Tb de capacidade e Wi-Fi N custa 309 euros, o que é toda unha ganga para un trebello que soporta vídeos en MKV, o resto de estándares de vídeo en alta definición, conectividade de rede e incluso un cliente integrado de BitTorrent (de xeito que podes descargar as túas series favoritas co PC apagado). Pero o mellor de todo é que un monstro coma este custaba hai uns meses case o dobre, polo que sería de agardar que a medio prazo todas estas prestacións normalizaranse para chegar aos discos duros multimedia de 100-200 euros.

Conceptronic CMT2DW
Por outra banda tamén resultan interesantes dispositivos coma o Conceptronic CMT2DW, que pode mercarse con 500 Gb de disco por 335,08 euros, Wi-Fi N e dobre sintonizador de TDT (incluíndo TDT de alta definición) de xeito que pode converterse nun atractivo e cómodo gravador que permite ver unha canle mentres gravamos outra. Tamén soporta os formatos máis habituais de alta definición.

Todos estes produtos o que están a debuxar é un escuro futuro para o Blu-ray, xa que abren a porta á reprodución de MKV, formato que é ao Blu-ray o que no seu día foi o DivX para o DVD, permitindo dar unha calidade caralluda en ficheiros de 8 Gb (que tamén podemos almacenar en discos DVD de dobre capa). Nestes discos duros de alta capacidade (normalmente van de 500 Gb a 2 Tb) podemos meter máis dun cento de películas en alta definición, de xeito que poden afectar á demanda dos soportes físicos (o tempo o dirá).
O soporte de MKV está presente normalmente nos discos duros multimedia de a partires de 200 euros, pero pouco a pouco vai espallándose cara abaixo, polo que supoño que na campaña de Nadal haberá modelos aínda máis atractivos que permitan tirar proveito dos novos televisores de alta definición que ata o momento están mortos de risa ante a falta de contidos con calidade de imaxe.

4 comentarios realizados

a gravatar

1. josiño escrito o 22 de Setembro de 2009 ás 12:58

O Popcorn Hour é un dos trebellos que están na miña lista de futuribles.É unha pasada en prestacións.De todas maneiras hai que ter en conta que foi un dos primeiros con estas prestacións,polo tanto esto é un punto en contra xa que xa se sabe que as primeiras remesas na tecnoloxía nuncas foron as mellores.Anque falan tan ben dél pola rede que non sei…

a gravatar

2. Marcus escrito o 22 de Setembro de 2009 ás 13:41

O único que actualmente non ten o Popcorn Hour/Kaiboer é gravación de TDT, pero no resto ten todo o que un usuario pode precisar para ver contidos en alta definición, xunto cunha boa conectividade de Rede.
Iso si, a competencia é moita, e o mellor de todo é que afectará aos prezos. Posiblemente ata Blusens teña dispositivos decentes nesa liña (¿Blu:brain?) aínda que eu continúo a preferir a outros fabricantes.

a gravatar

3. ghanito escrito o 22 de Setembro de 2009 ás 22:34

Hai uns meses pensei en mercar o kaiboer, porén decidín non gastar tantos cartos e mercar un reproductor sen disco duro, o Western Digital HD TV que permite enchufar dous discos (ou pen drives) por algo menos dos 100€ reproduce MKV e ten saida HDMI, saida de son optica e saida por RCA.
Preferín non gastar tanto e agardar á seguinte evolución e aproveitar o disco externo que xa tiña na casa. Eu e tres amigos mais (que o mercaran xa antes ca min) estamos moi contentos co aparello.

a gravatar

4. Marcus escrito o 23 de Setembro de 2009 ás 1:14

Ghanito, o certo é que coa túa adquisición atinaches bastante, pois resulta moi práctica, especialmente se xa tes un disco duro externo.
Penso que o Kaiboer pola súa banda está ben como unha solución integral, que queda instalada no salón e podes esquecerte dela (xa que podes cargarlle os contidos remotamente).
De todos os xeitos, parece evidente que todo este tipo de trebellos están a baixar de prezo a toda velocidade, e poderían popularizarse enormemente. O que estaría moi ben é que os típicos reprodutores de DVD con DivX e USB tamén integrasen soporte de alta definición (MKV) pois así servirían coma alternativas reais ao Blu-ray. Coido que non é soñar moito, pois o MKV está incluído no último estándar oficial de DivX.

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios