Martes, 29 de Setembro de 2009

Receptor de TDT de pago de Airis: ¿en promoción?

Receptor de TDT Premium de Airis
O vindeiro domingo o diario El Mundo distribúe unha cartilla para poder acceder a unha suposta promoción na que, tras xuntar 20 cupóns, pódese mercar un receptor de TDT compatible coa TDT de pago por 69,90 euros, incluíndo a tarxeta de subscrición e un mes de abono a Gol Televisión.
¿Por qué digo que isto é unha suposta promoción? Pois por varios motivos:
- Os receptores non comezarán a distribuirse ata o 4 de novembro (polo que os interesados no fútbol perderanse bastantes partidos agardando)
- A promoción compromete a subscribirse por un mínimo dun ano a Gol Televisión (pagando 14,90 euros + IVE ao mes)
- O receptor de Airis é dos máis básicos, ou sexa, que nas tendas será posible atopar outros equivalentes a un prezo de entre 65 e 75 euros.

En definitiva, que esta oferta de El Mundo non supón un aforro económico, é incómoda (hai que andar coleccionando cupóns durante preto dun mes, facer a súa reserva e ir buscar o trebello a un punto de distribución autorizado) e os prazos de entrega dos receptores non están garantidos (a súa distribución comeza o 4 de novembro), polo que é moi probable que neses prazos os receptores de TDT coa tarxeta de Gol Televisión incluída xa non sexan un produto difícil de atopar nas tendas, de xeito que só recomendo esta promoción a masoquistas.

Domingo, 27 de Setembro de 2009

Os lectores de libros electrónicos buscan oco

Esta fin de semana, no Expreso de medianoite da Radio Galega falei con Pepe Carreira do que eran os lectores de libros electrónicos:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Coido que este tipo de trebellos están chamados a ser unha moda, ou sexa, que no futuro existirán coma dispositivos multi-propósito, ora integrados en teléfonos móbiles, ora en ordenadores portátiles, coma confirma o feito de que o dispositivo de lectura de e-books máis empregado no momento é o iPhone ou que xa están a preparar pantallas de portátiles que combinan dous paneis: un tradicional con imaxes a toda cor, e outro en branco e negro (pensando en poder ler textos incluso baixo a luz do sol).
Nos casos galego e español este mercado atopou un atranco inmenso, que non é outro que a falta de contidos legais para estes dispositivos, xa que a oferta de libros electrónicos en descarga nas nosas linguas é insignificante (se falamos de obras actuais, non da literatura universal). Pero sempre haberá early adopters, e para os que queiran entrar neste mundo teño que comentar o que xa está dispoñible actualmente para España:
lectores de e-books- COOL-ER: lector de 6 polgadas, 8 niveis de gris, carcasas de distintas cores, 170 gramos de peso e un prezo de 225 euros aos que habería que engadir 15 euros de gastos de envío.
- PAPYRE 5.1: lector español de 5 polgadas, 8 niveis de gris, 160 gramos de peso (coido que sen a súa batería de 20 gramos) e un prezo de 229 euros.
- PAPYRE 6.1: lector español de 6 polgadas, 4 niveis de gris, 200 gramos de peso (coido que sen a súa batería de 20 gramos) e un prezo de 299 euros.
- Inves Book-600: lector de El Corte Inglés de 6 polgadas, 8 niveis de gris, 174 gramos de peso e un prezo de 299 euros.
- Hexaglot N518: lector xermano de 5 polgadas, 8 niveis de gris, 190 gramos de peso e un prezo de 279,90 euros aos que habería que engadir 20 euros de gastos de envío. Destacar por ser o único dos mencionados que conta con pantalla táctil, de xeito que serve tanto para subliñar textos como para escribir anotacións (ten recoñecemento de escritura).

Os dispositivos de máis de 600 euros xa nin os menciono (pese a que son os que máis están a vender) pero non podo evitar denunciar que o Papyre 6.1 e o Inves Book-600 parecen unha tomadura de pelo, cun prezo superior ás súas prestacións. O Papyre 5.1, ao incluír os portes no seu prezo, é un bo competidor para o COOL-ER (que pola contra é máis bonito), e o Hexaglot N518 é toda unha sorpresa, pois incorpora unha tecnoloxía que normalmente só está dispoñible para lectores dun prezo bastante superior.
De todos os xeitos, no creo que ningún destes trebellos chegue moi lonxe, pois o normal sería que en Europa replicasen a fórmula de éxito dos EE.UU., con lectores de e-books con conectividade móbil, de xeito que descargariamos os libros a través de 3G directamente dende o dispositivo, o que tamén permitiría funcións como a subscrición a xornais. Todo apunta a que a mediados de 2010 vexamos lanzamentos nesta dirección, polo que os dispositivos que menciono nestas liñas deberán aproveitar o Nadal que vén para colocarse no mercado ou lévano chungo.

Curiosamente, os lectores de e-books poderían levar a moita xente a adquirilos mediante importación como aconteceu no seu día co iPhone, xa que lectores de 5 polgadas coma o Cybook Opus (ou mesmo o COOL-ER) custan alá 250 dólares, o que serían ao cambio 169 euros, prezo que xa comeza a ser atractivo, aínda que para min continúan a ter unha resolucíon moi deficiente (practicamente todos producen unha imaxe de 600 x 800 píxeles, ou sexa, que é o equivalente a colocar en vertical a pantalla dun ultraportátil).

Para rematar non pode evitar incidir no feito de estes chintófanos chámanse lectores de libros electrónicos e non libros electrónicos, ao igual que aos reprodutores de MP3 está mal chamarlles MP3. Nos EE.UU. non cometen tal erro, pero temo que aquí a cousa vai ser bastante distinta.

Venres, 25 de Setembro de 2009

¿Qué ordenador mercar? ¿Portátil ou sobremesa?

Hoxe en Bos Días falamos da difícil elección á hora de mercar un ordenador. A xente tende a deixarse levar por modas ou a estética, e esquece as súas necesidades reais. Para min, o ideal é ter un bo ordenador de sobremesa (ampliable e doado de arranxar) e complementalo cun ultraportátil para poder levalo a todas partes, xa que os portátiles ordinarios son cada vez menos portátiles (cargar cun equipo con pantalla de 17 polgadas é moi incómodo). De todos os xeitos tampouco faltan os usuarios que apostan por equipos todo-en-un, que ocupan pouco no escritorio e incluso son doados de transportar.

Continuamos coa inauguración do consultorio tecnolóxico, co que quedei moi sorprendido, pois a primeira pregunta foi moi técnica, e a segunda demasiado difícil de concretar en pouco tempo (son moitos os elementos a ter en conta á hora de elixir entre Mac ou PC):

O que tampouco podo evitar comentar é que ao volver de Santiago a Coruña aconteceume algo curioso na peaxe da autopista: o home que atendía a caseta quedou petrificado despois de que pagase, e finalmente preguntoume se era o que falara de informática no Bos Días. ¡Menuda risa botei! É a primeira vez que un descoñecido coméntame que me viu na tele.

Mércores, 23 de Setembro de 2009

Unha oportunidade perdida esta noite en Cuatro

Planet Terror
Ás 22:15 horas Cuatro emitirá a película Scary Movie á que seguirá ás 00:15 horas Planet Terror, o que considero que é unha mágoa, pois esta última película forma parte de Grindhouse, proxecto conxunto de Robert Rodríguez e Quentin Tarantino, no que pretendían replicar a fórmula da sesión dobre nos cines de barrio. Se a xente de Cuatro fose valente, botaría as dúas películas seguidas, incluíndo os falsos trailers que as acompañaban a xeito de coña, pois sospeito que a semana que vén emitirán á mesma hora Death Proof (a achega de Tarantino).
Rose McGowan
Sospeito que a xente de Cuatro non programou as dúas películas consecutivas por seren non recomendadas para menores de idade, aínda que xa que teñen os dereitos de emisión poderían aproveitar algún período festivo (Nadal, Semana Santa, verán…) para botar integramente Grindhouse, pois sería un puntazo que puideran replicar en televisión algo que en España non puidemos ver no cine.
Con armas
Por certo, ¿de qué me soa o home armado á dereita da foto? ;)

Martes, 22 de Setembro de 2009

Emily Elbert mete medo versionando a Michael Jackson

Emily ElbertEn Synthtube fan unha recompilación de versións de temas de Michael Jackson feitas por rapaces de todo o mundo, de xeito que afeccionados á música e futuras estrelas renden homenaxe ao Rei do Pop interpretando as súas cancións dun xeito popular. Podemos escoitar así unha curiosa reinterpretación de Black or White, unha versión instrumental e outra acústica de Man In The Mirror e, finalmente, un tema dunha cantante que descoñecía, Emily Elbert, que leva Thriller ao acústico dun xeito maxistral:

Con esa voz non creo que teña moito problema en labrarse unha carreira musical, e de seguro que esta homenaxe a Michael Jackson vai facer que moitos a coñezan, de xeito que a súa aventura de autoedición discográfica poida prosperar ata caer nun selo que a promocione coma cantante.

Luns, 21 de Setembro de 2009

Os discos duros multimedia digievolucionan

Kaiboer NMT-K200
O outro día pedíronme consello sobre mercar un disco duro multimedia, e diven que facer algo sen precedentes: detallar que hai unha grande diversidade de trebellos que xa non son tan básicos como hai un ano, senón que agora tamén inclúen alta definición de verdade e gravación de televisión, o que levoume a comentarlle a pasada fin de semana o tema a Pepe Carreira no seu Expreso de Medianoite na Radio Galega:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Lieime bastante coas explicacións, por querer comentar moitas cousas xuntas, pero o que quixera destacar aquí é que agora os discos duros multimedia son auténticas bestias pardas, superiores a moitos ordenadores persoais á hora de reproducir vídeo de alta definición,e cunha alta conectividade, coma podemos comprobar na parte traseira do Kaiboer NMT-K200:
Conexións traseiras do Kaiboer NMT-K200
Poño a esta versión do Popcorn Hour coma exemplo porque na súa versión con 1 Tb de capacidade e Wi-Fi N custa 309 euros, o que é toda unha ganga para un trebello que soporta vídeos en MKV, o resto de estándares de vídeo en alta definición, conectividade de rede e incluso un cliente integrado de BitTorrent (de xeito que podes descargar as túas series favoritas co PC apagado). Pero o mellor de todo é que un monstro coma este custaba hai uns meses case o dobre, polo que sería de agardar que a medio prazo todas estas prestacións normalizaranse para chegar aos discos duros multimedia de 100-200 euros.

Conceptronic CMT2DW
Por outra banda tamén resultan interesantes dispositivos coma o Conceptronic CMT2DW, que pode mercarse con 500 Gb de disco por 335,08 euros, Wi-Fi N e dobre sintonizador de TDT (incluíndo TDT de alta definición) de xeito que pode converterse nun atractivo e cómodo gravador que permite ver unha canle mentres gravamos outra. Tamén soporta os formatos máis habituais de alta definición.

Todos estes produtos o que están a debuxar é un escuro futuro para o Blu-ray, xa que abren a porta á reprodución de MKV, formato que é ao Blu-ray o que no seu día foi o DivX para o DVD, permitindo dar unha calidade caralluda en ficheiros de 8 Gb (que tamén podemos almacenar en discos DVD de dobre capa). Nestes discos duros de alta capacidade (normalmente van de 500 Gb a 2 Tb) podemos meter máis dun cento de películas en alta definición, de xeito que poden afectar á demanda dos soportes físicos (o tempo o dirá).
O soporte de MKV está presente normalmente nos discos duros multimedia de a partires de 200 euros, pero pouco a pouco vai espallándose cara abaixo, polo que supoño que na campaña de Nadal haberá modelos aínda máis atractivos que permitan tirar proveito dos novos televisores de alta definición que ata o momento están mortos de risa ante a falta de contidos con calidade de imaxe.

Venres, 18 de Setembro de 2009

Bos Días á TDT de pago

Esta mañá participei en directo no programa Bos Días da TVG, colaboración que nun principio ten vocación de semanal, e que comezou co asunto ese da TDT de pago:

A ver cómo vai quedando a sección. Espero non aburrir moito á audiencia habitual do programa.
Polo momento o único que podo comentar é que o equipo do programa acolleume moi ben, o que é de agradecer, aínda que continúo a flipar co feito de que sexan quen de facer un programa diario de 6 horas.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero