Sábado, 15 de Agosto de 2009

Volve a TDT de pago a España

O sector audiovisual está a ferver, pois o Goberno, contra toda lóxica aprobou a volta da TDT de pago a España mediante un Real Decreto Lei tramitado pola vía de urxencia cando o non había ningún motivo de interese xeral para facer iso (o único interese era particular, e as leis non deberían ser para beneficiar a empresas puntuais).
E, ¿por qué digo que volve a TDT de pago? Pois porque a TDT de pago en España é anterior á TDT en aberto, e foi cousa da compañía Quiero TV, que tivo que pechar ante as dificulades para manter o seu negocio. A cousa quedaría como estaba se non fose pola coñecida guerra do fútbol.

Pero agora comeza o culebrón: ¿qué vai pasar en setembro? Polo de pronto xa temos que a canle Hogar10 desapareceu onte para ser substituído por Gol TV, e para setembro tamén caerá Veo TV para deixar espazo a AXN. O carallo é que para poder recibir estas emisións non valen os receptores que temos na casa, o que xa criticou moi atinadamente J.R. Mora:
Compre para pagar
Veña, ¡todos a coleccionar trastos electrónicos na casa! ¿Por qué non pensaron nisto dende o principio? ¿Por qué están a facer unha escalada no lanzamento da TDT? Este lanzamento progresivo paréceme moi pouco atinado, pois as posibilidades da plataforma son moitas, pero se imos meténdoas pouco a pouco liámola.
Nun principio os receptores de TDT poden ter funcións como as seguintes:
a) sintonización de TDT en definición estándar
b) funcións adicionais básicas (teletexto, EPG…)
c) gravación (en disco duro, tarxetas de memoria ou DVD+R)
d) saída de vídeo en alta definición
e) lector de tarxetas de acceso condicional a canles de pago
f) sintonización de TDT en alta definición (MPEG-2 e MPEG-4)
g) servizos interactivos (MHP)
O problema é que na actualidade a meirande parte dos trebellos teñen só a) e b), mentres que cada vez máis contan tamén con c) e d), pero o resto de opcións deberían estar presentes se queremos unha TDT completa, o que a este ritmo tardaremos moitos anos en acadar. Ao final o salto do analóxico ao dixital parece cada vez máis o paso do branco e negro á cor :(

Deco de TDT con lector de tarxetas
Volvendo ao práctico, nun principio temos que para recibir algunhas das novas canles (que por desgraza matan a canles de balde) hai a opción de adquirir por uns 60 euros un receptor con lector de tarxetas, que incluirá unha tarxeta de abono cun mes incluído (os prezos e as ofertas aínda non son oficiais), de xeito que os que queiran gozar do fútbol a diario deberán pagar 14,90 €/mes, mentres que por AXN o prezo sería duns 8 €/mes. Nun principio, servirán os mesmos receptores para ambas canles, pero posiblemente será preciso empregar distintas tarxetas, o que sería un coñazo, polo que parece ser que a comercialización será conxunta.
De todos os xeitos, coido que AXN coma canle de pago vaino ter moi difícil, pois só cunhas poucas series é complicado animar á xente a pagar unha cota mensual. Para facer viable a oferta debería incrementar a presenza de películas, o que dubido que fagan.

E, se teño un televisor con TDT integrado, ¿tamén preciso mercar un receptor externo? Pois non, pero a cousa tampouco sae de balde, pois hai que mercar unha tarxeta PCMCIA (ou CAM):
Tarxeta nunha PCMCIA
Na tarxeta PCMCIA introdúcese a tarxeta de abonado da canle de televisión e logo insírese nunha fenda que habitualmente teñen os televisores na súa parte traseira (debería estar presente en calquera televior vendido a partires de xaneiro de 2008):
PCMCIA na fenda CI
Precisamente esta opción é a que dá a entender que Gol TV e AXN deberían facer uso do mesmo sistema de tarxetas, para que o usuario non teña que andar pondo e quitando tarxetas de abonado da parte traseira do televisor (o que sería incomodísimo).
Segundo parece, Dahlia TV sería a compañía encargada de montar toda esta plataforma, de xeito que si podería existir unha tarxeta única e incluso a posibilidade de paquetes (contratar Gol TV e AXN sería máis barato que a sumas das cotas de ambas canles). Tamén sería posible a incorporación de contidos de pagamento por visión (PPV) de xeito que incluso poidamos pagar a través SMS un partido de fútbol ou unha película (incluso porno), polo que algunha canle máis tamén podería sumarse á TDT de pago en breve. De feito, ata hai pouco falaban de que dende o primeiro momento habería 3 canles de pago. Agardo que a 3ª teña algo interesante que ofrecer, porque, polo momento, a cousa parece bastante pobre.

Como eu non vía Hogar10 (canle cutre como ela soa) e o fútbol non me interesa en absoluto, isto da TDT de pago déixame bastante indiferente. De todos os xeitos, aconsellaría aos interesados a que miren moito o dos receptores de TDT para as canles de pago, pois sospeito que eses trebellos a 60 euros que anuncian non están preparados para a alta definición nin para os servizos interactivos, polo que serían un trasto máis na casa, con pouco futuro. Como mínimo recomendaría buscar un trebello con opcións de gravación.

NOTA: As novas canles tamén poderían incorporarse á oferta de pago de operadores coma R (de feito, AXN xa está presente na grella de R e Gol TV na de ONO).

3 comentarios realizados

a gravatar

1. Pacha escrito o 15 de Agosto de 2009 ás 20:11

Espero que AXN sustituia a Tienda en VEO (bastante xa teño con ésta, CanalClub e Cincoshop) e non a Sony Entertaiment (SETenVEO), porque se non xa me vou mentar en moitas persoas

O de Gol TV, ó menos beneficia, porque Hogar 10 vaia truño de canle… aunque máis pena me deu coa desaparición dos canles de NetTV (especialmente FlyMusic..!!ESE SÍ QUE ERA UN GRAN CANLE!!!… pero que se lle vai facer.. creo que pode funcionar, sempre e cando Audiovisual Sport non poña algunha denuncia XDXD

AXN penso que vaille costar porque, efectivamente, ps poucas series boas, case que a xente xove prefire ver as series.. por medios “ciberlegais” (é dicir, PC + ADSL)

E agora as dúbidas

1. ¿Para cando as emisions en TDT de Television Rías Baixas? Porque sei que o canle ten licencia e xa o anuncia polo canle

2. ¿Sábese que máis canles poden chegar á TDT de pago?

3. Suxerencia para os directivos das canles de TDT : Animax en TDT !!E GRATIS!!!

a gravatar

2. Nemigo escrito o 15 de Agosto de 2009 ás 22:02

televes xa ten un desco pra tv de pago

Supoño que non é doado saber hacia onde vaia a tv dixital. Non é doado decidir qué tecnoloxía empregar. Está claro que se o precio actual dun desco é de uns 50 euros pois o custe é asumible. Outra cousa son as tv con desco integrago aí…

De tódolos xeitos moitos usuarios non queren saber nada da tv de pago polo que istas novas non son tal

a gravatar

3. Marcus escrito o 16 de Agosto de 2009 ás 17:07

Pacha, AXN nun principio vai substituír a unha canle de Veo (dixeran a Veo TV, pero coido que realmente vai ser SETenVEO a que desapareza, porque é a canle irmá de AXN, ambas xestionadas por Sony) pero non pode ocupar a teletenda da cadea porque é ilegal (a camuflaron coma servizo interactivo, o que é unha mentira).
Coincido en que Fly Music estaba ben.

1- Sobre as canles de TDT de ámbito local, por Santiago levan un tempo funcionando, as de Coruña estarán antes de rematar o ano, e o resto das galegas deberían comezar a funcionar a primeiros de 2010 a máis tardar. Realmente tiñan que ter comezado todas en dixital o 1 de xaneiro de 2008, polo que non poden dicir agora que non teñen tempo antes do apagamento de abril de 2010.

2- Hai rumores de que podería haber unha canle máis dedicada ao porno, pero non acabo de crelo. A carallada do pago é que só poden aposar por esa fórmula as canles privads que teñen varias canles adxudicadas, polo que deixa a moitas compañías fóra. Supoño que tanto Telecinco como Antena 3 farán algo, pero igual agardan un pouco para ver se paga a pena, pois mentres non haxa unha boa cantidade de receptores compatibles non debe de compensar perder unha canle con publicidade para pasar á fórmula de pago. Lembemos que Disney está a facer moitos máis cartos agora en aberto do que facía coas distintas canles en Digital+ antes.

3- Vas dado se cres que van incrementar a oferta de programación infantil/xuvenil, e menos competindo coas canles actuais (varias das series de Animax emítense en aberto a través da oferta actual).

Nemigo, non só Televés ten un receptor compatible coa TDT de pago, senón que o teñen case todos os fabricantes, pero non os comercializaban ata o momento porque non había ningunha demanda dos mesmos.
Aínda que haxa moitas tecnoloxías da TDT dixital, tanto a alta definición en MPEG-4, o pago por visión ou os interactivos (MHP) estaban no punto de mira dende o comezo, pero prefiriron pasar do asunto para que a TDT entrase a máis velocidade, o que a longo prazo parece que está a ser contraproducente, pois frea o avance tecnolóxico. Calquera que merque hoxe un televisor novo Full HD acordarase da familia dos que tomaron as decisións nos últimos anos, pois nin sequera estamos a gozar de emisións en panorámico (agás en retransmisións deportivas).

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios