Sábado, 15 de Agosto de 2009

Volve a TDT de pago a España

O sector audiovisual está a ferver, pois o Goberno, contra toda lóxica aprobou a volta da TDT de pago a España mediante un Real Decreto Lei tramitado pola vía de urxencia cando o non había ningún motivo de interese xeral para facer iso (o único interese era particular, e as leis non deberían ser para beneficiar a empresas puntuais).
E, ¿por qué digo que volve a TDT de pago? Pois porque a TDT de pago en España é anterior á TDT en aberto, e foi cousa da compañía Quiero TV, que tivo que pechar ante as dificulades para manter o seu negocio. A cousa quedaría como estaba se non fose pola coñecida guerra do fútbol.

Pero agora comeza o culebrón: ¿qué vai pasar en setembro? Polo de pronto xa temos que a canle Hogar10 desapareceu onte para ser substituído por Gol TV, e para setembro tamén caerá Veo TV para deixar espazo a AXN. O carallo é que para poder recibir estas emisións non valen os receptores que temos na casa, o que xa criticou moi atinadamente J.R. Mora:
Compre para pagar
Veña, ¡todos a coleccionar trastos electrónicos na casa! ¿Por qué non pensaron nisto dende o principio? ¿Por qué están a facer unha escalada no lanzamento da TDT? Este lanzamento progresivo paréceme moi pouco atinado, pois as posibilidades da plataforma son moitas, pero se imos meténdoas pouco a pouco liámola.
Nun principio os receptores de TDT poden ter funcións como as seguintes:
a) sintonización de TDT en definición estándar
b) funcións adicionais básicas (teletexto, EPG…)
c) gravación (en disco duro, tarxetas de memoria ou DVD+R)
d) saída de vídeo en alta definición
e) lector de tarxetas de acceso condicional a canles de pago
f) sintonización de TDT en alta definición (MPEG-2 e MPEG-4)
g) servizos interactivos (MHP)
O problema é que na actualidade a meirande parte dos trebellos teñen só a) e b), mentres que cada vez máis contan tamén con c) e d), pero o resto de opcións deberían estar presentes se queremos unha TDT completa, o que a este ritmo tardaremos moitos anos en acadar. Ao final o salto do analóxico ao dixital parece cada vez máis o paso do branco e negro á cor :(

Deco de TDT con lector de tarxetas
Volvendo ao práctico, nun principio temos que para recibir algunhas das novas canles (que por desgraza matan a canles de balde) hai a opción de adquirir por uns 60 euros un receptor con lector de tarxetas, que incluirá unha tarxeta de abono cun mes incluído (os prezos e as ofertas aínda non son oficiais), de xeito que os que queiran gozar do fútbol a diario deberán pagar 14,90 €/mes, mentres que por AXN o prezo sería duns 8 €/mes. Nun principio, servirán os mesmos receptores para ambas canles, pero posiblemente será preciso empregar distintas tarxetas, o que sería un coñazo, polo que parece ser que a comercialización será conxunta.
De todos os xeitos, coido que AXN coma canle de pago vaino ter moi difícil, pois só cunhas poucas series é complicado animar á xente a pagar unha cota mensual. Para facer viable a oferta debería incrementar a presenza de películas, o que dubido que fagan.

E, se teño un televisor con TDT integrado, ¿tamén preciso mercar un receptor externo? Pois non, pero a cousa tampouco sae de balde, pois hai que mercar unha tarxeta PCMCIA (ou CAM):
Tarxeta nunha PCMCIA
Na tarxeta PCMCIA introdúcese a tarxeta de abonado da canle de televisión e logo insírese nunha fenda que habitualmente teñen os televisores na súa parte traseira (debería estar presente en calquera televior vendido a partires de xaneiro de 2008):
PCMCIA na fenda CI
Precisamente esta opción é a que dá a entender que Gol TV e AXN deberían facer uso do mesmo sistema de tarxetas, para que o usuario non teña que andar pondo e quitando tarxetas de abonado da parte traseira do televisor (o que sería incomodísimo).
Segundo parece, Dahlia TV sería a compañía encargada de montar toda esta plataforma, de xeito que si podería existir unha tarxeta única e incluso a posibilidade de paquetes (contratar Gol TV e AXN sería máis barato que a sumas das cotas de ambas canles). Tamén sería posible a incorporación de contidos de pagamento por visión (PPV) de xeito que incluso poidamos pagar a través SMS un partido de fútbol ou unha película (incluso porno), polo que algunha canle máis tamén podería sumarse á TDT de pago en breve. De feito, ata hai pouco falaban de que dende o primeiro momento habería 3 canles de pago. Agardo que a 3ª teña algo interesante que ofrecer, porque, polo momento, a cousa parece bastante pobre.

Como eu non vía Hogar10 (canle cutre como ela soa) e o fútbol non me interesa en absoluto, isto da TDT de pago déixame bastante indiferente. De todos os xeitos, aconsellaría aos interesados a que miren moito o dos receptores de TDT para as canles de pago, pois sospeito que eses trebellos a 60 euros que anuncian non están preparados para a alta definición nin para os servizos interactivos, polo que serían un trasto máis na casa, con pouco futuro. Como mínimo recomendaría buscar un trebello con opcións de gravación.

NOTA: As novas canles tamén poderían incorporarse á oferta de pago de operadores coma R (de feito, AXN xa está presente na grella de R e Gol TV na de ONO).

Venres, 14 de Agosto de 2009

Os G.I. Joe tamén teñen sentimentos

¿Alguén dubidaba da sensibilidade dos soldados de G.I. Joe? ¿E do seu talento musical? Pois para matar a dous paxaros dun tiro, velaquí tendes The Ballad of G.I. Joe:

Ver letra ▼

¿Recoñecedes a Destro e á Baronesa? ¡Son Vinnie Jones e Olivia Wilde (13 en House)! ¡Arriba eses clarinetes!
Tamén saen Alan Tudyk, Ben Stiller, Henry Rollins e Julianne Moore (entre outros) polo que podemos asegurar que o casting do vídeo ¡é de máis peso que o da película!

Mércores, 12 de Agosto de 2009

O casting segredo de Star Wars

A xente do cine quere aproveitar as súas influenzas para cousas tan mundanas coma ligar ou ver mozas con pouca roupa, e coma exemplo filtraron á Internet o casting de Star Wars no que raparigas en bikini optaban polos papeis máis representativos da obra de George Lucas:

Se queredes seguir rindo con cousas polo estilo, tamén fixeron o mesmo con Pulp Fiction e coa mítica O Gran Lebowski (por suposto, non faltan as frases míticas de Turturro). De seguro que todo iso é culpa dos putos nihilistas de los cojones.

Martes, 11 de Agosto de 2009

Viñetas desde o Atlántico en RadioVoz

SamiEsta mañá Fernando Molezún entrevistou en Voces de Galicia de RadioVoz a un tal Juan Carlos Sanmiguel, que seica é o nome que os pais puxeron a Sami ;) , para falar da que están a armar no contorno das casetas desta edición de Viñetas desde o Atlántico.
Aínda que Sami non bota sal á ferida, queda claro que houbo un problema de coordinación e hoxe mesmo aínda non estará todo ao 100%. De todos os xeitos, e aínda que os frikis esteamos un tanto marxinados, a cousa ten pinta de que vai resultar divertida,e ao final é o que importa.
Iso si, botar unhas partidas aos videoxogos paréceme ben, especialmente ao Guitar Hero (¡teñen unha recreativa do xogo no centro comercial El Puerto!), pero agardo que o xogo de loita elixido finalmente non sexa Tekken (ata que chegue o Tekken 6 estamos ante un título exclusivo de Sony). ¿Sería moito pedir o Street Fighter IV?
Tedes a intervención completa de Sami a continuación:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Unha revista norteamericana continúa estafando

Cando botamos unhas risas coa pifia de tradución de La Voz na que chamaban Estafe á revista Time supoño que non agardábamos que a historia fose a repetirse:
Revista Estafe en La Voz
Pero sendo xustos teño que avisar de que o fallo só aparece no titular porque Time aparece coma cita (o que é unha falta ortográfica). No corpo da nova o tradutor compórtase ben, polo que dá a impresión de que o foron pulindo.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios