Domingo, 26 de Xullo de 2009

A débeda municipal volve á actualidade melidense

Esta mañá lin en La Voz de Galicia a seguinte nova:

La ex alcaldesa de Melide acusa al gobierno bipartito de haber triplicado la deuda en dos años

La ex alcaldesa de Melide y actual portavoz del grupo municipal del PP, Ánxeles Vázquez, denunció ayer «a desastrosa xestión económica do goberno municipal e pedirá a dimisión de Socorro Cea o vindeiro luns ás 9 da mañá». Ánxeles Vázquez acusa a Cea, la alcaldesa respaldada por el bipartito BNG-PSOE, de «mentir e ocultar información e de levar ao Concello á bancarrota triplicando a débeda en tan so dous anos».

La solicitud de dimisión, según la anterior detentadora del bastón de mando en Melide, es porque «tres semanas despois de aprobar o orzamento municipal, convoca un pleno extraordinario para pedir un novo préstamo de 1,3 millóns de euros que non ía incluido nos presupostos».

Un pleno, además, al que el grupo popular ha sido convocado el viernes «sen ter ningunha información previa e ás nove da noite para asistir o luns ás nove da mañán», dice Ánxeles Vázquez.

La portavoz popular melidense, quien acaba de estimar «unha tomadura de pelo» el nombramiento del ministro José Blanco como Fillo Adoptivo de Melide por haber acercado a la localidad la futura autovía Lugo-Santiago, sostiene que la convocatoria de este último pleno extraordinario se ha realizado «sen dar ao PP ningún tipo de documentación e sen ser convocados á comisión informativa, tal e como establece a lei».

Según Ánxeles Vázquez, «isto non ocorre en ningunha parte e unha vez máis Socorro Cea demostra que fai unha política escura, engana aos melidenses e está levando ao Concello a unha situación insalvable xa que en dous anos a débeda multiplicouse por tres, a pesar de non facer absolutamente nada, agás subirse eles os soldos en preto de 60.000 euros e destinar a persoal 400.000 euros máis ca o PP».

Depois, ao saír á rúa a facer uns recados, decateime de que había carteis sobre o tema no contorno do cruce da vila (a nota ao pé da fotografías pareceume pouco digno):
Cartel sobre a débeda

A ver se o entendín ben: ¿este luns hai un pleno municipal ás 9:00 horas? Porque a semana pasada houbo outro pleno, e aínda que foi extraordinario e urxente anunciouse na páxina web do Concello e desta volta non hai nada sobre o asunto (agás no blog do Partido Popular local, onde incluso teñen o documento coa convocatoria do pleno). Non queda bonito que se anuncien cousas anecdóticas e non dean a coñecer as xuntanzas importantes.
Supoño que o préstamo é necesario, e por iso fan o pleno extraordinario, pero tamén parece razoable criticar que fagan todo isto fóra do ordinario cando falamos de cantidades tan elevadas.

Cambiando de tema, e aproveitando que isto vai da política melidense, o meu irmán avisoume dunha pifia en El Progreso de onte que resulta un tanto curiosa:
Pifia en El Progreso

Como vedes, chaman ao tenente de alcaldesa de Melide Manuel Campo en vez de Manuel Prado, o que sospeito que é obra dun tradutor automático (posiblemente a nova orixinal estaba en galego, e accidentalmente cambiose o apelido), pois prefiro pensar que o fallo está nun sistema automatizado e non no elemento humano. Iso si, tería sido máis gracioso que chamaran Manuel Bosque ao ex presidente da Xunta de Galicia.

ACTUALIZACIÓN (27-7-2009): Na páxina web do Concello detallan o acordado en pleno esta mañá:

DESBLOQUEO DA DÉBEDA FINANCEIRA
O Concello de Melide aproba o seu Plan de Saneamento Financeiro e un préstamo para pagar facturas antes de un mes

A corporación municipal, co voto en contra do Partido Popular, aprobou esta mañá o Plan de Saneamento e tamén a solicitude dun préstamo de 1,3 millóns de euros para o pago de facturas. No prazo máximo de un mes todas as facturas pendentes no Concello de Melide anteriores a 31-12-2008 serán abonadas a empresarios e autónomos.

pleno do ConcelloO Concello de Melide celebrou esta mañá unha sesión plenaria “importantísima para o pagamento das facturas pendentes que ten o Concello con empresas e autónomos”, segundo presentou o concelleiro de Facenda, Antonio Díaz. No pleno de hoxe o equipo de goberno –BNG/PSdG– sacou adiante, co voto en contra do Partido Popular, a aprobación dun préstamo que suporá o pago de todas as facturas pendentes no Concello en data anterior a 31-12-2008.
Este importante paso será posible ao abeiro do Decreto Lei 5/2009 de medidas extraordinarias e urxentes para sanear as débedas pendentes das entidades locais con empresas e autónomos, que permite por vez primeira aos concellos de todo o Estado realizar operacións de préstamo coa única finalidade de pagar as facturas que poida haber atrasadas de pago nos concellos. O Concello de Melide acolleuse a este decreto a través da aprobación dun préstamo para o que foron convidadas todas as entidades bancarias con sede en Melide. Nas propostas, foi Caixa Galicia a entidade que presentou a mellor oferta, e por tanto será a entidade coa que Concello asinará esta mesma tarde o préstamo, que ascende a 1.323.770 euros.
Na presentación dos datos económicos, o concelleiro de Facenda, o nacionalista Antonio Díaz, destacou que “con esta aprobación de préstamo, o Concello de Melide poderá pagar todas as facturas que ten pendentes de anos anteriores e que supoñen unha das principais preocupacións deste equipo de goberno, por ser o tecido empresarial e comercial de Melide o principal alicerce económico deste concello”.

Situación económica arrastrada

O responsable local de Facenda lembrou que no momento no que o BNG asumiu a Alcaldía de Melide, en xuño de 2007, existía unha débeda en facturas de 1,8 millóns de euros, moitas delas aínda pertencentes aos exercicios de 2004, 2005 ou 2006. O edil lembrou que algunhas das facturas pendentes eran do subministro eléctrico do que quedou sen pagar polo anterior goberno do PP un total de 180.000 euros. Tamén o novo goberno de Melide tivo que empezar a pagar a finais do ano 2007 os dous préstamos solicitados polo goberno do PP nos anos 1999 e 2004 por un importe total de 1.051.000 de euros, posto que os populares non amortizaron no seu mandato nin un so céntimo destes préstamos. A este respecto, o concelleiro nacionalista lembrou que “herdouse a débeda íntegra de dous préstamos do PP, e hoxe é este goberno o que lle está facendo fronte”.
Por outra parte, o pleno desta mañá tamén aprobou un plan de saneamento financeiro, co informe favorable do departamento de Intervención, e que se fará realidade despois de que fose demandado unha e outra vez por este departamento dende o ano 2004 en reiterados informes técnicos. O Plan de Saneamento Financeiro marcará as pautas para un sistema de control de gasto e corrixirá os datos negativos que se veñen arrastrando na facenda local dende hai xa varios anos.

Agora queda agardar a ver se é verdade que co novo préstamo poden pagar todas as facturas (..) pendentes de anos anteriores, pois entón poderiamos falar de borrón e conta nova (aínda que cunha importante débeda bancaria). Supoño que nos vindeiros meses iremos coñecendo detalles sobre todo isto (principalmente por parte das empresas locais ás que o Concello debe cartos).

19 comentarios realizados

a gravatar

1. lavrego escrito o 27 de Xullo de 2009 ás 9:55

Non é moi de fiar a versión que dá o PP. O lóxico é que empreguen toda a enerxía e esforzos para derrubar ao BNG como cabeza do goberno local. Mais a comparativa de datos debera ser nos mesmos termos e a débeda comparala por bloques, cando menos comparar o líquido dispoñíbel e a capacidade do concello para afrontar as débedas. A maiores debérase ter en conta que as débedas actuais son en grande parte contraidas cos bancos e moito menos con provedores locais, mais neste último caso a data na que se contrae a débeda non é tan lonxana como foi co outro goberno, polo que os veciños deberían ter en conta se prefiren que se lles dea traballo, a forza de endebedar o concello agora. Ou se pola contra prefiren un concello limpo (como dicía Blanco o Alcalde de Negreira : Tenemos los cuartos en el Banco entre outras lindezas) pero que non mellora as súas infraestruturas nin xera emprego (coa limitación que o noso concello ten) Tamén se lle pode Preguntar ao PP se eles van reducir a débeda a conta de recurtar os salarios dos traballadoresdo concello (dignificados por este goberno) para reducir custos. E tamén se lle pode preguntar ao PP se eles non están contribuindo axerar máis débena ao encirrar a aqueles traballadores despedidos, para que denuncien ao concello por cantidades que ao meu entender non merecen (mais sí o entendeu o xulgado). Se o PP gobernase, seguro que asituación non estaba mellor e seguro que se defendía enérxicamente, máis para eles estar fora do goberno mentres se sanean as contas, é un alivio. De ter seguido 4 anos máis ianse queimar máis do que xa o fixera Migue Pampín.

Per deixemos andar o tempo e se por casualidade o BNG e o PSOE perden o goberno, xa veremos a onde nos levan os do PP. De momento temos 2 anos para ver o que está a facer a nova Xunta por Melide, xa me tarda o tempo para pedirlle explicacións a Angeles pola xestión que o PP está a facer da Xunta.

Por certo e a xeito de anécdota: Chámase Angeles ou Anxeles, por que agora coa nova política lingüística da xunta, iso é merecente de escarnio por parte dos seus.

a gravatar

2. carlinhos escrito o 27 de Xullo de 2009 ás 11:29

A ver, este comentario debe entenderse nun contexto de noxo: o que sinto pola política e polos políticos.

Partindo desta base digo: ben Marcus, gústame como tratas este tipo de información. Lavrego: non entro en valoracións políticas en canto á débeda. Dis “temos 2 anos para ver o que está a facer a nova Xunta por Melide”: xa vimos o que fixo a do bipartito… E dis “Por certo e a xeito de anécdota: Chámase Angeles ou Anxeles, por que agora coa nova política lingüística da xunta, iso é merecente de escarnio por parte dos seus.” E dígoche que ante o tema da normativización e da normalización levei unha grande decepción co bipartito: maltrataron o galego a niveis de normativización. Non dignificaron a lingua en ningún momento: queda moi ben dicir que eres do BNG e logo falar galego con castelanismos. NINGÚN POLÍTICO (calquera que sexa o partido) FALA GALEGO CORRECTAMENTE. Unha mostra: despois de presumir que o bipartito gastara non sei cantos cartos en normativizar, normalizar e fomentar o uso do galego, fixeron uns traxes novos para os equipos de extinción de incendios nos que poñía no peto da parte superior da funda “PEÓN MÓVIL”, cando todos os GALEGOS sabemos que é MÓBIL. Este é tan só un detalle de como os nosos políticos actúan en canto á lingua. Nin os do PP (os primeiros espadas) nin os do PSOE nin sequera os do BNG (vergoña…) o usan correctamente, así que non presuman de falar ben galego por ser inherente á súa condición de nacionalistas, porque non é así.

Un saúdo Marcus!

a gravatar

3. melidense escrito o 27 de Xullo de 2009 ás 12:50

Coma sempre o PP segue mintindo sobre a política municipal de Melide. Toman os datos e transformaos para os seus intereses políticos. O crédito que pediu o Concello é parte do programa estatal para reducir ás débedas dos concellos que teñen cos provedores, polo tanto para pagar facturas. Preguntome o PP non quere que o Concello pague as facturas ás empresas? Espero que sí, xa que tanto alardean de que eles defenden tanto ao empresariado.
Só espero que o grupo da oposición faga oposición responsable e non política destrutiva co único obxectivo de volver ao goberno.

Por certo o BNG de melide xa ten web http://www.bng-galiza.org/melide

a gravatar

4. Marcus escrito o 27 de Xullo de 2009 ás 14:28

#1 Polo que eu sei, chámase Ángeles. Non entendo a teima de algúns en cambiarlle o nome.
Sobre a explicación sobre os préstamos bancarios, coido que é algo que debería facer publicamente o Concello, e non ter que agardar a que a oposición fale do tema.

#2 O de que os políticos falen fatal o galego é unha vergoña, pois incluso meten o zoco nos discursos, cando estes pasan revisión lingüística. Vaia, que ninguén escribe cousas coma crisi, por citar un exemplo.

#3 Alédame ver que o BNG melidense xa ten un espazo na web do seu partido, pero non parece ser público nin contar con contidos propios. Polo momento só ten 2 novas melidenses (1 e 2) que teñen toda a pinta de ser de proba. Vaia, que trátase dun espazo en construción que supoño que presentarán en sociedade pronto (de xeito que poderemos acceder a tal web dende a combo box de Concellos da páxina principal).

a gravatar

5. fandinho escrito o 27 de Xullo de 2009 ás 15:58

segundo o boletín oficial Boletín Nº 94. do 25 de abril de 2007, a señora esta do PP de Melide chámase “MARÍA ÁNGELES VÁZQUEZ MEJUTO”.
O da manía de traducir os nomes ao galego, ven moi de atrás, e só responde ao complexo dos partidos españois de sentirse menos galegos que o principal partido galego, no cal moit@s (non tod@s os que deberían) das súas e dos seus dirixentes teñen o nome en galego.

Con respecto ao da débeda, e vaia por diante que non coñezo o caso de Melide concretamente, este tipo de casos soen pivotar sobre dúas cuestións:
a débeda real e os empréstimos.
E no caso dos concellos e igualiño que o caso das persoas:

Unha cousa é deberlle cartos a un banco de maneira legal e regular, (ter un empréstimo que vas saldando mensualmente), pagar calquer produto a prazos, etc. e outra ben diferente e deixar a pufo, non pagar o que adquires.
Pois no caso dos concellos a cousa é similar.
Unha cousa é ter facturas “no caixón” pendentes de pago, é dicir, ser unha administración pufeira, e outra cousa é ter débedas cos bancos.
Na maioría dos casos, o segundo bebe directamente do primeiro.

Cando unha administración vai deixando sen pagar obras e servizos, corre o risco de quedarse sen quen lle realice as obras e servicios no futuro, cando se chega a unha situación insostíbel, ou cando por hixiene e responsabilidade democrática se lle quere facer fronte a estas débedas acumuladas de maneira cando menos pouco transparente unha administración vese na obriga de acudir a un banco a pedir unha cantidade, como faría calquer de nós.

Eu atreveríame a apostar que se eses datos son certos, a cousa vai por aí.

a gravatar

6. Miratu escrito o 28 de Xullo de 2009 ás 1:26

Lavrego, segun o teu razonamento, o Concello despide traballadores, os traballadores denuncian, o xulgado da a razon os traballadores, e a culpa e do PP??
Un gran razonamento.
Se un xuiz deu a razon, por algo será. O que ti creas ou eu pense, non importa, o que importa e que foron despedidos de forma improcedente (eso dixo o xuiz en todolos casos, canta coincidencia, será do PP???)

a gravatar

7. FIZ escrito o 28 de Xullo de 2009 ás 11:39

MARCUS…fora do fío…e ainda que con un mínimo retraso…parabéns!!!!
….compartimos data de aniversario…..De hoxe nun ano…..

SALUD…!!!

a gravatar

8. Marcus escrito o 28 de Xullo de 2009 ás 12:10

Graciñas e parabéns a ti tamén, Fiz.

a gravatar

9. fandinho escrito o 28 de Xullo de 2009 ás 13:28

o que sae a día de hoxe na prensa deixanos claro que o tema vai por onde dicía eu onte.

a gravatar

10. os teus ollos escrito o 28 de Xullo de 2009 ás 14:01

Nun exercicio de transparencia, gustaríame que publicaran o importe das facturas do pp e as do bng,penso que os cidadáns temos dereito a saber.

a gravatar

11. mijoni69 escrito o 28 de Xullo de 2009 ás 16:35

Vamos a ver, yo ni idea de lo que va el tema y quién tiene o no razón. Pero hay algo que no entiendo. En palabras de Soki dijo hace dos años que la deuda era de 1,3 millones de euros.
Llevan pedidos 3 millones de euros en préstamos. Algo no me cuadra.Porque hicieron convocaron el pleno en el más absoluto obscurantismo? Porque no salió en la web del Concello algo tan “importantísimo” ( palabra muy usada por Soki) y si salen chorradas como las de P.Blanco?
please q alguien lo explique porque lo único que sé es que el Concello ahora está endeudado en 3 millones y anxeles lo dejó en muchiiiiiiiiiiiiiiiiiiiisimo menos.
por cierto estoy esperando la noticia en prensa del pp en contestación a lo que publica hoy el bloque.
ah y lo que me parece peor es que sigan utilizando la web del concello para hablar de la oposición. A ver si se enteran que esa web no es del BNG. Eso no pasa en ningún concello de Galicia, simplemente porque está PROHIBIDO.

a gravatar

12. Fofito escrito o 29 de Xullo de 2009 ás 9:38

Mijoni69, a sumar xa ensinan en primaria, polo que deberías facer un repasiño das túas habilidades intelectuais antes de botar contas. Imos ver. Se o PP deixou ao Concello de Melide con 1,8 millóns de euros en facturas sen pagar, e con 1.051.000 euros en préstamos dos que non chegou a amortizar nin o primeiro céntimo, o burato deixado nas arcas municipais achégase aos 3 millóns de euros (500 millóns de pesetas).

En fin, non hai maior aliado dun mentireiro ca aqueles que se queren deixar enganar.

Por certo. Parabéns ao Concello por saldar a débeda cos comercios e coas empresas de Melide, aínda que sexa a costa de triplicar a débeda bancaria. Persoalmente, creo que é mellor deberlle cartos aos bancos, que teñen moitos e danche ben anos para pagalos comodamente; que deberllos aos teus propios veciños, que necesitan ter liquidez para que os seus negocios funcionen ben. O malo é que o PP, durante 16 anos, fixo o contrario: sablear ás empresas e comercios de Melide, facerlles aturar o peso da débeda municipal e dos seus despilfarros, e mentir todo o posible para enmascarar unha xestión económica desastrosa. Poderiamos lembrar esa frase antolóxica no traspaso de poderes de Miguel Pampín a Ángeles Vázquez: Miguel, as contas quedan claras…

a gravatar

13. Fofito escrito o 29 de Xullo de 2009 ás 10:29

Por certo, ¿cal é a formula máxica do PP para saldar 300 millóns de pesetas en facturas sen pagar, resultado da súa xestión, sen deixar de pagar as facturas do presente mandato, sen pedir préstamos e sen minguar os servizos que presta o Concello de cara á cidadanía? A que utilizou ata o de agora, durante 16 anos, foi a seguinte: non recoñecer as facturas para manter oculta a débeda e deixar que cargasen con esa débeda as empresas e os autónomos que proveen ao Concello de bens e servizos. ¿Ten agora o PP unha fórmula mellor para solucionar ese burato financeiro? ¿Medidas como derribar unha casa de cultura na que se van gastar centos de millóns de pesetas é unha desas solucións? ¿Gastarse 30.000 euros ao ano para darlle un xantar á terceira idade de Melide e de todos os concellos do arredor é outra desas solucións? ¿Gastarse 20 millóns ao ano nunha Sinfónica, entre nóminas de profesores que non dan clase e recitais é outra solución?

Cando un concello ten unha débeda como o de Melide é obrigado facer un Plan de saneameno financeiro, que foi o que aprobou o pleno o pasado luns, amais de acollerse ao crédito do Goberno Central. Iso é seriedade: recoñecer unha débeda, cuantificala, e tentar atallala con todos os medios que a legalidade pon a disposición dun Concello. Dende logo, malgastar cartos por millóns e mentir, que foi o que fixo o PP durante 16 anos, non me parece unha solución seria. O que non entendo é como non teñen un mínimo de vergonza para non calarse nun problema tan grande do que eles son os únicos e directos responsables (pedir que recoñecesen os seus erros xa sería pedir un milagre…)

a gravatar

14. lavrego escrito o 29 de Xullo de 2009 ás 11:08

Miratú eu douche a razón, o que un xuiz diga é “xustiza”, inda que os do PP non sempre pensedes iso, (e se non a ver por que lle dades tanta tralla a algún xuiz polémico). E eu persoalmente penso que moitas decisións xudiciais están politizadas ou condicionadas pola propia ideoloxia do xuiz. Outra cousa é que en xeral actuen profesionalmente, e nesta ocasión poida ser a decisión máis acertada.

Mais iso non quita que o PP andivo por detrás, “animando” a querelarse contra o concello. Por que non empregaron algunha organización profesional para defender os seus intereses laborais ao igual que fixeron no cambio da Xunta, de Fraga para a de Touriño?.

Máis o contraditorio é que o PP rosmara polo gasto que supuxo o incremento salarial (co fin de nivelar salarios) dos traballadores do concello.

E en canto ao comentario de Carlinhos… pois dicirche que tes toda a razón, e que iso non é contradictorio co que eu dixen.
Só comentar que o Bipartito si fixo algo por Melide, xa que a maioríade obras que se fixeron e as que se deixarán de facer (galescola, centro de grandes dicapacitados, depuradora do polígono, reforma da área do río Furelos,etc)e foran concedidas polo anterior goberno, xa que os orzamentos do concello estaban adicados case por enterio a pagar salarios e débedas.
Polo de falar correctamente en Galego sen castelanismos, tes toda a razón, os políticos non se molestan en corrixir o seu galego. Eu non dixen nada na contra (pode que eu mesmo metera a zoca nalgunha palbra).
Pero pese aos moitos erros que puideran cometerse, o meu comentario sobre a política lingüística da nova xunta segue vixente: hai moi mal vontade. E se estás a comparar a ignorancia dos de antes coa mala intención dos de agora, mala cousa pois por ser parvos aruinamos o país; pero facendo adrede inda se pode arruinar mais rápido.

a gravatar

15. mijoni69 escrito o 29 de Xullo de 2009 ás 16:22

a Fofiño: sin comentarios, no vaya a ser que mi mermada capacidad intelectual … no merece la pena contestar a los que faltan al respeto.

“En fin, non hai maior aliado dun mentireiro ca aqueles que se queren deixar enganar”… yo puedo pensar lo mismo de tí. O no?

a gravatar

16. Luisma escrito o 29 de Xullo de 2009 ás 19:14

Hola! o que pasa por non votar a cidadáns ;)

a gravatar

17. Fofito escrito o 30 de Xullo de 2009 ás 11:05

Si, podes pensar o mesmo mijoni69 (e desculpas se te ofendín, non era a miña intención). Aínda así, supoño que o Concello de Melide, para facer públicos os datos da débeda, de seguro que o fai en base a informes de intervención, secretaría e tesourería (sen eses informes, dubido que ningún banco lle prestase un céntimo ao Concello).

Evidentemente, a ninguén lle gusta recoñecer os seus erros nin declararse responsable dun burato financeiro nas arcas municipais de case 500 millóns de pesetas, que foi a herdanza que deixou o PP; así e todo, o PP debería ter a decencia, polo menos, de non poñer o grito no ceo por pedirse un préstamo para solucionar a desfeita que eles mesmos deixaron. Sinceramente, creo que están a botar pedras sobre o seu propio tellado.

a gravatar

18. lavrego escrito o 30 de Xullo de 2009 ás 13:46

por certo, o de Ánxeles ou Ángeles non o digo eu, nin é que se empeñe ninguén malintencionado en mudarlle o nome. Na web do PP o nome dela sempre é Ánxeles. E digo eu se o seu nome é oficial ou se se acolle a el por facer ver que tamén apoia a iniciativa de ir mudando a tendencia para poñerlle aos cativos nomes en galego?? Inda que logo sexa todo fachada!!

a gravatar

19. un calquera escrito o 1 de Agosto de 2009 ás 15:46

mijoni69, ou deberia dicir michoni69… só vendo como escribes, xa case te delatas.
por certo, de que lei saca vostede que está PROHIBIDO falar da oposición nunha páxina web municipal?
agardo impaciente a súa resposta para consultar esa lei que non coñezo, e que nunca oín falar dela.

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios