Luns, 29 de Xuño de 2009

Shaq enfrontarase ao rei da canastra de YouTube

Bruce Manley flipou a milleiros de persoas en YouTube coas súas canastras artísticas case imposibles:

E resulta que incluso Shaquille O’Neil gustou do fenómeno e retou ao mozo a través de Twitter para competir coas regras do H-O-R-S-E (por unha bolsa de 1.000 dólares). Vale que no vídeo só saen os tiros bos de Manley, pero estou certo de que o clip co enfrontamento das dúas estrelas do baloncesto (unha da NBA e outra de YouTube) vai ser todo un éxito na Rede, e incluso vai invadir as pantallas dos informativos televisivos cando teña lugar o orixinal encontro de forzas durante o mes de xullo. ¿Quen gañará? Eu non o teño nada claro.

Domingo, 28 de Xuño de 2009

Tócame el Windous

Baixo o dominio de Internet canciondelverano2009.com preséntase a canción Tócame el Windous, que podemos descargar de balde en formato MP3, ameazando con estrear vídeo musical en breve. Mentres podemos conformarnos coa súa interpretación en directo:

Dubido moito que o Brody chegue a ter moita relevancia pois o verán xa está aquí e leva acumuladas poucas reproducións en YouTube, pero se nalgún programa de televisión (¿SLQH?) fan algunha coña coa letra da canción, a cousa pode cambiar.
De todos os xeitos, para min o mellor da canción é cando podemos escoitar o son predeterminado en Windows para a conexión de dispositivos USB, porque o que é a coreografía do vídeo… ¡mellor esquecela!

Sábado, 27 de Xuño de 2009

Stormwalking

[IMAXE ELIMINADA A PETICIÓN DO SEU AUTOR]

A homenaxe máis friki que vin nas últimas horas á figura de Michael Jackson (¿Smooth Imperial?).

Os coelliños popeiros practican pouco o sexo

Grazas a Pedro Jorge descubro un vídeo musical do que quedei encantado, non só lo pegañenta que é a súa canción, senón pola animación do coello protagonista, que cunhas liñas moi sinxelas consegue unha profundidade e calidade incribles:

Ver letra ▼

O grupo que canta é TISM (This Is Serious Mum) e este vídeo fíxose moi popular na web en 2005, pero eu non o vira ata hoxe.

Venres, 26 de Xuño de 2009

Adeus, Michael

Os blogs de cotilleo están fervendo, pois esta noite TMZ deu en primicia a nova da morte de Michael Jackson, un artista ao que admirei moito, especialmente polos seus albums Thriller e Bad, que son pouco menos que perfectos. O primeiro tíñao en casete e o segundo en vinilo, e aínda que nos últimos anos Jackson convertérase nun freak, botareino en falta neste mundo.
Para lembralo coido que vou pasar do tópico de Thriller (un dos mellores vídeos da historia), e porei neste espazo o videoclip de Black or White (podedes ver moitos dos seus vídeos na súa canle en YouTube), non polos cameos que ten ao principio, senón polo que supoño para a industria dos efectos especiais, promovendo as técnicas de morphing ata convertelas nunha mera transición cando hai uns anos era todo un logro tecnolóxico:

Deixando a un lado a tristura que produce o pasamento dun referente cultural (autor de múltiples cancións que espertan lembranzan en moita xente) a nova está a converterse nun exemplo máis de que a Rede pode adiantarse aos medios de comunicación tradicionais dun xeito esaxerado, e nas últimas horas varias webs que informaban do tema estaban caídas ante o alude de visitas que quegaban de todo o mundo. Oxalá a vindeira nova que produza tal reacción sexa positiva.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios