Martes, 31 de Marzo de 2009

¿Rebaixa de prezo da PlayStation 2 en España?

PS2 SlimEsta mañá Sony anunciou que a PlayStation 2 baixaba nos EE.UU. o seu prezo de 129,99 a 99,99 dólares a partir de mañá, e algúns tolos fixeron a conversión do comunicado da compañía nipona de dólar a euro e anunciaron que a PS2 baixaba o seu prezo a 99,99 euros cando aquí leva meses sendo máis barata.
Entre os medios que picaron, polo momento xa está El Mundo ou as publicacións especializadas HardGame2, Meristation e Vandal, o que me pareceu totalmente escandaloso, pois o normal é estas tres últimas publicacións soubesen que non só a PS2 está á venda por 99,95 euros en España dende hai bastantes meses, senón que incluso por ese prezo vén normalmente cun xogo de regalo, e ata podemos atopar unidades a 79 euros sen matarnos moito (incluso hai ofertas que inclúen xogos de regalo a tal prezo). E falo non só de prezos en tendas de videoxogos, senón tamén do propio Carrefour.
Iso levoume a indagar sobre o tema e descubrín que a cagada non vén da prensa especializada (que demostra a pouca profesionalidade dos seus redactores) senón de Sony Computer Entertainment Europe, onde algún castrón colleu o comunicado norteamericano e o modificou tan pancho, dando por feito que os cambios nos EE.UU. terían un reflexo directo no mercado Europeo (o que nunca é así para Sony). ¡Plas, plas, plas! ¡Un fulano de Sony difundindo información falsa da súa compañía!
Supoño que en breve farán que o prezo de 79 euros sexa oficial para a PS2 europea, e que o Starter Pack (que inclúe un mando adicional) baixará de 119,95 a 99,95 euros, pero iso aínda non ten data, polo que vai resultar interesante ver como nas vindeiras horas van publicar información falsa en numerosos medios de comunicación e blogs. ¿Tan difícil é verificar a información antes de publicala en casos nos que a información resulte sospeitosa?

ACTUALIZACIÓN: Dende a filial británica de Sony confirman que a consola non baixa de prezo no Reino Unido. ¿Farán algún comunicado semellante para España? Pois acabo de comprobar que a PS2 si custa 129,95 euros en Francia e Alemaña, ou sexa, que España estaría fóra de Europa coma o Reino Unido… Os de Sony deberían ir a clases de xeografía.

5 comentarios realizados

a gravatar

1. Xoán Castro escrito o 1 de Abril de 2009 ás 0:03

Se é para que nos vendan as cousas máis baratas, non me importa estar fóra de Europa, polo menos de vez en cando ;)

Iso si, ademais de clases de xeografía estaría ben que lles deran algunha de matématica polo odioso tema do cambio 1$=1€

a gravatar

2. El_podcastero_enmascarado escrito o 1 de Abril de 2009 ás 0:14

Para estas cousas españa está en sudamérica… e ben estada está.

a gravatar

3. Marcus escrito o 1 de Abril de 2009 ás 1:47

Xoán, o de 1$ = 1€ o que de verdade agocha é que a electrónica de consumo ten uns aranceis brutais en Europa, e logo as compañías tamén bótanlle morro ao asunto e fan que os produtos culturais como a música, as películas e os videoxogos custen moito máis aquí que nos EE.UU.
O cambio de moeda que non me molesta nadiña hoxe é o de 1 libra esterlina = 1 euro, pois iso permite adquirir auténticas gangas ao Reino Unido (país que non soporta os arenceis antes mencionados). Como exemplo está o accesorio PlayTV que converte a PS3 nun gravador de TDT, e que nas tendas españolas está a 99,95 euros mentres que pedíndoo a Reino Unido sae a 64,99 euros (portes incluídos).

Podcastero, por fortuna Sony, Microsoft e Nintendo non consideran que España estea en Sudamérica, pois ao outro lado do charco carecen de distribución oficial de case todas as consolas, o que fai que carezan de soporte técnico (¡horror!).

a gravatar

4. Xoán Castro escrito o 1 de Abril de 2009 ás 15:29

Marcus, é certo o dos aranceis e tamén que os prezos de venda ó público inclúen diferentes impostos (caso do IVA na UE), pero a diferencia chega a ser escandalosa en ocasións.

A conversión 1$=1€ é automática sen ter en conta as variacións no tipo de cambio e non falemos xa de tendas de descargas. De todos modos, é oferta-demanda, así que supoño que terán os seus estudios e cálculos que lles dean a razón na súa estratexia.

a gravatar

5. Marcus escrito o 1 de Abril de 2009 ás 15:40

Eu indicaba o dos aranceis porque por normal xeral a electrónica de consumo sae un 33% máis caro en Europa continental que en EE.UU., e iso non estaba xustificado polo IVE.
De feito o IVE foi o argumento empregado no caso do xogo Rock Band, que cos instrumentos custaba máis do dobre en España que ao outro lado do Atlántico. En Reino Unido tamén saía bastante ben de prezo, polo que se ve que temos cara de parvos.
No caso da decargas dixitais o asunto é escandaloso. Iso si, a equiparación euro-dólar tivo coma vantaxe que nos últimos meses non houbo problemas para mercar trebellos coma o Wii Fit, pois Nintendo prefería mandar unidades a Europa que a EE.UU., porque daban máis beneficios. ¡Chámalles parvos!

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios