Xornada de portas abertas da Casa da Cultura
Esta fin de semana o Concello organizou unha curiosa xornada de portas abertas da Casa da Cultura:
O Concello de Melide organiza unhas xornadas de portas abertas na Casa da Cultura
O equipo de goberno quere que toda a veciñanza poida comprobar o estado actual desta infraestrutura, paralizada dende o ano 2006 e na que agora se retomarán as obras. Será preciso un investimento de case 2 millóns de euros para rematar este inmoble que está totalmente baleiro no seu interior.
A Casa da Cultura de Melide é o proxecto de maior custo económico ao que se enfronta o actual equipo de goberno de Melide. Trala demolición da antiga Casa da Cultura no ano 2003, o Concello de Melide, daquelas gobernado polo Partido Popular, investiu preto dun millón de euros en edificar o que esta fin de semana todos os melidenses terán a ocasión de ver de primeira man. A realidade actual da Casa da Cultura é unha gran mole rematada no seu exterior mais totalmente baleira de portas para dentro.
O actual equipo de goberno do Concello de Melide reiniciará nos vindeiros días os traballos para poñer en funcionamento unha infraestrutura que dote a Melide dun espazo para a cultura e para a diversa programación cultural para a que ata o momento non hai espazo na vila. Estas primeiras obras de acondicionamento da Casa da Cultura comezaran este mes de abril, e serán executadas grazas a un investimento de 315.000 euros achegados pola Deputación da Coruña.
Sábado e domingo: xornadas de portas abertas
Para que toda a veciñanza coñeza de primeira man a realidade actual da Casa da Cultura, e o destino do millón de euros que se leva investido na ampliación e adecuación externa do inmoble, o Concello organiza para esta fin de semana dúas xornadas de portas abertas. Todas as persoas que queiran coñecer o interior da Casa da Cultura, poderán facelo o sábado 28 e o domingo 29 en horario de 11 a 13 horas pola mañá e de 18 a 20 horas pola tarde. Segundo palabras da alcaldesa, Socorro Cea, “este é un dos proxectos que leva absorbido máis presuposto das arcas municipais, e queremos que todos os veciños e veciñas teñan a oportunidade de ver en que se investiron os seus cartos e que coñezan a instalación antes de que se retomen as obras”. A rexedora melidense fixo fincapé en que, segundo os estudos técnicos, aínda serán precisos “case dous millóns de euros máis para rematar unha Casa da Cultura que foi deseñada en incoherencia coas necesidades deste pobo, e a costa da demolición dun edifico fermoso que cubría sobradamente as demandas infraestruturais do concello de Melide”.
Melide destinará este ano preto dun millón de euros a esta obra
O Concello de Melide priorizou a Casa da Cultura nos plans de apoio económico da Deputación da Coruña e tamén do Estado. Así, os 315.000 primeiros euros que se investirán nesta infraestrutura serán os achegados pola Deputación para a adecuación de toda a zona da entrada como sala de exposicións. Este achega farase realidade trala recente aprobación do proxecto, que xa fora remitido polo anterior goberno local pero que o ente provincial non aprobou debido ás múltiples deficiencias que presentaba.
A outra inxección presupostaria que mudará nos vindeiros meses a cara da Casa da Cultura realizarase ao abeiro do Fondo Estatal de Investimento Local, e ascenderá a 600.000 euros, o 42% do presuposto que Melide recibe do Estado neste programa de apoio aos concellos.
Para informar máis a fondo do asunto, tamén publicaron un boletín informativo:




Tamén podedes velo en liña grazas a Issuu:
Non sorprede que tras esta mobilización do Concello dende o PP respondesen publicando no seu blog o seguinte:
AS VERDADES E ACLARACIÓNS DO PP DE MELIDE SOBRE A CASA DA CULTURA
Desde o Partido Popular de Melide vémosnos na obrigación de realizar unha serie de aclaracións para entender moito mellor a realidade (e non propaganda que pretenden outros) da Casa da Cultura de Melide, aclaracións que o pobo de Melide ten que saber:
1º Endexamais as arcas do Concello puxeron nin un so céntimo para a Casa da Cultura de Melide.Foi integramente subvencionada pola Xunta de Galicia, iso si, cando gobernaba o PP. Nos 3 anos e medio de goberno do bipartito no goberno galego, Melide non recibiu nin un só euro. Claro está, foron invertidos nos mojitos da Habana na feira do libro.
2º Os 315.000 € son froito do proxecto presentado no primeiro trimestre do ano 2007 por Ánxeles Vázquez na Deputación a través do programa PIL, proxecto para o cal tivemos só 1 mes para proceder a súa redacción. Proxecto que a Deputación dixo que había que facer algunha corrección. Ollo, digo corrección, porque si houbera que presentar un proxecto novo ou un reformado tería que ir a pleno, e non foi así. O novo goberno tardou exactamente un ano en facer as correccións, pero en vez de facelas co arquitecto co redactou preferiron pagar unha importante cantidade a outro equipo de arquitectos.
3º O resto dos cartos son do plan Zapatero
4º Conclusión: a Xunta de Galicia pasou amplamente de Melide en tódolos sentidos e tamén no que se refire a Cultura.
5º ¿Por que non se fixeron xornadas de portas abertas da residencia que estaba rematada e tirárona?.
6º O PP foi o primeiro en ensinar a Casa da cultura por dentro, en dous mitins. Nela apreciábase a Socorro Cea na súa época de deputada co vicepresidente da deputación, Xaime Bello. Esta foto ensinouse porque ela nunha charla informativa dixo que nunca lla ensináramos, e quixemos demostrar que iso non foi así, pero a pobre, de cando en vez, ten demencia. A visita foi para a foto porque a Deputación con Socorro Cea como deputada non fixo ningún plan especial para Melide, houbo que utilizar o PIL( PLAN DE INVESTIMENTO LOCAL) QUE LLE CORRESPONDE A TODOS OS CONCELLOs EN FUNCIÓN DE HABITANTES, PARROQUIAS , ESFORZO FISCAL… outro exemplo máis do seu esforzo como deputada….
7ºSeguro que dos motivos do retraso nesta Casa da Cultura e coñecedor o primeiro arquitecto do proxecto da obra, por certo ligado intimamente as filas do BNG. QUE LLO PREGUNTEN ÓS CONSTRUTORES, APARELLADORES, E MOITA XENTE DE MELIDE, OS QUE ALÍ ESTIVERON TRABALLANDO COÑECEN A REALIDADE DOS FEITOS. Tal vez Ánxeles Vázquez actuou como humana e non como alcaldesa, senón tería que responsabilizar de todo isto a unha persoa. QUE LLO PREGUNTEN. SI, QUE LLO PREGUNTEN A ESE ARQUITECTO, QUE LLO PREGUNTEN A CEA, TAMÉN A MANOLO, ELES SON COÑECEDORES DE TODO IGUAL CA ÁNXELES E QUE MOITOS MELIDENSES. ÁNXELES VÁZQUEZ NON DESPRESTIXIA. OUTROS, AGORA, ACABARANLLE CO PRESTIXIO ÓS SEUS AMIGOS.
8º Por último, dicir que cando falan de OBRAS FARAÓNICAS, NON HAI MÁIS QUE RECORDAR O QUE SEMPRE DIXERON DO PALACIO DE CONGRESOS , AGORA BEN QUE O UTILIZAN PARA TODO,INCLUSO PARA PERFORALO POR TODOS LADOS PARA POÑER AS PRISIÓNS DE UNHAS VACAS. AGARDAMOS QUE NON METAN TAMEN NA CASA DA CULTURA CARROS.
E tras ler todo iso só podo entender que teñen parte de razón tanto o Goberno municipal como a oposición, pois quedou claro que a obra de ampliación da Casa da Cultura foi unha desfeita, así como o feito que nos últimos anos estaba parada e sen apoio dos gobernos supramunicipais.
Pero a min gustaríame saber algunhas cousas sobre o asunto:
- o orzamento inicial da obra de ampliación (supoño que estaría en menos de 1 millón de euros)
- a xustificación da desviación presupostaria (3 millóns de euros é unha animalada para unha reforma)
- a responsabilidade do anterior
Pensando ben entendo que o Concello quixo aproveitar unha subvención para a reforma da Casa da Cultura, de aí que se animasen a ampliala (en vez de facer outra nova), pero as cousas non sairon como proxectaran. Pero este tipo de decisións teñen responsables, non sempre políticos, polo que penso que cómpre que en vez de cruzarse acusacións entre Goberno e oposición dixesen quen foi o animaliño responsable deste marrón.

A Casa da Cultura de Melide é o proxecto de maior custo económico ao que se enfronta o actual equipo de goberno de Melide. Trala demolición da antiga Casa da Cultura no ano 2003, o Concello de Melide, daquelas gobernado polo Partido Popular, investiu preto dun millón de euros en edificar o que esta fin de semana todos os melidenses terán a ocasión de ver de primeira man. A realidade actual da Casa da Cultura é unha gran mole rematada no seu exterior mais totalmente baleira de portas para dentro.
Desde o Partido Popular de Melide vémosnos na obrigación de realizar unha serie de aclaracións para entender moito mellor a realidade (e non propaganda que pretenden outros) da Casa da Cultura de Melide, aclaracións que o pobo de Melide ten que saber:





21 comentarios realizados
1. noite escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 0:23
Marcus, polo que vexo non fuches esta fin de semana ver a desfeita da que falas. Eu si, pois tiña moita curiosidade e ganas de ver o que había dentro. Quedei sen palabras ao ver o estado do edificio. Podo dicirche que os únicos animais (por empregar os termos que ti usas) foron o iluminado político de turno (alcalde) que se deixou convencer por outro iluminado (Fernando Vázquez Arias) para facer tal desfeita. Non caias nas trampas do PP tentando botar culpas a arquitectos, construtores e demais. A decisión de tirar coa Casa da Cultura foi decisión dun político coa cabeza comida por unha persoa que non ve máis alá da música e non ten nin idea das necesidades reais dun pobo. Que auténtica mágoa. En fin, se persoas preparadas coma ti non ve isto claro, ¿que farán o resto dos humanos de a pé?
2. Marcus escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 0:34
Noite, esta fin de semana tiña pensado pasar pola Casa da Cultura, pero ao ver as fotografías no boletín do Concello xa pasei.
Eu non digo que o anterior goberno municipal non tivese responsabilidades, pero gustaríame saber qué era o que se intentaba facer e o orzamento proxectado, porque estou certo de que a ampliación nunca pretendeu ter un valor de 3 millóns de euros. Alguén (aparte dos políticos) meteu a zoca ben metida e o tema merece unha explicación, pois cos cartos que xa se meteron na Casa da Cultura era posible facer un edificio en moi boas condicións.
Cando comezou a obra no seu día xa me parecera mal porque implicaba quedar sen Casa da Cultura máis dun ano… ou sexa, que é doado imaxinar o mal que me parece o asunto actualmente. Dame moita vergoña ver cómo para presentacións de distinta índole teñen que empregar o Multiusos, claramente pouco axeitado para tal fin.
3. noite escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 8:06
¿Pero como tirar e levantar unha casa da cultura o dobre de grande da anterior non vai custar máis de 1 millón de euros?
Non fai falta moitas luces para saber que esa obra é moi custosa.
Pero, aínda que se fixese por eses cartos, ¿Que necesidade había de tirar a anterior Casa da Cultura?, ¿Queres dicirme que foi un arquitecto quen decidiu tirala? Home, xa vos vale.
Iso na miña casa chámase DESPILFARRO E IRRESPONSABLIDADE, nin máis nin menos.
4. Marcus escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 9:32
Noite, eu o que pido é que detallen os feitos. Non sei en canto pensaban que ía saír a obra.
Se eu monto unha obra na casa, dinme que vai custar 6.000 euros e logo a cousa sube 300 euros… calo. Pero se finalmente queda en 20.000 euros, a responsabilidade dese gasto non sería só meu.
E reitero que a min sempre me pareceu mal a reforma, só polo feito de ter que ter pechado máis dun ano a Casa da Cultura. Esa obra non era unha reforma, era unha construción nova camuflada. De querer algo novo podía facerse en plan auditorio, e así manter 2 infraestruturas e non quedar con 0.
5. Luisma escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 13:28
Apareceu uns días antes das municipais e afirmaba o fin da obra, incluso asinado por un arquitecto. ¿Quen recorda ese cartel? boísimo. ¡Políticos responsabilizádevos dos vosos erros xa! ¡a min non me chega coa limpeza que se produce nas eleccións!
6. Marcus escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 15:59
Sospeito que iso da fin de obra referíase á primeira fase, que segundo publicaban en La Voz ¡en 2003! contaba cun orzamento de 535.493 euros.
Flipo ao ver que xa contaban con gastar uns 90 millóns de pesetas na estrutura do edificio. Pero continúo sen saber por qué se gastou preto dun millón de euros nese concepto, nin cal era a segunda fase da obra (e se estaba presupostada).
7. josiño escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 16:37
O que está claro é que quenes foron os iniciadores desta obra(sí,para un pobo coma Melide , é faraónica)foron os do anterior governo.
Por outra banda,paréceme incrible que no mesmo post , digan que a anterior alcaldesa non desprestixia , e lle chamen á actual alcaldesa “demente ocasional”…iso é coherencia.
E por último,é curioso que agora diga a oposición que o que quedou feito era gracias á Xunta,cando daquela non paraban de botarse flores por dita obra.
Sorprendeume esa postura “pro defensa dos animais” lembrandose das vacas…
8. noite escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 16:42
Sospeitas mal Marcus, o remate da obra á que se refire Luisma non saiu na prensa no 2003 senón en abril de 2007, un mes antes das eleccións municipais. Non teñen desperdicio as declaracións de Anxeles do PP falando de dous meses de obras e da inauguración para o verán. ¡Vaia morro, Ánxeles! ¿Con que cartos pensabas rematar esa mole para afirmar o de “dous meses de obras”.
Ademais, se lle botas unha ollada ao despece da noticia, descubrirás que, polo que di La Voz de Galicia, o motivo fundamental de demoler unha casa de cultura e gastarse millóns de pesetas en facer outra foi darlle un local axeitado á Orquestra Sinfónica de Melide, unha asociación privada -máis ben unipersoal-. Se iso é certo e Ánxeles Vázquez ten un pouco de vergonza, debería dimitir e retirarse da política. Gastarse pode que uns 500 millóns do erario público en satisfacer as megalomanías de Fernando Vázquez Arias e a súa orquestra creo que o esixen.
9. Marcus escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 17:05
¡Vaites! ¿O orzamento total da obra era de 860.000 euros e na práctica son precisos 3 millóns de euros para rematar a obra? O dito, alguén ten que dar explicacións. Hai que xustificar en qué se gastaron os cartos, pois eu non entendo cómo é posible gastar preto dun millón de euros nunha carcasa.
Supoño que había un orzamento detallado, que non se respectou. ¿Acaso os responsables da obra só se comprometeron á demolición do edificio anterior? Por iso non cobran esa cantidade de cartos… ¿cobráronse cousas que non se fixeron? Agardo que antes das eleccións municipais poñan as contas sobre a mesa, en vez dunhas acusacións nas que o único argumento é un e ti máis.
10. Luisma escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 17:40
Graciñas noite por certificar as miñas sospeitas
as miñas ganas de facer destrozos no “mobiliario urbán” durante a campaña das municipais estaba xustificada 
11. noite escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 20:55
Luisma, non entendo ben o que queres dicir.
Marcus, xa vexo que para ti quen ten que dar explicacións e aclarar todo é o novo goberno. Xa vou entendendo.
12. Miratu escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 21:21
Politico retirado quere obra (presuposto).
Arquitecto proxecta obra.
Politico retirado encarga obra (contratista).
Arquitecto mete a zoca.
Contratista para a obra (cae enriba del).
Politico retirado esixe o responsable a reforma (mais presuposto).
Arquitecto proxecta reforma (mesmo arquitecto).
Politico retirado encarga reforma (mesmo contratista).
Arquitecto mete a outra zoca.
Contratista para a obra (cae enriba del outra vez).
Politico na oposicion vende fume (via Deputacion).
Politico no goberno proxecta finalizar a “entrada” da obra (via PIL).
Politico agora no goberno quere axudar amigos (encargo cambio proxecto).
Politico agora na oposicion sorprendido (isto por non tomala co responsable directo).
Politico agora no goberno conta medias verdades os veciños (mala dixestion das autonomicas).
Politico na oposicion cabrease e di o que pensa e non o que sabe (e ti mais).
Pobo de Melide, mais listo do que pensamos (verase nas proximas municipais).
13. Marcus escrito o 30 de Marzo de 2009 ás 23:17
Noite, eu non sei quen ten que dar as explicacións, pero unha narración como a que fai Miratu, pero con nomes reais e datos consolidados sería precisa. É o que pido, e o que non creo que vexamos nunca.
Cada un dos pasos deste proxecto que non dá rematado ten os seus responsables, os seus contratos asinados, as súas tomas de posición… Supoño que o Goberno municipal actual ten a documentación pertinente (debería), polo que quedei algo decepcionado co seu boletín (onde se expón o problema actual, pero faltan os antecedentes).
Se como menciona Miratu houbo varias revisións do proxecto, iso hai que explicalo, e buscar o responsable, pois os arquitectos que meten a zoca teñen un seguro de responsabilidade civil e a xente que non remata unha obra á que se compromete segundo o proxectado fórzaselle a tal (ou non ve un can). Precisamente por todo iso non entendo nada (como tampouco entendo ben o culebrón da piscina municipal), pois non esquezamos que en ningún momento se dixo publicamente si houbo problemas co arquitecto, co contratista, deficiencias técnicas, complicacións de causa maior… só sabemos que se gastou unha cantidade desproporcionada nunha obra que hoxe como moito serviría de botellódromo ou coma cortello.
14. Luisma escrito o 31 de Marzo de 2009 ás 12:29
Cando se remate a obra propoño que se alguile como local para os concertos que se celebran no A1 (600) e no Gatos. Porque senón dame a impresión que se lle dará tanto uso como ó pazo de congresos, pasar a ITV…tamén podería ser un frontón…
15. Carla escrito o 31 de Marzo de 2009 ás 16:37
Luisma.
O chamado Pazo de Congresos tivo máis uso nos últimos dous anos que en todos os anteriores xuntos.Ademais de lugar para pasar a ITV, serviu para varios mercamelides (non sei ben cantos van xa), Foliada, algúns concertos, festas da Hostelería, circo, feira de razas autóctonas, mítines, actividades para nenos no entroido, escolas deportivas, varias ceas de APAS. ¿Nunca participaches en nada do anterior, Luisma?
16. Luisma escrito o 1 de Abril de 2009 ás 0:23
A verdade é que si, pero ningún deses acontecementos me parece que xustifique tan sobervia inversión, ademáis, para máis inri, ás veces nin tan sequera semellante local está á altura do acontecemento.
17. Carla escrito o 1 de Abril de 2009 ás 9:07
Luisma.
Pois dillo aos de antes (PP), colega.
18. Luisma escrito o 1 de Abril de 2009 ás 12:37
Eu xa llo dixen co meu voto, colega. De tódolos xeitos o que menos me importa a min é os de antes ou os de agora. O que me importa realmente é Melide
19. MELICK escrito o 6 de Abril de 2009 ás 22:20
Para mín o importe das obras públicas sempre foi un enigma dificil de entender.
Tamén me parece exaxerado que fagan falta 3 millóns de euros para rematar a CASA DE CULTURA, pero si o din os políticos será certo.
Moitas veces teño comparado o que din que costa unha obra pública co importe de outra semellante na vida privada.
Por exemplo cos 250.000 euros que se gastaron no arranxo das deficiencias da piscina municipal calquera de nos podría construirse unha boa casa residencial.
Por certo as melloras na piscina non se notaron, máis ben todo o contrario, plásticos colgados nas portas, marcos das portas de papel, cristales que dan a calle cheos de ferro oxidado, en definitiva, de pena.
Cos referidos 3 millóns de euros necesarios para o remate da casa de cultura moitos constructores da vila podrían facer máis de 50 pisos. Entón non entendo por que son necesarios tantos cartos.
Supoño que se podrá rematar por menos cartos pero o que interesa nestes momentos e o debate político.
Pero o resultado e que estaremos sen Casa de Cultura seguramente outros dos, como mínimo.
20. Marcus escrito o 6 de Abril de 2009 ás 23:56
Melick, coido que o invetimento na piscina foi só na cuberta, de xeito que o resto de elementos do edificio nin se tocaron.
Sobre os gastos na Casa da Cultura, non me sinto capacitado para discutir orzamentos, pero teño claro que de ter que tomar eu a decisión nunca gastaría 3 millóns de euros nunha ampliación. Para iso era moito mellor facer un auditorio e deixar a vella Casa da Cultura: quedariamos con dúas infraestruturas, que poderían diversificar actividades, e durante as obras non perderiamos nun local moi necesario para presentacións, conferencias e mitins.
21. Carla escrito o 8 de Abril de 2009 ás 1:03
Por fin ides caendo da burra. Foi un erro tirar coa Casa da Cultura.Iso veo un cego.