Archive for Marzo, 2009

PS2 SlimEsta mañá Sony anunciou que a PlayStation 2 baixaba nos EE.UU. o seu prezo de 129,99 a 99,99 dólares a partir de mañá, e algúns tolos fixeron a conversión do comunicado da compañía nipona de dólar a euro e anunciaron que a PS2 baixaba o seu prezo a 99,99 euros cando aquí leva meses sendo máis barata.
Entre os medios que picaron, polo momento xa está El Mundo ou as publicacións especializadas HardGame2, Meristation e Vandal, o que me pareceu totalmente escandaloso, pois o normal é estas tres últimas publicacións soubesen que non só a PS2 está á venda por 99,95 euros en España dende hai bastantes meses, senón que incluso por ese prezo vén normalmente cun xogo de regalo, e ata podemos atopar unidades a 79 euros sen matarnos moito (incluso hai ofertas que inclúen xogos de regalo a tal prezo). E falo non só de prezos en tendas de videoxogos, senón tamén do propio Carrefour.
Iso levoume a indagar sobre o tema e descubrín que a cagada non vén da prensa especializada (que demostra a pouca profesionalidade dos seus redactores) senón de Sony Computer Entertainment Europe, onde algún castrón colleu o comunicado norteamericano e o modificou tan pancho, dando por feito que os cambios nos EE.UU. terían un reflexo directo no mercado Europeo (o que nunca é así para Sony). ¡Plas, plas, plas! ¡Un fulano de Sony difundindo información falsa da súa compañía!
Supoño que en breve farán que o prezo de 79 euros sexa oficial para a PS2 europea, e que o Starter Pack (que inclúe un mando adicional) baixará de 119,95 a 99,95 euros, pero iso aínda non ten data, polo que vai resultar interesante ver como nas vindeiras horas van publicar información falsa en numerosos medios de comunicación e blogs. ¿Tan difícil é verificar a información antes de publicala en casos nos que a información resulte sospeitosa?

ACTUALIZACIÓN: Dende a filial británica de Sony confirman que a consola non baixa de prezo no Reino Unido. ¿Farán algún comunicado semellante para España? Pois acabo de comprobar que a PS2 si custa 129,95 euros en Francia e Alemaña, ou sexa, que España estaría fóra de Europa coma o Reino Unido… Os de Sony deberían ir a clases de xeografía.


Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto
O 14 de marzo de 2008 chega aos cines a película galega Pradolongo, cunha distribución bastante comedida e unha impresionante promoción, na que o director e actores do filme percorreron toda a xeografía galega dando a coñecer a súa obra, gañando case un a un os máis de 60.000 espectadores que conseguiron levar aos cines.
O 9 de decembro saíu en DVD e Blu-ray (primeira película galega en editarse en tal formato).
E hoxe, 31 de marzo de 2009, Pradolongo vai emitirse la TVG, e agardo que sexa todo un éxito pero non podo evitar sentirme coma un parvo por ter mercado a película en DVD no Nadal. ¿É ese o apoio que queren dar ao cine galego? ¿Matar as fiestras de protección das películas para que a xente pase de velas en sala grande e só teña que agardar un ano para velas en aberto en televisión?
Despois anuncian que na súa primeira semana Los muertos van deprisa só fai 37.000 euros en taquilla con 48 copias, que van en descenso (falan de 15.0000 eurso na segunda semana), e para min a cousa ten unha clara explicación: o seu público potencial ve os actores que integran o reparto, recoñéceos da TVG, e pensa que non paga a pena ir ao cine a ver a película porque en poucos meses caerá de balde na pequena pantalla.
Entendo que hai que estreitar a fiestra entre o cine e o DVD, porque así aprovéitase o tirón promocional, pero entre o DVD e a televisión en aberto ten que pasar 1 ou 2 anos, pois o normal é contar con pasos intermedios (Taquilla de Digital+, canle temática de satélite…) e non liberala nun trimestre, pois iso é un desprestixio para o cine. ¡Nin a película das Spice Girls (que pasou do cine ao DVD en pouco máis dun mes) saíu tan rápido en televisión!
De todos os xeitos, agardo que esta noite Pradolongo rache con todo e lidere as audiencias en Galicia con rotundidade.

ACTUALIZACIÓN (1-4-2009): As audiencias de onte foron boas:

- “Alalá”: 16.3% e 132.000
- Cine: “Pradolongo”: 20% e 190.000
- Cine: “Vinganza roxa”: 14.1% e 69.000

A película superou en audiencia ao programa que a precedeu, polo que non funcionou por arrastre senón polo propio interese xerado.


O Sr. Loquendo e Xulieta en La Ventana

Categorías: Internet, Radio
Comentarios desactivados

Ortega en La Ventana deixou flipado a todo dios hoxe por traer un fragmento de Romeo e Xulieta interpretado polas voces robóticas de Loquendo:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.


O que non sei é por qué evitaron citar a marca Loquendo (chámanlle voces de Google, cando o buscador non ten nada que ver co que atopamos coa súa axuda), pois xa é un fenómeno na Internet, cunha chea de vídeos dobrados en YouTube.
Se queren ver dobraxes planas, que vexan series de animación xaponesas ou películas asiáticas que non se estreasen no cine… ¡iso si que mete medo!


¿Naufragar do blog?

Categorías: Comics, Internet
Comentarios desactivados

A tira de hoxe de Mel é toda unha incitadora da reflexión:
Naufragar do blog
¿Qué pasa cando un ten períodos de moito traballo ou simplemente vai de vacacións? ¿Debe desconectar do blog? ¿Ou é unha responsabilidade mantelo activo aínda que sexa coa programación diferida de entradas que dean a entender que sigue activo?
Eu admito que no verán moléstame moito que os programas de televisión, radio, podcasts e outras publicacións vaian de vacacións e ignoren ao seu público durante máis dun mes, pois aínda que sabes que en agosto non están aí, é toda unha incógnita saber cando volven, de xeito que uns son puntuais o 1 de setembro, outros despois do 15 de setembro, e algún rezagado non retoma a actividade ata outubro. Se falamos de iniciativas persoais pareceríame aceptable, pero na meirande parte dos casos son edicións profesionais, e aínda que marche algunha xente de vacacións, sempre hai outra ao pé do canón, polo que a ausencia estival non parece moi xustificada. ¿Acaso no verán hai menos novas que no inverno? Sabemos que iso non é certo, pero é a sensación que dan os medios.


Esta fin de semana o Concello organizou unha curiosa xornada de portas abertas da Casa da Cultura:

O Concello de Melide organiza unhas xornadas de portas abertas na Casa da Cultura

O equipo de goberno quere que toda a veciñanza poida comprobar o estado actual desta infraestrutura, paralizada dende o ano 2006 e na que agora se retomarán as obras. Será preciso un investimento de case 2 millóns de euros para rematar este inmoble que está totalmente baleiro no seu interior.

Interior da Casa da CulturaA Casa da Cultura de Melide é o proxecto de maior custo económico ao que se enfronta o actual equipo de goberno de Melide. Trala demolición da antiga Casa da Cultura no ano 2003, o Concello de Melide, daquelas gobernado polo Partido Popular, investiu preto dun millón de euros en edificar o que esta fin de semana todos os melidenses terán a ocasión de ver de primeira man. A realidade actual da Casa da Cultura é unha gran mole rematada no seu exterior mais totalmente baleira de portas para dentro.
O actual equipo de goberno do Concello de Melide reiniciará nos vindeiros días os traballos para poñer en funcionamento unha infraestrutura que dote a Melide dun espazo para a cultura e para a diversa programación cultural para a que ata o momento non hai espazo na vila. Estas primeiras obras de acondicionamento da Casa da Cultura comezaran este mes de abril, e serán executadas grazas a un investimento de 315.000 euros achegados pola Deputación da Coruña.
Sábado e domingo: xornadas de portas abertas
Para que toda a veciñanza coñeza de primeira man a realidade actual da Casa da Cultura, e o destino do millón de euros que se leva investido na ampliación e adecuación externa do inmoble, o Concello organiza para esta fin de semana dúas xornadas de portas abertas. Todas as persoas que queiran coñecer o interior da Casa da Cultura, poderán facelo o sábado 28 e o domingo 29 en horario de 11 a 13 horas pola mañá e de 18 a 20 horas pola tarde. Segundo palabras da alcaldesa, Socorro Cea, “este é un dos proxectos que leva absorbido máis presuposto das arcas municipais, e queremos que todos os veciños e veciñas teñan a oportunidade de ver en que se investiron os seus cartos e que coñezan a instalación antes de que se retomen as obras”. A rexedora melidense fixo fincapé en que, segundo os estudos técnicos, aínda serán precisos “case dous millóns de euros máis para rematar unha Casa da Cultura que foi deseñada en incoherencia coas necesidades deste pobo, e a costa da demolición dun edifico fermoso que cubría sobradamente as demandas infraestruturais do concello de Melide”.
Melide destinará este ano preto dun millón de euros a esta obra
O Concello de Melide priorizou a Casa da Cultura nos plans de apoio económico da Deputación da Coruña e tamén do Estado. Así, os 315.000 primeiros euros que se investirán nesta infraestrutura serán os achegados pola Deputación para a adecuación de toda a zona da entrada como sala de exposicións. Este achega farase realidade trala recente aprobación do proxecto, que xa fora remitido polo anterior goberno local pero que o ente provincial non aprobou debido ás múltiples deficiencias que presentaba.
A outra inxección presupostaria que mudará nos vindeiros meses a cara da Casa da Cultura realizarase ao abeiro do Fondo Estatal de Investimento Local, e ascenderá a 600.000 euros, o 42% do presuposto que Melide recibe do Estado neste programa de apoio aos concellos.

Para informar máis a fondo do asunto, tamén publicaron un boletín informativo:
páxina 1páxina 2páxina 3páxina 4
Tamén podedes velo en liña grazas a Issuu:

Non sorprede que tras esta mobilización do Concello dende o PP respondesen publicando no seu blog o seguinte:

AS VERDADES E ACLARACIÓNS DO PP DE MELIDE SOBRE A CASA DA CULTURA
Exterior da Casa da CulturaDesde o Partido Popular de Melide vémosnos na obrigación de realizar unha serie de aclaracións para entender moito mellor a realidade (e non propaganda que pretenden outros) da Casa da Cultura de Melide, aclaracións que o pobo de Melide ten que saber:
1º Endexamais as arcas do Concello puxeron nin un so céntimo para a Casa da Cultura de Melide.Foi integramente subvencionada pola Xunta de Galicia, iso si, cando gobernaba o PP. Nos 3 anos e medio de goberno do bipartito no goberno galego, Melide non recibiu nin un só euro. Claro está, foron invertidos nos mojitos da Habana na feira do libro.
2º Os 315.000 € son froito do proxecto presentado no primeiro trimestre do ano 2007 por Ánxeles Vázquez na Deputación a través do programa PIL, proxecto para o cal tivemos só 1 mes para proceder a súa redacción. Proxecto que a Deputación dixo que había que facer algunha corrección. Ollo, digo corrección, porque si houbera que presentar un proxecto novo ou un reformado tería que ir a pleno, e non foi así. O novo goberno tardou exactamente un ano en facer as correccións, pero en vez de facelas co arquitecto co redactou preferiron pagar unha importante cantidade a outro equipo de arquitectos.
3º O resto dos cartos son do plan Zapatero
4º Conclusión: a Xunta de Galicia pasou amplamente de Melide en tódolos sentidos e tamén no que se refire a Cultura.
5º ¿Por que non se fixeron xornadas de portas abertas da residencia que estaba rematada e tirárona?.
6º O PP foi o primeiro en ensinar a Casa da cultura por dentro, en dous mitins. Nela apreciábase a Socorro Cea na súa época de deputada co vicepresidente da deputación, Xaime Bello. Esta foto ensinouse porque ela nunha charla informativa dixo que nunca lla ensináramos, e quixemos demostrar que iso non foi así, pero a pobre, de cando en vez, ten demencia. A visita foi para a foto porque a Deputación con Socorro Cea como deputada non fixo ningún plan especial para Melide, houbo que utilizar o PIL( PLAN DE INVESTIMENTO LOCAL) QUE LLE CORRESPONDE A TODOS OS CONCELLOs EN FUNCIÓN DE HABITANTES, PARROQUIAS , ESFORZO FISCAL… outro exemplo máis do seu esforzo como deputada….
7ºSeguro que dos motivos do retraso nesta Casa da Cultura e coñecedor o primeiro arquitecto do proxecto da obra, por certo ligado intimamente as filas do BNG. QUE LLO PREGUNTEN ÓS CONSTRUTORES, APARELLADORES, E MOITA XENTE DE MELIDE, OS QUE ALÍ ESTIVERON TRABALLANDO COÑECEN A REALIDADE DOS FEITOS. Tal vez Ánxeles Vázquez actuou como humana e non como alcaldesa, senón tería que responsabilizar de todo isto a unha persoa. QUE LLO PREGUNTEN. SI, QUE LLO PREGUNTEN A ESE ARQUITECTO, QUE LLO PREGUNTEN A CEA, TAMÉN A MANOLO, ELES SON COÑECEDORES DE TODO IGUAL CA ÁNXELES E QUE MOITOS MELIDENSES. ÁNXELES VÁZQUEZ NON DESPRESTIXIA. OUTROS, AGORA, ACABARANLLE CO PRESTIXIO ÓS SEUS AMIGOS.
8º Por último, dicir que cando falan de OBRAS FARAÓNICAS, NON HAI MÁIS QUE RECORDAR O QUE SEMPRE DIXERON DO PALACIO DE CONGRESOS , AGORA BEN QUE O UTILIZAN PARA TODO,INCLUSO PARA PERFORALO POR TODOS LADOS PARA POÑER AS PRISIÓNS DE UNHAS VACAS. AGARDAMOS QUE NON METAN TAMEN NA CASA DA CULTURA CARROS.

E tras ler todo iso só podo entender que teñen parte de razón tanto o Goberno municipal como a oposición, pois quedou claro que a obra de ampliación da Casa da Cultura foi unha desfeita, así como o feito que nos últimos anos estaba parada e sen apoio dos gobernos supramunicipais.
Pero a min gustaríame saber algunhas cousas sobre o asunto:
- o orzamento inicial da obra de ampliación (supoño que estaría en menos de 1 millón de euros)
- a xustificación da desviación presupostaria (3 millóns de euros é unha animalada para unha reforma)
- a responsabilidade do anterior
Pensando ben entendo que o Concello quixo aproveitar unha subvención para a reforma da Casa da Cultura, de aí que se animasen a ampliala (en vez de facer outra nova), pero as cousas non sairon como proxectaran. Pero este tipo de decisións teñen responsables, non sempre políticos, polo que penso que cómpre que en vez de cruzarse acusacións entre Goberno e oposición dixesen quen foi o animaliño responsable deste marrón.


Night Zero é un fotocómic un tanto rariño, pero o que é rechamante é que os seus responsables publicaron unha galería fotográfica na web (descuberta a través de Pixfans) promocionando a súa páxina web na que podemos ver unha serie de fotografías nas que recrean escenas do xogo Left 4 Dead, dando toda a impresión de que estamos ante unha película:
baixando as escaleiras
Apagade as lanternas
vas quedar coma un colador
Vendo esas falsas instantáneas só podo pensar: ¡quero ver a película xa! Conseguiron recrear a estética do videoxogo dun xeito excelente, e só faltaría un pouco de guión para crear unha obra impresionante con eses alicerces. Vaia, que das pelis de zombies ou infectados non pedimos moito, e do que non hai dúbida é de que son moi rendibles economicamente, polo que apostaría algo a que imos tardar pouco en ver unha película baseada no Left 4 Dead (xogo que poderiamos considerar como o tapado de 2008, converténdose en todo un imprescindible para o xogo en liña).