Mércores, 11 de Febreiro de 2009

Información dos resultados electorais por SMS

Escoitei pola radio a Loreto Silvoso dicindo que nos podiamos subscribir por SMS para recibir información sobre os resultados electorais o vindeiro día 1 de marzo, podendo ampliar a información en www.resultadoseleccions.xunta.es onde atopo o seguinte:
Erro de DNS
Penso que na nota de prensa da Xunta porían o normalmente innecesario sufixo www. por costume, e intento acceder a resultadoseleccions.xunta.es para ver algo aínda máis raro:
servizo en probas
a web dos resultados no iPhoneOu sexa, que aí publicarán algo (supostamente os resultados das eleccións adaptados para smartphones o día dos comicios… vaia que o www. si que sobraba), pero non será o que se refire á subscrición das alertas por SMS, que curiosamente pódese ver na web electoral oficial (que leva semanas funcionando):
web das eleccións autonómicas
Atopada a información remito ELEC ALTAGA ao 7743 e recibo unha confirmación en español:
Elecciones Galicia 2009: Se ha dado de alta satisfactoriamente en el servicio de alertas sobre el Total Comunidad de las Elecciones Gallegas 2009.
Antes de anunciar un servizo deste tipo nos medios de comunicación de masas, ¿non deberían verificar que todo vai ben? Entendo que ninguén da Xunta (e non me refiro aos políticos) se molestou en visitar a web da que falan nin se subscribiu á alerta por SMS… ¡mal vamos!
A ver se arranxan o tema nos vindeiros días (aínda que sexa tarde, porque o anunciaron hoxe).

ACTUALIZACIÓN: En Galiciae aínda a lían máis, e remiten ao lector a www.resultadoseleccions.es, dominio que nin sequera está rexistrado. O erro parece ser da axencia EFE (pois o repiten medios coma Soitu). Estamos ante un excelente exemplo de que a información de axencia non a comproba ninguén (suponse que a redactan xornalistas de verdade, deses que verifican as súas fontes).
Segundo parece o dominio que non funciona estará operativo o día das eleccións, pero os medios que están a falar do servizo de SMS a lían e mesturan ambos servizo (web e SMS) que non teñen nada que ver (agás polo feito de que a web estará dispoñible para navegadores web móbiles… como case calquera web que non faga uso de Flash).
Non remato de entender por qué anuncian un enderezo web que non está operativo, polo que a xente non o pode gardar en favoritos nin facer nada con el. ¿Non se decatan de que así a información pérdese no vento?

Martes, 10 de Febreiro de 2009

Chegan os Galicreques á Internet

Coa chegada do bipartito á Xunta eu agardaba que a idea de ter un guiñol á galega fose unha realidade, pero o proxecto non se consolidou (pese a que había rumores de que a xente de Galitoons tiña un produto listo para o seu lanzamento chamado Galenecos) e agora chega algo semellante (aínda que optando pola animación tipo South Park en vez de monicreques) presentando a Touriño, Feijóo e Quintana nunha galescola:

Unha mágoa que a cousa non teña graza, e estea limitada a unha representación gráfica dun argumento político. Gustaría moito que aparecese algo semellante sen tomar parte. Valería para botar unhas risas.

Domingo, 8 de Febreiro de 2009

3ª edición da feira de oportunidades Mercamelide

3ª edición de Mercamelide
Esta fin de semana tivemos en Melide a 3ª edición de Mercamelide, a feira de oportunidades que parece querer manter unha periodicidade semestral, pero sospeito que desta quenda as cousas non foron tan ben coma en pasadas entregas, non porque os prezos non fosen bos, senón porque esta fin de semana fixo un frío que nin diola.
Estufas en Mercamelide
No Pazo de Congresos incluso tiveron que instalar unhas orixinais estufas para quecer un pouco o enorme local, o que era unha tarefa titánica (éche o que teñen os teitos altos), polo que o normal era percibir dentro do local a mesma temperatura que na rúa.
Moito téxtil en Mercamelide
Eu pasei por alí tanto o sábado pola tarde coma o domingo pola mañá, e o primeiro día pareceume que non había unha alma, pero tamén foi un momento no que a temperatura estaba achegándose aos 3 graos centígrados. O domingo, por outra banda, a afluencia de público parecía boa, aínda que o interese dos clientes polos distintos establecementos presentes era moi desigual. Vaia, que así é normal que cada un fale da feira segundo cómo lle foi nela, e supoño que algunha tenda sairía moi satisfeita das dúas xornadas de venda consecutivas.
xeradores á venda en Mercamelide
Para min, o máis destacable da feira de oportunidades foi ver cómo facían acto de presenza uns produtos que neste inverno son a última moda: os xeneradores eléctricos. Os cortes de luz por mor dos temporais (que ameazan con repetirse) fixeron que un dispositivos pouco populares vendesen máis que nunca. Coido que a partires deste ano serán poucos os fogares fóra da vila que non conten con un para as emerxencias.

¿E vós? ¿Atopáchedes algunha ganga? ¿Tivéchedes unha percepción distinta do que foi esta última edición de Mercamelide?

Sábado, 7 de Febreiro de 2009

O Saturday Night Live ¿español?

Admito que gusto bastante de certos momentos históricos do Saturday Night Live, especialmente as actuacións de Christopher Walken, e agora que hai unha versión española do programa non esperaba que tiveran o morro de homenaxear os sketches máis coñecidos, coma o mítico More Cowbell:

En España en vez do Blue Oyster Cult poñen a Barón Rojo, pero a cousa perde bastante:

Ou son eu moi tiquismiquis ou a versión española está a anos luz da orixinal, que fixo do «More Cowbell» unha frase dentro da cultura popular americana (como as empanadillas facendo a mili en Móstoles de Encarna). ¿Non deberían deixar de lado os grandes éxitos do Saturday Night Show e facer humor orixinal?
Haberá que darlle ao programa o beneficio da dúbida, pero que en España non sexa en directo nin o sábado, e parte dos contidos estean fusilados da versión estadounidense estame a tirar un pouco para atrás.

Venres, 6 de Febreiro de 2009

¿Entende a xente da rúa de sistemas operativos?

Estou comezando a cansar da xente que fala mal de Windows Vista baseándose no ruxerruxe e sen probar o sistema, que nun equipo decente (como mínimo con 1 Gb de RAM e unha gráfica con memoria propia, pois moita xente pensa que ten moita RAM e non se decata de que a cuarta parte a comparte coa tarxeta de vídeo), con software actualizado, con controladores actualizados e co UAC desactivado vai mellor que Windows XP.
Falo como antigo detractor do Vista, pois hai que admitir que xa non é o mesmo sistema operativo que no seu lanzamento, e agora é do máis aconsellable, pero como a xente ten prexuízos, van sacar unha versión parcheada á que van cambiar o nome (Windows 7) e a interface gráfica para dar o pego. O triste é que a xente vai picar, e vai dicir marabillas do Windows 7 sen ter nin idea do que fala.
De feito, os de ZDNet propuxéronse demostralo cun vídeo no que amosaban á xente un portátil cun Linux co KDE 4 dicíndolles que era Windows 7 e o resultado foi o esperado:

¿Quere dicir iso que a xente vai cambiar a Linux ao ver o vídeo? Está claro que non. A xente fala do que non entende polo que oe por aí, e actualmente hai milleiros de persoas probando o Windows 7 Beta, polo que escoitan por aí que vai moi ben, e fíanse dos comentarios… como tamén cren que Vista vai moi mal sen telo probado.
Ao final os sistemas operativos teñen que ser o máis transparente posible, sen dar problemas aos usuarios e sen ter que empregar o factor WOW para que a xente os merque. O escritorio do noso ordenador non ter por qué ter 3D, nin efectos especiais, nin iconas bailando; o necesario é que cando piquemos nunha aplicación ou nun ficheiro cargue o antes posible e non falle. De feito, se non fose porque avanzou o hardware, poderiamos quedar co XP durante décadas, pero o certo é que agora hai elementos coma os procesadores de 2, 4 ou 8 núcleos ou as unidades SSD que precisan dun cambio importante nos sistemas operativos para que funcionen cun rendemento axeitado, pero os que non teñan un equipo á última deben quedar tranquilos, e non preocuparse por quen ten o S.O. máis moderno, que non é algo realmente importante.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios