Domingo, 22 de Febreiro de 2009

Maratón de mitins na noite do sábado

Carteis dos mitins
A tarde-noite do sábado en Melide foi un día de moitas actividades, pois había a inauguración da exposición dos 100 anos de electricidade na vila e 2 mitins políticos, que desgrazadamente coincidiron no tempo, o que facía imposible ver ambos completos. Coma o do BNG comezaba ás 21:00 horas e o do PP ás 21:30, eu decidín ir primeiro a un e logo correr cara o outro, para poder ver algo de cada encontro.
Moita xente no mitin do BNG en Melide
De primeiro cheguei ao Pazo de Congresos (sitio do que continúo sen entender o nome) onde había varios centos de persoas (estimo que entre 700 e 800), cunha boa organización e un despregamento de medios sen precedentes en Melide (cando menos, eu nunca vira tal na vila) pero cun detalle do que non gustei nada: falta de puntualidade.
O mitin comezou media hora despois do anunciado, pese a que o público foi bastante puntual, e daba mala imaxe porque facía que a hora de inicio do mitin do BNG coincidise co do PP. Pero quitando ese detalle, o evento estaba montado de luxo.
Soqui Cea abriu o mitin
Soqui Cea foi a encargada de abrir o mitin, dun xeito bastante formal e amable, sen facer promesas nin soltar un longo discurso.
Anabel lendo un discurso
A parte difícil toucolle a Anabel Ramos, que soltou unha parrafada inmensa, chea de referencia políticas que non sei se pillarían a meirande parte dos asistentes, o que non me pareceu moi axeitado para a ocasión, pois penso que iso igual era a tarefa dos políticos de fóra.
Do que menos gustei foi do feito de que Anabel lese o discurso en vez de falar seguindo unhas pautas. A lectura era boa (notábase que sabía o texto de memoria) pero non creo que a xente gustase dalgo que se vía tan artificial.
Ana Pontón en Melide
Ana Pontón pola súa banda xa foi directa ao discurso de campaña, aínda que repetindo o mesmo discurso que as anteriores participantes. Non acabo de entender por qué continuaban a falar mal da anterior xestión do Partido Popular, cando non estivo no Goberno galego (nin no estatal) nos últimos 4 anos. ¿Non habería que ir cambiando de discurso?

Por desgraza, chegado ese momento, decidín marcar para o mitin do PP, polo que non puiden escoitar a un afónico Anxo Quintana dicindo que “Señorito é ó que lle dá noxo o galego”.
mitin do PP no Carlos 96
Cando cheguei ao Carlos 96 puiden ver como a sala que estaba reservada para o mitin estaba chega ata os topes, e na entrada nos recibiron cunha presa de caramelos do PP (fíxome graza a cousa). Se nos poñemos a calcular o número de asistentes, coido que a cousa estaría preto dos 300, en boa medida pola limitación do aforo, xa que case todo o mundo estaba sentado e o local non medía precisamente 400 m2. Iso si, notábase unha grande diferenza no mitin con respecto do que se celebraba no Pazo de Congresos: moita máis calor. E con calor non me refiro só á temperatura dun ambiente pechado con moita xente presente, senón que tamén describiría o acendida que estaba algunha xente, que vivía con fervor todo o que alí se dicía.
Quedei sorprendido polo feito de que se estaba a aproveitar o encontro de simpatizantes para dar unha chalar informativa por parte de Dolores Gómez Neira, quen meteu moitísima caña ao Concello, dándome a impresión de que viñan de cambiar as tornas: agora, en vez de ser o BNG o que fala mal do Concello, é o PP o que ten unha actitude mamporreira.
O gasto municipal, os despidos improcedentes, a débeda bancaria, o trato á Orquestra Sinfónica e ao Conservatorio, a eliminación do Certame Miss 3ª Idade… ese tipo de cousas foron as que serviron como argumento para unha intervención moi amena, na que o público se metía moito:

Ángeles no mitin do PP
Ángeles Vázquez continuou tamén co tema, pero afastándose lixeiramente da política local para apoiar a Núñez Feijóo con moita prudencia, xa que incidiu moito en que os vindeiros anos van ser duros, e que pensa que Feijóo é mellor que os dirixentes actuais para capear o temporal.
Despois tocáballe o turno a Carlos Negreira e a Esteban González Pons (¡Pobriño! Tivo que durante case un par de horas a xente falando en galego sen entender papa) pero eu marchei para a casa, que prefería ir tomar unhas filloas que escoitar un discurso político que tamén está presente nos medios de comunicación de masas.

Tras chegar á casa, comentei o que vira en ambos encontros aos meus pais, e resultou que o que comentaran os do PP xa aparecía nun boletín que repartiran estes días, así que mañá ampliarei un pouco este tema cunha copia dixitalizada do devandito boletín (e tamén o do BNG).

5 comentarios realizados

a gravatar

1. aporeles escrito o 23 de Febreiro de 2009 ás 1:11

Non creo que a actitude de Loly fora mamporreira. Si foi dura, pero se poden demostrar o que din, supoño que o bo sera que a xente o sepa.
O Bng fixo moito peor estando xa no goberno municipal nun acto sen dereito a replica nin defensa.

a gravatar

2. lavrego escrito o 23 de Febreiro de 2009 ás 12:45

Xa, e como o BNG o fixo tan ,al, é por iso que o PP fai cadrar o seu mitin no mesmo dia. E ademaisde falelo tan mal, resuñlta que ao BNG asisten entre 700 e 800 persoas,fronte á 300 do PP e non o digo eu, é Marcos quen o dí. E por se fora pouco, no mitin do PSOE con super-ministra de terra mar e aire, non reuniron a moita xente. Polo que se o BNG o fixo mal, que será o que fixeron o resto de partidos, pois non constituen unha alternativa a nada.

En canto ás trapalladas aducidas polo PP para despretixiar ao BNG, por exemplos os despidos improcedentes, ´we ben certo que medio ;Melide esperaba eses despidos, mais por requisitos legais, estes resultaron improcedentes. Ese feito non quita que as contratacións fosen escuras, a dedo e mais improcedentes ainda. E así pasado o tempo asentaron o posto. Así calquera reclama o seu posto de traballo, priomeiro pisando as normas de contratación e logo sangrando ao concello por desfacerse de persoal que foi contratado de xeito extraño. E para exemplo de contratación escura, véxase a plaza de Miguel Pampín, no centro social da 3ª idade. Seguro que el era a persoa máis competente para aque posto de traballo, logo xa coñecemos a súa traxectoria política.

a gravatar

3. entroido escrito o 23 de Febreiro de 2009 ás 17:16

Eu estiven no mitin do BNG e quedei alucinado. Nunca se vira en Melide un mitin con tanta xente, eu calculo que había máis de 700 persoas. Nunca se vira antes tal despregue de medios, catro pantallas de tv, cortinas negras dende o teito, luz, música, son perfecto (a pesares de ser no Pazo de Congresos), gradas, chan enmoquetado, … sinceramente flipei. Pero se tivera que destacar algo do mitin do BNG sería o alto nivel de todas as intervencións, sen ataques rastreiros ao PP de Melide nin á ex-alcaldesa nin a ninguén da oposición. Simplemente “pasaron” deles e centráronse no que ocupaba que era unhas eleccións autonómicas. ¿Cando aprenderá o PP a saber comportarse en cada elección, a saber o que teñen que dicir en cada elección? ¿Cando abandonará o discurso zafio, agresivo, duro que só gusta aos seus fieis seguidores e que cada vez son menos e máis maiores (polo que se pode ver nas fotos de Marcus).
A verdade é que nunca escoitara a Quintana en directo e quedei sumamente sorprendido e confeso que chegou a emocionarme cando falou da lingua galega e do amor, compromiso e entrega a este País. Marcus, non sabes o que perdiches. Alégrome que, polo menos para o BNG, Melide sexa incluído como lugar principal para dar un mitin en plena campaña.
Oxalá agora a xente teña claro o próximo domingo que o mellor para Melide é que o BNG siga gobernando na Xunta pois demostrouse que Melide e a nosa alcaldesa teñen moito peso dentro do partido.Xa era hora …!.

Por certo, Quintana quedou en Melide ata ben tarde pois foi cear coa alcaldesa e varios militantes achegados a un restaurante de Melide. Non sei a cal, pero hei de enterarme.
Feito a agradecer tendo en conta que, según a prensa, era o cuarto mitin do día.

a gravatar

4. Marcus escrito o 23 de Febreiro de 2009 ás 18:30

Entroido, tes razón en que o feito de que Quintana viñese por Melide ten o seu aquel, especialmente se temos en conta que nin Feijóo nin Touriño participaron nos mitins locais.
Eu non quedei a ver a Quintana simplemente porque se o fixera non podería ver nada do mitin do PP, e quería facerme unha idea de cómo era cada evento, aínda que só fose para falar logo dos mesmos. Vaia, que cousas coma o número de asistentes o mellor e velo cos propios ollos (por exemplo, dicir que había 400 persoas no Carlos 96 é algo ridículo, por cuestións de aforo).
Hai que recoñecerlle ao BNG o bo uso que fixeron da maquinaria electoral, pois facer unha boa posta en escena en vilas como Melide mellora moito a súa imaxe. A ver cando podemos ver algo semellante do resto das forzas con representación na vila (pois indicaría que cada vez a teñen máis en conta).

a gravatar

5. Tonecho escrito o 24 de Febreiro de 2009 ás 19:30

Hola a todos.
Son Tonecho (Técnico deportivo do Concello de Melide).
Entro unicamente para facer unha aclaración a “lavrego”.
Non sei se o resto das contratacións foron ou non como dis.
Eu si podo dicir que no meu caso, antes de entrar no Concello non coñecía persoalmente a Anxeles (si de vista do instituto), nin a Chus (actualmente amiga persoal) nin tiña trato algún con Miguel Pampín.
Na etapa de Miguel co cal entrei no Concello, pasei un proceso de selección con anuncio publico, nin oscuro, nin a dedo, nin nada parecido.
Na etapa de Anxeles pasei dous novos procesos selectivos, tamén con oferta publica, nos cales estaba presente en representación da Deputación da Coruña, Miguel Sánchez, xefe do servizo de deportes da Deputación (cargo político do PSOE, que gobernaba e goberna en coalición co BNG) para confirmar a legalidade do proceso selectivo. Por certo o representante da Deputación púxome mais nota incluso que Chus (concelleira de cultura naquel momento).
E por isto que podo dicir que non “pisei” ningunha norma de contratación e que non pretendo sangrar o Concello.
Unicamente a corporación actual considerou oportuno modificar algunhas condicións do meu contrato, e foi por isto polo que fun o xulgado, dándome este a razón en primeira instancia e en segunda despois do recurso interposto pola corporación municipal.
Durante o tempo que durou este proceso a corporación sacou a concurso unha nova oferta publica para dito posto, a cal volvín a gañar, e fai pouco tempo a mesma corporación renovoume automaticamente.
Pediríache (lavrego) que cando comentes este tipo de temas, que son moi desagradables, des nomes para que os afectados nos poidamos defender ou tomar as medidas pertinentes, xa que nos estas acusando dun delito.
Eu en ningún caso “saltei” ningún tipo de legalidade e se o segues a dicir, supoño que terás con que demostralo, para o cal invítote a que vaias o xulgado ou que sexas cortes e pidas desculpas.
Sinto entrar a comentar todo isto pero actualmente estase a nombrar a miña praza mais da conta e dinse medias verdades ou falsidades, e despois de case 2 anos, creo que xa e hora de aclarar e rematar co tema.
Perdón pola extensión e graciñas Marcus por este espazo.
Un saúdo a todos.

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios