Sábado, 28 de Febreiro de 2009

Xosé Ramón Nóvoa de HELLOgalicia na revista de R

No novo número da revista de R (que recibín onte no meu domicilio) aparece unha entrevista a Xosé Ramón Nóvoa, de HELLOgalicia:
entrevista a Xosé Ramón Nóvoa de HELLOgalicia na revista de R
Para quen non saiba de qué vai a cousa informo de que HELLOgalicia era basicamente un boletín de lecer para as fins de semana que recibía por correo electrónico todos os venres, pero que está a evolucionar para converterse en algo máis, de xeito que xa ten un blog con interesantes propostas e unha canle en YouTube que serve de adianto do que fará X. R. Nóvoa e o seu equipo no futuro.
Supoño que a aparición na revista de R contribuirá a dar a coñecer esta iniciativa, e dende aquí quero dar os parabéns a Xosé Ramón, non só polo artigo, senón tamén polo ben que quedou a fotografía que o ilustra.

Venres, 27 de Febreiro de 2009

Lío xeográfico en Kedin.es

Esta tarde fun mirar a nova imaxe de Kedin.es, e vinme sorprendido ao atopar unha actividade programada para esta noite na Sala 600 de Melide, non polo concerto en si, senón polo seu posicionamento xeográfico:
Sala 600 no mapa
Vaia, que situar a rúa Melide di Lugano en Visantoña paréceme un fallo de puntería, ¿non? Non sei a qué pode deberse o fallo (pois a Sala 600 está ben posta no mapa), pero fíxome graza o detalle.
Máis información do concerto de Carlos Chaouquen:

E o Chaouquen ese, ¿ten algo que ver con Street Fighter? ¿Non era iso o que gritaban Ken e Ryo ao botar unha onda vital?

Lois Oreiro volve á portada de AVUI.cat

Portada de AVUI.cat
Ultimamente vexo máis a Lois Oreiro na web que cando traballaba con el en persoa, pero faime ilusión ver a súa imaxe en lugares destacados. En decembro xa facía a súa primeira aparición na portada da edición dixital de Avui, e co gallo das eleccións galegas vai ter estes días un lugar destacado nesa publicación, que hoxe estrea co seguinte artigo:

O estigma da língua

Galicia leva trinta anos de normalización política sen normalización lingüística. A língua galega arrastrou, e arrastra, o estigma do rural e da incultura. O ascenso social leva parello falar castelán: símbolo, aínda hoxe, de riqueza e de certo nivel de estudos.
As clases medias fálanlle castelán aos seus fillos na casa e interrompen a transmisión da língua entre xeracións. Velaí a pedra de toque do devalo da língua. O método de supervivencia do idioma propio de Galicia, o método de resistencia durante séculos, foi a familia. E agora, cando as nais deixan de falarlle galego aos fillos, é cando se pon de manifesto a inoperancia das que son as mellores leis, institucións e orzamentos a prol do galego que tivo Galicia en toda a súa historia. Boas pero seica mal adaptadas a este tempo.
O castelán pasou de ser imposto polo poder a ser considerado símbolo, língua de poder. E as nais obran en consecuencia. A escola, a universidade, a Xunta, a Real Academia e as distintas institucións galeguistas foron inoperantes contra esa ecuación maniquea que está a destrozar ao galego: o urbano é o oposto ao rural. A língua propia das cidades é o castelán porque o galego é a propia das aldeas. Máis emocional ca útil. Para a globalización e a internet disque non vale. E iso que entronca con centos de millóns de lusófonos de todo o mundo. Pero nin así. Evocar Portugal, na castelanizada sociedade galega, tamén sona a atraso.
Naturalmente as vangardas cultas non pensan así. Porén, non conseguiron ser imitadas; nin tampouco influiron gran cousa nesa pobre ficción de progreso monolingüe.
O galego vaise convertendo en língua litúrxica, propia de actos oficiais. Os políticos fálano cada vez peor e as subvencións de fomento da língua úsanse para comprar incluso aos medios de comunicación que a repudian. A iso engádanlle a utilización do galego na loita partidaria, metendo medo cos presuntos excesos cometidos nas escolas catalás e vascas, e xa teñen o panorama completo dos lastres do galego.

Pero a cousa non remata aí, pois como é columnista diario no Xornal de Galicia o temos por partida dobre co seguinte artigo:

Garden as navallas
Por fortuna a campaña electoral remata esta medianoite. Os coitelos cos que os partidos espetaron mesquindades uns aos outros descansarán por fin. Seguramente teñan a fiada moi desgastada, por mor da saña coa que os brandiron estes últimos días: teletipos falsos, contrapropaganda anónima, súpeta dilixencia xudicial, embustes lingüísticos… mesmo se descubriu que eses roxos separatistas do bloque tiveron o atrevemento de conversar cara a cara cun empresario en 2005… El acabose, vamos!… Celebro que hoxe pare todo esto. Os ánimos están tan encirrados que se pide o voto para amolar ao rival máis ca por méritos propios. Os candidatos parecen secuestrados polo arreón final dos seus estrategos. Crispan o xesto e perden a voz; mala cousa. A apoteose final coa que Feij009, Touriño, e Quin pechen á noite estes quince días de entroido electoral non limpará as últimas ruindades. Será o resultado do 1-M o que as tolere ou as castigue como merecen.
Pero algunhas cousas sí quedaron claras xa. Os socialistas e os nacionalistas conseguiron convencer a todo o mundo de que a maioría absoluta do PP é posible outra vez. O PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego loitan contra a abstención apelando ao mesmo cambio que pedían en xuño do 2005. Un cambio incompleto e imperfecto que prometen acabar se o electorado lles dá a segunda oportunidade. O Partido Popular subliña, pola contra, que o Bipartito prometeu moito pero non cumpriu nada, así que hai que deixarse de experimentos e volver á administración do PP. Alberto Núñez Feijóo soubo zafarse do acoso a Rajoy. Deixouse ver pouco con el e exerceu de “verso libre”, como diría Javier Arenas. Así conseguiu que as loitas internas do PP e os casos de corrupción non o luxen, se ben a domiciliación de cobros nas Illas Caimán do seu nº1 por Ourense foi imposible de esquivar.
Touriño, en cambio, loce como principal atractivo ao seu xefe fe filas, José Luís Rodríguez Zapatero. Aos socialistas galegos sempre lles foi razonablemente ben facer de marca branca, de sucursal do PSOE. A coincidencia das galegas e as vascas prexudícaos aínda máis ca ó Bloque. Porén, o éxito ou o fracaso de Touriño e de Patxi López pode depender só duns poucos miles de votos.
Quintana mentres, exhibe a independencia e o galeguismo do BNG xunto coa moderación no exercicio do poder. Con todo, a súa maquinaria electoral denotou aínda certa falta de oficio –na defensa e no ataque–, que pode coutar as súas expectativas de ascenso.

Con tanta aparición de Lois nos medios dixitais o que se me pasa pola cabeza é pedirlle que se modere, que respire fondo… non vaia ser que no futuro apareza no Acompáñenos co Piñeiro. Como diría Facundo, tranquilidá (e parabéns). ;)

Eu tamén quero inventar expresións

Escribir de temas tecnolóxicos en galego é moitas veces un reto, pois hai que intentar adaptar a lingua para dar saída a tecnicismos, o que non sempre é doado, pero cando se fai mal canta moito, como en A Nosa Terra ao falar dos problemas técnicos en Gmail:

Un ‘efecto fervenza’ nun novo código tirou Gmail
Google explicou mediante un comunicado as causas exactas da caída do servizo de correo Gmail producida o martes. Tal e como se confirmou, ‘levaron a cabo tarefas de mantemento rutineiras nun dos centros de datos de Europa’ que normalmente ‘non causa ningún tipo de interrupción’.
Con todo, “un inesperado efecto secundario provocado por un novo código” provocou a “sobrecarga doutro centro de datos” que produciu “un efecto fervenza”.
Segundo a nota, “algúns usuarios recibiron ao intentar acceder aos seus correos unha petición ‘Captcha’, é dicir, aquela pola cal se ten que introducir uns caracteres para verificar que o que intenta acceder ao correo é o verdadeiro usuario.
Tal e como se explica, “isto debeuse a que se intentou acceder ás conta en repetidas ocasións mentres o servizo non estaba funcionando”. Durante varias horas do martes, o servizo de correo de Gmail estivo cortado polo que os usuarios non podían acceder ao mesmo.

Se imos á información orixinal temos que dende Google din:

Unexpected side effects of some new code that tries to keep data geographically close to its owner caused another data center in Europe to become overloaded, and that caused cascading problems from one data center to another.

Vaia que falan de cascading problems, o que en galego se traduciría coma problemas en serie mentres que en español se podería dicir coma problemas en cascada, pero dicir en galego efecto fervenza cheira a tradutor automático, e ao aparecer no titular canta moito. ¿Acaso alguén sabe o que é un efecto fervenza?
Os redactores deberían evitar soltar os equivalentes galegos do from lost to the river ou speaking in silver, e deixar as traducións literais para casos nos que non haxa outro remedio.

Xoves, 26 de Febreiro de 2009

Os presentadores de RadioVoz visitan ao Padre Casares

Onte un crossover e hoxe tres cameos, pois finalmente puiden ver o episodio do Padre Casares do pasado luns (que vén de incorporarse ao servizo de televisión á carta da web da TVG) no que facían acto de presenza varios presentadores de RadioVoz (Isidoro Valerio, Eva Millán e Pablo Portabales):

Para min, o mellor cameo foi o de Porbales, por iso das festas gastronómicas, pois é unha das especialidades do mestre de cerimonias coma o Concurso da Orella. A Eva Millán non a coñecía, e de Isidoro Valerio só podo dicir que resulta moito máis natural e agradable en persoa.
O episodio de Padre Casares gravárase en xaneiro, converténdose na primeira serie en filmar no Parlamento de Galicia, aínda que moitos prefiran lembrala coma o debut de Portabales na pequena pantalla ;)

ACTUALIZACIÓN: Grazas a que Isidoro publicou en Facebook unha versión de alta calidade do seu cameo, o reproduzo tamén aquí:

Animais de código aberto

¿Lembrades a páxina web dos animaliños nacidos en catividade? Pois esta semana parece que están apoiando ao software libre, e onde puxeron a foto duns cachorros de panda vermello (firefox) nacidos nun zoolóxico australiano:
pequenos pandas vermellos
Pero non acaba aí a cousa, e hoxe sorprenden cun fénec nacido nun zoolóxico coreano:
fénec cativo
Para os que non o saiban, Fennec é o nome do proxecto da versión móbil do Firefox. Ah, e no mundo real o fénec (fennecus zerda) é un raposo do Sahara. ¡Que curriño! ¿Será parente de Pinky?

Ver imaxe de Pinky e Cerebro ▼

Se queredes facer a comparación gráfica, velaquí o logotipo do Mozilla Fennec:
logo do Mozilla Fennec

Mércores, 25 de Febreiro de 2009

Crossover entre La Voz de Galicia e Quin TV

Esta mañá en RadioVoz os xornalistas de La Voz que seguen as campañas electorais dos distintos partidos en Galicia deron a súa visión dos feitos, incluíndo a Olalla Sánchez, quen leva un moblog (blog feito dende o móbil) sobre o tema que esta mañá cruzou contidos con Quin.TV (o que pareceume unha suma de coincidencias):

Si, si, no vídeo vese claramente a unha persoa gravando cun Nokia N95:
gravando cun Nokia N95
E o vídeo que podemos ver no moblog de Olalla é o seguinte:

¡Un crossover electoral na Internet! Non lembro precedentes disto. Vaia, que normalmente os crossovers cínguense a series de televisión ou macro-sagas de comics pero, ¿en moblogs e videoblogs? :o
O que si resulta curioso é reproducir os dous vídeos no mesmo punto para que vaian sincronizados (hai que dar ao play no vídeo de Quin TV cando o de YouTube estea no segundo 34), aínda que sorprende que a primeira parte do vídeo de Olalla (na que pódese escoitar a defensa de Quintana ante a petición de explicacións sobre a portada do ABC de hoxe que fixo Feijóo) non apareza no clip de Quin TV, pois é onde argumenta en vez lanzar acusacións xenéricas.

Ver portada do ABC ▼

Para min a polémica da foto no iate xa pagou a pena só por dar lugar a esta intersección de vídeos en liña. Parabéns aos que fixeron posible este encontro virtual.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero