Xoves, 22 de Xaneiro de 2009

O Dr. Manhattan nun vídeo promocional

Por se alguén dubidaba que a película de Watchmen vai ser xenial (outra cousa é que convenza ao grande público) o mellor que se pode facer é ver un vídeo promocional simulando un programa de televisión da época para demostrar o bo traballo que se está a facer inspirándose no cómic de Alan Moore e Dave Gibbons:

Máis información na web New Frontiersmen.

Mércores, 21 de Xaneiro de 2009

¿Cómo identificar a un blogópata?

J.R. Mora ilustra con moito humor cómo identificar a blogópatas:
síntomas da blogopatía crónica
Este espazo está libre deste tipo de síntomas, pois ¡a Marcus.es non o calarán! ¡Continuaremos a lanzar a nosa mensaxe aos millóns de lectores que teñen a Marcus.es coma referente do seu modo de vida!
¡Oh! ¡Mirade! Esa camisa de mangas longas que se atan por detrás parece moi moderna… ¿queredes que a poña? ¿Non é un tanto incómoda? :P

En busca da ganga perdida… en Play.com

Indy buscando unha ganga en DVD
O outro día comenteille a un amigo que mercara no seu día o pack de Blade Runner tirado de prezo, e preguntoume onde, polo que se me deu por visitar de novo a tenda de Play.com para atopar que teñen moitas películas e series de televisión que inclúen a pista de audio en español (normalmente corresponden ao español de España porque son películas PAL zona 2, e en Sudamérica empregan NTSC zona 4), polo que fixen unha selección de gangas que algúns poden considerar interesantes:

Cazafantasmas
Cazafantasmas 1 & 2: Edición Especial
6,49 euros
Ghoulies 1 & 2
Ghoulies 1 & 2
7,99 euros
El Gran Lebowski
El Gran Lebowski (Edición Especial)
9,49 euros
Star Trek
Star Trek: La Serie Original (Temp. 1)
67,49 euros
Star Trek
Star Trek: La Serie Original (Temp. 2)
23,49 euros
Star Trek
Star Trek: La Serie Original (Temp. 3)
64,99 euros
Trabajo Basura
Trabajo Basura
5,49 euros
BASEketball
BASEketball
5,49 euros
Cactus Jack
Cactus Jack
7,99 euros
Starship Troopers
Starship Troopers
5,49 euros
El Motorista Fantasma
El Motorista Fantasma
6,49 euros
Doomsday
Doomsday
6,49 euros
Lois & Clark
Lois & Clark (Temp. 1)
10,49
Shogun
Shogun
12,99 euros
La Red
La Red (Temp. 1)
20,99 euros
Tank Girl
Tank Girl
6,49 euros
Gattaca
Gattaca
6,49 euros
Soylent Green
Cuando el destino nos alcance
6,49 euros

Hai que lembrar que no prezo inclúen os portes a España, polo que casos coma o de Shogun (a 54,95 euros en España) poden deixar flipado a calquera. Outras das películas coma Cactus Jack (que na TVG tiña unha dobraxe maxistral) ou Trabajo Basura as poño porque son bastante frikis.

A min chegoume o outro día Doomsday (a 19,99 euros en España) e cando a puxen no DVD no reprodutor incluso me preguntou se quería acceder á versión en inglés ou en español, como supoño que tamén fai a versión á venda en España. Vaia, que ao final as únicas diferenzas entre as que venden en Play.com e as das tendas españolas estarían nos textos da portada/contraportada das pelis (¿alguén os le?).

Martes, 20 de Xaneiro de 2009

¿Alguén dubida cal é o detalle máis destacable da anatomía de Kim Kardashian?

Non estou moi posto no famoseo, pero de cando en vez produce auténticos momentos antolóxicos, coma a visita de Kim Kardashian e a súa irmá Kourtney ao Festival de Sundance acompañadas pola actriz/cantante (Disney) Adrienne Bailon para recoller instantáneas como a seguinte:
Cerveceiro mirándolle o cu a Kim Kardashian
Non teño nin idea de quen é o tío (¿Actor? ¿Deportista?) co que o trío de raparigas tiraron a fotografía, pero ten mérito que a Kardashian a publicase na súa web sen recurtar ao fulano da dereita, que segundo algúns, debería optar á presidencia dos EE.UU. ;)

Luns, 19 de Xaneiro de 2009

Cómo saber o que está a facer un informático

Cando ves a un informático diante dun ordenador é difícil saber se está a traballar ou perdendo o tempo con algunha conachada, pero dende a tira Sinergia sin control fixeron unha guía para comerciais na que dan as chaves para cacharnos (¿non podían estar caladiños?):
guía para calar a un informático

¿Crise no sector dos videoxogos?

A pasada fin de semana púxome de bastante mal humor un artigo de David Cabezón para Galiciae:

O incerto futuro da industria do videoxogo

Se 2009 non promete ser fácil para ningún sector, para a industria do videoxogo será certamente complicado. Non son poucas as dificultades que están a experimentar os creadores e distribuidores de xogos. O momento económico mundial actual non fai que os agoiros melloren para os grandes do sector.

Debemos partir da base de que para desenvolver algúns dos grandes xogos de hoxe en día investíronse anos de traballo de equipos superiores á centena de profesionais. Obras dixitais faraónicas que en ocasións superan os 40 millóns de dólares de orzamento.

Caen as vendas
Ata o momento, a industria afrontaba apostas tan fortes coa seguridade da resposta do mercado. E con ela, do retorno do investimento, acompañado nos mellores casos, de pingües ganancias. Pero esta fórmula que ata a data funcionara empeza a facer augas.

A primeira compañía en constatalo foi a británica Free Radical Design, creadora de exitosos xogos como TimeSplitters ou Haze2, que acaba de anunciar o seu peche a pesar de estar a desenvolver dous xogos longamente esperados polo mercado: unha nova entrega de Time Splitters e Star Wars: Battlefront III.

Hai que ter en conta dúas cousas. Por unha banda, temos enormes compañías que soportan unha estrutura de custos altísima que, aínda que lles permite facer fronte a proxectos grandes, faias moi vulnerables e ríxidas á hora de sortear dificultades. Polo outro, a certeza de que hoxe en día o éxito dun xogo xa non é unha garantía inequívoca de éxito de vendas.

Competencia legal…
Pola súa banda, o mercado autoxestiónase e cada un dos seus compoñentes fai o que está na súa man por que os videoxogos movan a maior cantidade de diñeiro posible. Pero como case sempre, este ecosistema dista moito de ser perfecto.

Coa nova época dourada dos videoxogos que vivimos nos últimos anos, proliferaron as franquías de vendas de videoxogos. Calquera centro comercial novo ten polo menos unha destas tendas.

A última liña de negocio que puxeron en marcha é a da venda de xogos ‘usados garantidos’. ¿De que se trata? De vender unha e outra vez xogos en bo estado de segunda, terceira ou cuarta man.

O ciclo pode ser infinito: un usuario compra un xogo, termínao ou se cansa del, vólveo a vender na tenda e cómprase outro.En cada unha destas transaccións a tenda saca rendemento económico.

Mentres, a industria creadora dos xogos só pode mirar con impotencia como se fai un negocio legal dos produtos que tanto lles custou desenvolver e promocionar, sen recibir nada a cambio.

…e ilegal
Esta é só unha nova modalidade de adquisición de xogos pola vía legal, que se une ás ilegais, outra fuga de divisas para a industria do videoxogo, as xa ‘tradicionais’ descargas e copias ilegais.

Ante este panorama, os grandes da industria traballan arreo por crear valor engadido ao redor da copia orixinal e única de cada xogo co fin de sacar o máximo rendemento económico de cada copia: ampliacións dos xogos só accesibles unha vez e cun código, comunidades de xogo online privadas, etc.

Independentes
Hoxe, a industria do videoxogo está a seguir un camiño similar ao do cine, quince anos despois. Nos primeiros noventa -un momento económico adverso tamén, por certo- vimos despegar a industria do cine independente. Xente que cunha cámara e moi pouco diñeiro foi quen de facer produtos interesantes e, algunhas veces, máis atractivos que os de Hollywood.

O videoxogo pasa polo mesmo momento hoxe. É probable que o 2009 sexa o ano das pequenas empresas creando xogos que, aínda que pequenos, serán sen dúbida divertidos. Esta é a única baza que poden xogar, pois non poderán mellorar aspectos como os gráficos ou os efectos especiais creadosde as grandes compañías.

En canto ás plataformas, é probable que nesta nova escena independente salgan danadas a de Sony, coa súa Play Station 3, e Microsoft, coa XBOX 360. O deseño de xogos para elas esixe proxectos máis ambiciosos que para outras, máis sinxelas, como Wii.

É de esperar que tamén sexa o ‘boom’ dos xogos aos que se xoga desde o móbil e desde o navegador web -xa sexa en páxinas para xogar ou nas de redes sociais- desenvolvidos en Flash.

* Copias ilegais

As copias ilegais son un dos vellos inimigos da industria dos videoxogos. Expresións como ‘baixar’, ‘chipear’ ou ‘copiar’ son en grao sumo común entre os usuarios de videoxogos e tan antigas como as propias videoconsolas.

E é que ao redor das copias ilegais hai toda unha industria subterránea e paralela á oficial. Esta cultura está ben arraigada en España, onde a situación é bastante grave. O noso país ocupa posicións no máis alto do ranking daqueles que adquiren videoxogos de xeitos alternativos ao mercado

* Segunda man

Pagar máis de 45 euros non sempre vén ben ao peto dos máis afeccionados aos videoxogos, moitos deles mozos que non teñen ingresos estables. As tendas de videoxogos viron aquí un filón e, coa intención de nutrilos de xogos ‘low cost’, crearon a venda de xogos ‘usados garantidos’.

Por esta canle pódense atopar xogos en perfecto estado máis baratos. ¿Cando o terminas? Vólvesllo a vender á tenda e cómpraste outro sen que os creadores de xogos non vexan un euro.

* Descargas ilegais

Ao redor de internet están a buscarse moitos novos xeitos de distribuír os xogos. Desde facelos máis accesibles en prezo coa venda de niveis soltos en lugar de xogos completos -loitando en certo xeito coas tendas de segunda man-, ata alugueres de xogos online.

Onde máis desenvolvido está este aspecto comercial é nas plataformas de xogos online. Cóntanse por centos os afeccionados a medirse no seu xogo favorito con xente de todo o planeta

* Xogos online

A situación do sector deixa un bo campo ás pequenas empresas capaces de crear xogos online sinxelos, divertidos e, sobre todo, adictivos, Os xigantes proban sorte por esta vía, ingresando diñeiro non por xogar, senón por extras no xogo.

Experiencias como Club Penguin, un exitosísimo xogo online de Disney para nenos, fan pensar que para os que hoxe son nenos o día de mañá será os máis natural do mundo consumir videoxogos deste xeito

O artigo moléstame por recoller unha chea de informacións mal interpretadas/incorrrectas, que só indican que Cabezón non está ao día do que acontece no mundo dos videoxogos, o que non lle acontece só a el, senón tamén á meirande parte dos xornalistas, polo que coido que vou facer un pequeno repaso do que solta:

Se 2009 non promete ser fácil para ningún sector, para a industria do videoxogo será certamente complicado. (..)Debemos partir da base de que para desenvolver algúns dos grandes xogos de hoxe en día investíronse anos de traballo de equipos superiores á centena de profesionais. Obras dixitais faraónicas que en ocasións superan os 40 millóns de dólares de orzamento.

¿Certamente complicado? Non podo estar de acordo. Non hai grandes diferenzas entre 2009 e a segunda metade de 2008.
Aparte, os 40 millóns de orzamento dun videoxogo son algo moi puntual, proporcional aos beneficios que xera. Estamos a falar de xogos que na súa primeira semana á venda superan o millón de copias, e lembremos que este tipo de títulos teñen un prezo duns 69,95 euros, polo que non me dan ningunha pena.
Está claro que se un produto é caro e logo sae mal, é a ruína para a empresa que o desenvolve, pero iso pasa cos xogos de 40 millóns e cos de 4 millóns. Simplemente se a desenvolvedora queda sen cartos para facer o seguinte xogo, ten que pechar, e iso acontece dende que existen videoxogos comerciais (aínda que hai casos coma o de Dinamic que resultaron especialmente dolorosos para o público español).

Caen as vendas

¡¿O qué?! ¡Os videoxogos nunca facturaron tanto! Na campaña de Nadal racharon todas as marcas existentes en vendas nos EE.UU. e do que falan os analistas é dunha deceleración das vendas, ou sexa, que non se medra á mesma velocidade, o que indicaría que a industria non é invulnerable á recesión económica, pero queda moi lonxe da caída de vendas.

A primeira compañía en constatalo foi a británica Free Radical Design, creadora de exitosos xogos como TimeSplitters ou Haze2, que acaba de anunciar o seu peche a pesar de estar a desenvolver dous xogos longamente esperados polo mercado: unha nova entrega de Time Splitters e Star Wars: Battlefront III.

Haze é unha merdaFree Radical non foi primeira en nada. É unha de tantas compañías que pecha ao caer en desgraza, e aínda que os seus TimeSplitters tivesen bastante éxito no seu día, é unha franquía que leva 4 anos fóra do mercado, e o estudo centrara os seus esforzos en Haze (non Haze2), xogo que custou unha pasta gansa é que contou cun respaldo publicitario brutal (en España chegou a verse o anuncio televisivo a todas horas durante a semana previa ao seu lanzamento) pero que resultou ser unha auténtica merda, polo que non ten ningún sentido que se comente que foi un éxito, cando foi o causante directo dos problemas de Free Radical.
Sobre TimeSplitters IV poderiamos dicir que o xogo aínda estaba lonxe de ser un desenvolvemento real (tanteaban o mercado para ver se alguén soltaba guita para facelo, ou daba esa impresión, e incluso podería ver a luz calquera día da man de outra compañía) e o Star Wars: Battlefront III era un proxecto segredo que non puido rematarse por falta de cartos (hai que botarlle a culpa a Haze), pero que agora pasa a mans de Rebellion, polo que o produto final non terá nada que ver co que se viña a desenvolver ata o momento :(

É probable que o 2009 sexa o ano das pequenas empresas creando xogos que, aínda que pequenos

¿Perdón? ¿Cando deixaron de proliferar ese tipo de empresas? Os xogos en Flash, para móbiles ou para a Nintendo DS son pequenos, e non hai que agardar a unha suposta crise para que tiren adiante.

En canto ás plataformas, é probable que nesta nova escena independente salgan danadas a de Sony, coa súa Play Station 3, e Microsoft, coa XBOX 360. O deseño de xogos para elas esixe proxectos máis ambiciosos que para outras, máis sinxelas, como Wii.

¡O que hai que ler! Resulta que os desenvolvedores independentes están a sacar unha morea de cartos grazas á PS3 e a Xbox 360 precisamente porque teñen tendas de xogos en descarga, o que fai que non teñan que depender de distribuidoras, e así poden rendibilizar os seus desenvolvementos, e senón que llo digan aos creadores de Braid, Castle Crashers ou Super Street Fighter II Turbo HD Remix, que son algúns dos xogos máis vendidos en 2008.
Este ano incluso se engadiu ao Bazar de Xbox LIVE unha categoría chamada Community Games ou Juegos en comunidad que inclúe títulos independentes entre os que incluso xa hai un xogo español. Vaia, que as grandes consolas non rifan coas compañías pequenas.
Tamén quixera precisar que desenvolver para a Wii tampouco é algo sinxelo (outra cousa é que a meirande parte dos xogos que fan para a consola sexan simplóns), pois vén a ser como facelo para PlayStation 2, o que non están ao alcance de pequenas compañías, co engadido de que tes que gozar da aprobación previa de Nintendo (algo difícil de conseguir).

Experiencias como Club Penguin, un exitosísimo xogo online de Disney para nenos

A cousa non podía rematar peor, por cometer o erro de chamar xogo a unha comunidade virtual. Club Penguin é unha plataforma semellante a Second Life ou a PlayStation Home, pero orientada a cativos. Que teña usos lúdicos non a converte nun xogo, como tampouco pasa con Facebook.

O que si comentou bastante ben David Cabezón no seu artigo é o fenómeno dos xogos de segunda man, pero deu só a perspectiva das distribuidoras de videoxogos (que son as que non ven un can) esquecendo que se non houbese compra-venda e aluguer de xogos moitas das cadeas de tendas de videoxogos terían que pechar, o que si sería un grande problema para a Industria.
Tampouco entendo cómo nunha cidade como A Coruña poden existir máis de media ducia de tendas de videoxogos (supoño que terá que pechar algunha poucos meses), pero coido que o fenómeno deixa claro que os videoxogos están a vivir o seu mellor momento da historia, cun Guitar Hero III superando os 1.000 millóns de dólares en facturación, a Wii achegándose aos 50 millóns de consolas en todo o mundo e a Nintendo DS a piques de superar os 100 millóns de unidades, e grandes xogos á volta da esquina: Resident Evil 5, Los Sims 3, Street Fighter IV, Tekken 6, Killzone 2, Bionic Commando, Batman: Arkham Asylum, Los Cazafantasmas, Dragon Age: Origins

Domingo, 18 de Xaneiro de 2009

Falta menos para a segunda canle da Galega (G2)

Coido que era para 2006 cando estaba prevista a estrea da segunda canle de televisión a CRTVG a través da TDT, e incluso falábase de que puidese chamarse A Sétima, pero ao final vai ser máis conservadores, e polo que puidemos ler en A Nosa Terra, nun par de semanas teremos unha nova canle que de nova terá o grafismo, posto que parece que limitarase a emitir reposicións:

Xesus Iglesias, director de TVG: ‘En 15 días emitirá G2, a segunda canle da Galega’

Satisfeito con culminar este período de catro anos con case un 16% de audiencia, “o mellor na historia da canle”, o xornalista Xesús Iglesias, director da Televisión de Galicia, anuncia nesta entrevista o inmediato comezo das emisións da canle G2 polo TDT, especializada en contidos infantís, xuvenís e de cultura.

Fotografía de Xesús Iglesias para A Nosa Terra

En catro anos cal é o balance sobre as súas intencións iniciais?

Sabíamos da necesidade de renovar a imaxe da cadea en conxunto, con criterios de calidade profesional e diversificando os contidos. Tendo en conta o escenario no que nos movemos estamos satisfeitos, sobre todo se usamos o índice de audiencia e seguimento como un baremo necesario.

Para a televisión pública sempre se fala da BBC como primacía do criterio profesional sobre o político. Cal é modelo futuro que vostede albisca?

Debemos distinguir entre televisións xeneralistas privadas e públicas. A nosa ten vocación de dirixirse a todo tipo de públicos pero cun sentido de responsabilidade que lle dá importancia aos núcleos básicos da nosa audiencia potencial. Desde aí avanzamos e agora creemos que é unha tv máis plural, con máis transparencia, con debate político de todos. O modelo de xestión supón decisións políticas porque implica cambiar a lei da Compañía.

As audiencias tiranizan tanto as decisións das televisións xeneralistas?

Non diría tiranizar, porque podería poñer moitos exemplos de que tomamos as decisións con independencia dese criterio e pensando no servizo que debemos cumprir. Tamén hai que pensar que nunca sabes o que lles pode gustar aos espectadores, porque saberemos moito de tv pero quizais están variando as tendencias e non te das conta. En todo caso unha televisión existe se se ve. Unha cadea debe buscar a audiencia, tamén unha pública porque se non se ve non se xustifica o gasto que se fai para sostela. Moléstame que se confunda unha audiencia de máis idade cun tipo determinado de televisión non contemporánea. Podemos delimitar a importancia que teña o núcleo principal que te segue con produtos devaluados. Defendo criterios de calidade e responsabilidade. Ás veces tes programas que pensas que poden interesar só a xente maior e ao facerse con calidade e medios tamén interesan a outras bandas da poboación, sexan Hábitat, Historias de Galicia ou A casa de 1906, que acadaron cotas de audiencia interxeneracional importantes.

Falouse de que para satisfacer máis esas audiencias diferentes había que poñer en marcha máis canles da TVG. Para cando?

Unha grella de emisión hoxe ten que ter unha programación sen grandes dentes de serra e tes que procurar fidelizar a audiencia, de maneira que non pases dun programa que interesa a moitos a outro para unha minoría. As televisións teñen que manter atendida á súa audiencia máis constante, interesándoa por produtos diversos, e a audiencia destes anos danos a razón porque pechamos os derradeiros meses de 2008 cunha media do 16%, a segunda das televisións autonómicas, apenas a unhas décimas de Canal Sur. Coas TDT podes facer outras canles máis especializadas que complementen esta visión xeneralista que serve de reclamo. En apenas quince días comezará a G2, que está xa en período de probas, e se especializará en programación infantil, xuvenil e cultural. A min, como creador do Xabarín Clube, criticóuseme a menor presenza nestes anos de contidos para os máis novos. Pero é que o consumo televisivo variou moito polas canles temáticas, que están a calquera hora do día e non espera á tradicional hora da merenda, de 6 a 8. É un cambio importante social e por iso necesitamos con urxencia tamén a nosa propia presenza temática. Vai ser un éxito porque os rapaces poderán entrar a moitas horas diferentes.

E repetiranse enganches da audiencia como foi o Xabarín ou o Shin Chan?

Hai unha política de compras que é moi importante pero está condicionada. Cando non había o escenario competitivo das canles temáticas, as tv autonómicas tiñamos horario infantil e facíamos compras xuntos. Daquela podíamos competir. Agora a cousa mudou e tivemos que reorientarnos e facer canles temáticas. Tamén a TV3 catalá segue ese camiño.

Amósase satisfeito coa audiencia media, cal é a clave dese éxito nun escenario cada vez de máis competencia?

Penso que a proximidade. Programas tipo Historias de Galicia, Hai que mollarse, Vivir aqui, Hábitat, Larpeiros S.A…., que son en clave de país, teñen boa factura e ademais son baratos e permítennos diversificar as compras. Ou Hai debate, que é o que mellor funciona do seu tipo nas televisións autonómicas, cunha fórmula sinxela que foi quen de crear un punto de encontro e de referencia para un tipo de espectadores, en troque de facer experimentos espectaculares ou populistas que noutras cadeas fracasaron. Nós resistimos porque A Galega cada vez é máis próxima, tamén nos informativos.

É imposíbel que os informativos de televisión deixen de ser suxeitos permanentes de debate político?

Non teño dúbidas que son mellores informativos que os de antes, en calidade técnica e en pluralidade. Entendo a posición dos políticos porque é o día a día da súa axenda e miden o seu discurso pola presenza nos medios. A presión é permanente e quizais falte paciencia para deixar pasar tempo e que asente unha nova visión cidadá da televisión.

Non entendo coma aseguran que a nova canle vai ter máis contidos para os cativos se non van mercar novas series para eles e utilizan coma desculpa ás canles temáticas o que non cola, xa que ata o momento os cativos só tiñan en aberto unha canle para eles (Clan TVE) pois Disney Channel aínda comezou a verse en aberto dende o pasado verán. Vaia, que durante bastantes anos a programación infantil desapareceu case totalmente das televisións en aberto, especialmente no horario de tarde no que tanta falata facía.
Continúo a pensar que a programación infantil debería ser o máis importante para a TVG, xa que é o vehículo máis valioso que pode haber para a difusión da nosa lingua. A min marcáronme especialmente Arale, Son Goku, os videoclips bravús e o Xabarín News, pero non vexo que na actualidade a Galega teña nada para nenos (non me valen as emisións actuais do Xabarín Club, a unhas horas nas que ninguén ve a tele).
¿Cambiará G2 todo iso? Gustaríame que fose certo. Dentro dun par de semanas haberá que botarlle un ollo, para ver se a segunda canle que actualmente ocupa a TVG na TDT deixa de ser un mero reflexo da programación habitual, coa grella lixeiramente cambiada.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero