Domingo, 30 de Novembro de 2008

Neva (gonna give you up) en Melide

A neve en Melide vista dende a terraza traseira da casa
Estes días as temperaturas baixaron de xeito considerable, e nos prognósticos do tempo falaban de que a cota de neve baixaría en Galicia aos 700 metros, polo que en Melide deberiamos estar a salvo (estamos a 454 metros de altitude con respecto do nivel do mar) pero a cousa non foi así, e durante a mañá do domingo caeu unha pequena nevarada.
Nevando no cruce de Melide
Durante o sábado xa non eran poucos os coches aparcados en Melide que traían neve nos parabrisas e teitos, así que en realidade a situación non pillou moi por sorpresa, agás polo feito de que aínda esteamos en novembro, cando o normal é que as folerpas non cheguen ata febreiro-marzo (coma o inverno pasado).
Yatta!!!
Algúns melidenses (especialmente os máis cativos) recibiron a neve con alegría, pero a ledicia non duraría moito ao ver que as folerpas non chegaban a fixarse no chan, desfacéndose ao momento. Vaia, que haberá que agardar a outra vaga de frío para que caia unha desas nevaradas que permita facer bolas e bonecos.
Eu, polo momento, quixen ilustrar a situación coa canción de Rick Astley Neva gonna give you up (vídeo que tamén se pode ver en case alta definición):

Mércores, 26 de Novembro de 2008

O xogo musical Lips non está recomendado para nenos

Lips a 59,90 euros
Xa comentei que o xogo Lips procurou ser coherente coa súa campañas promocional, ao incluír o tema Take on me de A-ha no xogo, mentres que o Guitar Hero World Tour pasaba olimpicamente do Old Time Rock and Roll de Bob Seger.
Hoxe constatei en persoa a solución adoptada por Microsoft, o que me parece moi positivo, aínda que o normal sería que a canción estivese realmente no xogo e non que se tivese que descargar coma contido adicional (aínda que sexa de balde).
Pareceume curioso ver no Carrefour (onde o xogo está a 5 euros por debaixo do seu PVP recomendado) que incluso hai un adhesivo na portada do xogo deixando claro que a canción que se escoita na televisión se pode cantar en Lips, pero o sistema que ten para integrar o tema musical é un tanto farragoso, xa que se asocia a unha conta de Xbox LIVE, de xeito que de querer cantarse a canción dende un perfil de usuario off line non sería posible :(
Lips e o seu código PEGIPero o que me pareceu máis rechamante foi ver o código PEGI +12, ou sexa, que non estaría recomendado para nenos, cando é un xogo musical. Non o entendín ata que din a volta á caixa e aparecía unha icona representando linguaxe obscena. ¿Hai referencias a sexo e violencia en Lips? Paréceme raro, e quero pedir axuda dende aquí. ¿Algunha das cancións en español do xogo ten unha letra que podería resultar ofensiva para os cativos? Lémbrovos que a listaxe de temas en cristiano é a seguinte:
- Alaska y Dinarama: A quién le importa
- Alejandro Sanz: Corazón Partío
- Andrés Calamaro: Flaca
- Belanova: Baila mi corazón
- Chetes: Completamente
- David Bisbal: Quién me iba a decir
- Despistaos: Cada dos minutos
- Duncan Dhu: En algún lugar
- El sueño de Morfeo: Demasiado tarde
- Fanny Lú: No te pido flores
- Héctor Lavoe: Che Che Colé
- Jarabe de Palo: Olé
- La Factoría: perdóname
- Luis Miguel: Un hombre busca a una mujer
- Pimpinela: Olvídame y pega la vuelta
- Selena: Bidi Bidi Bom Bom
- Son by Four: A puro dolor
E só poño os temas en español porque supoño que os do PEGI non dan por sentado que os nenos pequenos entendan perfectamente inglés. Quitando o feito de que algunha das cancións non sería recomendable para ningunha idade, ¿vedes algunha alusión nas letras que poida resultar conflitiva? ¿Ou será que simplemente nalgunha canción din caca ou teta?

Martes, 25 de Novembro de 2008

Charla-coloquio sobre a TDT en Melide

Esta tarde terá lugar no Multiusos de Melide unha charla-coloquio sobre a TDT:

Melide acolle unha campaña sobre a incidencia da TDT e o apagón analóxico

O encargado de explicar o proceso de apagamento analóxico aos municipios será o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias. A charla será aberta o público, no Edificio Multiusos de Melide, este martes ás 20.00 h.

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta e o operador público de telecomunicacións Retegal comezan mañá unha campaña informativa para achegar a Televisión Dixital Terrestre aos concellos galegos nos que primeiro se levará a cabo o encendido dixital, e que se atopan preto doutras zonas nas que se producirá a transición á TDT nos próximos meses.
A primeira das citas será mañá martes ás 20 horas no concello de Melide, e contará coa participación do director xeral de Comunicación Audiovisual e conselleiro delegado de Retegal, Manuel José Fernández Iglesias, e a alcaldesa de Melide, Socorro Cea.
No mes de decembro, celebraranse outras seis charlas-coloquio sobre a incidencia e as consecuencias do encendido dixital e sobre as previsións do apagamento analóxico en xullo de 2009. Así, despois de Melide chegará a quenda de Noia,  Muxía, Verín, Silleda e Vedra.
Nas charlas-coloquio está previsto que participen todos os concellos afectados de cada zona, así como os axentes do sector, administracións locais, radiodifusores, instaladores, comunidades de veciños e cidadanía en xeral. Baixo o lema ‘Imos por diante’, a campaña busca explicar a todos os cidadáns como recibir a TDT nas súas vivendas, así como o anticipo que está a desenvolver o Executivo autonómico no referente ao encendido dixital.
Encendido dixital
Segundo informa a Xunta nun comunicado, o encendido dixital realizarase antes de finais de ano nas demarcacións de Ourense Leste e Santiago ata acadar o 98,5% de cobertura e con seis meses de adianto sobre as datas marcadas polo Ministerio.
Co encendido de Ourense Este e Santiago, entre decembro e xuño de 2009, convivirán ambas as tecnoloxías, a analóxica e a dixital, ata o momento do apagado. Ata xuño de 2009, a Secretaría Xeral de Comunicación e Retegal encargarase de completar a cobertura con encheocos e conseguir así o acceso universal á TDT no caso do múltiplex autonómico, que inclúe a TVG e dúas privadas de ámbito galego.
O acto de Melide sobre o apagón analógico celebrarase no Edificio Multiuosos ás 20h, e será aberto a toda a cidadanía. O moderador da charla será o xornalista melidense Manuel Pampín.

Eu estou na Coruña, polo que non podo asistir para facer algunhas preguntiñas das que gustaría saber a resposta aínda que estou certo de que non as poden contestar (ou mentirían ao facelo) pois o panorama audiovisual está nunha situación incerta, e é moi probable que en 2009 fagan un profundo cambio de regulación que, polo pronto, se podería traducir na transformación de varias das canles de TDT ao modelo de pago (permitindo incluso o pago-por-visión).
Se alguén que lea estas liñas vai asistir á charla-coloquio agradeceríalle que preguntase por Dez TV e o seu futuro en Melide. ¿Por qué pregunto iso? Pois porque na actualidade a Melide chegan por analóxico Correo TV, Localia e Dez TV, que emiten dende o monte Pedroso, recibíndose as dúas primeiras tamén en dixital, pero o detalle é que Dez TV (Deza Visión, S.A.) só ten licenza para emitir en Lalín, polo que debería tomar medidas técnicas para non invadir a demarcación de Santiago. Eu entendo que de non recibirse o sinal de Dez TV en Santiago (en dixital) tamén quedariamos sen recibir tal canle en Melide, de xeito que perderiamos unha canle de televisión local, o que en boa medida tamén tería repercusións na política de comunicación do Concello (que debería tirar de Correo TV e da canle antes coñecida coma Localia para difundir as informacións de ámbito local). Vaia, que sospeito que iso iá afectar moi negativamente a Dez TV, que facía bastante negocio na Terra de Melide, que curiosamente quedou sen demarcación propia de TDT:
mapa de demarcacións de TDT en Galicia

Se nos fixamos no mapa, ata Vila de Cruces e Agolada están fóra da demarcación de Lalín, polo que non parece xustificable que Dez TV se vaia poder recibir en TDT en Arzúa, Santiso ou Melide, aínda que non sei a política que seguirá a administración coas zonas sen demarcación propia. Supoño que a cousa dependerá da relación que teña no futuro Correo TV con Dez TV, pois o Correo tamén terá televisión local en Lalín, de aí que poida supor unha grande ameaza para Dez TV (pois o Correo non invadiría a ninguén de dar cobertura á Terra de Melide e a moitos outras zonas próximas a Santiago, agás na Estrada).

Todo iso é facer futuribles, pois non hai nada seguro sobre o tema, de aí que me interesaría que se falase publicamente sobre o asunto, pois estamos ante un caso moi puntual (dubido que se dea noutras partes de Galicia).

Luns, 24 de Novembro de 2008

Marcus.es entre as 100 páxinas web galegas máis populares segundo Alexa

Dende Código Cero levamos anos elaborando mensualmente un Top 100 coas webs galegas máis populares segundo Alexa, o que non é unha listaxe moi fiable dado que o estimador do éxito das webs só discrimina por nome de dominio (polo que, entre outras cousas, non podemos ter datos de blogues en servizos coma Blogaliza ou Blogger, que se contabilizan en grupo) e está baseado nunha plataforma panelista doada de manipular (o que explica que Rojadirecta.com estea na primeira posición, pois está claro que non supera a La Voz en visitas).
Marcus.es no Top 100 de Código CeroDurante a última actualización (o pasado 25 de outubro) sorprendinme ao ver que este blogue entraba no posto 75 do Top 100 e quedei flipadísimo. Supoño que será por algunha das polémicas sobre Melide ou por algunha frikada que puxen e que se contaxiou por moitos blogues educados (deses que citan as fontes, que por sorte son bastantes). Tamén afectaría o feito de que este sexa un blog pornográfico (todos sabemos que as páxinas porno teñen moito éxito). Pero antes de que ninguén me dea os parabéns teño que dicir que esta posición na listaxe non está en absoluto xustificada, pois nin de coña teño máis visitas que o portal de Culturagalega.org ou do xornal Galicia Hoxe, pese a que apareza así no Top. Sonche cousas do rankismo, que algúns o converten nunha razón para a súa existencia, pero hai que quitarlle ferro, e poñelo no seu lugar: as estimacións non son datos obxectivos nin fiables.

Os blogues en galego máis populares en TechnoratiEn vista dos bos resultados en Alexa fun mirar á listaxe de blogues do Blogomillo que manteñen dende Blogaliza para descubrir que a relación de máis de 5 milleiros de cadernos en galego está sen actualizar, de xeito que este espazo debería estar entre os 10 primeiros postos (posiblemente no 3º ou 4º), confirmándose que os blogues de máis éxito en galego son, sen lugar a dúbidas, os de Os Manolos.
Si, Manuel Gago e Manuel Bragado, cos seus Capítulo 0 e Brétemas respectivamente, liderarían o Blogomillo como veñen a facer nos últimos anos, pois está claro que son os cadernos de Internet máis populares, servindo de exemplo de distintos xéneros de éxito na Rede. O que non sei é cal dos 2 blogues ten máis éxito segundo Technorati, pois ao consultar a súa cualificación vexo que están empatados, xusto o mesmo que lle pasa a este blogue ao comparalo co de Andrés Milleiro.
¡Estou encantadísimo con esta situación! Vale que ao estar a listaxe do Blogomillo sen actualizar pode que haxa algún espazo que se poida introducir entre os 4 máis populares segundo Technorati, pero de non ser así teriamos un cuarteto formado por 2 manolos e 2 tecno-frikis. E xa sabemos o que vén despois: ¡tratar de conquistar o mundo!

Supoño que a ninguén se lle escaparía que estamos ante un claro exemplo de que o rankismo falla, pois nin o blog de Milleiro nin o de Gago (ambos con dominio propio e, por tanto, valorados por Alexa) aparecen en boas posicións en Alexa, mentres que Technorati os coloca historicamente por diante deste blog. ¿Explicación? Pois coma non lle preguntemos a Santiago Pemán, por aquilo de que entende das témporas…

ACTUALIZACIÓN (25-11-2008): Ne c’est pas possible! Continúo no Top 100 durante este mes (ascendendo ao posto 72… a piques de pillar a Código Cero e superando a Blogaliza, o que é totalmente absurdo, pois este caderno é insignificante fronte a suma dos blogues da Blogaliza), pero me molestei en mirar en qué posto estarían os blogs de Gago e Milleiro, e quedan no 119 e 133 respectivamente, o que está moi ben se os comparamos especialmente cos postos 131, 152 e 173 do BNG, A Nosa Terra e Radio Coruña.
Dáme a impresión de que estas cualificacións tan pouco realistas máis que indicar o que estamos a facer ben dende os blogues destaca que outros medios non están a reaccionar ben aos cambios na web.

Lips non fai publicidade enganosa

Esta fin de semana vin na televisión o anuncio do novo xogo de Xbox 360, Lips:

Como vedes, emprega para anunciarse a canción Take On Me (da que xa teño falado),
pero neste caso non se trata dun caso de publicidade enganosa coma o de Guitar Hero World Tour xa que a canción, aínda que non veña de serie no xogo español (e si no americano) resulta que se pode descargar de balde do Barzar de Xbox LIVE.

Duffy cantando Mercy en Lips

Do que estou certo é de que, de facer un anuncio do Lips gravado en España a canción que interpretarían ao final do spot sería a de Pimpinela. Iso si, os de Microsoft ¡xa tardan en mercar os dereitos do Sueño Contigo de Camela coma canción descargable! ;)

O certo é que o repertorio de temas do Lips é un tanto raro, de xeito en cada país conta con cancións distintas tocándolle a España as seguintes:
- Ace of Base: The Sign
- Alicia Keys: No One
- Avril Lavigne: Complicated
- Ben E. King: Stand by Me
- Beyoncé: Irreplaceable
- Coldplay: Yellow
- Depeche mode: Personal Jesus
- Dido: White Flag
- Duffy: Mercy
- Earth, Wind and Fire: Let’s Groove
- Jackson 5: ABC
- Johnny Cash: Ring of Fire
- Kylie Minogue: Love at first sight
- Leona Lewis: Bleeding Love
- Maroon 5: Makes me Wonder
- Morcheeba: Rome Wasn’t Built in a Day
- Nirvana: In Bloom
- Peter, Bjorn and John: Young Folks
- Queen: Another one bits the dust
- Radiohead: Fake Plastic Trees
- Rihanna feat. Jay-Z: Umbrella
- Roxette: Listen to your Heart
- Sara Bareilles: Love Song
- Alaska y Dinarama: A quién le importa
- Alejandro Sanz: Corazón Partío
- Andrés Calamaro: Flaca
- Belanova: Baila mi corazón
- Chetes: Completamente
- David Bisbal: Quién me iba a decir
- Despistaos: Cada dos minutos
- Duncan Dhu: En algún lugar
- El sueño de Morfeo: Demasiado tarde
- Fanny Lú: No te pido flores
- Héctor Lavoe: Che Che Colé
- Jarabe de Palo: Olé
- La Factoría: perdóname
- Luis Miguel: Un hombre busca a una mujer
- Pimpinela: Olvídame y pega la vuelta
- Selena: Bidi Bidi Bom Bom
- Son by Four: A puro dolor
Deste xeito, perdemos (de serie) o Take On Me de A-ha, o Call Me de Blondie, o Soak Up the Sun de Sheryl Corw ou o Walk Like an Egyptian das Bangles (¡imperdoable!).
Os que queiran pasar de Jarabe de Palo, Belanova, Andrés Calamaro, Alejandro Sanz, Selena, Despistaos e Pimpinela poden optar por mercar o xogo a Reino Unido. En Play.com sae a 55,99 euros (portes incluídos) e no Amazon británico incluso sae uns 3 euros máis barato (xa cos portes) mentres que en España se vende por 64,95 euros. Curiosamente en Francia teñen o mesmo prezo que en España, pero en Alemaña o xogo está uns 7 euros máis barato. ¿Alguén pode entender iso?
A xente está a pór o xogo polas nubes, e comentan que está moito mellor que o SingStar, polo que podería ser o mellor karaoke editado ata o momento, coa vantaxe de que lle podes meter calquera canción que che pete (aínda que sen que o programa presente a súa letra en pantalla). Vaia, que era hora de que chegase a innovación a este tipo de xogos, e que non fosen só os de guitarra eléctrica os que mellorasen.

Domingo, 23 de Novembro de 2008

O Concello de Melide deixa sen aprobar os orzamentos de 2008

Esta mañá recibín un e-mail do PP melidense avisando dun cartel que puxeron polas rúas da vila con seguinte texto:

LAMENTABLE SITUACIÓN DO CONCELLO

DENDE O PP QUEREMOS INFORMARVOS QUE POR PRIMEIRA VEZ NA HISTORIA O CONCELLO DE MELIDE NON APROBARÁ OS PRESUPOSTOS DESTE ANO.
LEMBRAR QUE SOCORRO CEA O PASADO ANO DIXO QUE ESTARÍAN EN VIGOR A PRIMEIROS DE ANO , ONCE MESES DESPOIS OS MELIDENSES NON SABEMOS QUE FOI O QUE FIXERON COS NOSOS CARTOS.

¿POR QUÉ NON SE APROBAN OS PRESUPOSTOS DO 2008?

1.- NON LLES SAEN AS CONTAS PORQUE DESPILFARRARON MOITOS CARTOS; E PARA APROBAR UN PRESUPOSTO OS GASTOS DO CONCELLO NON PODEN SUPERAR OS INGRESOS.
2.-FALTA DE ENTENDEMENTO ENTRE OS SOCIOS DE GOBERNO.

A CONSECUENCIA: 18 MESES DE DESGOBERNO LEVAN Ó NOSO CONCELLO A UNHA PARÁLISE TOTAL.

CONCLUSIÓN: O PASADO ANO BNG-PSOE APROBARON OS PRESUPOSTO GRACIAS Ó PATRIMONIO DEIXADO POLO PP, UN ANO DESPOIS SON INCAPACES DE PRESENTAR AS CONTAS.
DO QUE SI SON CAPACES É DE SUBIR O RECIBO DA AUGA UN 20% E O RESTO DOS IMPOSTOS UN 4,5% O QUE SUPORÁ QUE CADA FAMILIA O VINDEIRO ANO PAGUE UNHA MEDIA DE 60 € MÁIS.
DESPOIS DE ANO E MEDIO GOBERNANDO SOCORRO CEA ¿A QUEN PRETENDERÁ BOTARLLE A CULPA DESTA LAMENTABLE SITUACIÓN ?

Non teño máis detalles do asunto, pois non vin nada publicado nin na web do Concello nin na prensa, pero lembro que para os orzamentos de 2007 se comentara que presentaban un desequilibrio de 535.395 euros «que non se produciría se non se incorporasen aos orzamentos as facturas que o anterior goberno do PP deixou sen pagar dos anos 2005, 2006 e 2007», polo que non sei se esta é a situación que afectou ao exercicio actual, ou estamos a falar dunha problemática totalmente distinta. Vaia, que estou coa dúbida de se a situación económica é herdada ou responsabilidade absoluta da nova corporación municipal, aínda que sospeito que estamos nun termo medio. ¿Alguén pode achegar máis información sobre o asunto?

Cachuli cobra o que non vale

Julián Muñoz co terceiro grao penitenciarioNon creo que fose pola campaña anti-Telecinco e a entrevista que fixeron a Julián Muñoz (que comentan que era unha cousa rara a base de montaxes de vídeos) foi un rotundo fracaso con só 1,77 millóns de espectadores e un 11,5% de cota de pantalla, ou sexa, cun resultado peor que o da entrevista a Roldán da semana pasada (15,6%), e quedando moi por detrás de ¿Dónde estás corazón? e de Callejeros, programa ¡que case superou ao de Cantizano!
De sentar precedente o corazón podería comezar a perder peso na grella televisiva, o que sería unha boa nova para case todos. Agardemos que mellore a oferta televisiva grazas a sonoros batacazos coma este. De paso, a ver se tamén aprenden e fan o mesmo co fútbol, e pagan polos partidos o que realmente valen.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero