¿Aínda seguen coleando os virus informáticos?
Hoxe no programa Punto de Encontro da Radio Galega falei con Pepe Carreira sobre un informe de INTECO que segundo a prensa aseguraba que o 80% dos ordenadores domésticos estaba infectados con algún virus informático, e tiven que precisar que 8 de cada 10 equipos están afectados por software malicioso ou malware, que non é o mesmo que virus informáticos, e incluso penso que na actualidade os virus están practicamente extinguidos.
Si, non paran de saír alertas de novas ameazas, pero eu non lembro a última vez na que detectei un virus no meu equipo nin nun ficheiro descargado da Internet. O que detecto son aplicacións espía e troianos, pero non os virus que hai anos corrompían a instalación de Windows, borraban os datos do disco duro ou facían calquera outra satanada.
Aínda lembro os tempos do Barrotes, o Rasec ou o Tobacco, pero hai moito que non vexo por aí ningunha bestia parda, polo que sospeito que xa non existen, de xeito que hoxe tendemos a confundir os troianos (que incluso poden ser máis fastidiosos) cos virus, pois a única diferenza é o método de propagación. Digamos que un virus se replica por si mesmo, mentres que un troiano normalmente está colocado nunha aplicación que nós instalamos voluntariamente (normalmente se camuflan en xeradores de números de serie e cracks para piratear aplicacións de pago ou se fan pasar por programas coma o Messenger dende webs non oficiais).
Dende INTECO aseguran que 1 de cada 3 usuarios detectou incidencias por virus informáticos (penso que a xente confunde os distintos tipos de malware) aínda que tamén resulta curioso que só o 32,8% dos usuarios perciban o problema se están afectados o 81,6% dos equipos informáticos. Ou sexa, que hai moito bicho que pasa desapercibido, o que fai precisamente que non se tomen medidas para evitalos.
Eu como mínimo recomendo instalar un programa anti-virus de balde coma Avast! ou AVG, pois hoxe en día detectan moitas das ameazas, pero tamén é moi importante ter actualizado o novo navegador web (moita xente segue utilizando o Internet Explorer 6, o que é case un suicidio) e contar cunha devasa ou firewall (para evitar ataques directos dende a Rede e detectar se algún programa instalado intenta conectarse á Internet). Sobre firewalls non vou recomendar ningún, pois hai moitos distintos e admito que para a meirande parte dos usuarios son demasiado complexos.
Despois desta parrafada quixera saber se algún dos que len estas liñas padeceu algún problema vírico no seu ordenador nos últimos meses/anos. ¿Cando foi a última vez que un virus fixo das súas no teu equipo?






8 comentarios realizados
1. gaioso escrito o 29 de Setembro de 2008 ás 23:58
Efectivamente, hai moito tempo que non detecto ningún virus. O último que me toleou foi o Klez, que infectou varias aplicacións no Concello de Melide e non había maneira de botalo fora da rede, foi un pesadelo. Pero, dende aquelas, o que máis vin foron equipos ata arriba de ‘malware’, sobre todo recordo equipos con XP sen o SP2 Era cuestión de minutos en quedar todo patas arriba.
Un saúdo.
2. luisma escrito o 30 de Setembro de 2008 ás 1:01
Eu recordo aquela conta atrás que saía no XP tan pronto aceendías o trebello e que che apagaba o ordenata. recodo a miña gran axilidade para entra en alerta antivirus, utiles gratuitos, herramientas de desinfección! jejeje
Tamén recordo aquela primeira conexión dende o meu modem e os dial ups porno que se che instalaban
3. Marcus escrito o 30 de Setembro de 2008 ás 1:12
Luisma, coido que te refires ao Blaster, que entra dentro da categoría de verme, ou sexa, que tampouco sería un virus dos de antes.
Por curiosidade fun á web de Panda, e segundo parece os virus auténticos están case desaparecidos dende 2006.
O dos Dial-up entraría dentro da categoría máis cabrona de troianos, pois os instalabas ti manualmente (sen sabelo) e logo se aproveitaban do usuario sen que se dese conta (nalgún caso era moi difícil detectar que te estabas conectando á Internet dende unha conexión diferente). Por sorte, co cable e o ADSL deixaron de facer ese tipo de aplicacións.
4. LUISMA escrito o 30 de Setembro de 2008 ás 8:25
Eu dende os principios de internet tiven (ata hai pouco) a convicción de que eu non collía virus
non utilizaba antivirus e tomaba as miñas precaucións, e non me ía mal de todo, iso si, o format dende MS2 estaba á orde do día jejeje
Ah! tamén recordo hai moitos anos que saía nas noticias que tal día habería tal virus informáitico, que miña nai me recomendaba, sabiamente, desconectar o equipo da red……………eléctrica jejeje que ó fin e ó cabo garantiza unha protección total. Saúdos!
5. Marcus escrito o 30 de Setembro de 2008 ás 10:13
Luisma, hai que admitir que os medios non souberon explicar no seu día o que eran os virus, e é normal que a xente entendese que se collían pola rede eléctrica porque durante décadas conectar á rede era enchufar á corrente. Moitísima xente pensaba que os virus entraban por aí, e non eran conscientes que viñan nos diskettes que lles emprestaban e, máis adiante, nos e-mail que lles mandaban descoñecidos con fotografías en bolas da modelo ou actriz de moda
6. LUISMA escrito o 1 de Outubro de 2008 ás 15:38
Hoxe vendo unha desfortunada noticia no telediario vin como a policía incautaba discos duros dos presuntos delincuentes. Que recordos cando se vía á policía cargando con pesadas torres coas súas disqueteiras, lectores de cd-rom, placa base, chapas cor blanco roto, porto usb…
7. LUISMA escrito o 1 de Outubro de 2008 ás 15:41
E falando de presuntos, tamén recordo á tvg entrevistando a unha señora totalmende desfigurada “porque uns malfeitores lle deran unha presunta paliza” jejeje pobre señora…
8. Marcus escrito o 1 de Outubro de 2008 ás 16:00
Si, os xornalistas tenden a abusar da palabra presunto ata chegar ao ridículo. Coido que o uso máis atonado da palabra é en portugués (definindo a un xamón, vaia).