Martes, 30 de Setembro de 2008

¿Pasa Google de nós (por escribir en galego)?

Manuel Gago comentoume trala proxección de Dinosauros 3D na Domus que estaba un tanto escandalizado polo comportamento de Google con respecto da lingua, pois detectou que ultimamente estaba a tratar peor ás webs con contidos en galego.
Para pór en proba a teoría de Gago fun á portada de Culturagalega.org e vin que alí se falaba do Festival tapas e danza e déuseme por comprobar que pasaba se buscaba por tal asunto en Google obtendo resultados moi diversos:
resultados de Google en galego, inglés e español
Así, se accedo dende a versión en galego do buscador temos a Culturagalega.org coma 1º resultado de busca, o que coincide coa busca en inglés, que podería ser o resultado obxectivamente máis atinado; pero a meirande parte dos galegos acceden ao buscador dende a versión en español, polo que o portal da cultura galega aparece ¡na posición nº 41 dos resultados! Remítese así ao usuario á web de La Voz, que está en español e aparece no posto 6 do resto de resultados de busca.
a onde nos leva Google ao buscar sobre o Festival de tapas e danza
Entendo así que os contidos en galego están a ser soterrados por Google, posiblemente porque dende a compañía do buscador entenden que a xente personaliza as preferencias de Google (cando na práctica a meirande parte do público non sabe nin que se pode facer iso) ou emprega coma lingua principal o idioma definido no seu ordenador, deixando de lado boa parte das linguas minoritarias do mundo (ou iso parece).
É lóxico ter en conta a lingua á hora de presentar resultados nun buscador web, así como tamén a proximidade xeográfica, resultando complicado atopar un equilibrio perfecto entre ambos factores, pero está claro que a disparidade do exemplo a tratar é esaxeradisima, pois a mesma páxina pasa dunha posición preferente ata quedar perdida nos resultados de busca sólo pola lingua definida ao realizar as buscas (ignorando outros factores a ter en conta, como que a consulta se realiza dende un ordenador en Galicia co sistema operativo en galego).
Coido que nos vindeiros días imos escoitar falar algo máis deste tema, e que non faltarán as reaccións sobre a posible discriminación de Google ás webs en galego. Un exemplo máis do perigosos que son os monopolios. Agardemos que alguén lles poña as pilas.

4 comentarios realizados

a gravatar

1. Seomark escrito o 17 de Outubro de 2008 ás 14:42

Ola Marcus! Eu tamén teño pensado un pouco neste tema. É certo que se está a producir un efecto perxudicial no tráfico que deriva Google para as webs en galego, ainda que en realidade só pasa cando os termos de búsqueda son iguais nas dúas linguas (coma no exemplo que pos: festival, tapas, danza).

En todo caso, penso que se debe non tanto a unha cuestión de discriminación como de comportamento dos usuarios. Cando alguén busca en Google.es coa interface en castelán, Google entende que é un castelán-falante, pero non sabe se esa persoa é galega ou se é de Madrid ou Almería. Entón lle ofrece resultados principalmente en castelán.

Se queremos ter resultados en galego, Google facilítanos na súa páxina principal un enlace que pon “galego”, ainda que para ser exactos, neste caso o que vai facer non é priorizar os resultados en galego, senón deixar de priorizar os resultados en castelán. (A razón é que o galego, igual que pasa co euskera, non está de momento entre as linguas que Google pode identificar e por tanto priorizar.)

Se queremos atallar o problema, cómpre animar á xente a usar máis o Google en galego, ou ben esperar a que o buscador evolucione e aprenda a identificar mais linguas, entre elas a nosa.

a gravatar

2. Marcus escrito o 17 de Outubro de 2008 ás 15:02

Seomark, confirmo que o efecto non é prexudicial só con buscas con palabras equivalentes en español e galego. Se buscas información das rías baixas o sistema tamén está a discriminar ás webs en galego, e webs coma riasbaixas.net están a perder millóns de postos en Alexa. Detectei casos de webs que en 4 meses perderon preto de 5 millóns de postos en Alexa, o que podería ter graves consecuencias para a súa supervivencia.
O de animar á xente a usar o Google en galego está ben, pero non é unha solución a curto/medio prazo. De feito, nin sequera é unha boa solución: eu podo querer usar o Google en español dende Galicia, e que me amose resultados en inglés, español e galego. O buscador está a discriminar aos usuarios bilingües, que somos moitísimos a nivel mundial (por toda Europa hai rexións con varias falas, e non parece razoable prexudicar á que estea minorizada).

a gravatar

3. Seomark escrito o 18 de Outubro de 2008 ás 1:39

Non me cabe dúvida, como xa dixen, de que se está a producir un efecto perxudicial para as webs en galego. Que a xente use o Google en galego pode non ser unha solución ideal, pero é mellor que non facer nada. Por outra banda, se moita xente usase esa versión, é unha boa maneira de facerlle ver a Google que o galego é unha lingua que ten demanda, unha demanda que merece ser atendida (como xa fixeron co catalán).

Un saúdo

a gravatar

4. Marcus escrito o 18 de Outubro de 2008 ás 2:04

O que pasa é que os cataláns teñen un dominio .cat, polo que un google.cat é máis natural que entrar en google.es e picar onde pon galego. Os dominios .gal aínda tardarán un par de anos en funcionar (se temos sorte) polo que agardemos que despois a cousa mellore.
De todos os xeitos teño confianza en que Google dea máis peso á situación xeográfica dos internautas que á lingua do seu navegador segundo vaian evolucionando os sistemas de xeolocalización.

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios