Mércores, 27 de Agosto de 2008

Luke podería converterse no Emperador Palpatine

Aínda que Scott Johnson siga no seu blog que Luke luza coma o tío Owen, a min paréceme que pasou ao lado escuro da Forza, polo que envelleceu coma o Emperador Palpatine:
Mark Hammill posando con Jim Lee
Si, si, Mark Hammill non se conserva moi ben, pero é que me resultou gracioso ver que na imaxe a súa cara parecese tanto a que ten o Emperador en Star Wars. ¿Sería que o propio Palpatine era o pai de Vader e que Luke se parece ao seu avó?

A min a fotografía me creou tamén unha dúbida: se te atopas con Mark Hammill e Jim Lee, ¿con cal dos dous tirarías unha fotografía? Eu supoño que con Hammill porque a súa imaxe é máis coñecida, pero hai que admitir que hoxe en día pode resultar moito máis interesante falar con Jim Lee (para sonsacarlle detalles sobre algún dos seus proxectos iniciais, coma o videoxogo DC Universe Online).

Luns, 25 de Agosto de 2008

Mercamelide: as segundas partes non teñen por qué ser malas

A pasada fin de semana celebrouse a segunda edición de Mercamelide, e parece que a cousa saíu bastante ben:

Éxito de participantes e vendas na segunda edición de MERCAMELIDE
Trinta e unha firmas comerciais de Melide reuníronse esta fin de semana no Pazo de Congresos nunha feira de oportunidades que vai medrando en cada edición.

Segunda edición de MercamelideO Pazo de Congresos de Melide abriu as súas portas o sábado 23 ás 11 da mañá e mantivo vivo o Mercamelide ata o domingo ás 20:00 horas. Alí desenvolveuse a segunda edición da feira de oportunidades do comercio melidense, Mercamelide, que se celebrou por vez primeira no mes de febreiro deste ano.
Durante esta fin de semana foron moitas as persoas que se achegaron ata o Pazo de Congresos para comprobar que estaban á venda “artigos de calidade a prezos reducidos”. Durante as tardes, o Pazo de Congresos reservaba unha boa parte do local para os máis pequenos no que o Concello de Melide instalou un amplo espazo de xogos, inchables e obradoiros.
Ao remate deste evento os comerciantes estaban satisfeitos coas vendas e tamén coa afluencia de público que durante toda a fin de semana visitou o Pazo de Congresos, ond e puideron atopar todo tipo de artigos de agasallo, calzado, moda, complementos do fogar, perfumería, óptica, ferretería, arte, mercería, moda infantil, deportes e fotografía, entre outros.
Dende a organización, o
concelleiro de Promoción Económica, Antonio Díaz, afirmou estar “moi satisfeito pola resposta da xente que volveu ateigar o Pazo de Congresos, e tamén polo excelente traballo desenvolvido polos traballos de Melide, que cada día consolidan un pouco máis a Melide como punto de referencia das compras do interior do país”.

Eu gustei do ambiente que había por esta edición de Mercamelide, e aínda que non vin nada que me convencese mercar, miña nai si que atopou cousas, e quedou moi contenta. Se tanto o público coma os comerciantes sacan unha boa impresión, o evento debe pagar a pena.

Tamén coñecín en persoa a Rebeca Ponte (de Sanoguera), quen me agradeceu que falase do I Festival das Artes e das Letras de Melide 2008. Despois de que me comentase o barato que foi todo un mes de actividades supoño que dende o Concello repetirán a experiencia, pois saíu relativamente moi ben (se custa máis unha actuación nocturna de agosto que 16 días dispersos con concertos e talleres está claro que a aposta pola arte e a cultura era sobre seguro).

Poderiamos dicir que remata co Mercamelide o verán melidense, posto que aínda que vindeira fin de semana sexa feira, ao coincidir co derradeiro día do mes, a xente de fóra posiblemente estea xa de retorno ao seu fogar. Queda agora un lixeiro paréntese de repouso para chegar ao San Caralampio.

Domingo, 24 de Agosto de 2008

Traxes misteriosos moi televisivos

Acabo de ver na web un escaneo dun cómic que presenta unha imaxe que me fixo moita graza:
Museo de traxes dun personaxe televisivo moi misterioso
¿Alguén se atreve a dicir o que son os traxes que aparece aí? É moi doado se te fixas nun dos traxes en concreto, que é sumamente característico.

Sábado, 23 de Agosto de 2008

Documentais de animais

Cando unha canle de televisión de documentais de natureza ten que promocionarse o normal é que empregue imaxes impactantes escollidas das súas emisións, pero en Alemaña os de Animal Planet decidiron innovar cunha visión diferente do que son os documentais de animais:
Osiños cinatográficos
Peixes globo con ansias de protagonismo
Os pingüíns vense elegantes en pantalla
Aos elefantes tamén lles gusta filmar as súas viaxes
Menudas risas botei ao ver o anuncio dos osiños. Se por min fora ata lles daba programa propio ;)

Venres, 22 de Agosto de 2008

Tiger Woods anda sobre as augas

Hai cousa dun ano un usuario do xogo Tiger Woods PGA Tour 08 atopou un fallo no mesmo que facía que o popular golfista puidese golpear unha bola que caese na auga, no que deu en chamar the Jesus shot en alusión a que Xesucristo camiñaba sobre as augas no Novo Testamento:

Pero a xente de Electronic Arts decidiu aproveitar o fallo no xogo para promocionar o Tiger Woods PGA Tour 09 (que sae á venda nos EE.UU. a semana que vén) preparando un vídeo no que se demostra que Woods é capaz de facer milagres:

O vídeo é tan orixinal e simpático que xa acumula máis de 600.000 visualizacións (en menos de 3 días). Estou certo de que o vídeo tamén vai aparecer en moitos programas de televisión nos EE.UU., polo que a promoción lles vai saír moi barata. As boas ideas valen moito.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios