5 bitácoras para o Día dos Blogs de 2008
Hoxe celébrase en todo o mundo o BlogDay 2008, xornada na que se anima a blogueiros de todo o mundo a establecer 5 ligazóns a blogs que non estean dentro do seu círculo habitual para promover a diversidade da blogosfera. Apara achegar a miña contribución á causa, aquí van 5 bitácoras que recomendo visitar:
- Akihabara Blues: Non se trata do mellor blog de videoxogos que sigo (¡nin de lonxe!), pero os seus responsables son os que fixeron a cobertura máis gamberra da Games Convention de Leipzig, e iso merece un recoñecemento.
- Matogrande: Está claro que a alguén que non viva neste barrio coruñés lle importará pouco o que neste blog escriban, pero o poño como un exemplo de blog de barrio (en Coruña hai varios) que entendo que responden a unha necesidade, e que son moi útiles para a comunidade e para a mobilización social.
- La Gadgeta: Miguel Ángel Uriondo conta moitas das novidades do sector tecnolóxico dende o seu blog, que ten un nome moi atinado (pois se publica en La Gaceta de los Negocios).
- Malaprensa: O blog que coñezo co peor enderezo web, o que compensa cunha calidade de contidos alucinante. É moi habitual ver cómo o seu autor detalla erros cometidos de xeito masivo por medios de comunicación que copian e pegan novas de axencia sen fixarse en que a información carece de sentido (como cando moitos publicaron que o accidente de Barajas foi na T4, cando o certo é que aconteceu na pista 36R).
- 233grados.com: Este blog parece ser o buque insignia do grupo de comunicación dixital que pese a chamarse Dixired non é galego, e aínda non se sabe moi ben qué é o fan dende alí. O caso é que coma blog é un boísimo traballo que serve para tomar o pulso á actualidade do mundo de xornalismo no actual panorama de crise.
E para rematar, quixera animar a todos os blogueiros que lean isto a que se animen a contribuír coa causa e fagan tamén as súas recomendacións.




11 comentarios realizados
1. Brigantium escrito o 31 de Agosto de 2008 ás 12:57
Esta entrada ven ao pelo para o que che quería comentar hoxe:
Aínda non teño moi controlado o tema das analíticas de Google e levo pouco tempo cos blogs mais xa comezo sacar algunhas conclusións e algún dato curioso:
Como era de esperar a “audiencia” baixa as fins de semana para os tres blogs que administro: Zapping, Gallaecia e Brigantium.
O curioso foi que onte, ao actualizar a unha hora máis tardía do habitual recibín nin máis nin menos que 7 visitas dos EE.UU. O número non ten nada de excepcional evidentemente senón fose porque a media de visitas diarias ata o de agora non acada non acada ese número, rachando así coa tendencia de baixada das fins de semana, co cal conclúo varias cousas:
- Os estadounidenses gostan moito de visitar blogs “ao chou”, loxicamente, se actualizas a unha hora menos intempestiva para eles soben exponencialmente as posibilidades de que che fagan unha visita .
- A vella e nobre Brigantium non consegue acadar o “éxito internacional” ( XD ) de Gallaecia malia ter xa máis visitas (dado que actualizo diariamente) por motivos que non acado a comprender xa que imaxino que ámbolos dous topónimos latinos han ser bastante descoñecidos en xeral e onte actualicei ambos blogs á mesma hora…
Máis:
- Chama tamén a atención que dos tres blogs (Zapping, Gallaecia e Brigantium) só haxa no período dun mes 2 visitas de países lusófonos, Brasil en concreto, e como non, no da Gallaecia, malia estar o Zapping a metade en Galego e os outros dous exclusivamente nesta lingua.
- A audiencia de Zapping non se serve da web 2.0 xa que malia levar tempo sen actualizar non segue ningún patrón lóxico.
Finalmente aproveito para facer autobombo XD:
A vella e nobre Brigantium
Zapping (Yes!): A radio en cor!
2. Brigantium escrito o 31 de Agosto de 2008 ás 13:01
:S Non sei que fixen coas ligazóns, sei que metín o código mal, mais faltan cousas, volvo tentalo…
A vella e nobre Brigantium
A vella e nobre Gallaecia
Zapping (Yes!): A radio en cor!
3. Brigantium escrito o 31 de Agosto de 2008 ás 13:02
Que viva o consultorio do Dr. Marcus Rivera! XD
4. Brigantium escrito o 31 de Agosto de 2008 ás 13:17
Por certo, que se entende por blogs dentro do seu círculo habitual?
5. Brigantium escrito o 31 de Agosto de 2008 ás 13:44
Corrixo, o blog con máis visitas é do Gallaecia aínda que por lóxica debería ser o de Zapping que é o máis vello, o que pasa é que con Zapping e Brigantium tiven problemas co Analytics de Google.
6. Marcus escrito o 31 de Agosto de 2008 ás 20:07
Brigantium, o das visitas, cando se fala de números pequenos normalmente se distribúe por todo o mundo porque se trata dun público accidental (normalmente vía Google). Intentar facer unha análise das mesmas é un traballo pouco fructífero.
Eu no caso deste blogue teño clarisimo que as vistas galegas que recibo (que son a meirande parte) é de xente que sigue habitualmente este espazo, e o resto é de xente que chega por ligazóns noutros blogs ou porque busca en Google algún tema dos que trato (o as imaxes que publico, que ao ter descripción aparecen con facilidade nos buscadores).
Ah, e Analytics non é a cousa máis fiable do mundo, aínda que pode servir de referencia para coñecer a explotación publicitaria do blog.
Logo, sobre o círculo habitual normalmente se refire aos blogs do Blogroll e da xente coa que se intercambian ligazóns e comentarios. Ou sexa, que co BlogDay se pretende fomentar o coñecemento de novos blogs e non intercambiar cromos cos amigos.
7. Brigantium escrito o 31 de Agosto de 2008 ás 22:20
Evidentemente de tan poucas visitas non se pode sacar moitas conclusións aínda que si dúas que comentei:
1. Ao actualizar á hora que o fan os americanos aumentan as posibilidades de que te lean, o de onte foi rechamante.
2. Segue a chamarme a atención que apenas haxa visitas “lusófonas” xa que en calquera dos tres blogs dende os primeiros días, e como é lóxico, houbo visitas hispanoamericanas.
O que si teño que me desdicir é en que un destaca sobre os outros en canto a variedade de visitantes estranxeiros porque non é así, co cal se demostra o que comentabas ti, que son visitas accidentais rexidas tamén por unha probabilística bastante exacta a tenor dos resultados XD 10-11-11 países, gustaríame saber que andaban a buscar, sobre todo dende Arabia Saudita XD XD
Que ferramenta estatística me recomendarías ti?
8. Marcus escrito o 31 de Agosto de 2008 ás 23:53
Brigantium, cando as estatísticas se fan en base a tags (etiquetas que pegas na web) o Google Analytics é o mellor que hai. Cando podes ter máis información é cando pagas polo servidor web, caso no que podes ter uns datos moito máis detallados, pois se rexistran moitas conexións que non empregan javascript, como as que fan os buscadores (nalgún caso incluso se pode descargar directamente o log de conexións para analizalo con ferramentas avanzadas, aínda que hai que ter en conta que non existe un criterio uniforme para medir visitas e usuarios, de xeito que cada plataforma da os seus resultados, polos que hai que comprar entre iguais). Algunha web pode atoparse con que Google é o seu mellor usuario
Cando se miran esas estatísticas é cando entendes que as visitas dende o punto de vista publicitario (o que dá Analytics) e as reais (as que consumen recursos e polas que hai que pagar) non son iguais, pero o número de visitas reais é moi difícil de vender (aos anunciantes non lles interesa).
Neste blog, sen ir máis lonxe, Google Analytics marca a oitava parte das visitas e páxinas vistas que as estatísticas do servidor, polo que se ve que os criterios analizados son radicalmente distintos. Ah, e creo que os buscadores xeran o 40% das visitas e páxinas vistas, polo que os resultados de Google Analytics son realmente cutres (debería dar o 60% dos resultados do sistema de estatísticas baseado en servidor, e non só o 12,5%). Vaia, que Analytics estaría a deixar fóra máis da tres cuartas partes das visitas feitos por humanos no meu caso, o que parece que non é raro (comprobando con outros dominios aos que teño acceso os resultados son moi semellantes, e incluso contrastando con sistema de medición diferentes).
9. Nemigo escrito o 1 de Setembro de 2008 ás 11:39
volvendo ao topic
Malprensa eu o quitaría da listaxe. No seu momento a idea era boa. Actualmente son os “usuarios” os que fan o blog. Resulta frustrante a selección que fan de “novas” eu dinme de baixa por iso. Hai unha parcialidade que resulta patética. E as novas son novas se pasan unha filtraxe extraña
Tamén habería que facer unha contralista de blogs prescindibles
10. Marcus escrito o 1 de Setembro de 2008 ás 13:13
Nemigo, boa parte dos blogs non terían ningún peso se non fose polos seus comentarios. Malaprensa é só un exemplo dun blog crítico coa actualidade xornalística na que non se publican datos contrastados. Se o xornalismo se tomase en serio non existirían blogs deste tipo.
11. Nemigo escrito o 1 de Setembro de 2008 ás 19:49
unha cousa son as aportacións que se fan a un blog cos post e outra os propios “temas” do blog
No caso de malapresa a selección do publicado (como temas) faina o autor con criterios máis que discutibles. De feito nin por asomo se mencionan a maioria das pifias xornalisticas e moito menos as máis significativas da internet
Resumindo, nese blog NON te vas a anterar da desfeita nos xornais. A pena é que juanjo de la iglesia non faga algo similar (non sei se o fai) nun blog. Entón si ia ter chicha a cousa