Domingo, 31 de Agosto de 2008

5 bitácoras para o Día dos Blogs de 2008

BlogDay 2008Hoxe celébrase en todo o mundo o BlogDay 2008, xornada na que se anima a blogueiros de todo o mundo a establecer 5 ligazóns a blogs que non estean dentro do seu círculo habitual para promover a diversidade da blogosfera. Apara achegar a miña contribución á causa, aquí van 5 bitácoras que recomendo visitar:
- Akihabara Blues: Non se trata do mellor blog de videoxogos que sigo (¡nin de lonxe!), pero os seus responsables son os que fixeron a cobertura máis gamberra da Games Convention de Leipzig, e iso merece un recoñecemento.
- Matogrande: Está claro que a alguén que non viva neste barrio coruñés lle importará pouco o que neste blog escriban, pero o poño como un exemplo de blog de barrio (en Coruña hai varios) que entendo que responden a unha necesidade, e que son moi útiles para a comunidade e para a mobilización social.
- La Gadgeta: Miguel Ángel Uriondo conta moitas das novidades do sector tecnolóxico dende o seu blog, que ten un nome moi atinado (pois se publica en La Gaceta de los Negocios).
- Malaprensa: O blog que coñezo co peor enderezo web, o que compensa cunha calidade de contidos alucinante. É moi habitual ver cómo o seu autor detalla erros cometidos de xeito masivo por medios de comunicación que copian e pegan novas de axencia sen fixarse en que a información carece de sentido (como cando moitos publicaron que o accidente de Barajas foi na T4, cando o certo é que aconteceu na pista 36R).
- 233grados.com: Este blog parece ser o buque insignia do grupo de comunicación dixital que pese a chamarse Dixired non é galego, e aínda non se sabe moi ben qué é o fan dende alí. O caso é que coma blog é un boísimo traballo que serve para tomar o pulso á actualidade do mundo de xornalismo no actual panorama de crise.

E para rematar, quixera animar a todos os blogueiros que lean isto a que se animen a contribuír coa causa e fagan tamén as súas recomendacións.

Sábado, 30 de Agosto de 2008

Os loitadores personalizados de Soul Calibur IV dan moito xogo

Este verán chegou para as consolas Xbox 360 e PS3 o xogo Soul Calibur IV, que permitía empregar a personaxes nada habituais na saga de xogos de loita coma Ioda, Darth Vader ou o Aprendiz deste último, pero iso non foi o que destacou deste impresionante título, senón que trunfou a personalización de loitadores, que deu lugar a personaxes que vos resultarán moi familiares:

Hai toda unha coleccións de loitadores inspirados en personaxes doutros videoxogos, comics, series de televisión… e fixen unha selección dos que vin por aí para ver se adiviñades a súa fonte de inspiración:
Os loitadores personalizados máis orixinais de Soul Calibur IV
Xa sei que son moi doados, pero agardo que cando menos certa criatura azul vos arrinque un sorriso ;)

Venres, 29 de Agosto de 2008

¿Canto te pareces aos teus ídolos?

Todo o que sexa un pouco mitómano terá actores, cantantes ou personaxes de ficción de referencia, e para os que lle faga ilusión cousas coma cumprir anos o mesmo día que un famoso (¡eu coincido con Bugs Bunny!), usar a mesma talla de calzado, beber o mesmo refresco ou gustar da mesma cor poderán agora ampliar as súas comparacións grazas a dúas frikadas que venden os de Ziclotech.

Báscula de personaxes e famososO dispositivo que me parece máis cutre é a báscula que, en vez de marcar o peso da persoa, lista persoanxes que coinciden con ese peso, de xeito que podemos saber se somos lixeiriños coma o pequeno Gizmo ou nos aproximamos máis a King Kong. O seu prezo é de 36,5 euros.
No meu caso non creo que sexa algo que me faga especial ilusión porque seguro que só coincido en peso con seres alieníxineas ou loitadores da WWE :P
Quen vendo a imaxe non recoñeza a Gary Coleman (Arnold na ficción) podería cambiar o seu nome polo do Sr. Galindo, e así igual lle faría máis graza a báscula.

espello coa altura dos famososPero o espello que venden si me parece algo interesante e orixinal, pois se o colocas á altura axeitada (estimo que a uns 134 centímetros do chan) indicará no noso reflexo alturas de distintos personaxes famosos, entre os que aparecen Danny DeVitto, Bruce Lee, Brad Pitt, Arnold Schwarzenegger, Christopher Reeve (antes do accidente), Michael Jordan ¡e o príncipe Felipe!
Tiveron o tino de alternar homes e mulleres nas tallas máis reducidas, e citar só a homes a partir dos 180 centímetros. Vaia, que a moza que sae na fotografía ou é altísima ou colocou o espello moi abaixo.
Este espello sería un agasallo ideal para nenos en idade de crecemento se non fose polo seu prezo (84,95 euros).
Podedes ver a listaxe completa de personaxes na seguinte imaxe:
Espello coas alturas dos famosos

Xoves, 28 de Agosto de 2008

Os Munsters saltan do terror máis divertido ao porno

Not The Munsters XXX
Algunhas produtoras coma Hustler (¡puto Larry Flynt!) se empeñan en aproveitar os recordos da nosa infancia para facer negocio, e lanzan This Ain’t The Munsters XXX, unha versión pornográfica da serie de televisión que podiamos ver en La Bola de Cristal (aínda que anos despois houbo unha versión en cor que se emitiu en La 2).
Como adianto, velaquí un pequeno trailer:

Supoño que o seguinte será El Equipo Aaaah, KIKI no Coche Fantático, Fuck Rogers no século XXV e cousas polo estilo, aínda que agardo que non saquen Dr. Whore ou unha versión erótica dos Electroduendes. ¡Todo ten o seu límite!

Mércores, 27 de Agosto de 2008

Chega aos fogares melidenses a revista O Cruceiro


O Concello de Melide vén de publicar o primeiro número do que se supón que será a súa revista oficial, O Cruceiro:

O Concello de Melide edita O Cruceiro, revista de información municipal
A publicación, que esta semana está chegando a todos os domicilios de Melide, recolle proxectos desenvolvidos polo equipo de goberno neste primeiro ano de mandato e tamén liñas de traballo futuras.
Portada do nº 1 de O CruceiroAo longo desta semana os veciños e veciñas de Melide están a recibir nas súas casas a nova revista municipal que vén de editar o Concello. Baixo o nome de O Cruceiro, o equipo de goberno fai balance deste primeiro ano á fronte da xestión local de Melide, e avanza tamén algúns dos proxectos futuros.
O equipo de goberno distribuíu esta revista a todas e cada unha das vinte e seis parroquias que integran o Concello de Melide, a fin de achegar “unha ferramenta de comunicación e de información sobre o traballo do equipo de goberno”.
A revista municipal conta ademais cun espazo de opinión para os tres grupos políticos que integran a corporación municipal. Este primeiro número está composto por vinte páxinas, a maior parte delas dedicadas a noticias breves con imaxes sobre os proxectos xa realizados neste ano. As últimas follas da publicación recóllense baixo o epígrafe “Futuro en proxectos”, no que se recollen doce iniciativas inmediatas no Concello de Melide, como a instalación dunha rotonda no cruce de Santa María, a reforma integral do parque infantil do Multiusos ou a reforma do albergue de peregrinos.
A maiores do envío realizado xa a través do correo ordinario, todas as persoas que queiran facerse cun exemplar de O Cruceiro poden solicitalo na Casa do Concello, ou ben descargala á marxe dereita deste texto.

Por fortuna tamén podemos descargar a publicación en formato PDF, de xeito que os que non estamos en Melide a podemos ler sen problema.
Un dos detalles cos que estou máis sorprendido é que na revista hai poucos fallos ortográficos (aínda quedan tiles mal postos, erratas e algunha palabra inventada, pero non coma nos folletos que teño visto outras veces, que daba medo mirar para eles). Logo a maquetación é agradable, de xeito que vemos unha exposición ordeada de elementos, sen intentar descubrir a pólvora.
Non gustei da portada, especialmente no encabezado (é cuestión de gustos, pero iso de mesturar granulados con cores planas paréceme algo rariño), e o tacto do PDF non era moi bo :o

Agora só resta que o Partido Popular de Melide responda cun boletín ou algo semellante (pois non tivo presenza na publicación, aínda que se lle gardou un espazo). Coido que xa vai un ano dende o anterior boletín (e quedaron sen páxina web durante ese tempo), polo que deberían reavivar o debate con algunha publicación.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios