Por fin es… iPhone
Hoxe estrei sección en Por fin es sábado, con Mayte González, e como tocaba falar de tecnoloxía, o iPhone foi un tema imposible de evitar, e aínda que levaba máis cousas para falar, ao final ocupou todo o espazo radiofónico:
Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.
Dende aquí quixera repetir o mesmo consello que din no programa de Mayte: se alguén quere un iPhone, e non quere casar con Movistar, o mercado de segunda man é moi apetecible, pois moitos dos usuarios que teñen o primeiro iPhone van mercar o iPhone 3G, polo que venderán o vello terminal a bo prezo (e libre). Non esquezamos que as novidades no software (principalmente a AppStore) do iPhone 3G tamén se aplican ao modelo anterior mediante unha actualización gratuíta, e a incorporación da conectividade 3G, aínda que importante, non é fundamental para certo perfil de usuario). Tamén pesa o feito de que se estime que en España hai entre 50.000 e 80.000 terminais do vello iPhone, ou sexa, que será bastante doado atopar en calquera cidade española.
Desastroso lanzamento
A chegada do iPhone 3G a españa foi un absoluto caos, demostrando que Telefónica é unha compañía que non ten ningunha experiencia neste tipo de acontecementos. O peor de todo coido que foi non anunciar as tarifas dos contratos e os prezos do iPhone ata o serán da véspera da posta á venda do móbil (ou sexa, con apenas 20 horas de antelación, cando decidir entre varios contratos cun compromiso de permanencia de 24 meses non é unha cousa que se decida á lixeira).
E os prezos finais non acaban de convencer á xente, pois crearan a esperanza dun iPhone barato. De feito, as malas linguas din que os rumores previos eran un globo sonda, e ao ver que a xente ía tolear co iPhone a 99 euros decidiron subir os prezos, que para usuarios particulares (sen contar descontos por puntos e cousas semellantes) quedan como segue:

Vendo eses prezos vemos que quen non queira ter un compromiso con Telefónica moi esixente (15 + 9 euros + IVE ao mes durante 24 meses) terán que pagar 259 euros polo iPhone 3G de 8 Gb ou 359 euros polo modelo de 16 Gb, o que serían os mellores prezos con diferenza de toda a oferta de Movistar, pois sumaría un custo de propiedade por 2 anos de 968,6 ou 1.084,6 euros, mentres que os usuarios que queiran que o móbil lles saia de balde deberán apoquinar en 2 anos un mínimo de 2.366,4 ou 3.201,6 euros, o que para a meirande parte dos consumidores é unha auténtica animalada (especialmente en tempos de crise).
Iso si, que ninguén pense que en EE.UU. a cousa é moi diferente, pois aínda que o iPhone 3G de 8 Gb custa só 199 dólares, resulta que os novos contratos de AT&T son 15 dólares/mes máis caros que os anteriores (pois cobran extra polo 3G e polos SMS), polo que nos EE.UU. cambiar do iPhone vello ao novo é algo que debería pensar un moito.

Pero volvamos ao caso español. Resulta que a saída do iPhone en España coincidiu coa inauguración da nova tenda madrileña de Telefónica, polo que a operadora quería aproveitar o evento para que os medios pasasen por alí, e así fardar de megastore (aparecendo en todas as televisións), pero a cousa saíulles mal, pois non foron capaces de levar o asunto axeitadamente nin sequera no novo establecemento (¿pouca práctica dos comerciais ou mala planificación?):
- Pasaron da xente que estaba a facer cola diante da tenda (en Apple, ata reparten cafés entre a xente que espera, por cortesía aos clientes e para dar boa imaxe)
- A conta atrás para a inauguración da tenda (que aparecía nun letreiro electrónico) non se respectou (abriron a porta un chisco máis tarde e nin soltaron globos nin fixeron nada especial, como sería de agardar nun momento tan importante)
- Os 20 primeiros clientes (atendíanos en quendas de 20) tardaron preto de 2 horas en poder levar o iPhone posto porque os dependentes non se aclaraban nin coas tarifas nin coa activación do terminal (¿mala formación?)
- Pese a que deron prioridade á nova tenda (falan de que 2.000 dos 10.000 primeiros terminais foron a parar alí) moita xente na cola quedou sen móbil e lles deron un ticket para poder ir recollelo hoxe (algo é algo)
Vaia, que a estrea da tenda madrileña non foi precisamente boa, foi moito peor no resto de España, pois moitas tendas de Movistar non recibiron ningún terminal (tiñan entendido que todos se venderían en Madrid), en moitos establecementos tiveron problemas para activar os iPhone de xeito que incluso con stock os clientes madrugadores tiveron que volver pola tarde para recoller o móbil e, o peor de todo, foi a falta de información, xa que as tendas non coñecían se ían recibir terminais (nin a súa cantidade), nin cando volverán a ter stock, nin son capaces de activar as tarifa plana de datos en menos de 48 horas (segundo Manu Contreras), nin se apañan co xeroglífico de tarifas. Coido que hai unanimidade en que Telefónica non soubo coordinar a chegada do iPhone 3G a España, o que incluso critican dende EE.UU., considerando realmente lamentable que na tenda de Telefónica en Barcelona non se comezase a vender o iPhone 3G ás 10 da mañá porque aínda non chegaran os terminais. ¡Manda truco!
Pero, ¿compensa a compra?
Para min que teño o iPhone vello, e o meu operador é Vodafone, está claro que non me paga a pena migrar a Movistar (e parece ser que a exclusividade do iPhone para España vai chegar máis aló do Nadal), pois a única mellora que tería sería o 3G, e non tiraría moito proveito do mesmo (móvome por zonas con cobertura Wi-Fi). O GPS non o considero importante porque para min tería pouca utilidade (lembremos que non ten software navegador GPS) aínda que estou algo preocupado polo comentario de Miguel López en Applesfera que di que o GPS non lle vai (a localización que comenta que lle funcionou é a mesma que actualmente ten o vello iPhone e case todos os móbiles do mercado, por triangulación de antenas de telefonía) o que parece provocado por contar cun receptor de pouca potencia. Sobra dicir que as vantaxes do software case seguro que as poderei utiliza a vindeira semana, xa que o novo firmware xa está crackeado (publicarán a ferramenta correspondente posiblemente o luns).
Moita xente comenta que non hai que fiarse do novo crackeo pero coido que están a esquecer que o firmware 2.0 do iPhone non é tan novo, senón que tivo varias versións de proba que foron crackeando paulatinamente, o que pasa é que non se recomendaba o seu uso porque apenas había software para o novo firmware. De compensar esperar á actualización sería principalmente para que se vaian adaptando ferramentas ás que lle temos cariño, e que irán chegando nas vindeiras semanas.
Para quen non teña un iPhone, tería que dicir que o terminal paga a pena se na casa e/ou no traballo ten Wi-Fi (non todo se poderá facer por 3G), se fai un uso frecuente da Internet e do correo electrónico e se carga habitualmente cun reprodutor multimedia. En caso de non cumprir estas condicións, hai mellores solucións, que incluso pasarían por mercar un iPod Touch e conservar coma teléfono o que che dean de promoción na operadora móbil habitual (que incluso podería contar con mellor cámara e máis prestacións).
Remato lembrando certas carencias do iPhone 3G (sen fozarlle): non grava vídeo, non manda nin recibe MMS, o Bluetooth só funciona para mans libres, a pantalla táctil fai imposible o seu uso a cegas, pesa e ocupa máis que outros terminais, é moi escorregadizo (resulta case imposible falar termando del co ombro e a orella), a pantalla é boa pero ten pouca resolución (só 320 x 480 píxeles, cando outros móbiles xa teñen pantallas de 800 x 480 píxeles dende hai máis de ano e medio), a cámara fotográfica é moi mala (non me parecen poucos os 2 Mpíxeles, senón que as fotografías exteriores saen queimadas e as interiores movidas, en boa medida por culpa de que o seu sensor ten so un par de milímetros de diámetro, en plan cámara espía) e, finalmente, que moitas das aplicacións que ata o momento se podían adquirir de balde comezan a integrarse na AppStore a prezos moderados (pero que sumando moitas aplicacións supón unha pasta gansa).
Iso si, os que non teñan problemas de pasta van poder meter moitos cartos no iPhone, pois actualmente na AppStore xa hai 160 xogos (algúns de balde) que se venden normalmente a entre 3,99 e 7,99 euros, aínda que hai que recoñecer que os máis importantes superan con moito non só aos xogos doutros móbiles, senón incluso aos das consolas de videoxogos como a Nintendo DS (non podendo compararse coa PSP pola ausencia de cruceta e botóns de disparo).




7 comentarios realizados
1. Nemigo escrito o 13 de Xullo de 2008 ás 2:59
certamente os prezos parecen desorbitados e as condicións draconianas. Podendo quizá compense buscar un iphone por libre
A desfeita de timofónica non me extraña. Como as grandes empresas “españolas” viven da subcontrata e iso xa tivo o seu momento “glorioso” cando se pagaba ben aos traballadores e istes sabían do chollo. Hoxe tanto ten o que pague unha empresa: non hai empresas capacitadas pra facer o chollo nin traballadores con formación
Non é casualidade que o servicio sexa penoso. Mellorará iso si. E cos clientes interesados que hai pois sempre lles compensará. Gañarán cartos
A timofónica non lle interes facer ofertas “competitivas” ten o monopolio e o mercado case é seu sen facer ren
2. Pan escrito o 13 de Xullo de 2008 ás 11:15
Que tal MArcus, noraboa pola web, está moi interesante como todo o que fas,
Que tal con Maite, si a ves dalle saúdos da miña parte, á miña amiga do Pino do Val.
3. Marcus escrito o 13 de Xullo de 2008 ás 16:05
Pan, grazas polos parabéns.
Dareille recordos a Mayte da túa parte.
4. Pacha escrito o 14 de Xullo de 2008 ás 13:56
Vése ben que Timofónica é o que é: timofónica
Pregúntome cal é o mellor móbil de todos indo por libre (oín que os HTC son boísimos, aínda que os Blackberry pegaron unha boa mellora co móbil que sae no anuncio de TV)
5. Marcus escrito o 14 de Xullo de 2008 ás 17:09
Pacha, os HTC funcionan normalmente con Windows Mobile, polo que hai a algunha xente que lle molan e a outra que non, aínda que eu só recomendaría os modelos máis avanzados coma o HTC Touch Pro (que ten unha pantalla de 640 x 480 píxeles, pois a meirande parte das pantallas dos HTC son cutres).
A min paréceme que o terminal máis completo do mercado segue a ser to Toshiba Portégé G910 co seu teclado QWERTY e a súa pantalla de 800 x 480 píxeles (o que xa permitiría ler webs dun xeito cómodo, e non facendo zoom).
Os novos Blackberry tamén melloraron moito, pero ao final a elección do móbil non é pola cantidade de cousas que teña, senón polo axeitado que sexa para o uso frecuente (por exemplo, para a reprodución multimedia o Motorokr E8 é idea, igual que para as fotos resulta caralludo o LG KU990, tamén coñecido coma Viewty). Se houbese un terminal perfecto, non habería tantos móbiles no mercado.
Iso si, por moito que venda o iPhone non é nin de coña un dos móbiles máis vendidos a nivel mundo. Coido que ata o Motorola Razr (ou outros V3 da compañía) vende máis. Normalmente os terminais que máis se venden son normaliños, cun toque elegante e pouco máis. Lembremos que do Nokia 1100 se venderon uns 200 millóns de unidades (ou sexa, que incluso superou á PS2 número de vendas).
6. Nemigo escrito o 15 de Xullo de 2008 ás 0:57
o LG Viewty iste custaba libre máis de 400 euros e o están a vender con permanencia por menos de 50 euros
Isto de meterse apple en telefonía móbil débelles estar a custar o seu. Pensemos que xa venderon un millón de iphone. Iso son moitos cartos a ingresar pero tamén son moitos cartos que teñen que investir eles. Apple factura se non lembro uns 6000 millóns de euros (menos que inditex.) o iphone tranquilamente lles debe comer o 20 ou 30% da súa facturación
Con razón tardan en atender a demanda
7. Marcus escrito o 15 de Xullo de 2008 ás 2:28
Nemigo, está claro que o investimento que tivo que facer Apple no iPhone foi brutal, pois tivo que fabricar moitas unidades antes do lanzamento (coido que levan uns 3 meses fabricando os iPhone 3G) pero os problemas de desabastecemento en España son especialmente graves, pois se fala de que só se puxeron á venda 10.000 terminais do iPhone 3G dentro das nosas fronteiras cando a nivel mundial se venderon en total 1 millón de unidades, ou sexa, que só destinaron a España o 1% dos móbiles, o que indica que Telefónica non soubo negociar be o asunto.
Segundo parece, a nivel global a demanda de terminais triplicou á oferta, pero no caso español temo que a relación foi moito máis desproporcionada, aínda que me parece moito máis grave o trato ao cliente que están a dar aínda agora (o luns aínda quedaban moitos usuarios sen ter activada a tarifa plana de datos 3G, o que resulta incomprensible, pois a tarifa é un requisito para facerse cun iPhone, ou sexa, que tiña que incorporarse de serie á nova liña telefónica, e non precisar dunha activación que se demorase varios días). Coido que a Movistar iso dos blogs estalle a facer moita pupa, pois os problemas dos usuarios que adoran a Apple pero odian a Telefónica estanse a magnificar, e dan unha imaxe internacional moi mala da compañía. Menos mal que non dixeron cando remataba o acordo de exclusividade do iPhone 3G en España, porque como a data sexa de menos dun ano xa estou vendo a moitos recomendando agardar