Sábado, 26 de Xullo de 2008

10 razóns para ler un medio en liña

Dende 233grados.com publicaron durante as últimas semanas unha colección de 10 ilustracións de Ramón que representan 10 razóns para ler un medio en liña, e agora as xuntaron nunha presentación:


A metade dos argumentos son moi chorras, pero está claro que os soportes dixitais teñen moitas vantaxes, aínda que o papel tampouco é manco. Non hai nada mellor que un xornal cando cae aceite na cociña ;) Vaia, que Ramón podería animarse cunha colección de 10 razóns polas que o papel vai manterse a longo prazo (aínda que con distinta forza).

Venres, 25 de Xullo de 2008

Pocholadas frikis feitas a man

Hai unhas semanas descubrín unha web na que venden cousas feitas a man, Etsy.com, e quedei prendado das cucadas que fai a deseñadora francesa baixo o nome de usaurio KmilaRodz:
Gameboy
Nintendo DS
Que a réplica feita a man da Nintendo DS inclúa o lapis paréceme super-friki, aínda que coido que a xente tamén flipou moito coa versión do iPhone:
iPhone
¿Alguén me pode dicir se este modelo ten 3G ou EDGE? ;)

Estas cousiñas feitas a man poden estar moi ben como agasallo, pero a posibilidade de que sexan presentes cabróns tamén é moi alta (xa estou vendo a cara do fulano que conta co iPhone o día do seu cumpreanos e o sorprenden coa réplica de farrapo).

Mércores, 23 de Xullo de 2008

Esta Mañana

Pola mañá no programa Esta Mañana (non se matan cos nomes) de Televisión Española comentaron que Vigo era a localidade española coa temperatura máis suave nunha xornada calurosa, coa aparición dalguén coñecido:

¡Si! O tío en pantalla é Carlos Gulías (e a súa rebequita), a quen moitos recoñeceredes dos programas Écheoquehai da desaparecida Código TV (Santiago de Compostela) ou O Peneirín de Dez TV (Lalín). Non sabía que agora estaba facendo de corresponsal para o ente público, así que dende aquí mándolle unha aperta e deséxolle moita sorte nesa nova andaina.

Luns, 21 de Xullo de 2008

The Dark Knight arrasa nos EE.UU.

The Dark Knight arrasa
Esta fin de semana estreouse nos EE.UU. a película The Dark Knight que en España ten o desafortunado nome de El Caballero Oscuro cando o máis propio sería que se chamase El Señor de la Noche (por motivos históricos), e a película parece chamada a facer historia.
Para comezar é a primeira vez que unha película de Batman non ten a palabra Batman no seu título, o que supón todo un paso adiante neste tipo de obras, e sorprendentemente está a acadar uns resultados económicos impresionantes:
- No seu primeiro día recadou 66,4 millóns de dólares, superando o record de recaudación anterior no día da estrea (que tiña Spider-Man 3 con 59,8 millóns de dólares) e deixou en ridículo o resultado inicial da enterior entrega, Batman Begins, que fixo unha taquilla de 48,7 millóns de euros nos 3 primeiros días.
- Finalmente rematou a fin de semana cunha recadación inicial de 155,34 millóns de dólares, mentres que o record anterior (Spider-Man 3) estaba en 151,1. Resulta destacable especialmente porque as novas películas de Batman non son precisamente para nenos.

Iso si, ao mirar as cifras temos que ser serios, e recoñecer que case todos os anos se superan as marcas anteriores porque as entradas de cine son cada vez máis caras, e resulta que ao comparar The Dark Knight con Spider-Man 3 temos que en realidade a peli do lanzarredes vendeu 21,96 millóns de entradas na súa primeira fin de semana, superando en 0,02 millóns á nova peli de Batman (ou sexa, que están case empatadas).
Pero tampouco hai que esquecer que o presuposto da peli de Bats foi duns 150 millóns de dólares (ou sexa que se recuperaría case de súpeto) mentres que a de Spidey era de 258 millóns. Vaia, que se Batman mantén a forza podería ser un negocio moi rendible.

Iso si, resulta incomprensible que a película tarde case un mes en estrearse en España, pois non chegará ás nosas pantallas ata o 13 de agosto (¡en plena semana do cómic na Coruña!) o que podería ser moi prexudicial, xa que boa parte do atractivo da película está en certas sorpresas que nos poderían spoilear nos vindeiros días (e iso sen contar a piratería, que normalmente se dispara nos filmes que non fan estrea global). Algún incluso será capaz de ir a Portugal estes días, pois a peli se estrea alí o vindeiro xoves.

Se a película funciona a nivel mundial coma nos EE.UU., parece que se cumprirán os peores temores de Iron Man:

Para quen non o pille, o vídeo é unha parodia dos anuncios de Hello. I’m a Mac. Hello. I’m a PC, só que neste caso sería I’m a Marvel. I’m a DC, e eu admito que son máis de DC que de Marvel, aínda que no que se refire aos comics, porque no cine son poucos os personaxes de DC que puidemos ver polo momento (agardo que cambia a cousa no futuro).

Domingo, 20 de Xullo de 2008

Dos colgaos muy fumaos na web da TVG

Visitar Chuza! sempre ten as súas recompensas, e a pasada noito foi a descuberta da ficha da película Dos colgaos muy fumaos na web da Galega:
Dos colgaos muy fumaos na TVG
Non só meten a zoca ao colocar coma portada unha imaxe retocada de Bush e Blair, senón que nin o título nin a portada orixinal corresponden á sinopse, pois mesturan 2 películas:
portadas de 2 colgaos muy fumaos
Iso si, a pifia da web da galega está á altura do caso dos Lunis ou Solo en casa en La Voz de Galicia. Pasa nas mellores familias, pero sempre non serve para botar unhas risas ;)

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios