Luns, 9 de Xuño de 2008

O novo iPhone 3G decepciona

iPhone 3GEsta tarde seguín a presentación do novo iPhone a través da Rede, a través de varios blogs actualizados ao minuto e cunha retransmisión de audio en directo que me deu vergoña seguir, xa que a audiencia demostraron ser unha chea de fanboys sen criterio ningún. Cada vez que alguén dicía unha frase, o público aplaudía e berraba. Incluso consideraron positivo que os usuarios do iPod Touch teñan que pagar 9,95 dólares por descargar a actualización de software que para o iPhone é de balde.

O evento foi un auténtico coñazo, e non se falou do novo iPhone ata que xa ían 90 minutos de presentación, na que se viron moitas cousas que xa se presentaran na anterior keynote de Jobs. E iso non foi algo que notase só eu, senón que a cotización bolseira de Apple foi caendo ata rematar a xornada cunha caída total do 2,17%, polo que podemos entender que a xente agardaba algo máis.

Vou pasar agora directamente a dicir os cambios do iPhone: o novo iPhone incorpora conectividade 3G e GPS. Punto e pelota. Ou sexa, que nin o terminal adelgaza (engordou 0,7 milímetros e reduciu o seu peso en só 2 gramos), nin a cámara pasa de 2 a 5 Mpíxeles, nin a capacidade de almacenamento medra ata os 32 Gb… ou sexa que esta mañá os do ABC se pasaron de listos ao falar do iPhone2, pois non acertaron nin o nome. Supoño que iso de que o móbil se vai vender en España a 0 euros tamén será unha bolaza.
iPhone 3G deitado
Ah, o que si fixeron foi cambiar a carcasa traseira metálica por unha de plástico (en branco ou negro), mentres que os botóns de plástico pasan a ser de metal. Un cambio moi raro que só parece apuntar a un posible negocio de carcasas personalizadas (pois se só reduciu o peso en 2 gramos…). E no tocante á autonomía, quedou igual en todos os usos agás en telefonía, pois pasou de 250 horas en espera a 300, e de 8 horas en conversa a 10 horas (aínda que se tes o 3G activado só aguanta 5 horas en conversa).
¿Cal é realmente a boa nova do cambio de dispositivo? Pois é a rebaixa do terminal, que na súa versión de 8 Gb pasa de 399 dólares a 199 dólares (299 dólares a de 16 Gb). Iso podería indicar que en España o prezo vai ser de 199 euros, o que non é tan bo prezo como parece, pois o normal é que inclúa un compromiso de permanencia de 18 meses cunha tarifa plana de datos, o que podería ser unha pasta. O que estaría moi ben sería mercar o iPhone 3G de 8 Gb en EE.UU. e liberalo, pois sairía así por 129 euros (e o poderiamos empregar con operadoras coma Simyo, que saen moi a conta), aínda que hai rumores de que en EE.UU. Apple vai deixar de vender o iPhone directamente, polo que se remataría o choio.

As pintas do novo iPhone, no seguinte anuncio:

O firmware 2.0

Vimos que o iPhone tivo uns cambios realmente pequenos, pero en cambio a presentación durou 1 horas e 50 minutos. ¿De qué falaron entón? Pois das novidades do firmware 2.0 do iPhone, ou sexa, do que chegará tanto para o iPhone novo coma para os vellos. As novidades máis importantes son a incorporación de tecnoloxía push (ou sexa, sincronización instantánea de correo, contactos e axenda, facendo ao móbil de Apple válido para usos corporativos) e a App Store, que é a tenda de descargas (moitas de balde) para o iPhone, que nun principio parece que inclúe moitas das aplicacións que xa están hoxe dispoñibles dende o Installer, e algúns xogos moi prometedores.
No tocante ao uso profesional tamén hai que destacar que, aparte de ficheiros PDF, agora tamén poderá ler documentos de Word, Excel e PowerPoint (¡mola!).

Tamén se pode comentar que o firmware novo inclúe de serie o español (ata o momento había que engadir tal soporte lingüístico) aínda que a ampliación de linguaxes soportadas a van a agradecer máis dende outros países (si, soporta mandarín).

Sorprendente o novo firmware continúa sen ter soporte de MMS, a aplicación de SMS parece que continúa tan básica coma antes, o navegador Safari parece que segue coas mesmas limitacións actuais (aínda que espero que inclúan certas cousas que xa facemos os usuarios a machete) e outros detalles que dan a entender que o jailbreak do iPhone vai continuar con forza.

MobileMe

Para a xente que quere ter as vantaxes dos usuarios corporativos no correo electrónico, nos contactos e no calendario, así coma compartir imaxe e gardar ficheiros na Rede os de Apple veñen de mudar o seu .Mac a MobileMe, aínda que se poden esquecer de min, pois o servizo custa 79 euros/ano (para 20 Gb de almacenamento) cando con Google case teño o mesmo de balde.

E agora, ¿qué?

Pois parece posible que o vindeiro día 18 se presente o iPhone en España (aínda que non se venderá aquí ata o 11 de xullo) nun evento no que Movistar amosará as súas cartas.

¿Paga a pena adquirir o novo iPhone? Pois os usuarios que xa teñen o iPhone e que normalmente se conecten por Wi-Fi, o normal é que o terminal 3G non lles resulte interesante (pois tamén dispararía o seu consumo mensual). Eu ao GPS a verdade é que non lle dou moita importancia, pero supoño que para algún usuario será o factor que lle levará a renovar o seu terminal.
Os usuarios que non teñan o iPhone agora terán unha boa oportunidade para modernizarse, aínda que hai que pensar moito no cambio, pois para moitos usos o iPhone é complicado (non vale para calquera), pero para os afeccionados á reprodución multimedia ou aos que queiran ver levar o seu álbum de foto no peto é o trebello definitivo.

Eu continuarei co meu trebello, e vería pouco razoable adquirir outro iPhone, agás que alguén quixese mercarme o móbil actual, principalmente porque non teño ningún interese especial en cambiar de operadora de telefonía móbil. Se Vodafone tivese o iPhone igual cambiaba de idea.
Un detalle a comentar sobre o tema é que a exclusiva do iPhone por parte de Telefónica non será eterna, e podería ser que para o vindeiro ano tamén se apuntase Orange á feira. Iso si, algún listo pode intentar mercar o móbil con Vodafone ou Orange en Portugal, aínda que habería que mirar se é posible zafarse do contrato das operadoras.

O vindeiro día 11 de xullo escoitarase o disparo de saída, e apostaría que moitas páxinas web van a adaptarse ao iPhone para quedar ben. ¿Alguén se atreve a apostar o que van a tardar El País ou El Mundo en subirse ao carro? Eu aposto por ElPaís.com, pois é a web que sae na galería de imaxes do iPhone ;)

ACTUALIZACIÓN: Parece ser que hai un par de detalles curiosos sobre o novo iPhone, xa que agora a base que viña de serie se vende por separado (para min sería un putadón, xa que a base inclúe unha saída de liña) e finalmente o conector de auriculares vale para cascos normais.
A presentación do novo iPhone xa se pode ver en vídeo (precisa Quicktime).
Quen queira ver o mellor do evento en 60 segundos, velaquí o resumo de Mahalo Daily:

ACTUALIZACIÓN (12-6-2008): Finalmente parece que en Europa vai ser posible adquirir o iPhone sen contrato, pero o seu prezo será duns 500 euros, ou sexa, que o prezo máximo de 199 euros marcado por Apple inclúe subvención das operadoras (que poden chegar a ofrecer o móbil gratis para os plans de prezos máis fortes).

8 comentarios realizados

a gravatar

1. El_podcastero_enmascarado escrito o 10 de Xuño de 2008 ás 0:37

A xente está que non caga cos tlfnos, eu esperaba que falasen do OSX, e na, queda a cousa en nada.
Deronlle a xente o que pedía 3G, que como dicia apple, non millora o wi-fi que xa viña no iPhone 1G.
E o GPS, que supoño non serve de gran cousa sin un software de navegación.
Pero non digas que o iPhone é complicado joer, eso non cho consinto.
Que os microteclados eses son incómodos vale, que lle faltaba algunha opción como a búsqueda de contactos, ok, pero fácil é como ningún outro tlfno.

a gravatar

2. Milleiro » Xa esta aquí o novo iPhone escrito o 10 de Xuño de 2008 ás 1:08

[...] “contestar” a unha que me deixou bastante mal sabor de boca, concretamente a de Marcus neste artigo no seu [...]

a gravatar

3. Marcus escrito o 10 de Xuño de 2008 ás 1:18

Se digo que é complicado o iPhone é porque sei de persoas aos que llo deixei usar e lles pareceu moi complicado de usar porque ten demasiadas cousas.
Non esquezas que para marcar un número de teléfono hai que dar moitas voltas, e as pantallas táctiles non son cómodas para todo o mundo.

Sobre o GPS, parece ser que TomTom vai vender unha aplicación para o iPhone, pero tendo en conta o consumo desas funcións non parece moi axeitado usar o iPhone coma navegador GPS.

Sobre o Mac OS X parece que non adiantaron máis que o nome (Snow Leopard) porque vai ser un lanzamento polémico, pois se rumorea que vai deixar de ser compatible cos procesadores PowerPC. A min paréceme algo necesario, pero para os usuarios que mercaron un dos últimos G5 seguro que non lles senta ben.

a gravatar

4. Nemigo escrito o 10 de Xuño de 2008 ás 1:22

soa todo moi raro. Timofónica non regala nada. Iso de que saía de gratis total… parece que algún pensa que timofónica leva dous días na feira
Timofónica ten todo subcontratado e isas empresas queren cartos, facturar. Hai que pagar aínda que sexa pra o comercial que pon o careto e fotocopia os datos pra o contrato
O do gps non o vexo. Só o vexo lóxico ca conexión a internet e cunha aplicación que permita empregar os mapas de google earth, xa se verá

En fin, o mellor de todo e que a competencia xa sabe o que hai e poden ofertar

a gravatar

5. Brigantium escrito o 10 de Xuño de 2008 ás 16:37

Afectará a nova de que Movistar vai vender o iPhone ás vendas dos móbiles que ten actualmente agora a compañía? É dicir… haberá unha contención nos trocos por novos terminais para agardar polo iPhone?

Por certo… existirá a posibilidade de compralo libre aínda que sexa nunha tenda Apple?

a gravatar

6. Marcus escrito o 10 de Xuño de 2008 ás 17:25

Brigantium, posiblemente se note o efecto de contención, pero coido que leva moito notándose. Moitos usuarios que tiñan pensado cambiar o móbil tras o Nadal agardaron para ver o que faría Apple.
Parece ser que non se venderá libre en ningunha parte, e as tendas de Apple tampouco terían o iPhone de continuar a política norteamericana. Así, o novo iPhone non se activaría na casa, senón que hai que activalo na tenda de telefonía, o que impide mercar un terminal para logo liberalo (vaia, que o podes liberar, pero tes que achantar igual co contrato con permanencia da operadora correspondente).
Nos países nos que se vendeu o iPhone libre en realidade non estaba así, senón que tiña bloqueo estatal (ou sexa, que un móbil libre de Francia non funciona en España).
Supoño que o problema está en que se eles venden un iPhone totalmente libre se podería copiar o seu firmware (xunto co baseband e o bootloader) para modificar calquera outro iPhone do mundo.

Hoxe publicaron as tarifas de Reino Unido e a verdade é que dan un pouco de medo. Vale que chegan a dar o iPhone a 0 euros, pero cun consumo mensual que eu non fago nin de coña (aínda que sei de xente á que lle compensaría).

a gravatar

7. El_podcastero_enmascarado escrito o 12 de Xuño de 2008 ás 15:01

Non o van a sacar libre, por gusto. Están obrigados a facelo pola lexislación en varios paises, onde non se permite a exclusividade ou que non haxe móviles só de contrato, xa pasou co iPhone orixinal.
Pero a un precio imposible, para que na práctica ninguén o merque.

Agora Apple, dalle mais libertade as telefónicas, xa que nun principio opúxose as subencions, por medo a canibalizar o mercado dos iPods.

a gravatar

8. Marcus escrito o 12 de Xuño de 2008 ás 16:09

Reitero que os móbiles libres non son tal (teñen certas restricción). E o do iPhone a 500 € parece ser o prezo con tarxeta prepago, o que podería indicar que as operadoras pagan a Apple como mínimo 300 € por cada terminal vendido. Ou sexa, que Jobs vai facer unha pasta coa suposta baixada de prezo.

Esta web apoia á iniciativa de petición
da volta do Xabarín Club á TVG

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero