¿Ata que prezo van baixar os ordenadores portátiles?
Nos últimos anos entendiamos que os ordenadores portátiles tiñan unha barreira psicolóxica de 100.000 pesetas (600 euros) que dificilmente se podería reducir, pero no hai poucos meses o prezo de referenza é xa 499 euros, o que sorprendía a moitos consumidores, que pensaban que os estaban a timar, pero para un usuario normal é un equipo suficiente de máis.
Por outra banda están os ultraportátiles de baixo custo, que en España comezan polo Airis Kira 100 a 299 euros, que teñen unhas prestacións ridículas, de xeito que só se entenden coma un equipo para ter grande mobilidade (ou sexa, para viaxar ou para levar a conferencias, pero non coma ordenador principal).
Pero agora está a emerxer un equipo intermedio entre os dous anteriores, sería un portátil de baixo custo, ou sexa, portátiles completos pero cun prezo semellante aos de baixo custo, que acaban de sorprenderme, pois ata o momento só vira algún a 399 euros, e resulta que en APP teñen un a 365 euros:

¡¿365 euros por un portátil de HP?! ¿Cal é a trampa? Pois resulta que este tipo de equipo sería o que custaría 499 euros hai uns meses, pero ao quedar obsoleto o teñen que saldar, de aí un prezo que dificilmente rendibilizaría a súa fabricación.
O ordenador non está moi mal, pois ten un procesador Celeron M520 a 1,6 GHz (vaia, que non é un dobre núcleo, pero para aplicacións básicas serve perfectamente), 1 Gb de RAM (ampliable a 2 Gb), gravadora de DVD, disco duro de 120 Gb, pantalla de 15,4 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, Windows Vista Home Basic, Wi-Fi e un peso de 2,7 Kg. Vaia, que o seu principal problema é que a súa tarxeta gráfica non ten memoria dedicada, de xeito que con Vista seguro que vai coma o carallo. Con meterlle XP non debería haber problema para facer bo tal ordenador.
Con estes prezos, ¿quen compraría un ordenador de sobremesa agás os xogóns? ¿Gañarán a guerra do baixo custo os portátiles ou os ultraportátiles? Parece que as cousas van a porse movidiñas nos vindeiros meses.
ACTUALIZACIÓN: Esta mañá escoitei na radio o anuncio dun equipo semellante ao de APP (tamén de HP) que se vende no Corte Inglés por 449 euros (¡Teñen o morro de dicir que o prezo do equipo é de 699 euros! ¡E que o venden co 33% de desconto!), o que queda claro que non se trata dunha boa oferta. Iso si, o do Corte Inglés vén cunha batería de 6 celas e o de APP cunha de 4, o que é bastante importante pero non creo que xustifique o pago de 84 euros adicionais (pois os equipos de baixa gama non están pensados para funcionar moito tempo sen conectar á corrente).




5 comentarios realizados
1. Toques CF escrito o 30 de Abril de 2008 ás 14:45
Xa era hora de comentar algo nesta maravillosa página e moi currada.
O q está claro q estos ordenadores con Vista non valen pa nada. Estos ordenadores están ben se queres seguir traballando con xp, ya q é moi doado meterlle os drivers a estos ordenadores absolectos. E unha boa compra.
Non cometades o error de comprar o ordenador mais moderno do mercado ca intención de meterlle Xp pq vai quedar mal instalado. Eu son todo un esperto no tema, xa van 9 ordenadores para meterlle Xp e por agora ningún problema
2. Marcus escrito o 30 de Abril de 2008 ás 14:52
Vaia, o de meter XP nos ordenadores máis modernos non sempre é un problema. O que hai que facer é visitar a web do fabricante antes de mercalo, para ver se teñen os drivers. No caso de HP, están dispoñibles.
Nos vindeiros días tamén falarei algo de Vista, pois parece que tralo SP1, a actualización de moitas aplicacións e un par de truquiños funciona bastante ben (sempre que teñamos tarxetas de vídeo con memoria dedicada).
3. Mnemonick escrito o 1 de Maio de 2008 ás 17:43
Marcus, olvidaches que tales tarxetas de vídeo (gráficas) non poden ser de nVidia se usas Intel no teu ordenador. Os coitelos entre ambas empresas zuman como moscóns.
4. kenzoxs escrito o 2 de Maio de 2008 ás 9:35
Tan te olvidaches da oferta que ten SanLuis, escoiteina na radio, e era que tiña 3 marcas de portatil a 299€, entre elas, acer, hp e fujitsu se non recordo mal
O dia seguinte vin a una amiga con un acer mercado en SanLuis
5. Marcus escrito o 2 de Maio de 2008 ás 18:30
Mnemonick, o das tarxetas gráficas non o mencionei porque é un asunto estratéxico das empresas. Lembremos que Intel ten os seus propios procesadores gráficos e AMD mercou ATI para non ter que facer a súa propia solución. Supoño que onde dixeches nVIDIA quererías dicir ATI, ¿non?
De todos os xeitos, coido que non hai ningún problema en combinar procesadores Intel con tarxetas gráficas de distintos fabricantes, e coma exemplo tes os ordenadores de Apple, que usan indistintamente gráficas Intel, ATI e nVIDIA (sendo estas últimas as máis valoradas).
Kenzoxs, de San Luis non comentei nada porque non vira tal oferta. Na web da empresa teñen un Acer semellante (con menos disco duro) ao que falo aquí por 369 euros, e supoño que a oferta puntual dos 299 euros sería para desfacerse dun stock propio (non como a oferta de APP, que ten pinta que é unha destocaxe da propia HP).