Venres, 21 de Marzo de 2008

Tecnoloxía para as vacacións en RadioVoz

Onte en Voces de Galicia tocou falar de tecnoloxía aínda que non fose luns, por aquilo de que durante as vacacións sempre podemos tirar proveito de moitos trebellos e, aínda que non puiden gravar o fragmento do programa, repasar as recomendacións que fixen non estaría de máis.

Selk BagPor unha banda a Isidorio Valerio fíxolle moita graza o Selk Bag, que pese a non ser algo tecnolóxico, se pode mercar na tenda virtual galega PlanetaPlutón.com, e que vén a ser un saco de durmir con forma humana, o que moitos confundirían de xeito doado cun boneco de Michelín ;)
Monster PodNa mesma tenda tamén vende o Monster Pod, que sería o trípode ideal para Peter Parker, pois permite colocar a nosa cámara dixital en case calquera parte para que as nosas fotos non saian movidas.
No tocante á toma de imaxes, aparte da fotografía tamén está o vídeo, e a Sanyo Xacti CA65 seguro que enamora a máis de un durante o verán, xa que permite gravar na auga ata 1,5 metros de profundidade, ou sexa, perfecto para piscinas e praias.
Para o uso de trebellos na auga tamén falei da empresa H2O Audio, especializada en facer somerxibles os iPod de Apple, e mesmo ten auriculares resistentes á augua (o que é moito máis complexo do que parece).

Archos 605 Wi-FiE falando do iPod, quixen destacar unha alternativa que pode resultar moi atractiva de cara ás vacacións, o Archos 605 Wi-Fi, que se vende a prezos dende 199 euros e que resulta unha opción moi práctica para poder ver películas cando esteamos de viaxe, coa grande vantaxe de que conta co navegador web Opera (con soporte de Flash) de xeito que se imos a un local con Wi-Fi (que cada día hai máis) poderemos acceder á Rede e así poder ver o noso correo electrónico ou visitar as nosas webs favoritas sen ter que cargar co ordenador durante o tempo de lecer. A pantalla táctil do Archos ten unha diagonal de 4,3 polgadas e unha resolución de 800 x 480 píxeles, ou sexa, calidade DVD, superando en moito ás pantallas dos reprodutores de DVD portátiles e mesmo dos reprodutores multimedia de Apple (coma o iPhone ou o iPod Touch). Ah, e mesmo se pode adquirir un módulo co que se pode gravar da televisión no propio reprodutor, aínda que me parece unha prestación que a moitos trae sen coidado.

Cargador eólicoPara rematar, habería que falar do asunto das baterías, e dicir que hai moitos sistemas baseados en paneis solares non é ningunha novidade (ata hai modelos específicos para móbiles de Nokia), pero a Isidoro fíxolle moita graza que xa existinsen solucións para tirar proveito do vento. Eu coñezo o cargador eólico de HYmini (que sae a uns 30 euros) pero estou seguro de que hai moitos máis no mercado, pois incluso hai lanternas que empregan varias fontes renovables para a súa carga (pensadas para longas viaxes nas que non é doado atopar un enchufe).

Mércores, 19 de Marzo de 2008

Novas camisetas frikis

Hoxe en Bustedtees estrean varios modelos de camiseta (Go Ape), dos que non podo evitar destacar 2 que me pareceron mega-frikis:
Guitar Solo
A Guitar Solo é unha das camisetas máis actuais de Star Wars que se poden ver. ¿Quén podería facer mellor un Solo no Guitar Hero que o noso contrabandista galáctico favorito?
Shredder
Shredder, pola súa banda, é un deseño que gustará a moitos nostálxicos, aínda que só entenderán os que coñezan o nome en versión orixinal do Desfibrador (ou Despedazador). Como shredder en inglés tamén é unha destructora de documentos, parece evidente que tamén pode servir para desfacerse das Tartarugas Mutantes ;)
¡Pobre Michelangelo!

Martes, 18 de Marzo de 2008

I Love My Mac: o videoclip

Hai moitos meses que coñezo a canción de Daphne Kalfon I Love My Mac, que mesmo tiña un cutre-vídeo musical, pero unha tal Tonya fixo o seu propio videoclip capturando (cunha calidade de imaxe que parece dunha webcam) a esencia dos maqueiros en poucos minutos:

Ver letra da canción ▼

¡Menuda colección de equipos amosa a rapaza! ¡E menuda frikada o dos cadelos!

Eu adoro a canción, pero non acabo de entender iso de facer do Mac unha secta… e o digo tecleando esta entrada dende un eMac ;)

Luns, 17 de Marzo de 2008

Rebaixas tecnolóxicas e os novos portátiles en RadioVoz

Esta mañá pasei polo programa Voces de Galicia de RadioVoz para comentar con Isidoro Valerio a actualidade tecnolóxica, xusto despois dunha entrevista a unha representante dunha asociación de consumidores que criticaba os abusos das operadoras de telefonía:

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Falei da posible rebaixa do canon dixital (que se reduciría nos móbiles e se eliminaría en discos duros externos e gravadores de vídeo dixitais) e a impresionante baixada de prezo da Xbox 360, que a 199,99 euros é xa a consola de nova xeración máis barata, seguida pola Nintendo Wii a uns 249 euros e a PlayStation 3 a uns 399 euros.
Está claro que a PS3 vai arrasar, pero mentres non chega ese momento a Xbox 360 é unha opción caralluda para os que teñan un televisor de alta definición, aínda que sexa só para ver películas descargadas da Internet (lembremos que a Xbox 360 se leva moi ben con Windows). Como efecto colateral da rebaixa da Xbox 360 podería vir a agardada rebaixa da Wii, que é carísima se temos en conta que se trata dunha consola que non soporta alta definición nin reprodución de DVD.
A consola que comeza a ter os seus días contados é a PS2, que coa rebaixa da Xbox 360 xa non ten un prezo tan competitivo, aínda que hai que admitir que o catálogo de xogos para PlayStation 2 non ten parangón.

O tremendo Acer Aspire Gemstone BlueO temas dos portátiles tamén me parece apaixonante, pois hai uns anos aínda se discutía sobre se o portátil podería quitarlle o posto ó sobremesa (e hoxe xa hai máis portátiles nos fogares) e agora o debate está nos tipos de portátil que chegarán: equipos con soporte de alta definición (coma o Aspire Gemstone Blue, que ten Full HD e Blu-ray a un prezo relativamente moderado), os portátiles de baixo custo (coma o Asus Eee PC e os seus rivais) e agora incluso con alternativas ó Macbook Air. ¿Cal imperará?
A min dame a impresión de que os equipos cargadiños van a continuar a venderse moi ben para ocupar o lugar do equipo sobremesa, mentres que os usuarios que precisen dun segundo ordenador poderían optar por un de baixo custo (máis portátil, tanto en tamaño coma en autonomía). Paréceme máis difícil que os equipos tipo Macbook Air arrasen, pois combinan alto prezo con baixas prestacións, ou sexa, que están perigosamente no medio dun mercado moi dinámico. Iso si, o ordenador de Apple venderá ben por imaxe (o que non teñen os seus imitadores).

Domingo, 16 de Marzo de 2008

Retrospectiva de Star Wars

Cando falamos de Star Wars podemos lembrar as películas de culto, as efémeras adaptacións televisivas, os comics, as novelas e mesmo os videoxogos, e destes últimos decidiron dar un repaso en Gametrailers publicando unha serie de retrospectivas para que lembremos os títulos que formaron tal saga.
A primeira entrega, publicada onte mesmo, trata dos primeiros videoxogos inspirados na saga cinematográfica de George Lucas:

Eu descoñecía por completo o primeiro xogo que aparece no vídeo, e para min o primeiro Star Wars era o xogo vectorial para recreativas, que logo tería unha conversión aceptable para Spectrum. O resto de xogos de Star Wars foron un auténtico noxo, que só contaban coa franquicia coma reclamo.
Incluso nos tempos da PlayStation se fixeron produtos sobre Star Wars eran patéticos, coma o Masters of Teräs Käsi, que pese a ser un xogo moi atractivo inicialmente, quedou nunha decepción absoluta.

Para min os xogos definitivos de Star Wars foron o Rogue Squadron e o Jedi Academy, cada un no seu estilo, e recoñezo que as adaptacións das últimas películas non están nada mal, pois permiten pasar o rato.
Posiblemente o título que rache con todo será a nova entrega, The Force Unleashed, que promete ser moi espectacular, aínda que ó final supoño que decepcionará (por colocar moi alto o listón).

Supoño que a cada un lle gustará máis un videoxogo, e igual queda algún friki que prefire o X-Wing vs TIE Fighter fronte ó Rogue Squadron (o que non me sorprendería) ou mesmo o que gusta máis de xogos sinxelos coma o Racer (o das carreiras de vaíñas, que tamén tiña unha recreativa moi chula), así como tamén hai fanáticos do Doom que teñen bos recordos do Dark Forces (paréceme que foi o primeiro xogo que vin que precisaba de 8 Mb de RAM para funcionar, nun momento no que o normal era que os PC tivesen 4 Mb).
¿Tería que lembrar algún outro título inspirado na saga galáctica?

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios