Mércores, 26 de Marzo de 2008

Bonecas sexuais moi televisivas

Nos últimos días sairon en numerosos blogs as ilustracións dunhas bonecas hinchables da marca Pipedream correspondentes á serie Super Star que veñen a ser o traslado da parodia peliculeira (tipo Eduardo Manospenes ou Penetrator 2) a ese peculiar mundo das bonecas sexuais.
Eva DesesperadaSexo no cacasTori Spelling hinchableJessica Sin
Non sei cómo se lles deu por aí, especialmente ante as potenciais denuncias por parte das famosas emuladas (¿será o caso da boneca inspirada en Eva Desesperada Longoria, que xa non se pode ver na web do fabricante?), pero o que me sorprende é a elección das estrelas: ¡¿Sarah Jessica Parker?! ¡¡¡¿Tori Spelling?!!! ¿Acaso hai gente en EE.UU. con posters de Tori Spelling no seu dormitorio?
Iso si, o da boneca Jessica Sin como fusión de Jessica Alba e Sin City pareceume unha elección de nome bastante intelixente, mentres que o de Sex in the Shitty me pareceu unha burrada de título, máis propia dun tema musical de Gigatron:

Non sei se hai bonecas baseadas en estrelas españolas (¡espero que non!) e tampouco acabo de entender cómo vai iso de facer bonecas que se asemellan a famosas, pois coido que estamos máis afeitos a ver o contrario: a base de operacións moitas famosas se parecen cada vez máis a bonecas hinchables.

Martes, 25 de Marzo de 2008

Móbiles chineses e a baixada de prezos dos PC en RadioVoz

LionKing800Onte en Voces de Galicia falei da alucinante duración do móbil chinés LionKing800, que presume de aguantar ata 1 ano en espera e entre 3 e 5 días en conversa. Na Internet véndese o terminal por 145 dólares (uns 90 euros), o que non está nada mal para un móbil cunha pantalla de 3,5 polgadas, reprodución de MP3 e MP4, soporte de 2 tarxetas SIM simultáneas, dobre cámara, Bluetooth, 4 altofalantes (para mellorar a reprodución musical) e configurable en inglés e chinés (por desgraza non se pode pór en español).
De tódolos xeitos, para min o LionKing800 é totalmente anecdótico, e na telda virtual de Solomobi teñen outros móbiles moito máis atractivos, coma imitacións do Nokia N95 ou do iPhone, así coma terminais con recepción de radio e televisión que en moitos casos se poden configurar para o seu uso en español. Hai quen os merca para aparentar, pero o certo é que moitos destes móbiles son máis prácticos que os de marcas recoñecidas, pois non atan a certos formatos multimedia (nin a operadores) dando máis liberdade ós usuarios.
Na radio non me perdín nos detalles, pois tampouco me pareceu axeitado alzarme coma defensor dos móbiles de importación (aínda que non entendo cómo non hai fabricantes locais que os revendan baixo a súa marca):

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Sobre o prezo dos PC, parece que estamos de sorte, pois non paran de baixar, aínda que resulta molesto que os compoñentes non teñan prezos na mesma liña, pois podes mercar un portátil por 399 euros, pero logo, por un disco duro ou un transformador de corrente cobran case 100 euros (¿?).
A Isidorio Valerio parecía interesarlle máis o asunto ese da diferenza entre Dual Core e Core 2 Duo. Non me parei moito no tema, porque sería demasiado rollo, e resulta complicado de explicar. Resumindo poderiamos dicir que os Dual Core teñen só 1 Mb de caché de segundo nivel mentres que os Core 2 Duo teñen entre 2 e 6 Mb. En velocidade de reloxo o Core 2 Duo tamén gaña, tanto no procesador coma no bus frontal, ou sexa, que o Core 2 Duo vén a ser a evolución do Dual Core, e agora xa están a introducir os Core 2 Extreme (¡tomade culebrón!). O dito, que se queredes contrastar dous equipos recoméndovos que visitedes as comparativas de Tom’s Hardware e non vos rompades moito a cabeza, pois o procesador só é un elemento dos moitos que inflúen na velocidade dun ordenador (por exemplo, nos portátiles o disco duro afecta moitísimo no rendemento, por non falar da tarxeta de vídeo).
Para min, o mellor que se pode facer á hora de mercar un equipo e marcar un prezo máximo e procurar que sexa o máis completo posible, pero non cegarse por algún detalle que non imos a utilizar nunca (como mercar un TabletPC se non imos a utilizar a pantalla táctil para a entrada de datos).

Luns, 24 de Marzo de 2008

La Leyenda del Luchador Borracho, hoxe en La Sexta

La Leyenda del Luchador BorrachoHoxe en La Sexta emiten La Leyenda del Luchador Borracho, unha das mellores películas de Jackie Chan e, aínda que se gravou en 1994, en España se publicou hai só 4 anos, pois saíu ó rebufo dos éxitos internacionais de Chan. Coido que é a última película totalmente chinesa de Jackie, e vén a ser a secuela da mitiquísima El mono borracho en el ojo del tigre, película para a que Chan inventou o estilo do mono borracho (si, ¡non existe tal estilo de loita!).
Na vella película, que comparte coreógrafo con Matrix, tamén aparece a figura do mestre que fai traballar ó seu discípulo dun xeito que despois veriamos en series como As Bolas Máxicas, ou sexa, que sería coma un Mutenroi alcohólico. A pelea final é realmente impresionate:

Na secuela o mestre xa non sae, pero a película é máis actual, polo que resulta moito máis espectacular e ten un mellor ritmo.
Quen queira ver acción da boa, e unhas coreografías alucinantes, que non perda a película desta noite:

Algúns quedarán algo abraiados ó ver que o protagonista da película é un tal Won Fei Hung, pois o heroe chinés normalmente está encarnado por Jet Li na saga de películas de Érase una vez en China, que son auténticas obras de culto (e non teñen tanta comedia como as pelis de Jackie Chan), ou sexa, que tería unha diversidade de interpretacións digna de Batman (que tanto pode estar encarnado por Adam West coma con Christian Bale sen que a xente flipe en cores). Seguro que iso non se pode aplicar a calquera personaxe, ou sexa, que un Curro Jiménez interpretado por Chiquito de la Calzada non resultaría moi crible, ¿ou si?

Domingo, 23 de Marzo de 2008

Rober Bodegas na Sala 600

Rober Bodegas na Sala 600Esta noite actúa o simpático Rober Bodegas (gañador de El Rey de la Comedia) na melidense Sala 600, e agardo que nos faga pasar unha boa velada. Coido que vai pasar media vila por alí, xa que nos sitios onde vendían as entradas anticipadas xa quedaban poucas (e moita xente non se arrisca a mercalas con antelación nunhas datas tan sinaladas).
O Bodegas está que racha coa pana, non só arrasa na televisión e en directo, senón que algún dos seus vídeos en YouTube xa supera as 100.000 visualizacións. Agardo que os monólogos que solte en Melide non coincidan moito cos da televisión, aínda que tampouco agardo nada do outro mundo. Con pasar un bo intre xa é dabondo.

Sábado, 22 de Marzo de 2008

¿Domingo nevado?

Nevando en Melide
Este sábado en Melide pasamos bastante frío, e tivemos como adianto unha boa granizada pola tarde, pero ó chegar á noite comezou a nevar. Había tempo que non coincidía en Melide cunha nevada (principalmente porque só estou na vila nas fins de semana, pois neva tódolos anos) e aínda non sei se mañá amanecerá nevado, pero fíxome ilusión ver a neve caer.
Captei a imaxe coa cámara do iPhone, que aínda que é moi mala, ó ter un tempo de exposición moi elevado, provoca efectos coma o seguinte:
Nevada dende a habitación do meu irmán
O que me quedou claro é que os prognósticos meteorolóxicos non deron pe con bola en toda a Semana Santa: comezaron dicindo que ía chover ata o xoves (e houbo días de auténtico verán) e logo, cando chega o mal tempo, non atinan coa cotas de neve (Melide non está a 600/900 metros de altitude, vaia). Algún día habería que facer un control de calidade serio dos prognósticos, para que se vexa que aínda que dun día para outro atinan bastante, cando falamos das predicións a medio prazo a cousa cambia bastante :(

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios