Venres, 29 de Febreiro de 2008

He-Man y los Masters del Universo en DVD

Dende ZonaDVD anuncian que o vindeiro 23 de abril sairá en España a primeira tempada da serie de televisión de He-Man en formato DVD, o que para min resulta toda unha sorpresa, especialmente tendo en conta que xa hai unha serie nova cos mesmos personaxes.
He-Man y los Masters del Universo en DVD
33 episodios repartidos en 7 discos dentro dun estuche realmente atractivo e coidado, que poderá facer as delicias dos nostálxicos que non se ofendan pola animación rudimentaria deste tipo de series de televisión que non pretendían máis que promover bonecos (coma tamén pasou no seu día coas Tartarugas Ninja, os Transformers ou G.I. Joe).

No pack de DVD sorprendeume ver cómo se inclúen nos extras unha reportaxe sobre Straczynski (a quen adoro por coleccións de comics magníficas coma Midnight Nation), pois non sabía que guionizara 8 episodios da serie de He-Man y los Masters del Universo.

Dende ZonaDVD tamén destacan que a colección incluirá a dobraxe en español neutro, ou sexa, que non sei se sería a que corresponde á seguinte cabeceira (que é a que lembro):

En YouTube hai outra cabeceira que sospeito que aparecía en VHS ou nalgunha outra edición, porque de fondo se escoita unha canción («el universo está protegido por el poder de Grayskull…») que sabía de memoria un curmán meu cando era pequeno (e a min non me sonaba de nada pese a que debín ver a serie enteira no seu día):

¿Alguén me pode ilustrar sobre a dobraxe da serie? ¿De onde saíu a segunda dobraxe? ¿Chegará a España a dobraxe que realmente se emitiu por televisión ou porán a dobraxe sudamericana?
¿Por qué non inclúen a dobraxe en galego? Porque se non me falla a memoria, a serie a emitían pola TVG. ¿Só se ceden as dobraxes de Shin Chan e outras series que provocan a mobilización social? Pois tamén as series casposas merence terse en consideración, ¿eh? (Doutor Who en DVD, ¡xa!).

Xoves, 28 de Febreiro de 2008

Rober Bodegas tamén bloguea

Hoxe vin en Chuza! que o xenial Rober Bodegas xa ten blogue, e para os que non o coñezan, publico aquí unha selección dos seus monólogos:

Ver o resto dos monólogos ▼

Agora só me resta agardar ó 23 de marzo, para poder ver a Rober Bodegas en persoa na Sala 600 de Melide.

Mércores, 27 de Febreiro de 2008

O home das 200 voces

Hai un meses vira un vídeo dun rapaz que era capaz de imitar as voces de 100 personaxes de televisión, que me deixara alucinado:

Pero ó descubrir que o tío podía imitar outras 100 voces máis… quedei flipado de todo:

Con xente así supoño que o mundo da dobraxe profesional será moi fodido.

Martes, 26 de Febreiro de 2008

Matt Damon e Ben Affleck: fornicadores televisivos

Un dos vídeos máis populares dos últimos meses na Internet, con perdón de Rodolfo Chikilicuatre, foi o da canción de Sarah Silverman no programa televisivo do seu mozo, Jimmy Kimmel:
E agora xa hai un contraataque, no que Kimmel devolve a xogada:
Quitando a coña en si, é impresionante a cantidade de famosos que colaboran no vídeo en plan We Are The World. Eu recoñezo a Ben Affleck, Brad Pitt, Harrison Ford, Cameron Diaz, Joan Jett, Robin Williams, Meatloaf e ó fulano que facía de McLovin en Supersalidos, aínda que a calidade do vídeo en YouTube non axuda moito a distinguir as caras (teño entendido que as louras que saen ó principio do coro son Christina Applegate e Rebecca Romijn, pero eu só vexo unha chea de píxeles revoltos).
Non sei cómo é posible que tantos actores colaboren nunha coña para un programa de televisión, pero supoño que non farían tal se non fose polo exitazo que supuxo o anterior vídeo en YouTube.
¿Serán capaces de facer unha réplica semellante na televisión española en programas coma o de Buenafuente?

Domingo, 24 de Febreiro de 2008

A interoperabilidade de Microsoft en La Voz

Páxina de Economía de La Voz de GaliciaO pasado venres, co gallo da apertura das aplicacións máis populares de Microsoft á interoperabilidade, publicáronme en La Voz unha pequeniña columna de opinión.
Quixera aclarar que algúns medios publicaron que Microsoft abría o código fonte dos seus programas, pero o que en realidade difundirá será a API dos mesmos, ou sexa, as especificacións que permiten comunicarse entre as distintas aplicacións.
Nun principio Microsoft se compromete a:
- asegurar a comunicación aberta
- promover a portabilidade dos datos
- mellorar o soporte de estándares da industria
- fomentar a relación entre usuarios e industria, incluíndo as comunidades de código aberto
A columna de opiniónIso quere dicir que vai ser doado que os programadores fagan engadidos para o Office (entre outras moitas cousas) polo que se poderá incorporar o soporte de formatos abertos, aínda que me dá no nariz que os que tirarán máis proveito desta posibilidade serán os creadores de software a medida, pois terán máis doado facer produtos que se entendan con aplicacións de Microsoft.
De tódolos xeitos hai que lembrar á xente que o que está a facer Microsoft é unha obriga imposta pola Comisión Europea. Microsoft tiña unha vantaxe competitiva para desenvolver aplicacións para Windows, pois non publicaban tódalas especificacións da súa plataforma, e agora a cousa cambia, e se equilibra o mercado… aínda que moi tarde. ¿De qué serve agora que outras aplicacións ofimáticas poidan funcionar mellor baixo Windows cando Microsoft xa domina o sector).
Tamén cómpre indicar que esta apertura xa se practicaba cos partners, ou sexa, cos amiguiños, de xeito que podemos entender que Microsoft quere ter máis amigos, o que nun principio é mellor para todos.

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios