Mércores, 23 de Xaneiro de 2008

A Touripedia consolídase cun vídeo

Touripedia
Admito que flipo sempre que escoito a falar a Touriño pola televisión, pois resúltame difícil saber en qué lingua fala, de aí que me fixera moita graza no seu día a Touripedia, pero agora que xa hai un vídeo que ilustra o que é o touriño (esa fala singular):
Agardo que tal clip faga reflexionar sobre a necesidade de falar ben en público, non só os políticos, senón tamén os xornalistas e presentadores televisivos e radiofónicos, pois tanto a TVG como a Radio Galega están a causar estragos sobre a nosa fala.
Cando a xente escoita unha palabra mal nos medios corrixe o seu léxico cunha nova acepción pouco axeitada. Chega con ver a cantidade de veces que escoitamos a palabra incerto coma sinónimo de falso.

Ver Touripedia ▼

Los Informáticos, un exemplo de mala dobraxe

A serie de televisión The IT Crowd se emite en España coma Los Informáticos, e parece que lle fixeron un fraco favor ó dobrala, pois aínda que se traduzan ben moitos chistes e bromas, a interpretación dos dobradores dá pena, sendo un exemplo de libro dun Lost In Translation:
Ó ver a comparación de fragmentos de xeito tan seguido queda claro que o humor é algo moi difícil de traducir. Enténdese así o fracaso de Mareas Vivas en Telemadrid (ou de Plats Bruts en español), ¿non?

Martes, 22 de Xaneiro de 2008

Don Drácula sairá en DVD o 20 de febreiro

¡Estou flipando! ¡Don Drácula vai saír en España en DVD o 20 de febreiro! Moitos se preguntarán de qué falo. ¿Don Drácula?
Don Drácula en DVDPois resulta que para min foi unha das primeiras grandes series da TVG, a precursora do anime en Galicia. Eu fíxenme un seguidor de Don Drácula, para pasar logo a Arale e, finalmente, a Son Goku. Sen Don Drácula a cousa non sería igual.
Vale que a moitos Don Drácula lle lembrará a Chicho Terremoto no estilo de humor, pero admito que no seu tempo era todo un grande avance na Galega, onde os debuxos que había eran Os dos contiños, Superman e Aquaman.
A serie baseada no manga de Osamu Tezuka era toda unha gozada, aínda que o DVD que vai saír coido que saberá a pouco (trae 8 episodios, e sen o audio en galego).
Na serie sae un Don Drácula coa súa filla Chócola (moi en plan Inspector Gadget, ou sexa, a filla é a lista da familia) e aparece un simpático Van Helsing que ten un serio problema, pois ten unha especie de colitis nerviosa, ou sexa, que nas situacións críticas (como cando está a piques de clavar unha estaca no corazón do vampiro) se pon nervioso e dalle diarrea :P
Agardo que algún lembre tal serie, e para axudar a rescatala da memoria, poño a continuación a cabeceira:
¿Alguén máis lembra con cariño tal serie?

Luns, 21 de Xaneiro de 2008

Sweet Child O’ Mine

Nin os Guns N’Roses, nin Sheryl Crow, nin Alvin y las Ardillas; se queredes escoitar unha versión impresionante do Sweet Child O’ Mine, mirade isto:
Ah, para os que non o pillen, o clip é un anuncio de Channel [V], unha especie de MTV da India, e parece que dan a talla no que se refire ós vídeos promocionais (aínda que de este a Amo a Laura aínda hai un bo treito).

Domingo, 20 de Xaneiro de 2008

Festa blogomilleira: «Eu estiven alí»

Imaxe da festa, cortesía de Ghanito
Durante a noite entre o venres e o sábado celebrouse no 14! unha festa blogomilleira da que deron boa conta nos seus blogues tanto Ghanito coma Besbe, e eu pouco podo engadir agás que foi todo un pracer (ou pacer, xa que falamos do Blogomillo) tanto ver a outros blogueiros galegos coma coñecer en persoa a algunha persoa coa que só sabía pola Rede.
Asistín ó evento co meu curmán, o Breogán de Gáidil, e con Jan, e tan pronto chegamos xa topamos cos amables anfitrións, varios blogueiros e algún que outro xornalista dos que frecuentan Hai Debate na TVG (refírome a Xosé Manuel Pereiro). Aproveitei a ocasión para falar un pouco de medios con Zerovacas e Juan Castro (que levou ben a miña crítica sobre Galiciae), comentar frikadas tecnolóxicas con Amador e Goretoxo e, en definitiva, mirar á cara ás persoas que normalmente leo, pero nin vexo nin escoito.
Saúdos a todos e ata o vindeiro encontro blogueiro.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios