Sábado, 26 de Xaneiro de 2008

A Forza desencadearase no verán

Finalmente o xogo de Star Wars: The Force Unleashed non sairá só para Xbox 360, PS3 e Nintendo Wii, senón que tamén terá versións para PS2, PSP, Nintendo DS e mesmo para móbiles Nokia, ou sexa, para case calquera friki da saga de George Lucas; e a reportaxe sobre o seu desenvolvemento fainos pensar nun verán no que imos sentir moitas perturbacións na Forza:

Venres, 25 de Xaneiro de 2008

Rajoy e Zapatero en cómic: ¡Poqué!

Zapatero e Rajoy en cómic
Onte a editorial Comic Books (do Grup Editorial 62) lanzou os comics La Esppaña de Rajoy e La Ezpaña de ZP, o primeiro escrito por Enric Sopena e debuxado por David Ramírez, e o segundo escrito César Vidal e debuxado por Franfer, que se venden a 18,95 euros, polo que lles auguro un estrepitoso fracaso, en boa medida por publicar as súas primeiras páxinas na Internet.
Portada de La Esppaña de RajoyNun principio adiantar páxinas dun cómic dispara as vendas, pero nesta ocasión os comics parecen tan nefastos que non hai por onde collelos (agás pola súa portada). Coido que son recompilatorios de argumentarios políticos, mesturando unha morea de anécdotas sen sentido, que sumado a un nefasto debuxo (especialmente o de David Ramírez, que presenta un coloreado plano que dá auténtico noxo), completa uns produtos que non parecen editables agás que se faga cun afán político ou atendendo ó nome dos seus autores (refírome ós xornalistas, non ós debuxantes).

Para quen non me crea, que descargue o PDF do cómic de Sopena ou o PDF do cómic de Vidal para ver que iso non hai por onde collelo.
Parece que hai xente que non entende que a historieta ten a súa propia linguaxe, e saber escribir nun xornal non ten nada que ver con narrar un cómic. A min lémbrame ó Príncipe Valente, ou sexa, algo que non encaixa en absoluto co cómic actual (que os bocadillos sexan rectangulares e se confundan con cadros descriptivos paréceme impresentable) e semella máis un libro de contos infantil (nos que cada páxina é un mundo).

Coido que o Grup 62 debería ter pensado mellor este paso e, de estrear unha colección de comics políticos debería ter apostado por xente con experiencia no xénero, coma algúns dos colaboradores de El Jueves, de aí que exclame «¡Poqué!» (coma diría Joselito en El Milagro de P. Tinto).

Xoves, 24 de Xaneiro de 2008

¿Morreu Tom Cruise?

Os tradutores automáticos son crueis, e se lemos as novas internacionais a través dos mesmos podemos levar algunha sorpresa:
Tom Cruise atopado morto en New York

A nova orixinal é bastante distinta:
Heath Ledger atopado morto en New York

Todo apunta a un fallo no tradutor de Google, que determina que o actor Heath Ledger se chama Tom Cruise en España:
Heath Ledger é Tom Cruise segundo Google Translate

Sorpréndeme bastante que os de Google non corrixan a cagada ó momento, pois coa recente morte de Ledger poden ofenderse os seus seguidores e familiares. ¡E aquí rimos das cagadas do tradutor da Voz!

Unha mágoa que o actor se suicidase cando a súa carreira estaba a piques de chegar ó seu máximo esplendor (interpretando a Joker na vindeira película de Batman). Agardo que marchase cun sorriso («if you gotta go… go with a smile»).

Mércores, 23 de Xaneiro de 2008

A Touripedia consolídase cun vídeo

Touripedia
Admito que flipo sempre que escoito a falar a Touriño pola televisión, pois resúltame difícil saber en qué lingua fala, de aí que me fixera moita graza no seu día a Touripedia, pero agora que xa hai un vídeo que ilustra o que é o touriño (esa fala singular):
Agardo que tal clip faga reflexionar sobre a necesidade de falar ben en público, non só os políticos, senón tamén os xornalistas e presentadores televisivos e radiofónicos, pois tanto a TVG como a Radio Galega están a causar estragos sobre a nosa fala.
Cando a xente escoita unha palabra mal nos medios corrixe o seu léxico cunha nova acepción pouco axeitada. Chega con ver a cantidade de veces que escoitamos a palabra incerto coma sinónimo de falso.

Ver Touripedia ▼

Los Informáticos, un exemplo de mala dobraxe

A serie de televisión The IT Crowd se emite en España coma Los Informáticos, e parece que lle fixeron un fraco favor ó dobrala, pois aínda que se traduzan ben moitos chistes e bromas, a interpretación dos dobradores dá pena, sendo un exemplo de libro dun Lost In Translation:
Ó ver a comparación de fragmentos de xeito tan seguido queda claro que o humor é algo moi difícil de traducir. Enténdese así o fracaso de Mareas Vivas en Telemadrid (ou de Plats Bruts en español), ¿non?

Martes, 22 de Xaneiro de 2008

Don Drácula sairá en DVD o 20 de febreiro

¡Estou flipando! ¡Don Drácula vai saír en España en DVD o 20 de febreiro! Moitos se preguntarán de qué falo. ¿Don Drácula?
Don Drácula en DVDPois resulta que para min foi unha das primeiras grandes series da TVG, a precursora do anime en Galicia. Eu fíxenme un seguidor de Don Drácula, para pasar logo a Arale e, finalmente, a Son Goku. Sen Don Drácula a cousa non sería igual.
Vale que a moitos Don Drácula lle lembrará a Chicho Terremoto no estilo de humor, pero admito que no seu tempo era todo un grande avance na Galega, onde os debuxos que había eran Os dos contiños, Superman e Aquaman.
A serie baseada no manga de Osamu Tezuka era toda unha gozada, aínda que o DVD que vai saír coido que saberá a pouco (trae 8 episodios, e sen o audio en galego).
Na serie sae un Don Drácula coa súa filla Chócola (moi en plan Inspector Gadget, ou sexa, a filla é a lista da familia) e aparece un simpático Van Helsing que ten un serio problema, pois ten unha especie de colitis nerviosa, ou sexa, que nas situacións críticas (como cando está a piques de clavar unha estaca no corazón do vampiro) se pon nervioso e dalle diarrea :P
Agardo que algún lembre tal serie, e para axudar a rescatala da memoria, poño a continuación a cabeceira:
¿Alguén máis lembra con cariño tal serie?

Luns, 21 de Xaneiro de 2008

Sweet Child O’ Mine

Nin os Guns N’Roses, nin Sheryl Crow, nin Alvin y las Ardillas; se queredes escoitar unha versión impresionante do Sweet Child O’ Mine, mirade isto:
Ah, para os que non o pillen, o clip é un anuncio de Channel [V], unha especie de MTV da India, e parece que dan a talla no que se refire ós vídeos promocionais (aínda que de este a Amo a Laura aínda hai un bo treito).

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero