Los Informáticos, un exemplo de mala dobraxe
A serie de televisión The IT Crowd se emite en España coma Los Informáticos, e parece que lle fixeron un fraco favor ó dobrala, pois aínda que se traduzan ben moitos chistes e bromas, a interpretación dos dobradores dá pena, sendo un exemplo de libro dun Lost In Translation:
Ó ver a comparación de fragmentos de xeito tan seguido queda claro que o humor é algo moi difícil de traducir. Enténdese así o fracaso de Mareas Vivas en Telemadrid (ou de Plats Bruts en español), ¿non?




12 comentarios realizados
1. Marconi escrito o 23 de Xaneiro de 2008 ás 14:15
Ola. Eu estou un pouco farto deste tipo de cousas. Voume explicar. Levamos anos vendo Os simpsons, Friends e Pai de familia en castelán por exemplo ou Os novos, A nanny en galego etc, etc.
Unha morea de series de humor dobradas que baten records grazas á dobraxe. Agora grazas a internet moita xente pode escoitar a versión orixinal das series cousa que me parece estupendo, creo que todos deberiamos ter opción a elixir o idioma orixinal, castelán ou galego tanto na tele coma no DVD.
Pero o que non entendo son eses comentarios en plan “Oh non, van dobrar tal serie, vana destrozar seguro” e cousas polo estilo. ¿Destrozouse Friends ou A Nanny?.
Está claro que se oes a versión orixinal vas ver que é A ORIXINAL, polo tanto insuperable. Pero logo botar por terra o traballo dos actores de dobraxe porque “son guay e coñezo as voces orixinais” non o entendo. Para o meu gusto dobraxe axuda moito porque as veces un chiste lido nun subtitulo e escoitado en inglés non ten a mesma graza que escoitalo nunha lingua que coñeces e con unha entoacion adecuada, por exemplo se escoito a Homer Simpson en inglés e leo o chiste no me fai tanta graza como se o escoito en castelán co toniño que lle da o dobrador.
Vaia, levo moito tempo lendo o teu Blog Marcus, pero é a primeira vez que escribo. Espero que non sexa a última. Enhoraboa polo Blog e unha aperta!
2. Marcus escrito o 23 de Xaneiro de 2008 ás 18:55
Marconi, para min a dobraxe de moitas series tamén é magnífica, pero coido que hai que denunciar as dobraxes planas porque está claro que desmelloran moitos produtos. Non se trata dun esnobismo. Houbo algunha película chinesa que me deu auténtico noxo o comezar a vela porque se notaba que os actores de dobraxe estaban lendo e non interpretaban nada, e non por iso defendo a versión orixinal (non entendo nin papa de cantonés).
A verdade é que tanto a dobraxe como a subtitulación agreden o produto orixinal e admito que agás excepcións prefiro as dobraxes (se teñen o nivel habitual en España) porque permiten prestar atención visual, mentres que os subtítulos despistas. De tódolos xeitos, para valorar unha película de cara a os Oscars é fundamental ver a versión orixinal, pois a interpretación está fundamentalmente na voz (e algún pode levar unha sorpresa ó ver que a dobraxe é mellor que a interpretación orixinal nalgúns casos).
Vaia, que o tema dá para falar moito. Iso si, reivindico que as edicións en DVD inclúan a dobraxe en galego sempre que sexa posible. Cousas como escoitar Allo Allo en galego son impagables (por moito que a versión orixinal sexa sublime).
3. Tacho escrito o 23 de Xaneiro de 2008 ás 20:39
A xente que fai a dobraxe tamén conta bastante, sobre todo nos malos dobraxes, como é o caso.
Ademáis moita xente xa coñecía a serie antes de facer a doblaxe co conseguinte prexuizo, e paro xa, porque senón seguiría¡
4. Marconi escrito o 24 de Xaneiro de 2008 ás 11:02
Estou dacordo contigo Marcus, sobre todo nesta frase “tanto a dobraxe como a subtitulación agreden o produto orixinal”, moitos pensan que a agresión á V.O só a fai a dobraxe e non é certo, os directores cando fan unha peli non teñen en conta nos planos que fan que despois ó mellor os subtitulos tapan algunha cousa ou a lectura dos mesmo faite perder un xesto do actor. Agresión á obra orixinal haina nos dous casos. Unha aperta!
5. josiri escrito o 24 de Xaneiro de 2008 ás 11:10
Unha dobraxe boa sempre se agradece,pero polo xeral,unha vez que tes visto o producto en orixinal,a dobraxe eliminalle moitos matices,xa que como di marcus,na voz vai unha grande parte da interpretación.O de The IT Crowd,dá vergoña,…e se queredes que vos lembre unha dobraxe pésima(non sei se hai unha dobraxe actualizada,supoño que non) tan só tedes que ver “El Resplandor” …
6. Marcus escrito o 24 de Xaneiro de 2008 ás 11:47
Josiri, o de El Resplandor é un dos mellores exemplos que existen. De feito, eu aínda non merquei a película en DVD porque estou a agardar a que saquen algunha versión especial con outra dobraxe. Se engaden a voz habitual de Nicholson sería a repanocha. Porque tamén hai que ter en conta que a asociación dun actor cunha voz en concreto é moi importante.
7. Marconi escrito o 24 de Xaneiro de 2008 ás 14:04
Certo, O Resplandor é horrible, a voz vai por un lado e o xestos do actor por outro, non se crea a sensación de que a voz que escoitamos é a de Jack Nicholson como adoita pasar cando unha dobraxe está ben feita, que nin te planteas que está dobrado.
8. Galiciandreamer escrito o 25 de Xaneiro de 2008 ás 12:32
Moito rin eu co Resplandor dobrado. Coido que foi Verónica Forqué a que rematou definitivamente de foder a dobraxe, aínda que os demais non se quedaron curtos.
The It Crowd é un exemplo do que non se pode facer. Mais outras coma Cabaleiros con Aquel (The League of Gentelmen) en galego, é tremendamente boa.
9. Argui escrito o 26 de Xaneiro de 2008 ás 16:36
Fíxose unha traduccion de Plats Bruts? Eu engancheime nunha viaxe a Barcelona logo vinos por internet pero sempre en catalán. Se sei algo de catalán é grazas a esa serie.
10. Marcus escrito o 26 de Xaneiro de 2008 ás 17:23
Plats Bruts coido que se botou en Antena 3 ou Telecinco, non convencendo nada, polo que a cancelaron en poucas semanas. No sei se chegarían a dobrar nin a primeira tempada enteira.
11. Uxío escrito o 8 de Agosto de 2008 ás 18:30
“Plats Bruts” tamén conta con dobraxe en galego. Emitíronse na TVG hai uns anos a primeira temporada e creo que tamén a segunda (polo menos, en parte). A dobraxe pareceume moi boa, como mo pareceu a serie en si. O chamativo era a tradución, en varios aspectos: O título que lle deron foi “Trapos sucios” no canto de “Pratos sucios”, que é o que significa o título orixinal… Sería para que non se confundise con “Pratos combinados”, ou tal vez os “pratos sucios” cataláns sexan os “trapos sucios”, en sentido figurado, que se usan na expresión en castelán (si, en castelán, xa que non sei se é moi propia do galego esa expresión ou é un calco literal do castelan). Mantíñanse as bromas referentes aos “dous idiomas” que había en ocasións na serie (cousa que en castelán seguro que non se puido facer): na versión orixinal, había catalán e castelán en algúns momentos determinados, e na dobraxe o catalán esa sibstituído por galego, e mantíñase o castelán. Pero tamén se fixo unha adaptación para galeguizar a serie: David Güell converteuse en David Abreu, Josep Lopes pasou a ser Xosé López, á asistenta Carbonell chamóuselle Carballal, e Pol pasou a chamarse Fran. Ao respecto houbo outros cambios, nomes doutros personaxes e de localizacións… unha adaptación un pouco arriscada, aínda que eu acepteina bastante ben (creo que nos debuxos animados e nas comedias é onde as adaptacións son máis respectables e xustificables, para que non se perda o humor, entre outras cousas), xa que, seguro que se no canto de oir Samil oira o nome dunha praia catalá, posiblemente perdese un dos chistes do primeiro episodio tal vez eu debera estudar máis xeografía e ver menos a televisión…). O caso é que eu quedei con gana de máis, pero vese que a serie non funcionou na Televisión de Galicia (que non digo nas televisións de Galicia, aínda que creo que tampouco…), e se alguén conta con episodios en galego desta serie, agradeceríalle que me fixese chegar unha copia (o ideal sería unha edición en DVD oficial, Blu-Ray, etc., en catalán, castelán e en galego -e outras dobraxes, se as hai-, pero non teño eu moita esperanza ao respecto).
Logo tamén se fixo unha versión rodada en castelán para o País Vasco, con actores de alí. Eu cheguei a ver varios episodios en Televigo. Os guións e os decorados eran os mesmos, pero botábase en falta (e moito!) o reparto da serie orixinal (con todos os meus respectos para o reparto vasco). Como datos curiosos, dicir que o actor que interpretaba o personaxe de David asemellábase moito ao David da versión orixinal (Joel Joan) e os nomes de varios personaxes tamén foron substituídos (coma no caso da dobraxe en galego, da que falo no parágrafo anterior), desta volta, por nomes en éusacaro: Emma por Esti, Pol por Ion, Mercedes por Mertxe, etc.
Saúdos (en especial para o Marconi).
12. Uxío escrito o 8 de Agosto de 2008 ás 18:32
PD: Ligo coa páxina adobraxe.com, xa que falo de dobraxe e é un sitio no que estou rexistrado, pero a páxina non é responsabilidade miña. Está moi parada, e eu agora estou bastante afastado dela.