Galiciae.com: ¿evolución homoxeneizadora?
A chegada de XeraciónWeb foi todo un soplo de aire fresco para o panorama dos medios dixitais galegos, pois non se trataba dunha traslación do papel á web, e aproveitaba as bondades da Web 2.0, pero agora anuncian unha suposta evolución do servizo no que na miña opinión é unha canibalización que non considero moi axeitada.

Para comezar, antes de chegar a un ano de vida botan ó lixo a marca XeraciónWeb para crear unha nova (Galiciae) que tamén agrupará ó resto de medios do Grupo El Progreso, que é do que menos gusto da leria. Amais coido que Galiciae é un nome malísimo para un medio, pois é difícil entender que -e final do nome, xa que ó rematar en -ae parece algo en latín e entraría en conflicto/confusión con nomes como eGallaecia, Finisterrae e outras iniciativas semallantes, o que codio que está demodé. ¿Pretenden con esta nova cara dar a impresión de que a suma de medios locais fai un medio autonómico?

Pero o nome da nova publicación non é o que me molesta, senón a súa filosofía aglutinadora. ¿Por qué os lectores de Diario de Pontevedra ou El Progreso teñen que perder a súa identidade por un medio que atende a outro nome? ¿Ten sentido que desaparezan estas cabeceiras da Internet? Entendo que iso atende ó interese de crear un medio grande (sumando audiencias e páxinas vistas) con afán rankista (así como o aforro de manter unha infraestrutura en vez de varias), pero deixando de lado o máis importante nun medio: o público.

Está claro que unificar a publicación na Internet é positivo e, de feito, así o fan outros medios, pero aglutinar as cabeceiras baixo o mesmo dominio de Internet mata a identidade das mesmas. E iso sen contar que Galiciae non é unha marca coa que se identifique ó Grupo El Progreso de ningún xeito.
Que a web do Diario de Pontevedra e de El Progreso só cambien no logotipo tampouco resulta moi agradable. Considero que este tipo de estratexia atenta contra a usabilidade que tanto defende Jakob Nielsen, porque é unha reestruturación baseada na perspectiva corporativa e non ten en conta ó usuario.
Deixando a un lado as críticas negativas, hai que recoñecer que todo o know-how de XeraciónWeb vai sentar moi ben ás novas webs do Grupo El Progreso, pero é unha mágoa que o fagan deste xeito. ¿Coincidides comigo en que manter a independencia das cabeceiras na web era aconsellable?






7 comentarios realizados
1. el_podcastero_enmascarado escrito o 4 de Decembro de 2007 ás 1:19
No
2. goretoxo escrito o 4 de Decembro de 2007 ás 9:49
non sei de onde chegaron as decisions, nin sei cara a onde van, pero ten moi mala pinta, si: parece que deixaron ao equipo de xeracion “xogar co medio” un tempo e que despois lles quitaron os xoguetes…
unha magoa, porque xeracion molaba.
3. Marcus escrito o 4 de Decembro de 2007 ás 10:14
Goretoxo, concordo contigo. XeraciónWeb era algo novo e que podería ter moito futuro, pois un medio puramente dixital pode facer cousas que unha cabeceira consolidada rara vez se atreve a levar adiante. Agardemos que quede algo dese espírito en Galiciae.
4. chexire escrito o 4 de Decembro de 2007 ás 15:50
Entendo as vosas críticas, de feito, agradécese unha análise que vaia máis alá da “involución por pasar a ser bilingüe” (mesmo se son poucos os que parecen alegrarse de que El Progreso e o Diario de Pontevedra teñan agora versión en galego).
Só vos pediría algo de paciencia. É obvio que houbo un cambio de estratexia respecto a Xeración Web, non imos cometer a parvada de dicir que “todo cambia para que todo siga igual”.
Pero tamén é certo que o núcleo deste proxecto é o mesmo que o de Xeración, cos mesmos valores que hai seis meses (aínda non nos dou tempo a pervertirnos de todo xD) e coas mesmas ganas que antes. Se cadra, aínda máis. Tamén se incorporou xente nova que trae aire fresco e que comparte cos que xa estabamos a filosofía do que debe ser un medio web.
Coa integración doutros medios, a responsabilidade pasa a ser distinta, as esixencias tamén, pero para ser xusto debo dicir que contamos con maiores recursos.
A etapa de Xeración estivo chea de ilusión, pero houbo en ocasións unha falta de medios que chegou a ser frustrante, e sabemos que iso se acabou transmitindo ós usuarios. Agora que contamos cun chisco máis de experiencia queremos evitar caer en erros pasados.
Marcus concordo contigo, un medio exclusivamente dixital non ten as mesmas esixencias que unha cabeceira consolidada, pero asegúroche que, de momento, esta estratexia non traizoa o que quero facer.
Pois iso, só un pouco de paciencia, que teño en moi alta estima tanto a túa opinión como a de Goretoxo. E gracias pola crítica construtiva, que boa falta nos fai.
5. Marcus escrito o 4 de Decembro de 2007 ás 16:01
Chexire, agardo que nos vindeiros meses teñades tempo para pervertirvos de todo, pois así de seguro que o imos pasar moi ben lendo Galiciae
6. ghanito escrito o 4 de Decembro de 2007 ás 18:22
Concordo co do nome, pareceme malísimo.
De feito non reparara en que a e do final era algo independente, pensei que era unha terminación declinada en -ae.
Sobre o do medio, haberá que agardar e ver, coma pide chexire.
7. Un inverno quente nos cibermedios: nace A Nosa Terra e Galiciae | Capítulo 0 escrito o 5 de Decembro de 2007 ás 19:46
[...] Recomendo tamén a análise dos dous produtos que realizou Marcus (ANT e Galiciae). [...]