Mércores, 14 de Novembro de 2007

Marvel dixitalízase

Amosar comics en Flash na web para achegar público á compra de tomo recompilatorios foi unha estratexia que seguiu a Marvel no pasado, pero agora decidiron pasar a comercializar a visualización dos seus títulos estreando o servizo Marvel Digital Comics Unlimited que por 9,99 dólares/mes ou 59,88 dólares/ano permite o acceso a 2.500 comics inicialmente entre os que están os primeiros números de moitas das súas coleccións, o que fai posible rememorar algúns clásicos:
A Viúva Negra en Amazing Spider-Man nº 86
Tiña esta aparición da Viúva Negra nunha edición de Spider-Man de Bruguera… ¡xa choveu!

Pero os comics actuais tamén estarán incluídos no servizo, engadíndose semanalmente da orde de 20 novos títulos, de xeito que dende a web se poderá acceder a ó vicio da novena arte de xeito cómodo e con bastante calidade gráfica, xa que coma fonte das imaxes se emprega o mesmo material que para a impresión dos comics.
No Amazing Spider-Man nº 51 podemos apreciar a resolución das dixitalizacións do novo servizo de Marvel
De tódolos xeitos, a lectura de comics na pantalla do ordenador non é a cousa máis cómoda do mundo, e non creo que o servizo trunfe ata que existan solucións de papel electrónico (ou algo semellante) que faga cómodo levar os comics fóra do PC. O que me dá moito medo é que a dixitalización pode supor unha ameaza para o papel, e non quero que a industria do cómic norteamericano teña problemas de supervivencia, xa que son adicto á mesma. O mesmo que fai que hoxe consumamos máis música que nunca podería supor un duro golpe para un sector constantemente en crise (e os debuxantes e guionistas non poden vivir de dar concertos, vaia).

Martes, 13 de Novembro de 2007

O Pressing Catch volve ás consolas

Estes días están a anunciar na televisión os novos videoxogos da WWE para videoconsolas cun soso «Ya a la venta. ¿Cómo lo vas a jugar?» mentres que nos EE.UU. anuncian a versión para Nintendo Wii con moita máis alegría:

Coido que o xogo vai ser todo un éxito en España grazas a que Cuatro está a emitir os combates de loita libre americana por televisión. Eu vía esas cousas cando as botaban na TVG dentro do programa Cuadrilátero e admito que o pasaba moi ben véndoo, pero hoxe só vexo un pouquiño algunha fin de semana cando o pon na tele o meu irmán, que flipa cos comentarios dos presentadores e os aprende de memoria.
Cando eu vía Cuadrilátero as figuras da loita eran Hulk Hogan, Lex Luger ou o Último Guerreiro, pero o máis alucinante é que xa daquela estaba en activo o Enterrador, que conserva o seu posto entre as cordas. Impresionante que a xente continúe a ver os combates e a preguntarse se son en serio (¡¿alguén o dubida realmente?!).

Luns, 12 de Novembro de 2007

Wonderbra in the air tonight

Phil Collins estaría moi mono no anuncio de Cadbury pero coido que moitos concordaremos en que a versión do anuncio que prepararon os de Wonderbra substituíndo ó mono pola hip-hopeira Jentina Chapman, que nos amosa Two Cups Full of Joy está moooi ben:

Este anuncio seguro que foi máis barato que o de Cadbury, pero vale por dous ;)

Domingo, 11 de Novembro de 2007

Carlos Portela e Corunet en La Voz

Estar tarde quedei un tanto sorprendido ó ver unha entrevista a Carlos Portela en La Voz, non porque o entrevisten, senón pola situación do texto, que estaba no suplemento económico (as páxinas sepia) do domingo:
Entrevista a Portela
Nesta ocasión Carlos fala coma guionista televisivo e cinematográfico (e non de comics) polo que nos achega unha visión máis completa da súa figura profesional que case é un referente en Galicia. Portela tanto guioniza películas coma O Ano da Carracha, espazos coma o Xabarín Club (¡ese Dr. TNT!) ou programas tan currados coma o de Historias de Galicia, de xeito que xa é alguén a ter en conta, aínda que algúns destaquemos habitualmente máis a súa labor no mundo dos comics (principalmente por ser un dos cerebros que están detrás de Viñetas desde o Atlántico).

Deixando a un lado a entrevista a Portela, e meténdonos nas páxinas sepia dedicadas á innovación en La Voz, vin unha reportaxe dedicada a Corunet e, especialmente a Daniel Ramos, a quen coido que non vexo dende a inauguración da FNAC, pero a quen mando dende aquí unha aperta. Corunet está a demostrar que se pode botar adiante unha empresa tecnolóxica en Galicia dentro de certa modestia, o que ten especial importancia por tratarse dunha compañía nova. Velaquí os artigos publicados hoxe:
Corunet en La VozDaniel Ramos en La Voz
Nesta ocasión me sorprendeu especialmente o uso da palabra copropietario para definir a Dani. ¿Non debería chamárllese socio? É que iso da propiedade me parece un termo que só se emprega habitualmente con establecementos de hostalaría ou negocios semellantes, onde se quere destacar a diferenza entre o encargado e o responsable único (a quen se lle chama dono aínda que non teña o local alugado).
¿É correcta a miña percepción desa palabra? ¿Non queda algo raro iso de chamar propietarios ós socios dunha iniciativa empresarial?

Sábado, 10 de Novembro de 2007

Música no móbil

O blog da MTV chamado ¡Escucha Esto! (de Manuel Bartual) fíxome reflexionar sobre os tipos de músicas que pomos nos móbiles:
Música no móbil
O detalle é que eu teño a canción dos Happy Tree Friends dende hai un par de anos (incluso cambiando de móbil) pero vou ter que abandonala porque agora emiten a serie nalgunha canle de TDT (coido que en Veo TV) de xeito que pillo de cando en vez a sintonía facendo zapping e nese momento non podo evitar coller o móbil. O feito de asociar a musiquiña cunha chamada telefónica está facendo que non poida gozar desa serie tan boa. ¿Algunha suxestión sobre o ton que debería pór? ¿Cal tedes vós?

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios