Mércores, 17 de Outubro de 2007

Yolanda Castaño provoca o peche de Aduaneiros

Hoxe publícanme a seguinte columna de opinión a GZNación:

Tu quoque,Aduaneiros

peche de AduaneirosEsta semana na Internet galega non se está a falar da chegada do iPod Touch ás mans dos consumidores europeos, nin dos últimos servizos de Google, nin do referendo en Euskadi… o peche do blogue Aduaneiros Sem Fronteiras é o que está a centrar a actualidade, non polo feito (os blogues nacen e morren sen parar), senón polos motivos que levaron a tal, xa que parece ser un máis dos casos de censura que nos sorprenden nos últimos meses.

Recapitulando,podemos lembrar que unha imaxe dos Príncipes de Asturias traballando na portada de El Jueves causou un tremendo rebumbio que deixou en evidencia a figura do secuestro de publicacións, que o debuxante David Ramírez tivo que pagar uns 12.000 euros por ofender ó director editorial Antonio Martín nunha tira publicada na revista Dolmen (e que levou á posterior publicación do tomo Artículo 20 en defensa da liberdade de expresión), que unhas fortes críticas contra Ramoncín supuxeron un duro golpe á web Alasbarricadas.org (por non cumprir coa LSSI-CE) ou que dar a entender que o Principado de Mónaco se converteu nun circo pode supor unha multa para o autor dunha web satírica. ¿Qué está a pasar aquí? ¿En Europa non había democracia e liberdade de expresión? O panorama estanos a dar a entender que para certos asuntos temos as mans atadas, e que a Rede só é unha canle libre mentres non molestemos a ninguén.

De tódolos xeitos hai que indicar que os paralelismos entre as distintas polémicas non son xustos, principalmente porque El Jueves pode permitirse (e beneficiarse) dunha denuncia, mentres que un particular se ten que render ante unha ameaza de denuncia (como fixo Aduaneiros) xa que facer fronte a unha multa (á que se poderían sumar as costas do xuízo) poden arruinar a vida a moitos cidadáns, polo que a mensaxe que nos queren facer chegar é clara: o humor é subxectivo, e se alguén se sente ofendido, date por fodido.

No que tamén hai consenso é en que tomar accións legais contra un contido publicado na Internet non fai máis que popularizar o que se quere agochar, e como exemplo máis
recente tivemos a ese pai dun home esquizofrénico que se enfrontou durante meses a Google para que eliminasen uns vídeos de YouTube (e que non conseguiu ata que o asunto chegou ós medios de comunicación de masas), pero que tamén serve para ilustrar o feito de que as persoas teñen dereito a protexer a súa honra, polo que a reivindicación do avogado de Yolanda Castaño para a eliminación de certos contidos de Aduaneiros é totalmente lexítima, pero resulta moi complexo trazar a barreira entre unha sátira legal e uns contidos inxuriosos.

Posiblemente se o blogue de Aduaneiros Sem Fronteiras non tivese os comentarios abertos non se chegaría a este punto, pois ata o momento a web se facía partícipe de liñas nas que se sostén dende que «Iolanda está moi boa de dios» ata que é «unha burra peideira» o que desmerece a elegancia do deseño crítico orixinal, que está á altura doutros publicados na Internet, e que non parecen molestar ós representantes legais da poeta/presentadora/directora da Galería Sargadelos.

Non creo que facer humor coa polémica de que Yolanda Castaño pase de abrazar a Díaz Pardo a traballar para os seus detractores poida considerarse un delito de inxurias, nin parece intelixente intentar tomar medidas legais medio ano despois da publicación dun contido supostamente ofensivo, pero estou certo de que á poeta máis televisiva de Galicia lle vai custar traballo reconciliarse co Blogomillo, a xulgar polo movemento en protesta polo peche de Aduaneiros que se está a levar a cabo.

Quero deixar claro que estou totalmente en contra tanto da censura como das inxurias e calumnias que aparecen nos comentarios de moitos blogs, polo que entendo que manter un equilibrio é moi complicado. Normalmente deberiamos deixar que o sentido común e a prudencia guiaran as nosas decisións, pero como hai moita xente que non fai tal, xurden logo problemas coma este, e as consecuencias son moi negativas para a liberdade de expresión.
Non creo que a sátira de Aduaneiros fose para tanto. De feito, podédela ver a continuación:

¿Tanto escándalo por ver a Yolanda Castaño emulando a Bruto? A min a cousa non me parece tan seria. Hai que aprender de xente como Touriño (que cala cando se rin del na Touripedia), Francis DiNiro ou mesmo Gayoso (que ten que aturar que o manden a tomar polo cu no Luar), que botan unhas risas do que se di por aí e deixan os xuízos para os problemas de verdade.

Deixo os comentarios abertos, por se alguén quere inxuriarme.

ACTUALIZACIÓN: Á hora do xantar sorprendinme ó ver nunha cafetería que La Opinión dedicaba a súa contraportada á polémica de Aduaneiros, mentres que La Voz, El Correo, o Faro, El Ideal Gallego e o resto de medios impresos (cando menos, os que consultei) ignoraron completamente a polémica. Iso si, coido que saíu en tódolas cabeceiras puramente dixitais.
Grazas a La Opinión, coñecemos a versión da poeta:

Yolanda Castaño afirmou onte a noite a este xornal que descoñecía a decisión do peche de Aduaneiros sen Fronteiras, unha reacción que lle parecía “desmedida”. A escritora engadiu que non hai “querella algunha presentada” e que o seu avogado limitouse a “convidar amistosamente aos resposnsables da web a que retiraran os insultos gratuítos”. “Tampouco vimos axeitado o gráfico, no que se usaba a miña imaxe en roupa interior e manchada de sangue con fins publicísticos. Eu aplaudo todos os espazos de libertade de expresión, pero non defendo a posibilidade do insulto gratuíto e infundado. Se cadra hai xente que confunde a liberdade de expresión con outras cousas que agochan baixo esa bandeira. Teño unha certa faceta pública e admito que se poda opinar o que se queira de min, pero sempre me defenderei dos ataques gratuítos, infundados e de mal gusto como neste caso”, manifestou onte a poetisa Yolanda Castaño.

Agardemos que dende Aduaneiros reflexionen sobre a súa decisión e se animen a resucitar a súa iniciativa de referencia, pois cada día quedan menos dos pioneiros do Blogomillo.

10 comentarios realizados

a gravatar

1. Pechan Aduaneiros!! « Blas García escrito o 17 de Outubro de 2007 ás 16:56

[...] Actualización (17-10; 16:30h.): La Opinión de A Coruna Bitácoras punto.com Agal-GZ Xornal Andrés Milleiro Ana Bande A Dorfunteca Apocalipse do porco Choutos Marcus Opaco Si home si Unha leituga en apuros Xornal Aberto Paraxe do incordio O ruído dos días Praza do Rei Islas Cies blog Entrecomics Jorge Dioni [...]

a gravatar

2. Celso escrito o 17 de Outubro de 2007 ás 17:28

Marcus:

Injurio-te.

Mete-me um pleito.

-celso

a gravatar

3. Marcus escrito o 17 de Outubro de 2007 ás 18:32

Celso, xa estou apuntando o teu enderezo IP para pór unha denuncia ante a Brigada de Delitos Informáticos da Garda Civil por inxurias. Dende agora aplicarei o conto do Evaristo Currás de Mareas Vivas: “pleito, pleito”. :P

a gravatar

4. Pacha escrito o 17 de Outubro de 2007 ás 20:12

A min paréceme un atraco á liberdade de expresión, porque os Aduaneiros sem Fronteiras era un dos blogues que reflexaba con moito tino e humor os problemas de Galiza

vaise botar moito de menos o xerador de poemas galegos e aquel vídeo excelente (e por cal coñecín o blog) chamado Arousa vice

PD: ¿Sabes onde se pode conseguir por outos medios o vídeo de Arousa Vice? oín que o autor ten web propia

a gravatar

5. Marcus escrito o 17 de Outubro de 2007 ás 20:57

Pacha, o vídeo aínda segue na Rede:

a gravatar

6. Pacha escrito o 17 de Outubro de 2007 ás 21:00

Iá dicir xusto fai 5 minutos que xa o atopara en youtube, pero de todos modos , grazas

PD: Aprovechando que estaba no foro de eurovisión que visito sempre, fixen de paso un pouco de publi do teu blog…

a gravatar

7. marcus.es » Eu non son aduaneiro escrito o 19 de Outubro de 2007 ás 2:35

[...] A polémica do peche de Aduaneiros Sem Fronteiras está a dar moito que falar, e eu defendo tanto a postura de Aduaneiros como a de Castaño, pero non me sumo á iniciativa de Andrés Milleiro para manifestarme sobre o tema por distintas razóns, entre as que destacaría que non procede en absoluto porque ninguén forzou ós Aduaneiros a pechar. Foi unha decisión voluntaria, polo que loitar contra a mesma tamén é enfrontarse ás persoas que libremente decidiron deixar o seu blog como moitos outros que foron desaparecendo nos últimos anos. Aproveito a ocasión para destacar que o grafismo da campaña me parece moi pouco orixinal, pois coller unha imaxe da batalla de Iwo Jima para ilustrar a campaña de Todos Somos Aduaneiros, cando a fotografía se está a reproducir ata o aburrimento (especialmente polas últimas películas sobre o tema), non é algo que resulte atractivo nin recomendable. Chega con lembrar as moitas veces que se emulou en portadas de comics de superheroes: Deixando a un lado a frikada comiqueira, e manifestando o meu aprezo e respecto a Andrés Milleiro, non podo evitar dicir que considero un erro remexer a merda, pois iso non beneficia a ninguén. Gusto do feito de que o Blogomillo gañe presenza no mundo real, pero tamén creo que tanto Aduaneiros como Yolanda Castaño non están a gañar nada coa polémica (do que queda constancia no feito de que os Aduaneiros tivesen que lanzar un segundo cominicado). Así pois, deixemos que corra o aire, e lembremos a Aduaneiros Sem Fronteiras polo seu traballo nos últimos anos e non polo xeito no que se despiden. por Marcus | escrito en Comics, Internet Trackback URL | RSS Feed de comentario Etiqueta en del.icio.us | Enlace entrante | [...]

a gravatar

8. cast año escrito o 19 de Outubro de 2007 ás 14:40

Yolanda Castaño recomendáballe nunha entrevista a Marta Rivera de la Cruz que se depilara as cellas.
ELA XA SE PARODIA A SI MESMA, polo que non fai falla comentario ningún… ¿Que opinades?

a gravatar

9. A Fiestra de Masoucos o Mundo » Aduaneiros sen fronteiras vs Yolanda castaño (e II) escrito o 21 de Abril de 2008 ás 17:24

[...] di que defende as dúas posturas, pero que non se suma a iniciativa de andrés, aínda que o mércores 17 se mostraba algo máis crítico ca ‘poetisa’ [...]

a gravatar

10. O mundo desde un chimpín » TU QUOQUE IOLANDA? (OU POLA LIBERDADE DE EXPRESIÓN IV) escrito o 25 de Maio de 2009 ás 23:26

[...] Marcus (dous) [...]

Esta web apoia á iniciativa de petición
da volta do Xabarín Club á TVG

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero