Mércores, 31 de Outubro de 2007

José Luis García López en CulturaGalega.org

Hoxe recollen en CulturaGalega.org un artigo no que destacan a figura do debuxante de comics José Luis García-López:

José Luís, o máis grande

  • J.L.García López é un galego que emigrou moi novo a Arxentina e a EEUU despois, para se facer un sitio entre os máis grandes

García-LópezCada certo tempo aparecen en prensa noticias sobre españois nos EEUU. Soen ser demostracións de chovinismo nas que se sobrevalora a importancia dalgúns autores na escena americana. Xa aconteceu antes, cando o desembarco de debuxantes patrios marcou o principio da fin da Warren. E sen dúbida voltará a pasar. O problema non é só que acentuemos as virtudes de narradores máis ben discutibles como Pacheco. Máis grave resulta que esquezamos aos que levan toda a vida traballando cos “ianquis”, con obras dunha calidade sobresaliente. Poucos se lembran de José Luís García López, un galego que emigrou moi novo a Arxentina primeiro e aos Estados Unidos despois para facerse un merecido buraco entre os máis grandes. Aínda que considerado como un dos mellores debuxantes do mundo polos seus colegas, García Lopez é practicamente un descoñecido para o público español. A súa presenza ten sido moi irregular, debido entre outras razóns a que o seu traballo non está moi valorado entre os fans. Isto teno levado realizar tarefas de “merchandising” e deseños de conceptos para DC, ficando as súas BDs reducidas a especiais que aparecen cada mil anos.

La Mujer HipótesisSen embargo este ano asistimos a unha fartura de produtos seus. Primeiro chegou un lixiño recente, unha cousa ilexible con Wonder Woman onde a extraordinaria calidade dos seus debuxos ficaba sepultada. Algo mellor resultou “A Muller Hipótese”. O relato, sen ser unha maravilla, ao menos enténdese. De novo José Luís volta a deslumbrarnos. Finalmente, dúas recuperacións. Por un lado o seu traballo dos oitenta en “Os Novos Titáns”, onde substituía a George Pérez, superándoo abondosamente a pesar de contar cun entintado asasino. E polo outro “Deadman”, reedición da súa colaboración con Helfer, unha das cimeiras da súa obra e cuxa impresión non mellora a de Zinco dos noventa. En compensación, inclúese no mesmo volume unha aventura inédita do personaxe, de factura recente. Cun entintado máis seco e unha narrativa contida, José Luís consegue que esta bonita historia de amor desde o alén con aires de thriller voe moi, moi alto.

García-López en Nuevos TitanesÉ fácil afirmar que un debuxante é o máis grande, dirán vostedes. Si, pero neste caso non é gratuíto. José Luís arma as súas figuras co vigor estrutural que só pertence aos máis grandes: Foster, Raymond, Víctor de la Fuente ou Buscema. Esa fortaleza dos personaxes resulta aínda máis sorprendente cando se coñece en persoa, xa que a súa apariencia é fráxil e a enerxía, de habela, debe agacharse moito no seu interior. A isto deben sumar unha prodixiosa mestría na caracterización dos seus actores e na descrición de escenarios e obxectos. Adicionen unha fantasía desbordante en canto á posta en escena. El ten marcado a fronteira da investigación narrativa durante moitos anos. Xa se aprecia en “Os Novos Titáns” a facilidade coa que salta de modelos de páxina caóticos a outros máis estruturados, en función da acción.

José Luís é un mestre na súa arte. Contemplar o seu traballo é un pracer e unha sorpresa constante. É claro e preciso e quizais sexa a súa aparente sinxeleza a que provoque o rexeitamento dos afeccionados. Mais hoxe en día poucos acadan o seu nivel.

Portada do número 1 de Atari ForceEu non sei se García-López é o mellor debuxante de comics do mundo, en boa medida porque non creo que exista tal figura (para gustos pintan cores), pero o que teño moi claro é que é un dos meus favoritos, e adoro traballos seus tanto en historietas protagonizadas por personaxes de DC como cando fai cousas máis alternativas como Atari Force ou Cinder & Ashe.
O que non desprezaría é o seu labor facendo os deseños de personaxes que darían lugar á serie de figuras de acción Super Poderes, que era a esa na que Superman daba puñetazos se lle xuntabas as pernas. ¿Nótase que me molaba a colección cando era pequeno? Aínda conservo algún deses bonecos (Superman, Batman, Wonder Woman e o Pingüín).
Como detalle podo indicar que creo que o debuxante escribe os seus apelidos separados por un guión para que os norteamericanos non omitan o seu primeiro apelido pensando que é un segundo nome.

A verdade é que nun momento no que Carlos Pacheco, Pascual Ferry, Salvador Larroca e moitos outros españois trunfan en EE.UU. cómpre destacar a José Luís García-López, non por español, senón porque é un gran artista e poucas veces se recoñece a súa valía.

Martes, 30 de Outubro de 2007

Tempos Novos, a TVG e os blogs

Portada do número 125 da revista Tempos NovosO número de setembro da revista Tempos Novos parecérame moi atinado pola súa crítica do bipartito, xa que era hora de que os medios deixasen de ser conformistas e comezasen a meter caña ó Goberno galego para que non se acomode, e por iso o número de outubro aínda me gustou máis, pois trata un dos meu temas preferidos: a TVG.
A situación da Televisión de Galicia é patética, amosando os contidos dos que antes se repudiaba. O propio Superpiñeiro conduce agora un programa merecedor de moitas máis críticas que o Supermartes, pois entrou de cheo na telebasura na que están somerxidas o resto de televisións en España, e tal situación non era de agardar no que prometía ser un cambio.
Coido que os únicos cambios que se poden ver na TVG están moi agochados na grella da programación, despois das 11 da noite, para que ninguén que traballe poida ver os espazos de debate ou culturais. Non gusto diso, non.

Pero o motivo para escribir esta entrada é porque no número de outubro publicáronme un artigo facendo un pequeno repaso dos blogs en Galicia, que agardo que vos interese:

Blogs: ¿galegos ou en galego?

A finais de 1997 o escritor Jorn Barger (editor de Robot Wisdom) empregaba por primeira vez a palabra weblog para definir a un formato de publicación na web que un par de anos despois se abreviaría coma blog, e que hoxe é unha expresión que a case ninguén lle resulta allea na Internet.
Podemos obviar o feito de que os blogs son tan antigos como a web (hai quen sostén que a primeira web publicada por Tim Berners-Lee era un blog) pero o que non podemos esquecer é que foi a comunidade de usuarios da Internet a que, durante os últimos anos da década dos 90, buscaba un xeito de facer as súas propias achegas á web sen contar con coñecementos técnicos avanzados nin grandes infraestruturas, o que deu lugar á aparición de distintos sistemas de publicación coma Open Diary, Pitas, LiveJournal e Blogger, que facían que calquera con algo que contar puidera facelo accesible a todo o mundo a través da Rede de Redes.
As ferramentas para a publicación de blogues só foron un primeiro paso, que continuou coa creación de comunidades de usuarios ó redor deste novo xeito de manifestarse na Internet, pois os blogues son algo máis que un sistema no que os artigos máis novos aparecen en primeira posición, xa que a través de ligazóns e comentarios se abren á interacción, completándose uns a outros, e tecendo unha rede que a nivel mundial se coñece coma Blogosfera.

A emerxencia

Aínda que os blogs levaban anos existindo, o feito de que tivesen una etiqueta que permitise identificalos e diferencialos do resto de contidos da web fixo que se convertesen nun estandarte dun grupo de xente que aproveitou a mera ferramenta para posicionarse en temas polémicos como a Guerra de Iraq, de xeito que, a pouca relevancia inicial que tiñan estes pequenos cadernos dixitais se veu amplificada expoñencialmente polos medios de comunicación tradicionais, abrindo a Caixa de Pandora, e facendo que o público xeral coñecese o feito de que a web xa non era territorio único de informáticos e grandes corporacións.
Entre 2001 e 2004 aparecían blogs de moita importancia por todo o mundo, polo que en 2005 incluso se fan frecuentes os interesados debates sobre a importancia do periodismo cidadán, aínda que parece que cada día se perciben mellor a diferenza entre o xornalismo e a publicación de blogs, que non son fenómenos excluíntes, senón complementarios, de xeito que non se produce unha fusión entre a Blogosfera e a prensa do mesmo xeito que outras plataformas como a radio ou a televisión tampouco son excluíntes.
O curioso do fenómeno dos blogs é que normalmente se fala de que foi en 2004 cando se produciu a súa emerxencia, pero se nos guiamos polos números veremos que a cousa se espallou máis no tempo, e mentres que no verán de 2004 Technorati tiña censados 3 millóns de blogs, só 2 anos despois a cantidade xa ascendía ós 60 millóns e a día de hoxe xa supera os 100 millóns.
Podemos asegurar que o número de blogs xa non medra en progresión xeométrica, e está comezando a estancarse… ¡o aumento! Ou sexa, que aínda quedan moitos anos para que se chegue ó potencial máximo desde medio.

Global vs. local

Resulta curioso que un fenómeno tan globalizador coma poderían ser as bitácoras de Internet, tamén se convertan en ferramentas para a creación de contidos locais (tanto pola súa temática como pola súa lingua) e en Galicia podemos analizar con moita profundidade esta dualidade.
Así, mentres que Technorati rexistraba 60 millóns de blogs, podiamos falar duns 2.000 blogs en galego, e cando se superaron os 100 millóns de blogs a nivel mundial, a nosa lingua tamén superaba os 3.700 blogues, quedando constancia que tanto hai xente interesada en chegar a todo o mundo, como persoas que desexan dirixirse a unha audiencia moi localizada.
En Galicia atopamos nos blogues unha plataforma axeitada para comunicarnos entre nós e na nosa fala, de aí que en vez de mirar á Blogosfera, moitos prefiramos coidar do Blogomillo.
Continuando con paralelismos, podemos asegurar que así como os EE.UU. tiveron o seu Iraq para dar lugar a toda unha serie de warlogs (bitácoras de guerra) e páxinas críticas coa posición actual do goberno norteamericano, en Galicia padecemos un Prestige, que a moitos lles serviu coma motivo para meterse neste mundo novo, que foi xermolando pouco a pouco, ata que floreceu entre os anos 2005-2006.
Pero dende Galicia non todos decidiron seguir o camiño local, e aínda que a internacionalización de blogs mediante o uso do inglés coma lingua vehicular non é frecuente, non podemos dicir o mesmo do uso do español, de xeito que os blogueiros máis influentes da nosa comunidade non escriben en galego, o que lles permite unha maior difusión en España e América Latina.
Non se trata de posturas mellores ou peores, senón de perspectivas diferentes, que teñen en Galicia un desenvolvemento paralelo e non oposto, que podería ser digno de estudo no futuro.

Blogueando en español

A postura globalizadora e o intento de chegar a un público máis amplo levou a moitos blogueiros a publicar en español na web, e así, podemos estar orgullosos de que o blog español máis popular a nivel mundial (Microsiervos.com) conte con participación galega (Javier Wicho Pedreira), así como do feito e que os Premios Best of Blogs (BOBs) organizados por Deutsche Welle recoñecese ó betanceiro Juan Varela como autor do mellor blog xornalístico en 2004 por Periodistas 21, mentres que o coruñés Nacho de la Fuente veu coma La Huella Digital era recoñecido coma o mellor blog en español de 2006.
Precisamente na edición de 2006 dos BOBs se colaron unha ducia de blogs españois dos que boa parte eran galegos e así, aparte do mencionado de Nacho de la Fuente, tamén optaba a premio o residente en Compostela, Pedro Jorge Romero, e o galego afincado en Madrid, Enrique Dans, que ten un dos blogs máis influentes e coñecidos de toda España.

Blogueando en galego

Falando de premios a blogs temos que recoñecer que existen poucos recoñecementos ás publicacións en galego polo mero feito de que galardóns coma os da Deutsche Welle limitan as linguas das candidaturas, pero nos premios promovidos pola publicación 20 Minutos temos que Galicia sempre destaca na categoría de bitácoras en «outras linguas constitucionais», que na súa primeira edición foi a parar para Martín Pawley e os seus Días Estranhos, mentres que na seguinte edición 2 dos 3 finalistas tamén eran de procedencia galega (aínda que iso puido ser a causa de que finalmente o galardoado fose un bloc catalán).
Precisamente a dificultade de acadar premios por un blogue en galego debe ser un indicador da súa valía, xa que os autores que deciden sacrificar audiencia e éxito en favor da súa fala e cultura merecen un recoñecemento, que debería ser aínda maior no caso dos pioneiros. Temos así que os blogues en galego non só teñen importancia en si mesmos, senón que teñen unha función evanxelizadora, pois están a predicar co exemplo, dando a entender a tódolos seus visitantes que é posible formar unha comunidade nos mesmos.
Son precisamente estes primeiros blogues os que forman o cerne do Blogomillo, os que dan unha certa unión á Internet galega, e así hoxe non poderiamos entender unha web sen as críticas cinematográficas de Días Estranhos, sen as análises do mundo editorial realizadas por Manuel Bragado nas súas Brétemas ou sen as aventuras e reflexións de Manuel Gago no seu Capítulo 0; así como tamén temos que recoñecer a existencia de plataformas de publicación de blogues en galego como a Blogaliza ou a Blogoteca, que xunto co servizo de recomendación de novas de Chuza! constitúen unha base na que unha Internet en galego é posible, aínda que haxa quen prefira rexeitar a expresarse na súa lingua para facer as Américas virtuais.

Tralo texto introductorio sobre os blogs en Galicia, publicaron un interesante artigo de Javier Wicho Pedreira, sobre a historia de Microsiervos que coido que vos pode interesar:
Páxina 1Páxina 2
A verdade é que podemos estar orgullosos de que moitos blogs galegos en español trunfen na Rede, e ser conscientes de que o público galego é máis reducido, polo que cando escribimos na nosa lingua temos que esquecernos dos rankismos e pensar simplemente que chegamos a quen queremos chegar.

Luns, 29 de Outubro de 2007

Buy Mii a Wii

Existen moitos personaxes que se poñen de moda na Internet, e esta semana emerxe un que promete arrasar. Trátase de Black Nerd (friki negro), quen pretende facernos rir máis que Steve Urkel, e creou un videoblog no que fai coñas cos Pitufos, Scooby Doo ou a Nintendo Wii:
A canción é unha parodia de Buy U a Drank de T-Pain e está a aparecer en moitos blogs porque é moi simpática, converténdose en todo un éxito instantáneo. No momento de escribir estas liñas aínda non superaba as 6.000 reproducións en YouTube, pero apostaría que mañá vai sumar centos de milleiros de reproducións. Eu escarállome coa risa cos «Nintendo-oh-oh-oh, a Super Paper Mario-oh-oh-oh». ¡Cómo se nota que non estou afeito a escoitar «ou-ou» en vídeos musicais nos que non saen tías cachondas bailando :P
Sen desmerecer este vídeo musical, coido que ten máis mérito a parodia que fai o Black Nerd doutros videoblogs:
¡A versión de Ask A Ninja é caralluda! Este André Meadows vai ter futuro coma comediante (¿tardará moito en chegar á televisión norteamericana?).

Domingo, 28 de Outubro de 2007

Manolo Bragado e os ricos de Melide

Manolo Bragado estivo este sábado en Melide, e sorprendeume destacando no seu blogue a singularidade dos ricos:

“A lúa dos Everglades”: presentación en Melide
ricosEsta mañá presentamos no concello de Melide A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Certame de narrativa Terra de Melide 2007. Quedei abraiado pola intervención de Socorro Cea, a alcadesa do BNG, que soubo contextualizar a presentación na tradición da edición de Terra de Melide o 7 de xuño de 1933 por parte dos membros do Seminario de Estudos Galegos e de Ánxel Casal (que xa ten rúa en Melide, dende o pasado mes de agosto), ademais de amosarse moi agarimeira co traballo da editorial. Grazas, moitas grazas.
Na súa intervención Marcos alternou a lectura de fragmentos [moi ben escollidos] da novela con algúns comentarios sobre eles. Quedei na libreta con estas notas das súas palabras:

  • “O tema da emigración, paradoxicamente, foi pouco tratado na literatura galega”.
  • “A novela abrolla no tempo e na distancia, que non se mide en espazos, senón, como sinala o poeta Xoán Neira, en sentimentos”.
  • “Os personaxes da novela percorren as rúas de Bos Aires, Madrid ou Miami, mais co seu espírito percorren os vieiros dun pasado inesquecible. [...] A droga máis dura que coñecen: a súa Terra”.
  • “Cada emigrante recende a pan e maila terra mollada”.
  • “Os Tamara son a melodía da distancia”.

Culminamos a presentación cun pouquiño de empanada e queixo, adozado con melindres e eses “Ricos” (únicos) de Melide, dos que trouxemos un par de bolsas para Vigo.

Paréceme caralludo que o Premio Terra de Melide puidese dar pé a unha reivindicación dos ricos, que agardo que fosen ben dixeridos en Vigo. Eu sempre fun máis defensor dos melindres, pero hai que recoñecer que o doce máis exclusivo de Melide son os ricos, e están en perigo de extinción (pero non deixedes de comelos por iso, ¿eh?).

Sábado, 27 de Outubro de 2007

Halloween en La Salita de Juegos

A noite dos mortos, o Halloween, a festa do Samaín ou coma lle queirades chamar se vai celebrar este ano no local de Txury:
Festa de Halloween en Lasalitadejuegos
Xa sabedes, no Campo de Artillería, nº 10, na esquina coa Rúa do Tren (Monte Alto). ¿Atreverédevos a ir?

Venres, 26 de Outubro de 2007

Outra de Queen

Despois de Innocence e o seu The Show Must Go On, que pór hoxe outra versión de Queen, esta de Forever Young nun videoclip protagonizado por pingas de auga. H2O Will Rock You:
A verdade é que iso das pingas de auga procreando non sei moi ben a conto de qué vén, pero o clip está tremendo. Incluso mola a voz infantil cantando un dos temas máis populares de Brian May (e os mesmos rapaces tamén se atreveron a versionar a AC/DC, as Bangles, Joan Jett, The Cure ou The Clash).

Galicia (documental de eblogTV)

O pasado día 14 Enrique Castro avisoume de que viña de publicar en eblogTV o seu documental Galicia e se me pasou completamente comentalo aquí, ata que o vín no blog de Manuel Cendán, quen dá moitos destalles sobre a reportaxe.
O proxecto inicial de Enrique era moito máis ambicioso, pois tiña unha listaxe de entrevistados moi ampla (35 que finalmente quedaron en 6), pero supoño que as moitas dificultades que tivo que afrontar nos pasados meses (a min me entrevistou a finais de 2006) non lle permitiron satistacer as súas arelas. De tódolos xeitos, podedes botar un ollo ó documental, no que se ve unha pequena mostra do que podería ser unha interesante visión de Galicia:

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Novas de Código Cero