Sábado, 15 de Setembro de 2007

Loita polos bicos

Non gusto moito das follas de afeitar de Wilkinson, pero dos seus anuncios… ¡a cousa é ben distinta! Vese que os publicistas saben o que se move na Internet, e lanzaron unha campaña impulsada por un trailer caralludo que leva a unha web na que se pode descargar o xogo Fight For Kisses (Loita polos bicos). Mira o trailer agora:
E xa sabes o que toca: descarga o xogo, instálao… ¡e a hostias! :P
Aínda que igual vos conformades con pór a seguinte imaxe de fondo do voso escritorio:
Fight for kisses wallpaper
NOTA: O xogo é malo con ganas, e seguro que tería máis éxito de poderse xogar na web (ou sexa, se estivese feito en Flash). Sobra dicir que está moito máis currado o xogo de Extreme Pamplona, pero neste caso o anuncio que leva ó xogo é glorioso (¡menudos momentos Matrix!).

Venres, 14 de Setembro de 2007

Ciberencontro melidense

Ciberencontro melidense
Melide deu moito que falar nos últimos meses neste blogue, en boa medida por mor das eleccións municipais, cando tomei consciencia do potencial melidense na Internet. Como comezamos a ser moitos, e polos alcumes é difícil recoñecer á xente, coido que é hora de que nos vexámolas caras, e que compartamos experiencias en persoa.
Así pois, quixera que os melidenses, que aínda sendo de interior navegamos pola web, nos xuntasemos unha noite de sábado para cear e falar das nosas cousas, principalmente para pórlle cara a eses caracteres que vemos na pantalla do ordenador, e para tamén estreitar ligazóns cos veciños.
Como vimos do San Caralampio, o bo era deixar algo de distancia, e coido que o sábado 29 sería un bo día para organizar o I Ciberencontro Melidense (¡ata parece algo serio!) ó que me gustaría que asistiran tódolos blogueiros da vila, así coma os que comentan nestes espazos ou mesmo os que só os len. Tamén quixera indicar que non gusto de discriminacións políticas, ou sexa, que quixera que ninguén se sentise marxinado por ser afín a un ou outro partido (incluso gustaría que na mesa houbese algo de discusión sobre o tema, que senón non haberá de qué falar).
Agora habería que fixar lugar e hora do encontro. Polo que agardo comentarios con propostas, para que despois se poida inscribir a xente e poidamos rematar setembro máis interactivos que nunca ;)

ACTUALIZACIÓN: En vista da resposta masiva a esta entrada no blog o bloguencontro melidense queda aprazado a que poidamos concretar algo antes no mundo real ;)

Xoves, 13 de Setembro de 2007

O herdeiro de Tojeiro

En Chuza! comentan a existencia dunha reportaxe de Jacobo Paz titulado De Putas, no que aparece un señor que quere ocupar o trono de José Tojeiro:
Non chega ó nivel daquel figura de Cariño, pero o Toniño de Vilaza de Monterrei (Ourense) aínda lle vai dando boas trazas… ¡e tazas! Porque de seguro que tomou algunhas antes da gravación do vídeo.
Para min o mellor da reportaxe é cando solta o de que «agora o diñeiro hai que coñecelo», ou sexa, que algún as pasa putas para ir de putas por culpa do euro :P

Disque Phil Collins é moi mono

Chica de la Tele amosa un anuncio de Cadbury que segundo din nalgúns sitios é o máis caro da historia, algo que me atrevería a rebater mesmo sen saber o que custou (¿quen inventaría esa chorrada?):
O vídeo está tremendísimo (pódese ver con máis calidade na súa propia páxina web), pero o máis abraiante do asunto é que o gorila non está feito por ordenador senón que é un fulano disfrazado (e os xestos faciais son animatrónicos). A campaña está funcionando tan ben que hai ducias de vídeos do gorila cambiando a canción que toca. Aquí podémolo ver interpretando Total Eclipse of the Heart:
A verdade é que outras versións que rulan por aí non están tan curradas en sincronización (como a dos Guns and Roses) aínda que me gustaría ver unha versión dalgún tema español ou galego para ver se o vídeo está a se converter nun fenómeno global ou non.

Ah, e o anuncio máis caro da historia coido que foi o seguinte:
¿Parécevos cutre? Pois Bill Gates tivo que pagar entre 8 e 14 millóns de dólares ós Rolling Stones para poder usar a canción Start Me Up na promoción de Windows 95, polo que dubido que alguén gastase máis cartos nun anuncio televisivo (a campaña promocional custou en total 300 millóns de dólares).
Ó volver a vista atrás e ver o que sae no vídeo hai que recoñecer que vendía unha imaxe moi moderna, pois aparecían portátiles e discos compactos, que daquela eran toda unha revolución. ¿Lembrades cando se puxo de moda a palabra CD-ROM? Vaia, en España o certo é que comezou chamándose popularmente CD-RUN por culpa dun anuncio televisivo (supoño que a confusión nacera da instrución run en BASIC). ¡O dano que fai a televisión ó vocabulario colectivo!

ACTUALIZACIÓN: Na web de Terra din que o anuncio do gorila custou 10 millóns de euros, algo que me resisto moito a crer porque se trata dun anuncio de chocolate… ¡¿Cantos cartos tería que dar o produto para que rendese tal investimento publicitario?!
Sobra dicir que anuncios coma o de Sony Bravia saen máis caros. Segundo parece hai xente que non sabe moi ben o que é o prezo dun anuncio e o que se gasta nunha campaña. Finalmente atopei que a campaña do gorila custou 6,2 millóns de libras, que non é o mesmo que dicir que custou iso gravar o anuncio.

Mércores, 12 de Setembro de 2007

Txikito de tinto que tumba

Aínda que a algúns non lles mole o anuncio de Atún Calvo os de Vaya Semanita paródiano para promocionar o seu programa:
¡Moito mellor que o orixinal! (refírome á canción de Chimo Bayo, claro)

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios