Mércores, 26 de Setembro de 2007

Te la vas a tener que tragar

te la vas a tener que tragar
Cando a Andrés Milleiro se lle dá por goear atopamos cancións coma o Te la vas a tener que tragar de Chufy:

Ver letra ▼

Aínda que me sorprende que Andrés pense que isto é reggaeton. ¿Non é cumbia ou algún estilo semellante?

Coido que a canción arrasou durante o verán, porque en YouTube atopei a xente cantándoa:

O Chufy parece ter máis cancións, pero coido que vai permanecer no esquecemento por non facer un vídeo musical da súa canción estrela. Unha sorte ou unha desgraza, según o punto de vista…

Marveliza o teu navegador de Internet

Spidey marvelizando o seu navegador
A xente da Marvel está a potenciar moito a súa web nos últimos meses, e agora publican unha solución para integrar no noso navegador web a posibilidade de buscar directamente na súa páxina. Chega con visitar a sección correspondente de Marvel.com e seguir unha sinxelas instruccións. Así, aparte de Google, a Wikipedia ou o dicionario da RAE, pódese acceder ó buscador do Universo Marvel de xeito moi doado e rápido… aínda que sexas un seguidor habitual do Universo DC (coma min).
A ver se os de DC Comics se poñen as pilas e fan unha web atractiva un ano destes :(

Martes, 25 de Setembro de 2007

O paspán do ano

Paspán do ano
Mentres ninguén demostre o contrario, o fulano que sae na fotografía é o paspán do ano. ¿Por qué o digo? Pois porque o figura entrou nas oficinas de WorkSpace e supostamente roubou un ordenador iMac, deses que teñen unha webcam integrada na pantalla, e non se lle ocorreu outra cousa que tirar unhas fotografías coa mesma, sen decatarse de que o equipo tiña asociada a aplicación fotográfica cunha conta de Flickr, polo que a imaxe apareceu na Internet, e dou por sentado que a estas horas debe de estar máis que localizado pola Policía de Vancouver.
Incluso foi rexistrado polas cámaras de seguridade da compañía, así que estariamos ante un dos peores ladróns da historia da humanidade. Supoño que nas vindeiras horas os propietarios poderán recuperar o seu ordenador (¿ou se gardará coma proba ata o xuízo?), pero igual o ladrón sae indemne alegando que é parvo redondo :P

SMatka: Wrong Time

Fagamos un experimento. Metamos nunha licuadora a Miguel Ángel Martín, Marilyn Manson, Tim Burton, o Dance Dance Revolution para Dreamcast (ou unha edición de We Love Katamari) e a Rob Zombie e, ¿qué sacamos? Pois ó vídeo Wrong Time da cantante SMatka:
Coido que o clip é indescriptible, cunha sucesión de frikadas e fetichismos que poderán pasar á historia dos excesos, onde non falta nin un fulano cunha máscara de Batman (?). A SMatka tampouco se corta en directo, e este vídeo, que subín a YouTube a primeiros do verán, xa chegou ás 2.696 reproducións sen telo publicado no blog, polo que supoño que a fulana esa debe de ter certa sona por Alemaña. ¿Alguén sabía quen era?

Luns, 24 de Setembro de 2007

A miña entrada favorita

Adrián de Bloqnum proponme seguir un meme no que hai que elixir a entrada favorita deste blogue, e a verdade é que resulta unha tarefa moi complicada, pois os criterios podería ser moi diversos. Así, o de me cagho nas estrellas foi un dos que tivo máis éxito en plan coña, mentres que un dos que me fixo máis ilusión no seu día foi o de que Hai un galego na Rede porque o tiña programado para que saíse automaticamente durante a miña intervención en Enredad@s, o que o converteu case nunha presentación en tempo real a través do blogue (botei unhas risas cando no medio da intervención Roberto Noguerol, Lage se puxo a mirar este espazo e veu que xa tiña a presentación publicada), pero se teño que elixir unha entrada significativa, coido que non habería dúbida: o meu prognóstico para as eleccións municipais en Melide.
¿Por qué? Pois pola súa influencia, pois achegou moitísima audiencia melidense, que xerou centos de comentarios a través de moitas entradas ata hoxe, creando un debate na Internet sobre a actualidade política de Melide, o que me pareceu moi positivo. Nun principio os blogueiros melidenses xa frecuentamos os nosos respectivos blogues, pero co gallo das eleccións moitas persoas que estaban afastadas do Blogomillo veron que na Rede se podía falar libremente destes temas, e desexo que só sexa o punto de saída de moitas outras iniciativas na Internet dende unha vila que ata o momento ten pouca presenza dixital.

Por suposto que tamén tería que destacar as entradas relativas ó programa de radio Zapping, pero ó non haber ningunha que sexa especialmente representativa supoño que ese predilección a deixarei para o mundo real ;)

Non sei se alguén máis se animará a seguir este meme, pois é bastante farragoso, xa que lembra á típica pregunta de: “¿A quen queres máis? ¿A papá ou a mamá?”.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios