Sábado, 8 de Setembro de 2007

Jericho e os ordenadores minoritarios

Esta semana rematou a primeira tempada da serie Jericho, da que gustei bastante, pero que foi un tanto maltratada na súa emisión (algo que lle pasa a outras series na mesma liña coma Desaparecida ou 24) e que, se hai sorte, terá unha segunda tempada que promete ser interesante. O que pasa é que eu non quero falar da trama nin dos actores, senón do product placement.
Cando en Médico de Familia viamos a Nachete estrear coche ou almorzar, as marcas estaban moi presentes, e se notaba moito que estaban a amosar a marca dos patrocinadores, pero como Jericho é unha serie máis friki parece lóxico que non anuncien leite Pascual, e eu boteille o ollo ós equipos informáticos que empregan os axentes segredos:
Sarah e Hawkins amosando os seus gadgets
Na imaxe podemos ver dous ordenadores de moi distinto tipo, que resultan sumamente simbólicos, xa que representan a un mercado moi marxinal. Así, na mesa Hawkins ten un portátil moi fardón que parece estar feito a proba de bombas:
Hawkins leva o seu Toughbook pechado
Iso de ver un portátil reforzado é algo normal nas zonas de guerra, e algúns tamén fliparían ó ver que o equipo sobreviviu ó pulso electromagnético do comeza da serie, pero o certo é que ese ordenador é un equipo comercial real. Resulta ser un Toughbook de Panasonic:
Toughbook abertoToughbook pechado
Os Toughbook son portátiles reforzados (fully-rugged) que aguantan golpes, temperaturas extremas e mesmo os pulsos electromagnéticos porque teñen unha aleación de magnesio que serve de illamento excelente (nas condicións nas que se usan estes equipos hai moitas outras cousas aparte dos P.E.M. que poden escarallar un ordenador). Ademais tamén teñen unha autonomía bastante boa (pasan das 7 horas de uso) e teñen as prestacións dun portátil convencional vendéndose a prezos non moi elevados para o reducida que é a súa comercialización (entre 2.000 e 3.000 euros aprox.).
Creo que os fabricantes tiñan que comezar a pensar en terminais semellantes, pero non para os campos de batalla, senón para o uso por parte de cativos, ou sexa, que non haxa dios que os rebente. Se a pantalla soportase un golpe accidental, puidese caerlle Coca-Cola sen fastidiarse (digo Coca-Cola e non auga porque os refrescos azucarados normalmente escarallan moitos compoñentes coma os teclados porque actúan case coma pegamento) e, por suposto, non se raiasen con só miralos.

Pero os Toughbook só son os primeiros equipos que se viron na serie, porque logo a ex-compañeira de Hawkins sorprendeume cun dispositivo que parecía un smartphone con teclado en plan HTC:
Sarah co OQO
Pero resultou que non se trataba dun equipo tan cativo e limitado, pois o teclado parecía bastante decente e a pantalla bastante grande e con boa resolución:
tecleando no OQO
E si, trátase dun equipo cunha pantalla de 5 polgadas a resolución WVGA (800 x 480 píxeles) do que non souben do modelo ata que se puido ver un detalle da súa pantalla:
Detalle do OQO
¡É un OQO! A miña sorpresa foi maiúscula. ¿Por qué? Pois porque OQO é unha empresa nacida no 2000 que prometeu facer un ordenador ultra-persoal, ou sexa, que quería comercializar un ordenador completo que se puidese meter no peto, o que parecía imposible.
O primeiro modelo de OQO foi presentado en varias feiras de informática en 2001, 2002 e 2003, aparecendo en varias revistas coma o vaporware do ano, dando a impresión de que nunca chegaría a desenvolverse, ata que no outono de 2004 saíu o primeiro modelo.
O modelo 01 e o seu sucesor 01+ (que apareceu a finais de 2005) foron toda unha revolución e consideráronse coma un soño feito realidade, xa que nun dispositivo tan pequeno incluían tódalas prestacións dun ordenador persoal de sobremesa. Permitía levar o ordenador no peto cun peso duns 400 gramos. Este ordenador non funciona con Windows Mobile ou Pocket PC senón que o seu sistema operativo é o Windows XP (soportando tamén a edición Tablet PC para o recoñecemento de escritura na pantalla) e a primeiros de ano presentaron a versión 02 que mellora as súas prestacións para soportar Windows Vista, o que deixa abraiado a calquera.
Curiosamente estes equipos teñen uns prezos moderados para o seu elitismo, custando o OQO 01+ pouco máis de 1.000 euros, e o OQO 02 máis de 1.600 euros (sobre dicir que por eBay andan a pouco máis da metade de prezo), mentres que algúns UMPC de semellantes prestacións custan máis de 2.000 euros (eses prezos resultan difíciles de crer). Velaquí as fotografías oficiais de ambos modelos:
OQO modelo 01+OQO modelo 02
Parece que ó final Sarah tiña un OQO modelo 01+ porque o modelo novo aínda non saíra ó mercado cando se gravou Jericho.

Coido que con estas aparicións na televisións os fabricantes queren dar a entender ó público que hai equipos de tamaño reducido que poden facer case o mesmo que un ordenador grande, coa vantaxe en portabilidade que achegan. Se queredes flipar un pouquiño co OQO, as súas prestacións e a solución intelixente que adoptaron para o seu uso no escritorio recoméndovos ver o seguinte vídeo:

Os UMPC son uns equipos demasiado sibaritas, coma o Samsung Q1 que podemos ver facilmente en tendas españolas, pois están aínda lonxe de dar todo o que prometen e, pola contra, véndense a uns prezos criminais, chegando a superar os 2.000 euros, pero iso é algo que vai cambiar en breve, pois Asustek prometeu lanzar a finais de mes o Asus Eee PC 701, que será un UMPC de baixo custo, prometendo modelos a prezos dende os 199 dólares, polo que eu supoño que ó final poderemos ver equipos de verdade a uns 249 ou 299 euros (especialmente se temos en conta que durante este verán Acer vendeu portátiles a 499 euros coma se fosen churros).
As pantallas dos Eee serán de entre 7 e 9 polgadas, polo que contarán cunhas dimensións o suficientemente grandes como para poder ler o texto das páxinas web e o suficientemente pequenas como para que sexan equipos realmente portátiles (pesarían uns 890 gramos e a súa batería podería chegar ás 5 horas de uso, aínda que os modelos máis baratos só chegarían ás 3 horas).
Asus Eee no campo
Coido que cun dispositivo así, que non custe moito e que se poida levar por aí, poderá cambiar o xeito de ver a informática como algo asociado a un escritorio. Sobra dicir que non están pensados coma ordenadores principais, senón secundarios, xa que non teñen disco duro (senón que contan cunha memoria de estado sólido de capacidades entre 2 e 16 Gb segundo o modelo) nin lector de CD/DVD (para un menor consumo e peso), pero por outra banda contan con Wi-Fi, USB, webcam, lector de tarxetas de memoria e, aínda que veñen cunha distribución de Linux instalada (para aforrar custos) son compatibles con Windows XP.
Con esta nova gama de equipos imos ver cómo a Internet vai ter un consumo moi variado nos vindeiros meses, pois sempre quedará o uso dende o ordenador, ó que se engadirán os UMPC e os dispositivos máis reducidos (coma o iPhone ou o iPod Touch). Todo iso vai cambiar os xeitos de ver a Internet, e tamén o xeito de contribuír á mesma, xa que sospeito que van medrar moito os microcontidos (pequenas informacións achegadas dende dispositivos móbiles, xa sexan comentarios, imaxes, son ou vídeo) e a cobertura informativa dos medios de comunicación de masas vaise ter que axilizar (os reporteiros non terán que agardar a voltar á redacción para escribir e publicar as súas crónicas).
O peor é que todo iso pode crear unha nova especie de blogueiros compulsivos :P

ACTUALIZACIÓN (10-9-2007): ¡Menuda coincidencia! Falo do OQO o ós 2 días baixan de prezo e melloran as súas prestacións. Agora o máis básico dos OQO 02 se vende a 1.299 dólares, o que seguro que agradecen os interesados en facerse co cacharro.

9 comentarios realizados

a gravatar

1. Sak escrito o 8 de Setembro de 2007 ás 20:44

Non sabes como me prestou esta entrada! Precisaba que alguén falara así sobre a nova moda dos miniportátiles (ou como queira que se chamen).

Dende que descubrín o proxecto OLPC sempre pensei que o uso comercial de dispositivos deste tipo tería que medrar si ou si, e agardo impaciente o novo Asus; como ben dis, sen dúbida ningunha revolucionará o xeito de entender (e programar) internet.

Un saudo e gracias!

a gravatar

2. Sak escrito o 8 de Setembro de 2007 ás 20:46

Ahh, e de Jericho dicir que con ese argumento poderían ter feito un guión moitísimo mellor.

a gravatar

3. Marcus escrito o 8 de Setembro de 2007 ás 21:10

Sak, sobre o argumento de Jericho, supoño que mentres non se continúe a historia (que promete ser todo un culebrón conspirativo) non se poderá xulgar completamente.
Eu coido que tiña que ter outro ritmo para rematar nunha única tempada, pois ó final momentos supostamente trascendentais quedan en simples anécdotas, pois case morre un personaxe importante cada 2 episodios (e así é difícil transmitir a sensación de perda).

Logo, o proxecto OLPC a min paréceme unha animalada conceptualmente (non me parece realista pensar que os nenos en países subdesenvolvidos poidan ter unha ferramenta educativa que custe máis que o xornal do seu pai durante todo o ano) pero cando menos fixo emerxer un mercado de sub-portátiles que pode ser moi atractivo.
A idea dun ordenador cativo para levar fóra da casa, ó salón ou á cama de seguro que vai ter boa acollida, pois os prezos poderían ser mesmo inferiores ós de dispositivos tipo iPhone e a súa potencialidade moito maior (os UMPC non só consumen da Internet senón que serven para contribuír á mesma).

Apostaría a que dentro dun tempo os internautas máis activos terán un bo ordenador na casa, un UMPC barateiro para levar por aí (en distintas partes da casa, nas vacacións, as fins de semana….) e un dispositivo tipo iPod Touch/iPhone no peto (para poder consultar cousas en calquera lugar). Ou sexa, que en vez dunha integración absoluta o que imos ter é unha chea de trebellos que los acheguen a Internet de distintos xeitos e para usos diversos. O ideal sería que os dous últimos produtos se fusionasen, pero iso vai ser complicado, pois combinar unha interface de entrada de datos decente cun chisme pequeno é un paradoxo.

a gravatar

4. Galiciandreamer escrito o 9 de Setembro de 2007 ás 16:13

¡Interesantísimo! Semellan os aparellos de Jack Bauer en 24.

Quen me dera un deses portátiles “reinforced”

a gravatar

5. Pacha escrito o 9 de Setembro de 2007 ás 18:13

Home, eses Portátiles sí que serían excelentes para todo kiski

Por certo, confirmame se é certo iso dun proxecto do sr. Negroponte de facer un portátil por menos de 100 dólares

porque se é certo, fixo que terá de SO o Linux

a gravatar

6. Marcus escrito o 9 de Setembro de 2007 ás 19:34

Pacha, o proxecto de Negroponte é unha trapallada. Os ordenadores teñen Linux pero son moooi cutres (256 Mb de RAM, 1 Gb de disco Flash e cunha resolución de pantalla que estiman que será de 693×520 píxeles), pensados para nenos de países subdesenvolvidos e a un prezo (para os Gobernos, non para os cidadáns) de preto de 200 dólares, ou sexa, que os Asus Eee (que mesmo funcionarán con XP) cagan por eles mil veces para un usuario con acceso á electricidade (é que os XO de Negroponte destaca por poder cargarse tirando dun cordel)
Nun principio falaban de que tales equipos custarían 100 dólares, pero para chegar a tal prezo precisan millóns de pedidos nos vindeiros anos, acadándose só en 2009 ou así. Vaia, que parece fume, xa que convencen á xente con premisas falsas.
A min ségueme a parecer unha burrada darlle a un neno un trebello que custa máis que a súa vida (temo que moitos terminais van rematar vendéndose ó primeiro mundo a través de mafias). Ademais, a fenda dixital non se pecha mediante equipamento informático, senón coa formación, e se pasa como en moitos colexios galegos nos que os alumnos saben máis que os profesores de ordenadores… mal vamos (¿de qué servirán ordenadores sen conexións á Rede nin docentes formados?).

a gravatar

7. Pacha escrito o 10 de Setembro de 2007 ás 12:34

Vamos, que eses ordenadores van acabar coma o xogo de ET: soterrados baixo terra polo penosos que son XDXDXD

Por certo…

¿ti sabes cando volverán eses dous tarados de Txuri e Antón?
de todos modos, impagable o blogue que abriron sobre bullas Zapping

a gravatar

8. Marcus escrito o 10 de Setembro de 2007 ás 12:59

Pacha, coido que volven a finais de mes, coma tódolos anos. En canto saiba o día concreto xa o poño por aquí.

a gravatar

9. marcus.es » La Jungla 4.0: móbiles para salvar o mundo escrito o 16 de Setembro de 2007 ás 21:06

[...] O outro día reflexionaba sobre a presenza de certo tipo de portátiles na serie de televisión Jericho e agora quixera facer o propio coa película La Jungla 4.0, que para os que non a viran vén a ser algo así coma se en 24 quitaran a Jack Bauer e puxeran ó seu pai, un Bruce Willis que non o fai nada nal. Nesta película os malos son piratas informáticos, ou sexa uns fulanos que piratean as redes norteamericanas que controlan as comunicacións, o tráfico e a enerxía, para pór ó país en xaque e poder así comerter un roubo multimillonario. Quitando a imposibilidade de tal atraco virtual, informaticamente hai que dicir que a película dá pena, pois pon en boca de supostos expertos na materia auténticas tolerías que só poderían saír da boca dun guionista que entende tanto de tecnoloxía coma da pesca do atún. De feito, parece que copian unha das tramas da película Corrupción en la Red (Antitrust), pois empregan a hackers de todo EE.UU. para cometer o crackeo a grande escala, valéndose dos mellores en cada caso, para despois matalos para non deixar rastro. O detalle é que encargan a McClane que vaia a buscar a un deses hackers antes de que o cepillen, de xeito que rematan facendo unha parella anti-terrorista. O dormitorio do rapaz parece un auténtico centro de operacións de calquera amante da tecnoloxía (trebellos a tutiplén) e o fulano demostrou está á última o amosar que o seu móbil era un Nokia N61: Tal teléfono ten 3G e Wi-Fi, pero máis que o móbil dun experto en informática parece o que tería un executivo (este terminal parece demasiado unha Blackberry), pero supoño que o teclado podería ter certo peso á hora de querer chatear ou escribir e-mails, polo que tería un pase. Se a película se gravase hoxe posiblemente estariamos a falar dun iPhone ou dun Nokia N95 con disco de 8 Gb, pero eses modelos non estaban no mercado cando se gravou a peli… Ademais, parece que os finlandeses de Nokia puxeron unha pasta gansa na película, pois os seus terminais se ven sempre en planos curtos que fan doado que se recoñezan os modelos (especialmente na pantalla do cine). [...]

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios