Xoves, 30 de Agosto de 2007

Sen inspiración non hai futuro: le libros

Na República Checa están a lanzar unha campaña de fomento á lectura na que amosan a personaxes de comics lendo libros. Dentro do universo Marvel colleron, como non podía ser doutro xeito, ó trepamuros:
Spider-Man lendo
Iso si, do Universo DC vese que Batman, Superman, Flash, Wonder Woman e Green Lantern estaban ocupados, e colleron a Halle Berry disfrazada de Catwoman:
Catwoman lendo
Estes anuncios non sei se serán moi efectivos para levar a xente a visitar BOOKS more & more e a ler, pero eu agradecería que os debuxos fosen de calidade (¿saberán os publicistas o pouco que cobran os debuxantes de comics de verdade por encargos dese tipo?).
Iso si, este tipo de campañas son moi difíciles de facelas ben, e a última que lembro era a da Bola de Cristal na que se amosaban parvadas para rematar dicindo: “si no quieres ser como ellos, lee“. Coido que dende esa campaña xa choveu bastante :(

O que algúns frikis podemos considerar algo despectivo que se amosen personaxes de cómic lendo libros coma se os comics non fosen tamén lectura. Ah, e xa postos, ¿por qué non usar a Spidey para fomentar a lectura da prensa?
Spidey lendo o Daily Bugle
Si, si, esas ideas son moi orixinais ;) ¡Está prohibido comparar as calidades dos debuxos!

Mércores, 29 de Agosto de 2007

Adaptándose ó iPhone

O iPhone podería converterse nun dispositivo moi atractivo para o acceso á web, pero amosa unha resolución de pantalla moi reducida, de xeito que a meirande parte das webs teñen un grande problema para verse no móbil: hai que facer desprazamentos horizontais para ler as liñas de texto. Por iso, é posible ver as webs en formato horizontal, pero iso non é suficiente sempre, e para solucionalo nos blogs con Wordpress existe un tema chamado iWPhone que funciona combinado cun engadido (plugin), de xeito que amosa a portada deste blogue así:
A portada desde blogue nun iPhone
Simpsonizado no iPhoneNon é un sistema moi atractivo, pero resulta moi práctico, xa que presenta a información básica para ver se un quere ler logo unha entrada particular do blogue. Así, poderiamos afirmar que este tema permite un uso máis óptimo dos blogs no iPhone, pero sacrifica a aparencia gráfica dos mesmos e a súa personalidade, polo que non creo que acade moito éxito.
Pero se algo positivo ten este tema é o engadido que fai que só se amose dende o iPhone, de xeito que poderiamos ter un tema específico para os nosos blogues no caso de que se visen dende pantallas pequenas. Vaia, que poderiamos ter unha versión dos mesmos conservando a estética, pero, por exemplo, omitindo os contidos das columnas suplementarias (con fluxos RSS doutras webs, un blogroll inmenso, acceso ó arquivo…) para que a súa carga sexa máis rápida e os contidos aproveiten mellor o pouco tamaño de presentación do iPhone (e dos móbiles semellantes que irán aparecendo nos vindeiros meses).

Intramuros.es no iPhoneAsí, a xeito de servizo público deuseme por comprobar cómo se verían algúns blogs e páxinas de amigos e coñecidos, para ver se precisarían de medidas urxentes de remodelación no caso de que os seus administradores e lectores fosen adictos ós trebellos de Apple, comezando por Intramuros, por aquilo de que foi o blog que dende o que partiu o meme da miña simpsonización.
Curiosamente en vertical se podía ver bastante ben a aparencia do blog, e en horizontal o texto case colle a tamaño completo. A verdade é que a resolución do iPhone (480 x 320 píxeles) é moi cutre, especialmente se a comparamos con dispositivos que tenden á resolución WVGA (800 x 480 píxeles) que si permitirían unha cómoda lectura, pero coñecendo esa limitación xa temos unha nova referencia de ancho para as columnas de texto para os máis fanáticos (480 píxeles), que curiosamente teñen blogs coma eCuaderno:eCuaderno no iPhone
E o mesmo lle pasa ó blogue de Modesto, que na súa enésima remodelación estética se ve bastante ben no iPhone:
O blogue de Modesto no iPhone
Imaxes no blogue de Modesto dende o iPhone

Aínda así, non é crucial que o ancho non supere os 480 píxeles, xa que cun pouco de zoom out o texto ainda é lexible, e mesmo co ancho completo hai moitas páxinas que se len correctamente, como as seguintes:
-Deakialli (tamén capturei o blog en vertical):
Deakialli no iPhone
-Microsiervos:
Microsiervos no iPhone
-Trebellos:
Trebellos no iPhone
-O blog de Andrés Milleiro:
Andrés Milleiro no iPhone
-E, evidentemente, Código Cero:
Código Cero no iPhone

Chuza en vertical no iPhonePero a experiencia non quedou ausente de sorpresas, e así, ó visitar Chuza en vertical, a web apareceu totalmente descomposta, o que me asustou. Nese momento pensei: “se pasa iso a Chuza, ¿cantas webs van ter que pensar en cambiar de imaxe por mor do iPhone?“.
Pero a cousa solucionouse de xeito doado con só xirar a pantalla. As entradas en Chuza se podían ler sen problemas, e mesmo funcionaban as funcións en AJAX (non as provei profundamente, pero sospeito que a meirande parte da web será operativa no iPhone, o que non masa en mooooitas páxinas, o que está forzando a servizos populares coma Facebook ou Bloglines a adaptarse rapidamente ó teléfono de Apple para non perder certo tipo de usuarios). Ou sexa, que apostaría que Bertiño vai estar contento cando merque o iPhone e vexa que non vai ter que adaptar Chuza para a súa consulta dende calquera lugar:
Chuza no iPhone

Pola contra, os medios xeralistas deberían mirar ben se lles paga a pena facer reformas, ou sexa, ter cousas semellantes ó engadido de Wordpress, e remitir ós usuarios de móbiles e PDA a versións diferentes das súas webs, xa que as portadas recargadas dan problemas, como podemos ver na web de La Voz:
La Voz no iPhone
O interior de La Voz no iPhone
Podemos ver que, aínda que a cabeceira se ve moi ben no iPhone, segundo imos baixando pola portada, a cantidade de contidos resulta moi confusa, e non é doado distinguir o que hai na mesma.

Se sumamos que o Flash aínda non funciona no iPhone, algunhas webs como a da TVG non funcionarían ben:
A web da Galega no iPhone
A parte do Xabarín Club está en Flash e, aínda que se ve na captura (tomada co iPhoney) non se vería nun iPhone de verdade (a Monchiño, pola contra, veríamolo sen problemas). O que tampouco funcionaría en absoluto é todo o relativo á televisión á carta ou en directo (que utiliza tecnoloxía de Microsoft) polo que, de ter moita difusión o iPhone, algunhas webs deberían reflexionar sobre as súas plataformas dixitais, aínda que hai que recoñecer que as webs que apostaron por Microsoft teñen a batalla medio gañada, xa que hai moitos terminais telefónicos con Windows Mobile (que si poderían acceder ós vídeos). Supoño que nalgún momento os de Apple pasarán polo aro de Adobe, e incluirán Flash no seu terminal, o que cambiaría bastante o panorama, pois o Flash nos móbiles achegaría moitos contidos de vídeo e mesmo xogos (como xa pasa coa Wii).

Para ser un defensor do Nokia N800 e o Toshiba Portégé G900 estou a dedicarlle moita atención ó iPhone, ¿non?

¡Tocádeme a gaita!

Un tal Papigil recomendoume pasar pola súa canle en YouTube, e sorprendeume ver tantos contidos dedicados á gaita galega. Aparte de que ten uns 18 vídeos en YouTube, eu destacaría as súas listaxes de reprodución, pois recompila nas mesmas moita información sobre a gaita como a seguinte:

Ou tamén:

¡Canta xente tocándome a gaita!

Martes, 28 de Agosto de 2007

Simpsonizándome

Hoxe, como David vén de reestrear blog (cambiou de hospedaxe web, o que lle permitirá máis flexibilidade) aproveito a ocasión para responder con certo retraso a un meme que lanzou publicando unha fotografía tomada na miña última visita á vila norteamericana de Springfield:
Marcus Fernandez Simpson en Springfield

Luns, 27 de Agosto de 2007

Wi-Fi en Samil

Durante todo o mes de agosto está a funcionar na praia de Samil unha rede Wi-Fi a xeito de experiencia piloto para ver se para o verán que vén montan cousas semellantes noutros areais galegos, pero os da TVG parece que non se decataron ata o pasado sábado, cando lle dedicaron unha reportaxe á iniciativa en A Revista:
¡Qué naturais saían as preguntas que facían os veraneantes! :P

Non entendo a santo de qué vén falar agora, cando xa remata o verán, deste tema na televisión. ¿Para qué o fan? ¿Para que toda a xente que podía ter tirado proveito do Wi-Fi se poña de mala hostia porque ninguén os informara do servizo de balde?
Co que tamén flipei é coas cifras de uso da rede Wi-Fi, pois a semana pasada sostiñan que aínda que nun principio rexistraran picos de conexión de ata 20 diarias, finalmente a media quedaba en 2 conexións/día e na reportaxe de TVG parece que esaxeran bastante ó falar de 50 conexións diarias durante a fin de semana, principalmente porque o servizo só funciona dende dispositivos Wi-Fi con navegador web, en contra do que anunciaban (pois falaban de que calquera trebello con Wi-Fi podería aproveitar a conexión, o que é falso en vista do sistema de autentificación empregado). O normal sería que puxeran unha rede aberta, para que a xente se conectase sen problemas, e puidera acceder coas consolas de videoxogos portátiles (por exemplo) que son uns chismes moito máis cómodos de levar á praia ca un portátil.
De feito, ¿quen é o tolo que leva o portátil á praia? Supoño que alguén que non lle ten moito cariño, pois a area non lle vai sentar moi ben. No futuro o servizo podería ter máis éxito grazas á proliferación da conectividade Wi-Fi nos móbiles, así coma un predicible boom dos UMPC (do que falarei outro día), pero polo momento me parece unha iniciativa moi chorra. De experimentar con servizos Wi-Fi era moito mellor que conectasen un merendeiro, un parque ou cousas polo estilo… vaia, que ten máis sentido usar o Wi-Fi na terraza dunha cafetería que no medio dunha praia. Sen ir mais lonxe, na praia fluvial de Furelos un Wi-Fi tería máis sentido que nunha praia de verdade :o

Para rematar non podo deixar de comentar que sen pasar por Samil podo asegurar que os datos de cobertura que solta o de Retegal son unha trapallada, pois se basea nas coberturas máximas de manual (300 metros en exteriores) en vez de nun caso real. Así, o home entende que no mar non hai interferencias e, polo tanto, o Wi-Fi acada a máxima cobertura, pero esquece que a agua non está coma un prato, e o movemento das ondas afecta os sinais (rebotes a tutiplén). Calquera que sexa realista está caladiño ó dar datos de cobertura ou é algo diplomático (en tódalas presentacións profesionais sobre o tema ás que asistín primou a moderación nesta materia), pois co Wi-Fi tanto podes ter conexión a cen metros como non tela a 15, según como lle cadre. Afectan tantos factores que para responder a tal cuestión habería que facer unha proba de campo (ou sexa, medir o sinal por todo o contorno). Pero non me toca a min explicar estas cousas, para iso é mellor visitar calquera das completísimas webs sobre Wi-Fi que hai na Rede.

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios