Venres, 31 de Agosto de 2007

Buh, neno, ¡xa hai CoruBlogs!

CoruBlogs - Bloggers en Coruña
Uns cantos blogueiros coruñeses levan tempo argallando un punto de encontro para os blogs da cidade, e tras moitas voltas inician un agregador de blogs turcos que responde o nome de CoruBlogs (que estivo a piques de chamarse Cascarilleiros).
Poderiamos dicir que este lanzamento coincide co Blog Day 2007 (coido que hoxe e a data oficial da estrea) e Nacho de la Fuente comenta que xa hai uns 30 blogs listados. Cando o número medre un pouco máis a cousa vai ser un desfase, pero polo momento o sistema nos permitirá saber que hai un lugar de referencia para os blogs coruñeses, unha web que moitos non dubidarán en chamar kel ;)

Blog Day 2007

Blog Day 2007Outro ano máis hai que celebrar o Blog Day recomendando 5 blogs alleos e non relacionados, ou sexa, espazos que non pertenzan ó blogroll nin a usuarios habituais, para promover a blogosfera e evitar a endogamia. Iso fai así que a tarefa sexa complicada e que as recomendacións non sexan todo o boas que deberían, pero eu lánzome a recomendar 5 cadernos dixitais:
-Carallo World: é un espazo para a carallada, que coincide en moitos contidos co meu blogue, pero que se gañou a miña recomendación só pola publicación da seguinte tira:
patacas galegas por ebay
-O Blog de Paula García: non debería recomendar este blogue porque xa falei do mesmo cando saíu na Galega, pero a información canina das últimas semanas valéronlle a miña atención. Velaquí unha mostra dos cadeliños:
Paula cos cadelos
Porcographic-Monkeyzen: Blog moi preocupado polo deseño, que conta cunha boa sección sobre orixinais camisolas como as de Porcographic ou a de Nerdy Shirts inspirada en Street Fighter II
-Smashing Magazine: blog en inglés no que amosan elementos do deseño gráficos dignos de mención. Amosan así recompilacións de iconas, seleccións de blogs con bo deseño ou amosan páxinas web de erro (404) moi orixinais. Alí atopei a seguinte imaxe de Neil Duerden (menuda paciencia teñen que ter algúns deseñadores):
Imaxe de Neil Duerden
-Testosterona: debe de ser un dos blogs cun nome que mellor indica a súa temática, pois destaca por empregar calquera desculpa para por imaxes de mozas cachondísimas, pero de cando en vez nos sorprende con imaxes como a seguinte:
Orxía en directo
¿A que parecen fotografías tomas durante unha orxía sexual? Pois non é o que parece.

E ata aquí o Blog Day 2007. Agardo que as miñas recomendacións fosen do voso agrado, aínda que procurarei recomendar moitas máis webs durante o ano (iso de agardar ó 31 de agosto para ligar a outros espazos só o fan os blogueiros preguiceiros).

“¿Ti tamén, Nokia?” - Apple dixit

Estes días os de Nokia están metendo moita caña, pois anunciaron o Nokia N81 (que aparte de ser un excelente reprodutor multimedia, tamén é cómodo para xogar… ¡e ten un vídeo musical que é toda unha risa!), un Nokia N95 con 8 Gb de disco e unha tenda de música virtual en plan iTunes, ou sexa, que están intentando aproveitar a súa posición no mercado do móbil para competir con Apple; pero cando vemos o vídeo de presentación das novas interfaces que están a preparar para 2008 podemos pensar moi mal:
O segundo móbil é un calco descaradísimo do iPhone, e podería ser unha realidade de confirmárense os rumores de que un grande fabricante encargou entre 6 e 8 millóns de pantallas como as do iPhone, pero eu coido que a primeira interface é moito mellor. Un móbil navegable mediante un círculo táctil (lembremos os iPod) será máis práctico (para un uso xeral) que unha pantalla táctil, pois evita encher de merda a pantalla (¡que noxo dan algúns smartphones que teñen de exposición na FNAC!) e permite ver a mesma mentras se emprega (os dedos non son transparentes).
Non entendo por qué nos blogs só están a saír os 20 últimos segundos do vídeo, nos que só se ve o clon do iPhone (e que nun primeiro momento pensei que era un fake), porque o outro móbil é moito máis interesante, e podería indicar mellor o que está a buscar Nokia, principalmente porque é unha interface que podería empregar incluso nos terminais relativamente baratos, e non só nos modelos multimedia con Wi-Fi, HDSPA e todas esas gaitas que non usan a meirande parte dos usuarios.
Revolucionar as interfaces de usuario é algo preciso, pero non deixo de pensar que incluso esta nova interface está demasiado inspirada na do iPhone.

Xoves, 30 de Agosto de 2007

The Simpsons Star Wars

Ía deixar o vídeo dunha homenaxe conxunta ós Simpson e a Star Wars para outro día, pero en vista de que está a saír na metade dos blogs que coñezo (aínda que o primeiro no que o vin foi en Freak’s City) póñoo xa, para que non saiba logo a reseso:

O meu uso de Gmail

En Abadía Digital atopo un meme que considero interesante, pois pregunta polo uso que se fai de Gmail, xa que ó tratarse dunha conta de correo case ilimitada, ten predisposición a encherse de lixo.
Neste momento o meu uso é do 46%:
uso de Gmail
Recoñezo que supero moitas veces o 50%, pero baleirando a papeleira e eliminando os contidos do cartafol para o spam manteño a capacidade a raia.

Non levo moito tempo usando Gmail de xeito intensivo pois, aínda que tiña a conta de correo dende 2004, paralelamente empregaba outras contas alternativas, pero agora veño máis práctico centralizar as contas en Gmail, pois así evito ocupar xigas de disco en varios ordenadores. Ademais, buscar correos vellos en Gmail é máis rápido que, por exemplo, no propio ordenador empregando Outlook Express ou Thunderbird, polo que agardo que non falle moito o servizo de correo electrónico de Google.

Supoño que a meirande parte da xente ten poucas mensaxes no correo, pois non fan un uso profesional do mesmo, aínda que tamén sospeito que algúns teñen a caixa do correo petada de vídeos e presentacións de PowerPoint (é o que pasa cando non borras o que mandan os colegas en plan coña), pero supoño que esta última tendencia estará en perigo de extinción grazas a YouTube, Slideshare e servizos semellantes.

Veña, botade a lingua a pacer. ¿Qué uso do Gmail (ou o correo que usedes) facedes?

Entradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Últimos comentarios