Mércores, 25 de Xullo de 2007

Videogames Live na Campus Party

Eu non son moi partidario das parties informáticas (non lle vexo sentido agora que hai banda larga nas casas) pero a Campus Party deste ano se sae do mapa aínda que só sexa pola actuación da orquestra Videogames Live:

Hai máis clips de vídeo en Blip.tv con outros temas da orquestra e outras frikadas da feira informática. Ah, e o de feira entendédeo no senso máis enxebre posible ;)

¿Involución do baile?

Despois de que o vídeo da evolución do baile se convertese no máis visto en YouTube, a avoa da web (por sorte non se trata da nosa querida María Amelia) fai a súa achega amosando cómo son moitos dos bailes populares nas últimas décadas:
Só por ver a versión de Thriller xa paga a pena :P

Martes, 24 de Xullo de 2007

O muñeco en Galicia Hoxe

O carismático muñeco dos informativos de Correo TV aparece en Galicia Hoxe co gallo da presentación do seu último libro o vindeiro xoves no Club Internacional de Prensa (que vén de estrear web e blog temático).
A entrevista é moi interesante:

Un percorrido polo Xallas

  • Lois Oreiro presentará este xoves o seu libro, un estudo sobre o abandono que sofren algunhas partes do país e que serve para denunciar os prexuízos que aínda perviven

Lois Oreiro, autor da obra na ponte Brandomil, sobre o río XallasO río Xallas serve aquí como o roteiro dunha viaxe que percorre a idiosincrasia dun territorio, coas súas virtudes e os seus defectos, cos seus problemas, cos seus medos, coa súa historia e a súa cultura. ­Lois Oreiro foi o encargado de facer esa viaxe adentrándose na comarca do Xallas para mostrar a través do seu libro unha realidade que non é moi diferente á de outros concellos galegos que tamén sufriron o drama da emigración.
Xallas. Teoría da existencia é o resultado desa viaxe por unha parte da Galicia rural interior que será será presentado este xoves no Club Internacional de Prensa, coa presenza do autor, Lois Oreiro, Manuel González, secretario da Real Academia Galega e Amancio Liñares Giraut, director da editorial 3C3.
Este non é, segundo afirma o ­autor, un libro comercial, senón que “está feito para a xente que non le”. Oreiro define a súa obra como unha “hidrografía comentada” un percorrido dende o nacemento ata a desembocadura do Xallas para “pór en valor o material etnográfico” que posúe o territorio bañado polas súas augas. É, sobre todo, unha forma de que os habitantes da zona se coñezan a si mesmos, porque “é preciso entenderse para entender os outros”.
O autor confesa que a idea xorde cando volve de Madrid para continuar en Galicia coa súa profesión de xornalista. Daquela pensaba que certos prexuízos que dominaban na sociedade galega xa non existían, pero ao seu regreso topouse cunha realidade ben diferente á que imaxinaba.
O desprestixio do idioma, por exemplo, non só non se desterraba, senón que parecía agromar con máis forza. En referencia a esta situación do galego, Oreiro di que “é un fracaso colectivo que as falas dos avós non as entendan os netos, un fracaso de grupo e un fracaso familiar.”
O ensaio de Oreiro entrecruza dúas formas de ollar, a xornalística e a literaria para presentar dun xeito moi ameno temas de moi diversa índole: esa situación de diglosia que aínda sofre a nosa lingua, o conflito campo-cidade, a historia dos territorios regados polo Xallas, a súa arqueloxía, os seus recursos económicos, as tradicións, os mitos…
Xallas. Teoría da existencia é ­unha denuncia da situación que atravesa a comarca do Xallas que, como enfatizou o seu autor, “é un sinónimo de Galicia”. A obra é, ademais, unha “crítica ao discurso intelectual e político” porque o “desprestixio, non só do idioma, senón de todo o que nos é propio mantense aínda con máis forza”. Por tanto, “hai que reformularse as cousas, analizar se realmente se fixo todo ben”.
Lois Oreiro afirma que era necesario achegarlle esa realidade á xente, sobre todo aos habitantes do rural. Non obstante, era moi difícil que as elites culturais e “os rústicos” conectasen, por tanto, como xornalista acostumado a escribir para todo o mundo, correspondíalle a el vehicular ese discurso a través dun “traballo de campo moi custoso”, en termos temporais e económicos, “con moitas entrevistas” coas xentes do Xallas para chegar a ese coñecemento profundo da comarca que despois plasmou no seu libro.
Preguntado polo futuro, Lois Oreiro declara que continuará co seu labor de xornalista e que no ano próximo publicará un libro de poesía, un xénero que cualifica como a “literatura en estado puro”.

A CERNA: Radiografía dun curso saturado

Unha das cuestións que máis preocupan ao autor deste ensaio é a sobreexplotación á que está sometida o río. Tras a concesión por parte da Xunta de Galicia da nova minicentral de Novo Castrelo e tres aproveitamentos hidroeléctricos máis, o Xallas suma oito centrais e catro encoros nun treito de nove quilómetros.
Lois Oreiro percorre e presenta a un río “infestado de encoros e parques eólicos”. Este aspecto, di, “é unha mostra máis do desprezo polo que é noso e, por tanto, por nós mesmos”; un desprezo que, á súa vez, “xustifica o descoñecemento”. Denuncia así a clase política que “emprega o discurso que convén en cada momento”, pero despois todo continúa como estaba sen que ninguén diga nada.

Agora eu quedo coa incógnita de se en Correo TV entrevistarán tamén a Lois sobre o tema, o que resultaría un pouco raro, xa que entre compañeiros é difícil facer ese tipo de cousas.

Sobre a presentación do libro, eu procurarei ir (incluso é posible que operen ó meu irmán ese día, así que matería 2 paxaros dun tiro), e supoño que será un acto interesante e ameno, en boa medida porque aparte de Lois tamén falará Manuel González (secretario da RAG e presidente da Asociación PuntoGal).

¡Supergirl!

Acaban de publicar na Rede a imaxe oficial de quen será a rapaza que fará de Kara (Supergirl) na vindeira tempada de Smallville, como medida desesperada para manter a atención na serie:
Laura Vandervoort
Adrienne PalickiNon dubido que Laura Vandervoort estea ben, pero a incorporación do personaxe hoxe en día paréceme unha trapallada, pois no último episodio da terceira tempada (lembremos que agora chega a sétima) xa aparecía unha rapaza á que Jor-El lle lavara o cerebro para que pensara ser Kara. Ademais, Adrienne Palicki paréceme unha actriz moito máis axeitada para facer de curmán de Kal-El.
A min a aparición de Kara lémbrame demasiado á de Lois Lane, pois Chloe comentaba que nun episodio que era o nome da súa curmá e o empregaba coma pseudónimo para publicar un artigo no Planet, o que case descartaba a Lois coma personaxe real na serie… pero logo apareceu. O mesmo parece pasarlle a Supergirl, que estaba descartado dende hai 4 anos e agora resulta que o retoman, aínda que nun momento no que a serie xa perdeu todo o seu pulo inicial pois dende o comezo agardaban que durase entre 4 e 5 tempadas e xa vai pola sétima. A ver se agora a saben rematar ben (os rumores apuntan a que remataría na 8ª), que iso sempre é mellor que unha cancelación.

¡Iso si que é traballar a lingua! (e non me refiro ó galego)

Dende Fleshbot queren deixar clariño que a lingua non é o músculo máis forte do corpo (como aparece escrito en moitos textos) pois en realidade se trata de 16 músculos traballando en conxunto, aínda que hai quen os controla por separado como se pode ver no seguinte vídeo:
[flv:http://13gb.com/media/video/b9600c66c78629159ef792dea1973ac7/awesometongue.flv 480 360]
Quitando posibles lecturas sexuais do vídeo, hai que admitir que resulta abraiante ver ese control da lingua que ten a moza. De seguro que esa habilidade capta máis atención que a das persoas que moven as orellas :P

« Entradas máis novasEntradas máis vellas »

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios