Luns, 23 de Xullo de 2007

El Jueves

Non tiña pensado falar do tema, porque estaba a saír en todas partes, pero agora xa non podo evitalo. O pasado venres a web de El Jueves amosaba esta imaxe:
Web de El Jueves
Pero o que me pareceu gravísimo foi que o sábado e o domingo a páxina estaba inaccesible, ou sexa, que algún espabilado pechou a web como unha medida de bloqueo totalmente desmedida. Parece que ó final entraron en razón e o único que quitaron da web foi a imaxe da portada da revista (o que resulta máis razoable).
Agora ben, hai que recoñecer que iso do secuestro, aparte de ser unha medida absurda e ridícula, que non impide a difusión da mesma porque xa non estamos no réxime de Franco (non sei de ningunha librería galega na que secuestraran os exemplares da revista, ou sexa, que os panolis que pagan en eBay máis do prezo de portada pola revista deberían pensar mellor onde meten os cartos), non ten aplicación na Internet, e conceptos coma os moldes da revista hoxe non teñen sentidiño ningún, como ben amosou Armando Salas na súa tira editorial publicada en varios xornais galegos:
o molde de El Jueves por Armando Salas
O certo é que de existir os moldes farían ben en requisalos pois a min deume a impresión de que, lonxe do secuestro da edición, El Jueves debeu de sacar unha 2ª tiraxe, pois a revista estaba por todas partes, e o pasado sábado no quiosco do CHUS de Compostela tiñan unha pila de exemplares xunto a caixa rexistradora, ou sexa, que lle estaban a dar un tratamento semellante ó da edición do Barbanza de La Voz de Galicia… ¡manda truco!

Iso si, agora El Jueves volveu a ser unha revista coñecida, e con polémicas coma esta acada sona internacional (mesmo falou do asunto Daryl Cagle no seu blog, de xeito que o lerían a meirande parte dos humoristas gráficos da prensa norteamericana) e poderá resucitar as vendas e a captación de publicidade para non rematar coma El Víbora.

Podemos falar de polémica, de liberdade de expresión, de actuacións xudiciais excesivas… pero algo que non hai que esquecer é que ninguén falaba da portada de El Jueves ata que saíu o xoves ó serán en Aquí hay tomate, o que deixa en evidencia que é totalmente desproporcionado que se poida secuestrar unha edición dunha revista mentres que na televisión poden facer o que lles dea a gana. ¿Por qué o mundo da prensa do corazón que non para de publicar calumnias, imaxes roubadas, fotografías de menores… é intocable?

Non me parece ben que se actúe como se está a facer contra El Jueves, e o suposto mal gusto da ilustración (que para min non é tal) non deixa de ser un mal argumento por parte de moitos persoeiros públicos e tertulianos que cando lles preguntan sobre o tema responden con evasivas. A situación lémbrame moito a cando meteron preso a Ivá polo chiste do río máis longo de España (que para quen non o lembre, era o “Guadiasiví, pojque nase en Andalusía y va a morí al Paí Vajco“) e así solidarízome con manifestacións públicas como a que fai Jesús Martínez del Vas con tira que publica hoxe:
JMV e El Jueves
A miña reflexión final sería: se non estivesemos no verán, coido que esta nova non tería a repercusión que está a ter, e ocuparía só as páxinas interiores duns poucos xornais :(

ACTUALIZACIÓN: A rectificación de El Jueves ten o seu aquel:
Portada rectificada

13 comentarios realizados

a gravatar

1. el podcastero enmascarado escrito o 23 de Xullo de 2007 ás 20:29

Dato curioso:

Malia que nas noticias falan de requisar “os moldes” das fábricas de Madrid e Barcelona. Esta revista (e muitas mais), imprímense na Coruña.

a gravatar

2. Marcus escrito o 23 de Xullo de 2007 ás 20:58

Podcastero, o que pasa é que agora xa non existen os moldes. As rotativas son dixitais en moitos casos, de xeito que unha revista se pode imprimir en varios lugares á vez para facilitar a súa distribución, aínda que iso é algo moito máis normal nos xornais (así, El Mundo para Galicia imprímese na rotativa de El Correo Gallego, por pór un exemplo).

a gravatar

3. elianinha escrito o 24 de Xullo de 2007 ás 10:34

Pois por Vite si que pasou a Polícia requisando os números. Moi divertido.

a gravatar

4. Marcus escrito o 24 de Xullo de 2007 ás 13:53

Elianinha, pois sorpréndeme sabelo. Será que alguén da comisaría cercana tomou en serio o asunto (supoño que quedaría algún funcionario da Vella Garda).
Hoxe en día a Policía Nacional ten mellores cousas que facer. O que non sei é quen pagará os exemplares requisados.

a gravatar

5. Nemigo escrito o 24 de Xullo de 2007 ás 21:03

pois eu veño de mirar e preguntar en varios sitios e por nengures atopo exemplares dela. Foi dicir que estaba requisada pra que se vendesen todos, iso din no quiosco
El jueves publícase tamen en As Pontes

a gravatar

6. Marcus escrito o 24 de Xullo de 2007 ás 21:14

Nemigo, é normal que non atopes a revista hoxe (o novo número sae mañá) pero o sábado aínda había exemplares en moitos sitios. Está claro que tanto a aparición no Tomate como a nova do secuestro dispararon as vendas todo o posible, que tampouco é moito porque a revista non ten unha tiraxe elevada (baixou moito nas súas vendas nos últimos anos e agora anda polos 80.000 exemplares, en boa media porque non atopan o xeito de achegar novos lectores).

a gravatar

7. roberto escrito o 25 de Xullo de 2007 ás 6:09

Segun uno de los primeros articulos de la constitución.Todos los españoles somos iguales ante la ley.
La familia real tambien.

a gravatar

8. Marcus escrito o 25 de Xullo de 2007 ás 11:12

Roberto, iso non é totalmente correcto. É a propia Constitución a que otorga poderes especiais ó Rei. De feito, o secuestro da revista non é por unha falta, senon por un delito, xa que as inxurias á Coroa son consideradas así (¡manda carallo!).
Habería que cambiar a lei para que non pasara tal, pero coido que prefiren non tocar cousas mentres esteamos nunha monarquía parlamentaria.

O anterior caso que lembro de inxurias ó rei foi o de Roboreal.com, pois unha familia (herdeira do Duque de Hernani) acusaba a Coroa de roubarlle unha colección de arte mediante falsificación documental (para o que amosaban moitas probas publicadas na web) pero, segundo parece, fóiselle a lingua no xuízo e tivo que pagar máis de 2 mil euros. Coido que de pagar unha multa a secuestrar unha revista hai moita distancia.
Iso si, daba a impresión de que os condenados tiñan a razón, pero hai que lembrar que a Coroa ten inmunidade absoluta.
Se queredes máis detalles sobre o suposto roubo, visitade unha web que queda sobre o asunto e sacade as vosas propias conclusión. O que está claro é que ir a xuízo contra unha persoa con inmunidade é unha tolemia, pois levas as de perder.

Supoño que é doado adiviñar o que penso sobre o tema, pois nunca entendín por qué en España tiñamos un rei designado por Franco en vez dunha III República.

a gravatar

9. roberto escrito o 28 de Xullo de 2007 ás 6:12

Todo meu apoyo,alJueves,e inaqui Anasagasti.E.U.,mais E.R.C.,noxentos.O Bloque non se pronuncia,voltarei asteñerme.

a gravatar

10. roberto escrito o 28 de Xullo de 2007 ás 6:16

O P.S.O.E.,goberna no estado español,co apoio de todos os partidos,elexidos democraticamente.Menos os PPerdedores,de Mari-ano.Que non o esqueza,facer de unha viñeta un asunto de Estado,coido que moi forte.

a gravatar

11. roberto escrito o 28 de Xullo de 2007 ás 6:19

Eu ciodo,que o que aforrariamos,sin realeza,sin o que lle pagamos o Vaticano.Estariamos no G-7,de primeiriños.

a gravatar

12. marcus.es » O boletín do PP de Melide escrito o 21 de Agosto de 2007 ás 14:07

[...] De tódolos xeitos, finalmente a xente non analizou en profundidade os contidos do boletín, senón que quedou coa páxina 11, na que se fan un par de malas caricaturas realizadas mediante un burdo recorte fotográfico no que rin do bipartito e dunha concelleira do BNG. Algunhas persoas amósanse ofendidas coas ilustracións, pero eu coido que estas cousas hai que saber levalas ben, pois non deixan de ser humor (moi lonxe, por exemplo, do caso de El Jueves), aínda que se agradecería que se molestasen en debuxar en vez de facer unha motaxe tan cutre. O texto de apoio tampouco concreta o suficiente como para que todo dios saiba quen son os tres señoritos dos que están a falar. O que si se podería botar en cara é que estes textos satíricos estean sen asinar, coma o resto dos contidos do boletín agás a última páxina (unha carta de agradecemento de Ángeles Vázquez). [...]

a gravatar

13. marcus.es » Belén Esteban promociona a revista El Jueves escrito o 6 de Xullo de 2011 ás 15:06

[...] da campaña publicitaria que a Casa Real fixo a El Jueves denunciando unha das súas portadas e levando…, chega agora Belén Esteban e denuncia á publicación satírica por unha das portadas alternativas [...]

Facer un comentario

Etiquetas (tags) permitidas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Observación: Os comentarios poderían non aparecer automaticamente, pois nalgunhas ocasións precisan de moderación por parte do administrador deste blogue.

Ligazóns

Ligazóns

Podcasts

Alianzo Rank de GalegoAlianzo Rank de Galicia

Últimos comentarios